Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 05 de setembro de 2002 Páx. 13.275

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de agosto de 2002 pola que se nomean funcionarios en prácticas do corpo de mestres os opositores seleccionados no procedemento selectivo convocado pola Orde do 6 de marzo de 2002 (Diario Oficial de Galicia do 18 de marzo) para ocuparen vacantes dotadas orzamentariamente.

Pola Orde do 6 de marzo de 2002 (DOG do 18 de marzo) convocouse procedemento selectivo de acceso ó corpo de mestres, en expectativa de ingreso na Comunidade Autónoma de Galicia.

Sen prexuízo do establecido nos puntos 55 e 58 da Orde do 6 de marzo (DOG do 18 de marzo), tendo en conta as necesidades do servicio, segundo o preceptuado no punto 59, e de conformidade co disposto no punto 60 da citada orde, os aspirantes que resultaron seleccionados deben realizar un período de prácticas, que formará parte do proceso selectivo e terá por obxecto a valoración da súa aptitude para a docencia.

Existindo vacantes dotadas orzamentariamente, cómpre nomear funcionarios en prácticas os opositores que foron destinados a aquelas.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Nomear funcionarios en prácticas do corpo de mestres os aspirantes que se relacionan no anexo I da Orde do 20 de agosto de 2002, pola que se fai pública a lista dos opositores seleccionados no proceso selectivo convocado pola Orde do 6 de marzo de 2002 (DOG do 18 de marzo) para ingreso no corpo de mestres.

Segundo.-O nomeamento como funcionario en prácticas producirá efectos económicos e administrativos desde a súa toma de posesión.

Terceiro.-O réxime retributivo dos funcionarios en prácticas será o establecido no Real decreto 456/1986, do 10 de febreiro (BOE do 6 de marzo), polo que se fixan as retribucións dos funcionarios en prácticas.

Cuarto.-Os funcionarios en prácticas que xa estean prestando servicios remunerados na Administración como funcionarios de carreira ou interinos, contratados administrativos ou persoal laboral, sen prexuízo da situación administrativa ou laboral que de acordo coa normativa vixente lles corresponda, deberán formular opción para a percepción das remuneracións mentres persista a súa condición de funcionario en prácticas, de conformidade co disposto no Real decreto 456/1986, do 10 de febreiro (BOE do 6 de marzo).

Quinto.-A Dirección Xeral de Persoal adoptará tódalas medidas necesarias e dictará as instruccións que coide oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria