Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Mércores, 04 de setembro de 2002 Páx. 13.221

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario ó servicio do Concello de Cambre.

Visto o texto do acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario ó servicio do Concello de Cambre, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 18-7-2002, subscrito pola representación do concello e da Federación Servicios Públicos de UGT o día 6-5-2002, e aprobado polo Pleno da Corporación na súa sesión do 27-6-2002, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, sobre órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, segundo a redacción dada pola Lei 7/1990, do 19 de xullo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 26 de xullo de 2002.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

As partes que concertan este acordo son o Concello de Cambre e o seu persoal funcionario, representado pola organización sindical Unión General de Trabajadores (UGT), constituídos en mesa xeral de negociación ó abeiro do establecido na Lei 9/1987, do 12 de xuño.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

As normas contidas no presente acordo serán de aplicación ó persoal funcionario de carreira e interino que presta servicios no Concello de Cambre.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O propio da corporación municipal.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

O propio da súa demarcación territorial e aquel ó que puidese estenderse en comisión de servicios.

Artigo 5º.-Ámbito temporal, denuncia e prórroga.

A vixencia das normas contidas no presente acordo estenderase desde o 1 de xaneiro de 2002 ó 31 de decembro de 2005.

O texto do presente acordo considérase automaticamente denunciado o 31 de decembro de 2005.

Non obstante o establecido anteriormente, prorrogaranse automaticamente as condicións contidas no texto do presente acordo ata que non se proceda á súa modificación total ou parcial.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

No prazo dun mes contado desde a publicación do presente acordo, constituirase por iniciativa da Administración unha comisión paritaria, que terá por funcións as que seguen:

a) A interpretación da totalidade do articulado ou das cláusulas do acordo que produzan dúbidas na súa aplicación.

b) A vixilancia do cumprimento do pactado.

c) A facultade de conciliación previa naquelas cuestións que lle sexan sometidas de común acordo polas partes.

A comisión estará composta por tres representantes do persoal designados polos sindicatos con representación do persoal funcionario neste concello e tres representantes do concello designados pola alcaldía.

A comisión reunirase con carácter ordinario unha vez cada tres meses, e con carácter extraordinario, por pedimento de calquera das partes, que deberá indicar, en todo caso, os temas que se van tratar.

Os acordos tomaranse por unanimidade entre ámbalas dúas partes, serán recollidos en acta e daráselle-la debida publicidade nos taboleiros de anuncios do concello ou, se a súa transcendencia o aconsella, no BOP.

Artigo 7º.-Indivisibilidade do acordo.

O acordo ten un carácter mínimo necesario e indivisible para tódolos efectos, no sentido de que as condicións pactadas constitúen un todo orgánico unitario e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas global e conxuntamente vinculadas á totalidade, polo que non poderán ser renegociadas, modificadas ou reconsideradas parcialmente illadas do seu contexto, non se podendo pretende-la aplicación de partes do seu articulado rexeitando o resto, senon que sempre terá que ser aplicado e observado na súa totalidade.

Capítulo II

Xornada e calendario laboral

Artigo 8º.-Calendario laboral.

1. O calendario laboral será o que os órganos competentes da administración central autonómica ou

local, dentro das súas respectivas competencias, sinalen e afecte ó municipio de Cambre.

Establécese, ademais, como festa propia dos empregados do Concello de Cambre, con carácter de non recuperable, a festividade de Santa Rita, patroa dos funcionarios públicos locais.

2. Os servicios que pola súa peculiaridade teñan que organiza-lo seu traballo en réxime de quendas ou non admitan o acatamento común canto ó calendario laboral, axustaranse ós calendarios que estableza a alcaldía, logo de negociación co órgano de representación dos funcionarios públicos e comunicación ó departamento de persoal. No anexo I a este acordo enuméranse, para coñecemento xeral, os servicios que estean ou poidan estar incluídos neste número.

Artigo 9º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será a regulamentariamente establecida para o persoal funcionario das administracións públicas en réxime de horario flexible.

Artigo 10º.-Horario de traballo.

1. O horario laboral principal para poder cumpri-la xornada será de luns a venres, de 8 a 15 horas, determinándose a través do pertinente pacto entre alcaldía e os sindicatos representativos do persoal funcionario deste concello, o horario variable para totalizar, no seu caso, a xornada de traballo establecida no artigo 9º deste acordo.

2. Establécese unha marxe de flexibilidade na hora de entrada, nas seguintes condicións:

-O horario de entrada poderá ser ata as 8.30 horas sempre que se proceda á súa recuperación a partir das 15 horas do mesmo día ou do día seguinte. Se non o recuperase nas ditas datas e horas, a diferencia cumprirase ó longo das tardes da semana ou a seguinte entre as 17 e 21.30 horas.

-Os funcionarios que de acordo co catálogo de postos de traballo teñan unha especial dedicación ou dispoñibilidade que lles esixa prestar servicios polas tardes ou aqueloutros que teñan que realizar traballos puntuais polas tardes autorizados polos xefes de área ou sección respectivos por necesidades conxunturais do servicio, dispoñerán ata as 9 horas de flexibilidade no horario de entrada, e nas mesmas condicións sinaladas no parágrafo anterior.

3. Os sábados desde as 9 ás 13 horas abrirase a oficina de rexistro xeral, que deberá ser atendida por un funcionario da subescala auxiliar da escala de Administración xeral de forma rotatoria e compensada coa flexibilidade horaria de unha hora non recuperable de luns a xoves da semana inmediatamente posterior ou gratificación por servicios extraordinarios.

4. Os horarios especiais que se poidan recoller segundo o indicado no artigo 8.2º serán revisados no mes de decembro de cada ano para o seu cumprimento a partir do mes de xaneiro do seguinte ano.

5. Tódolos funcionarios municipais estarán sometidos a un sistema de control fiable ó inicio e á terminación da xornada laboral.

-Deberase de totalizar sempre a xornada de traballo que estea establecida regulamentariamente en cómputo mensual, sen que poidan utilizarse as asistencias a órganos colexiados da corporación, pola tarde, para cumpri-la parte variable do horario.

6. O incumprimento da xornada de traballo establecida no presente acordo dará lugar ás correspondentes deduccións en nómina, sen prexuízo das responsabilidades a que poida dar lugar.

As ausencias e faltas de puntualidade e/ou permanencia do persoal xustificadas requirirán o aviso inmediato ó xefe da área ou sección correspondente, así como a súa ulterior xustificación a este, debendo recuperarse o tempo de ausencia a non ser que esta sexa por enfermidade.

Artigo 11º

Tódolos funcionarios disporán dun período de pausa diaria establecida regulamentariamente, con carácter de non recuperable, dentro da xornada laboral, debéndose realizar entre o persoal de tal xeito que sexan atendidos os distintos servicios municipais. Cada xefatura de unidade administrativa distribuirá este período de descanso atendendo ás necesidades do servicio e tendo en conta que non poderá estar ausente a un mesmo tempo máis do 50% do persoal adscrito.

Se polo concello se observase un abuso na utilización desta pausa, logo de comunicación ó xefe do servicio ou área correspondente e reunión da comisión paritaria, poderase acordar pola alcaldía que esta pausa teña o seu reflexo na correspondente ficha de control horario.

Artigo 12º

Durante o período comprendido entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, ámbolos dous incluídos, o horario laboral principal será de 8 a 14 horas.

Capítulo III

Vacacións, licencias e permisos

Vacacións.

Artigo 13º

O período de vacacións anuais, non substituíbles por compensación económica, será dun mes natural ou de trinta e un días naturais cando o inicio das vacacións non coincida co comezo do mes natural ou, se é o caso, na proporción que corresponda de non prestar servicio o ano completo.

Artigo 14º

As vacacións gozaranse preferentemente, salvo necesidades do servicio, no período comprendido entre o 15 xuño e o 15 de setembro, podendo dividirse en períodos de 15 ou sete días, como norma xeral.

Poderán ser fóra daquel período por iniciativa voluntaria do funcionario logo da súa solicitude, sempre que por calquera causa non poida gozalas no período anteriormente citado, e non cause trastorno ó seu servicio.

Artigo 15º

Antes do día 15 de maio de cada ano, cada área administrativa ou sección deberá remitir o seu plan de vacacións á unidade de réxime interior, para a súa posterior aprobación por resolución de alcaldía.

O plan de vacacións poderase modificar con carácter individualizado, logo de solicitude do interesado, sempre que non exista oposición por parte do xefe da área administrativa ou sección correspondente, fundamentada en razóns obxectivas do servicio, e que non afecte intereses de terceiros no ámbito das quendas preestablecidas.

O período de vacacións poderá quedar suspendido por solicitude do interesado cando este presente unha baixa médica, se lle sobreviñese unha enfermidade ou accidente durante o dito período.

Igualmente, e para o suposto de que a dita baixa sobreviñese con anterioridade ó inicio das vacacións, e subsistise no día sinalado para o comezo delas, estas non empezarán a correr para o interesado.

Tanto nun como noutro caso, de producirse colisión de intereses entre o funcionario que modificase o seu cadro de vacacións como consecuencia da baixa médica e aqueles outros da mesma unidade administrativa ou servicio que xa as teñan programadas, terán este últimos preferencia sobre aquel que, en todo caso, terá que supeditarse ás necesidades do servicio.

Artigo 16º.-Licencias e permisos.

Na materia de licencias e permisos observarase o regulado pola lexislación vixente aplicable en cada momento e o que se dispón nos artigos seguintes.

Licencias retribuídas.

Artigo 17º.-Licencia por matrimonio.

Por matrimonio propio o funcionario terá dereito a unha licencia de quince días naturais, que se poderán gozar con anterioridade ou posterioridade á súa celebración, incluíndo a dita data, podendo acumulalo ás vacacións.

Artigo 18º.-Licencia por maternidade.

Aplicarase o disposto na Lei 3/1989, do 3 de marzo, pola que se amplía a dezaseis semanas o permiso

de maternidade, coas modificacións realizadas pola Lei 4/1995, do 23 de marzo.

Artigo 19º.-Licencia por estudios.

Poderase conceder licencia para realizar estudios ou cursos na materia directamente relacionada coa función pública logo da solicitude presentada no rexistro xeral e co fundamento da xustificación da súa asistencia.

Esta licencia será concedida polo alcalde-presidente, debendo de contar co informe favorable da unidade administrativa correspondente. No caso de concederse, o funcionario terá dereito a percibi-la súa remuneración e a indemnización prevista na lexislación aplicable se así o declara o alcalde na súa resolución.

Artigo 20º.-Licencia por enfermidade.

En casos de licencia por incapacidade temporal legalmente declarada, observarase o establecido para estas situacións no artigo 69.1º do texto articulado da Lei de funcionarios civís do Estado (Decreto 315/1964, do 7 de febreiro) ou norma que o substitúa e, en todo caso, o disposto no réxime xeral da Seguridade Social para os casos de incapacidade temporal.

A alcaldía poderá efectua-la comprobación das baixas por enfermidade de calquera funcionario cando o considere oportuno a través dos servicios médicos de que para os efectos dispón o servicio de inspección da Seguridade Social.

A imposibilidade de asistencia ó traballo por enfermidade sobrevida deberá de notificarse ó xefe da unidade respectiva no mesmo día que se produza; este, pola súa vez, comunicará a ausencia ó departamento de persoal. Se tal condición se mantivese máis de tres días, deberá presenta-lo correspondente parte de baixa.

Artigo 21º.-Licencia sen retribución.

Concederase conforme o previsto no artigo 142 do texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986 e artigo 68.3º da Lei de función pública de Galicia.

Esta licencia terá unha duración acumulada que non poderá exceder de tres meses cada dous anos e gozarase sen retribución ningunha.

A concesión deste tipo de licencia subordinarase en todo caso ás necesidades do servicio.

Permisos.

Artigo 22º

O persoal municipal, logo de aviso e xustificación, e sen prexuízo do establecido na lexislación vixente en cada momento, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e períodos de tempo que a seguir se relacionan:

1. Dous días polo nacemento ou adopción de fillos e pola morte ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade cando o suceso se produza na mesma localidade, e catro días cando sexa en distinta localidade; susceptibles en ámbolos casos de seren ampliados pola alcaldía-presidencia ata un máximo de sete días, en relación tanto á distancia como ás circunstancias, que deberán ser xustificadas ante a dita alcaldía.

2. Un día por traslado de vivenda habitual.

3. Para concorrer a exames finais, liberatorios e demais probas definitivas de aptitude ou avaliación en centros oficiais de formación, durante os días da súa celebración.

4. O tempo imprescindible para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, no que o traballador no poida ser substituído por outra persoa.

Artigo 23º

Os permisos recollidos no artigo anterior gozaranse logo de comunicación ó xefe de área ou sección correspondente e á unidade de réxime interior.

Artigo 24º.-Permisos por asuntos propios.

Conforme o previsto no artigo 142 do texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986 e artigo 70.3º da Lei da función pública de Galicia, todo funcionario ten dereito a gozar de nove días de permiso ó longo do ano para asuntos propios sen xustificación, respectando as necesidades do servicio.

O persoal poderá gozar destes días á súa conveniencia, logo de comunicación á xefatura da área que lle corresponda, e tendo en conta que nunca deberá quedar o servicio desatendido, salvo naqueles servicios administrativos en que só exista un funcionario. O goce destes días deberá de comunicarse á unidade de réxime interior por escrito no que conste o «conforme» do xefe da área correspondente. Estes días non poderán acumularse en ningún caso ás vacacións anuais.

Cando por razóns do servicio o funcionario non goce do mencionado permiso ó longo de todo o ano, poderá concederse este única e exclusivamente na primeira quincena do mes de xaneiro do ano seguinte.

Artigo 25º

Os días 24 e 31 de decembro permanecerán fechadas as oficinas e servicios municipais, a excepción do rexistro xeral e información e demais servicios que habitualmente se prestan en festivos, en horario de 9 a 14 horas. Os funcionarios que teñan que prestar servicio nestes días serán compensados cun día de descanso, podéndose organizar para este fin as correspondentes quendas.

O Sábado Santo permanecerán fechadas tódalas dependencias municipais.

Artigo 26º

Na materia a que se refire o presente capítulo e no non contido expresamente nel, observarase o disposto na lexislación vixente.

Capítulo IV

Condicións económicas

Artigo 27º.-Retribucións básicas.

A contía das retribucións básicas mensuais será a que se fixe para cada un dos grupos A, B, C, D e E o que se refire o artigo 25 da Lei 30/1984, do 2 agosto, polos orzamentos xerais do Estado para o ano correspondente.

Artigo 28º

As pagas extraordinarias, que serán dúas ó ano, terán o importe, cada unha delas, dunha mensualidade de soldo e antigüidade con dereito a percibilas nos meses de xuño e decembro.

Retribucións complementarias.

Artigo 29º.-Complemento de destino.

É o correspondente ó nivel do posto que se desempeñe. A asignación de niveis de postos de traballo vén establecida no catálogo de postos de traballo que aproba cada ano o Pleno como consecuencia da aprobación orzamentaria do ano correspondente.

A contía do complemento de destino determinarase pola Lei orzamentaria xeral do Estado.

Artigo 30º.-Complemento específico.

Son as condicións particulares de cada un dos postos de traballo as que determinan o complemento específico, e a contía deste, está establecida no catálogo de postos de traballo que aproba cada ano o Pleno como consecuencia da aprobación orzamentaria do ano correspondente.

Artigo 31º.-Complemento de productividade.

Os funcionarios que polo especial rendemento, a actividade extraordinaria e o interese ou iniciativa con que desempeñen o seu traballo teñan dereito a este complemento, percibirano segundo a distribución que realice o alcalde-presidente con suxeición ós criterios previamente concertados coa mesa de negociación en función de circunstancias obxectivas relacionadas directamente co desempeño do posto de traballo.

Artigo 32º.-Gratificacións.

Terán carácter excepcional e soamente poderán ser recoñecidas polos servicios extraordinarios prestados fóra da xornada regulamentariamente establecida.

O importe das gratificacións polos servicios extraordinarios determinarase por grupos, segundo o artigo 25 da Lei 30/1984, e nas contías seguintes:

GrupoHora extraExtra nocturna, sábado

normalou festivo

A24,0427,05

B19,8324,04

C15,6319,83

D12,0215,03

E10,8213,22

Estes importes quedan suxeitos ás mesmas variacións que como consecuencia dos incrementos establecidos na Lei orzamentaria xeral do Estado sexan de aplicación ós funcionarios do Estado.

Para que a realización dos servicios extraordinarios prestados fóra da xornada normal de traballo teñan validez para efectos retributivos, requiriranse as seguintes condicións:

-Será preciso que o responsable da unidade administrativa emita, con carácter preceptivo, o correspondente informe da realización de servicios extraordinarios con expresión das causas que os xustifican, data da realización e persoas que vaian intervir, agás nos casos de urxencia xustificados polo correspondente xefe do servicio.

-Tal informe requirirá o expreso visto e prace do concelleiro-delegado de Facenda e réxime interior.

As horas extraordinarias poderán ser compensadas en tempo libre segundo o seguinte baremo:

-1 hora extra: 1 hora 45 minutos libre.

-1 hora extra festiva/nocturna: 2 horas 15 minutos libre.

Por acordo do traballador ou grupo de traballadores e o xefe da área ou unidade, o goce das horas de compensación poderán acumularse ata chegar a completar unha xornada de traballo.

Se as horas non se poden gozar en tempo libre por causa do servicio, serán aboadas segundo o importe sinalado para cada grupo. En todo caso, transcorridos catro meses desde a súa realización, de non poder gozalas en tempo libre, por razón de servicio, serán aboadas na nómina do mes que lle corresponda.

Artigo 33º.-Indemnización por razón do servicio.

Os funcionarios percibirán as indemnizacións correspondentes ós servicios prestados na corporación, segundo o disposto no artigo 23.4º da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e no Real decreto 236/1988, do 4 de maio, sobre indemnizacións por razón de servicio.

Artigo 34º.-Cláusula de revisión salarial. Condicións máis favorables.

Cando por unha disposición ou norma se establecese para os funcionarios da Administración do Esta

do unha retribución por diferencia entre a inflación real dos incrementos establecidos nos orzamentos xerais do Estado, tal revisión será aplicada automaticamente e cos mesmos efectos ós funcionarios deste concello.

As melloras establecidas noutras disposicións de calquera rango que sexan superiores ás do presente acordo serán de aplicación segundo o principio da norma máis favorable e sen prexuízo, en todo momento, da aplicación de lexislación vixente.

Capítulo V

Condicións sociais

Artigo 35º.-Servicios sociais.

O persoal suxeito ó presente acordo terá dereito ó resarcimento dos gastos orixinados polos seguintes conceptos:

a) Servicios sanitarios non concertados.

b) Garda e coidado de fillos ou cónxuxe diminuido/a físico ou psíquico.

c) Bolsa de estudios e gardería.

d) Odontoloxía e oftalmoloxía.

e) Adquisición de vivenda.

A distribución das cantidades que se repartirán entre os conceptos anteriores será realizada polo órgano correspondente, logo de informe da comisión paritaria de conformidade co disposto no Regulamento de axudas económicas que se incorpora como anexo II ó presente acordo. O dito regulamento poderase modificar, logo de proposta dos órganos de representación dos funcionarios e aprobación polo órgano corporativo competente.

Dotarase anualmente un crédito orzamentario por una contía equivalente ó 7% da masa salarial bruta que corresponda a cada anualidade co fin de cubri-lo custo das condicións sociais e póliza de seguro de accidentes recollida no artigo 39º.

Artigo 36º.-Anticipos reintegrables.

1. A petición do interesado, o concello concederá ós funcionarios anticipos de ata catro mensualidades das retribucións básicas e complementarias líquidas, cun tope máximo de 3.005,06 euros; a devolución efectuarase mediante deduccións mensuais en nómina e sen xerar ningún tipo de xuro.

2. O período máximo de devolución dos anticipos establecerase en relación co importe respectivo, segundo o seguinte baremo, podendo en calquera caso solicita-lo funcionario un período menor para a amortización:

-6 meses para unha mensualidade.

-12 meses para dúas mensualidades.

-18 meses para tres mensualidades.

-24 meses para catro mensualidades.

3. No suposto de funcionarios interinos, terase en conta o tempo que falte para o seu previsible cesamento.

4. Se por calquera causa o funcionario/a cambiase a súa condición de servicio activo, deberá aboa-lo saldo pendente de pagamento antes do seu paso definitivo á situación que lle corresponda.

5. As solicitudes de anticipos reintegrables terán que ser xustificados polos interesados e serán resoltas por decreto da alcaldía, logo de visto e prace por parte da comisión de seguimento deste acordo, responsable de determina-las preferencias. A comisión reunirase unha vez cada trimestre para o estudio dos distintos anticipos presentados.

6. Os anticipos anteriores entenderanse sen prexuízo de poder solicita-lo anticipo da nómina mensual establecido no Real decreto do 16 de decembro de 1929, que poderán ser outorgados dunha forma inmediata por resolución da alcaldía con coñecemento posterior ós representantes do persoal.

Asistencia xurídica e pólizas de seguro.

Artigo 37º.-Asistencia xurídica.

O concello obrígase a prestar asistencia xurídica ós funcionarios nos supostos de conflictos xurdidos con terceiros como consecuencia da prestación dos seus servicios.

Artigo 38º.-Responsabilidade civil.

Así mesmo, o concello obrígase a cubrir posibles responsabilidades civís que puidesen derivar das actividades propias dos funcionarios, salvo en casos de manifesta neglixencia debidamente probada.

Para estes efectos o concello subscribirá unha póliza de seguro que garanta unha adecuada cobertura de responsabilidade civil.

Artigo 39º.-Seguro de accidentes.

O concello subscribirá unha póliza de seguro colectivo de accidentes para os seus funcionarios municipais en situación de activo, cubrindo os seguintes riscos:

a) Invalidez permanente ou absoluta por accidente laboral ou accidente in itinere.

b) Falecemento por accidente laboral ou accidente in itinere.

O capital asegurado será por unha contía de 60.101,21 euros (sesenta mil cento un euros con vinteún céntimos).

Capítulo VI

Condicións sindicais

Artigo 40º

En canto ó dereito de reunión, garantías e dereitos sindicais observarase o expresamente regulado na lexislación vixente aplicable.

Artigo 41º

Tódolos funcionarios do Concello de Cambre terán dereito a sindicarse libremente en defensa e promoción dos intereses profesionais, económicos e sociais que lle son propios como traballadores, e á non discriminación, prexuízo ou sanción por razóns de afiliación e exercicio dos dereitos sindicais de acordo coa Lei orgánica 11/1985 e Lei 9/1987.

Artigo 42º

De conformidade coa lexislación vixente, o Concello de Cambre recoñece ó delegado de persoal ou, se é o caso, delegados de persoal, como órgano representativo dos funcionarios, que actúa con capacidade xurídica e de obrar en defensa dos intereses dos funcionarios e dos seus propios (artigo 4 da Lei 9/1987, do 12 de xuño).

Sen prexuízo da capacidade de representación que asiste o delegado de persoal ou delegados de persoal en defensa dos intereses do colectivo, recoñécese tamén a dita capacidade, de conformidade coa lexislación aplicable, ós sindicatos e seccións sindicais. Estes poderán, a través dos seus órganos debidamente creados e acreditados ante o concello, realizar todo tipo de funcións sindicais das previstas nas normas correspondentes (Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical).

Artigo 43º.-Horas sindicais.

Fíxase en 15 horas mensuais de libre disposición sindical para os delegados de persoal, debéndose de xustifica-las mesmas ante a alcaldía, xa sexa con anterioridade ou posterioridade á súa utilización. Estas horas disporanse dentro da xornada de traballo e serán retribuídas como traballo efectivo.

Non se considerarán computables como horas sindicais, nin as de negociacións nin aquelas para reunións con órganos administrativos convocados por iniciativa destes.

Artigo 44º.-Dereito de reunión.

Están lexitimados para convocaren unha reunión:

a) Delegado de persoal ou delegados de persoal, se é o caso.

b) As organizacións sindicais con seccións sindicais no concello.

c) Funcionarios do concello, sempre que o seu número non sexa inferior ó 40% do colectivo convocado.

Artigo 45º.-Dereito de folga.

A corporación recoñece o dereito de folga do persoal municipal nos termos establecidos na lexislación vixente.

A comisión paritaria elaborará unha proposta de servicios mínimos para o caso de folga, estes ser

vicios mínimos terán que prestarse con carácter inescusable.

Artigo 46º

A normativa vixente sobre saúde, seguridade e condicións de traballo, será de aplicación a tódolos funcionarios do Concello de Cambre.

No prazo de tres meses a partir da aprobación do presente acordo constituirase o comité de seguridade e hixiene, co obxectivo de velar pola adopción, mantemento e perfeccionamento de medidas correctas de seguridade e hixiene nos centros de traballo dependentes do Concello de Cambre.

O comité de seguridade e hixiene estará presidido polo concelleiro delegado de Facenda e réxime interior, e a súa composición será determinada pola comisión paritaria, respectándose que haxa un número igual de membros designados pola corporación e polo órgano representativo dos funcionarios, sen que en ningún caso poida se-lo seu número de membros superior a oito.

En calquera momento o comité de seguridade e hixiene estará asistido polos técnicos e especialistas que precisen e designe o propio comité.

Artigo 47º.-Recoñecemento médico.

Cada ano os funcionarios municipais que o soliciten poderán realizar un exame médico integral (revisión médica completa); a mutua que teña contratado o servicio de accidentes será a responsable de levar a cabo a dita revisión.

Artigo 48º.-Réxime de vestiario.

O concello facilitará roupa de traballo e calzado homologado e de uso obrigatorio a todo o persoal ó seu servicio ou cando as condicións e natureza do traballo o esixisen por razóns de seguridade e hixiene, uniformidade ou outro motivo xustificado.

Redactarase un regulamento de vestiario co obxectivo de regula-lo dereito do persoal municipal a gozar do vestiario necesario para o seu traballo.

O vestiario que proceda entregarase ós funcionarios antes do inicio das súas funcións, renovándose periodicamente nos prazos que se fixen para cada elemento na unidade ou servicio.

Capítulo VII

Condicións profesionais

Artigo 49º.-Formación.

O concello fomentará a formación profesional dos funcionarios ó seu servicio. Para isto facilitarase a realización de estudios, asistencia a cursos, seminarios, congresos, conferencias e calquera evento que contribúa á formación profesional dos funcionarios.

Os funcionarios que cursen estudios de formación e perfeccionamento profesional terán preferencia para elixiren quenda de traballo, se é o caso, e de vacacións anuais, así como adaptación da xornada ordinaria de traballo para asistencia ós ditos cursos, á marxe das concesións de licencias por estudios necesarios para iso, se for preciso, de acordo co artigo 17 deste acordo.

Artigo 50º.-Promoción interna.

A corporación facilitará a promoción interna consistente no ascenso desde corpos, escalas ou subescalas do grupo inferior a outros correspondentes ó grupo inmediato superior, sendo necesario reuni-los requisitos e supera-las probas que para cada caso se establecesen.

Para lograr unha maior promoción do persoal ó servicio do Concello de Cambre, arbitraranse para cada caso concreto, e ata o límite que estableza a lexislación vixente, medidas para suprimir ou reduci-los programas e/ou exercicios do procedemento selectivo de que se trate.

Artigo 51º.-Provisión de postos de traballo.

Os funcionarios do Concello de Cambre teñen dereito ó cambio do seu posto de traballo unha vez que se teña producido vacante no posto de traballo de igual ou superior nivel, dentro do mesmo grupo e escala.

Os procedementos para a provisión de postos de traballo vacantes desempeñados por funcionarios rexeranse pola convocatoria respectiva, con base na lexislación aplicable.

Establécese como sistema xeral de provisión de vacantes o concurso de méritos, que se rexerá polas bases da convocatoria nas que figuran os baremos que servirán para resolvelo.

Aqueles funcionarios que por causa da perda das aptitudes psicofísicas non poidan desenvolver correctamente a súa actividade profesional, poderán ser destinado, logo de solicitude pola súa parte, a un posto de traballo dentro do seu grupo e escala, conforme a súa nova situación. A comisión paritaria valorará, en función dos postos de traballo vacantes, o posto que podería desenvolver.

Artigo 52º

O Concello de Cambre fomentará a mobilidade interadministrativa á que se refire o artigo 17.2º da Lei 30/1984.

Capítulo VIII

Réxime disciplinario

Artigo 53º

O cadro de faltas e sancións dos funcionarios incluídos no ámbito de aplicación deste convenio, así como o procedemento e réxime disciplinario xeral, acomodaranse ó Decreto 94/1991, do 20 de

marzo, polo que se aproba o Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e regulamento aprobado polo Real decreto 33/1986, do 10 de xaneiro, e demais normas específicas vixentes aplicables, xunto coas puntualizacións que neste capítulo se sinalen.

Artigo 54º

A corporación municipal comprométese a esgota-la vía do diálogo e da información reservada, logo da iniciación do expediente disciplinario a calquera funcionario do Concello de Cambre.

Artigo 55º

O concello deberá de comunicar ó órgano representativo dos funcionarios a incoación de calquera expediente disciplinario dentro do prazo establecido para comunicarllo ó interesado.

O órgano representativo dos funcionarios neste concello será oído antes da resolución de calquera expediente disciplinario tanto polo instructor del como pola autoridade ou órgano competente na materia sancionadora.

Disposición adicional

As modificacións parciais puntuais deste acordo poderán ser acordadas pola mesa de negociación e o concello, sen necesidade de denuncia-lo dito acordo.

Disposición transitoria

As situacións xurídicas determinadas polo establecido no presente acordo terán efectos a partir da súa vixencia, salvo nos casos en que expresamente se prescriba outra cousa.

ANEXO I

Os horarios especias corresponden ós seguintes colectivos:

a) Policía local.

b) Persoal polideportivas.

c) Persoal biblioteca-arquivo.

d) Colexios públicos.

a) Policía local.

1. Non lle será de aplicación o horario xeral do concello recollido no artigo 10 e 12 deste acordo.

2. Quendas para realiza-lo servicio as 24 horas do día durante tódolos días do ano.

3. As quendas serán elaboradas polo xefe da policía local para cada ano, de xeito que os distintos efectivos da unidade vaian rotando e que ningunha quenda realice máis de 10 horas consecutivas de traballo efectivo.

4. Este horario especial respecto ó xeral terá a súa repercusión no catálogo de postos de traballo e, en concreto, no complemento específico.

5. As horas de asistencias a xuízos que se realicen en días libres terán a condición de horas festivas/nocturnas.

b) Conserxes de instalacións deportivas.

En función das necesidades do servicio, non superando en ningún caso as horas semanais en computo mensual establecidas regulamentariamente para a xornada de traballo, de acordo co artigo 9 e 12 deste acordo regulador.

c) Biblioteca-arquivo.

Horario xeral biblioteca municipal central de Cambre:

Das 11 ás 13 de luns a venres aberta ó público.

Das 17 ás 21 de luns a venres aberta ó público.

Das 11 ás 14 os sábados.

Horario xeral biblioteca municipal auxiliar A Barcala:

Das 16 ás 20 de luns a venres aberta ó público.

Das 9.30 ás 12.30 os martes atención ó colexio.

Das 10.30 ás 13.20 os xoves atención ó colexio.

Das 11 ás 14 os sábados.

Biblioteca pública Xabier P. Docampo (A Barcala):

Das 11 ás 13 e das 17 ás 21 de luns a venres.

Sábados: pechada.

Horario xeral do arquivo:

Luns a xoves das 10 ás 13.

Venres de 10 ás 12.

A bibliotecaria-arquiveira, para efectos do cómputo horario semanal entre biblioteca e arquivo, fará unha hora das 16 ás 17 na biblioteca os mércores de cada semana a porta fechada.

Durante as vacacións dos colexios (verán, Nadal e semana santa) as biblioteca adaptarán os seus horarios ó calendario escolar, quedando abertas pola mañá, axustándose en cada período ó cómputo horario que lle corresponda segundo o estipulado nos artigos 9 e 12 deste acordo.

d) Colexio públicos.

Os conserxes de colexios adaptarán o seu horario ás necesidades lectivas de cada colexio (segundo a xornada) non superando en ningún caso as semanais en cómputo mensual establecidas regulamentariamente para a xornada de traballo de acordo co artigo 9 e 12 deste acordo regulador.

Durante as vacacións dos distintos centros e, para efectos de cumprimento de xornada, poderán realizar labores de conserxería noutros servicios ou unidades.

ANEXO II

Regulamento de axudas económicas

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito persoal de aplicación.

1.1. Poderá optar ás axudas económicas descritas neste regulamento o persoal do Concello de Cambre que a seguir se detalla, sempre e cando tivese tal condición no ano a que se refira a convocatoria do concurso de axudas económicas e tivese realizado o gasto baixo tal condición; así como os membros da súa unidade familiar.

a) Funcionarios de carreira, interino e de emprego que ocupen prazas no cadro de persoal.

b) Funcionarios en prácticas.

1.2. Entenderase por unidade familiar a formada polo funcionario, o seu cónxuxe ou parella e os fillos solteiros de ata 26 anos de idade que non superen os ingresos establecidos na normativa que regula o imposto sobre a renda das persoas físicas, que convivan no domicilio familiar e que dependan economicamente de seus pais. Exceptúanse aqueles fillos que, reunindo as condicións anteriores, vivan voluntariamente en domicilio distinto do familiar.

1.3. Para efectos do disposto no número anterior, recoñeceranse os casos de convivencia marital debidamente acreditados e poderanse valorar e estima-los posibles casos doutros membros da unidade familiar economicamente dependentes do solicitante.

1.4. No suposto de que o solicitante, persoal activo, non tivese prestado servicios durante todo ano ou o curso escolar a que se refira o concurso de axudas económicas, ben por ter ingresado ou ben por ter pasado á situación de excedencia no transcurso do ano, percibirá a axuda polo importe directamente proporcional ó tempo traballado.

Artigo 2º.-Solicitudes.

2.1. As solicitudes das axudas formularanse, en todo caso, polos empregados municipais no modelo oficial que facilitará o rexistro xeral, facendo constar qué tipo de axudas se solicitan, para quén se solicita e achegando a documentación esixida.

2.2. No caso de que os dous cónxuxes sexan funcionarios municipais, ambos deberán asina-la solicitude da axuda económica, independentemente de cal deles a solicite.

2.3. O feito de presenta-la solicitude supón a aceptación das condicións establecidas neste regulamento.

Artigo 3º.-Prazo de presentación de solicitudes.

3.1. O prazo de presentación de solicitudes para cada un dos tipos de axuda será o seguinte:

a) Minusválidos e adquisición de vivenda. Desde o día seguinte ó de finalización do prazo para presenta-la declaración do imposto sobre a rendas das persoas físicas ata o 31 de outubro.

b) Bolsa de estudios e gardería. Desde o día seguinte ó de finalización do prazo para presenta-la declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ata o 31 de outubro, agás para o caso de estudios universitarios, que se entenderá ampliado ata o 31 de decembro.

c) Enfermidade, odontoloxía e oftalmoloxía. Desde o día seguinte ó de finalización do prazo para presenta-la declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ata o 31 de decembro.

Artigo 4º.-Documentación.

4.1. Xunto coa solicitude, achegarán a seguinte documentación común ós diferentes tipos de axudas, así como a específica de cada unha delas e que máis adiante se sinalará.

a) No caso de que o membro da unidade familiar do solicitante para o que se solicita a axuda traballe noutra empresa que conceda axudas económicas polo mesmo concepto, deberá presentar certificación ou declaración xurada ou baixo promesa de, se é o caso, o importe da axuda recibida.

b) Fotocopia compulsada da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ó último exercicio, do solicitante e de cada un dos membros da súa unidade familiar. No caso de non alcanza-los ingresos mínimos que o eximan de presenta-la declaración da renda, esixirase certificación de Facenda que o xustifique.

Artigo 5º.-Causas xerais de exclusión.

Serán causas xerais de exclusión das axudas económicas, entre outras, as seguintes:

a) Presenta-la solicitude fóra de prazo.

b) Non achegar coa solicitude a documentación esixida.

c) Carecer dalgún dos requisitos ou documentos esixidos.

d) O falseamento e/ou ocultación, debidamente comprobado, de datos ou documentos.

e) Que a persoa causante do gasto non forme parte da unidade familiar e non dependa economicamente do solicitante.

f) Existir separación xudicial do matrimonio cando se solicite axuda económica por gastos do cónxuxe.

g) Renuncia-lo membro da unidade familiar que traballe noutra empresa á axuda económica que, se é o caso, esta lle puidese conceder.

Artigo 6º.-Penalización.

Todos aqueles solicitantes que incorran nunha manifesta ocultación ou falseamento de datos ou documentos que resultasen determinantes para a concesión e/ou fixación da contía da correspondente axuda, serán penalizados con cinco anos de exclusión das axudas económicas tódolos membros da unidade familiar, e no caso de que se percibise algunha axuda en tales circunstancias, sen prexuízo da penalización prevista neste artigo, virán obrigados a reintegra-lo o seu importe, perdendo o dereito a percibiren calquera das axudas económicas descritas no presente regulamento tódolos membros da unidade familiar en canto non o reintegrasen.

Artigo 7º.-Importe das axudas.

7.1. O importe máximo que se percibirá en concepto de axuda económica no suposto de non alcanzar ou supera-lo límite que para cada tipo se sinalará, estará determinado polo gasto realizado e acreditado documentalmente polo solicitante, entendendo como tal o importe deste unha vez descontados os gastos que non proceda computar, segundo o disposto no presente regulamento, e/ou aplicados os baremos ou límites/índices correctores.

7.2. No caso de que se perciba axuda económica polo mesmo concepto por parte doutro organismo ou empresa, se o importe desta for inferior ó que lle corresponda pola aplicación do presente regulamento, terase dereito á percepción daquela, deducindo o importe recibido polo mesmo concepto.

Artigo 8º.-Distribución.

8.1. As cantidades asignadas a cada un dos tipos de axudas distribuiranse de forma inversamente proporcional ós ingresos brutos medios da unidade familiar do solicitante que resulten de aplica-la seguinte táboa, entendendo como ingresos brutos a suma dos rendementos íntegros reflectidos na última declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Ingresos medios da unidade familiar.

Nº de membros da unidade familiarIngresos brutos multiplicados por:

150%

235%

325%

420%

516%

614%

712%

810%

8.2. O importe da axuda económica que percibirá cada solicitante será o resultado de aplica-la seguinte táboa:

Ingresos medios da unidade familiarImporte da axuda

De 2.404,05 a 3.005,06100%

De 3.005,07 a 3.606,0795%

De 3.606,08 a 4.207,0890%

De 4.207,09 a 4.808,1085%

De 4.808,11 a 5.409,1180%

De 5.409,12 a 6.010,1275%

De 6.010,13 a 6.611,1370%

De 6.611,14 a 7.212,1565%

De 7.212,16 a 7.813,1660%

De 7.813,17 a 8.414,1755%

De 8.414,18 a 9.015,1850%

De 9.015,19 a 9.616,1945%

De 9.616,20 a 10.217,2140%

De 10.217,22 a 10.818,2235%

De 10.818,23 a 11.419,2330%

De 11.419,24 a 12.020,2425%

De 12.020,24 a 12.621,2520%

De 12.621,26 a 13.222,2715%

De 13.222,28 a 13.823,2810%

De 13.823,29 en diante 5%

8.3. Para calcula-lo importe da axuda, as anteriores porcentaxes aplicaranse, en todo caso, sobre o límite máximo establecido para cada tipo de axuda, aínda que o gasto realizado fose superior.

8.4. Se, unha vez aplicadas as porcentaxes establecidas na táboa do número 2 deste artigo, non fose suficiente a cantidade existente, a diferencia deducirase linealmente entre tódolos solicitantes.

Artigo 9º.-Consignación porcentual a cada tipo de axuda.

9.1. As cantidades máximas que se destinen a cada un dos tipos de axuda, sen prexuízo de que, por resultar insuficiente algunha delas, se procedese a efectuar unha redistribución, coa condición de garantir ós perceptores das axudas económicas polos conceptos de minusvalidez e enfermidade a percepción do 100% da cantidade que lle corresponda por aplicación do presente regulamento, serán as que resulten de aplica-las seguintes porcentaxes:

a) Bolsa de estudios: 20%.

b) Enfermidade, odontoloxía e oftalmoloxía: 30%.

c) Adquisición de vivenda: 10%.

d) Gardería e educación infantil privada: 10%.

e) Para facer fronte ós gastos dos artigos 36 e 39 do acordo regulador: 30%.

9.2. As cantidades que sobren dentro de cada un dos conceptos antes indicados acumularanse, en función das necesidades xurdidas, ás cantidades asignadas ós restantes conceptos.

Artigo 10º.-Tramitación.

As axudas económicas serán concedidas por resolución de alcaldía-presidencia por proposta da comisión paritaria reunida para efecto.

Artigo 11º.-Interpretación do regulamento.

Reservase á comisión paritaria a facultade de interpreta-las dúbidas ou contradiccións que puidesen xurdir da aplicación do presente regulamento, así

como a posibilidade de introduci-las modificacións que fosen precisas para a seu mellor desenvolvemento e/ou aplicación.

Capítulo II

Axuda económica por cónxuxe e/ou fillo minusválido

Artigo 12º.-Alcance.

Poderá optar a esta axuda económica o persoal incluído no ámbito de aplicación do presente regulamento con fillos e/ou cónxuxe minusválidos a cargo, sempre que non perciban renda e/ou salario ningún por outro concepto, nos casos en que a minusvalidez sexa dun grao igual ou superior ó 33%, e se concederá a aqueles a quen llo recoñeza o Inserso.

Artigo 13º.-Documentación.

Sen prexuízo dos datos consignados na solicitude uniranse a esta, ademais da documentación establecida no artigo 4.1º, a seguinte:

a) Acredita-lo importe da prestación económica que, en concepto de minusvalidez, perciba do organismo correspondente da Seguridade Social.

Artigo 14º.-Importe da axuda.

O importe máximo que se percibirá en concepto de axuda económica por fillo e/ou cónxuxe minusválido a cargo, en función do grao de minusvalidez, será a seguinte:

a) Cónxuxe ou fillo minusválido cun grao de minusvalidez igual ou superior ó 33%: 360,61 euros/ano.

b) Cónxuxe ou fillo minusválido cun grao de minusvalidez igual ou superior ó 65%: 1.081,82 euros/ano.

c) Cónxuxe ou fillo minusválido cun grao de minusvalidez igual ou superior ó 75% e que necesite do concurso doutra persoa para os actos máis esenciais da vida, como comer, vestirse, desprazarse ou análogos: 1.803,04 euros/ano.

Capítulo III

Bolsas de estudios

Artigo 15º.-Alcance.

15.1. Inclúense dentro deste concepto os gastos de matrícula, libros e material escolar como consecuencia dos estudios que realice o persoal incluído no ámbito de aplicación do regulamento, os seus cónxuxes e fillos, en un dos seguintes niveis:

a) Educación infantil (0 a 5 anos), educación primaria (6 a 12 anos).

b) Educación secundaria obrigatoria. Bacharelato e/ou ciclos formativos grao medio ou superior.

c) Universidade, escolas técnicas superiores.

d) Estudios homologados polo Ministerio ou Consellería de Educación e Ciencia con validez académica.

15.2. Quedan expresamente excluídos os proxectos de carreira, fin de carreira, os doutoramentos e os másters.

15.3. Esta axuda económica concederase só sobre un nivel de estudios, carreira ou curso por ano e, no caso de solicitar varias dunha axuda económica, pagarase só unha delas, que será a que resulte máis beneficiosa para o interesado.

Artigo 16º.-Documentación.

Sen prexuízo dos datos consignados na solicitude, uniranse a esta, ademais da documentación establecida no artigo 4.1º, a seguinte:

a) Certificado de matriculación ou, no caso de universidade, fotocopia compulsada da folla de liquidación das taxas de matrícula correspondente ó curso para o que se solicite a axuda económica.

Artigo 17º.-Importe máximo destas axudas.

17.1. O importe máximo que se percibirá en concepto de axuda económica por gastos de bolsas de estudio será o seguinte:

-Estudios da alínea a): 180,30 euros.

-Estudios da alínea b): 240,40 euros.

-Estudios da alínea c): 480,81 euros.

-Estudios da alínea d): un dos anteriores segundo a homologación.

17.2. No suposto de cursar disciplinas soltas, o importe da axuda calcularase de forma directamente proporcional ó número total de disciplinas do curso correspondente. Se fosen disciplinas de distintos cursos, calcularase sobre o media de disciplinas deles.

17.3. Para efectos de cálculo do importe da axuda polos estudios da alínea c) ou homologados, non se computarán as disciplinas que se repitan por segunda vez (3ª matrícula).

Capítulo IV

Gardería e educación infantil privada

Artigo 18º.-Alcance.

18.1. Inclúense dentro deste concepto os gastos derivados da estadía en garderías ou centros privados de educación infantil, durante o curso escolar ó que se refira a oportuna convocatoria, de fillos do solicitante de ata 3 anos de idade (primeiro ciclo de educación infantil) que dependan economicamente del e que formen parte da súa unidade familiar.

18.2. Quedan expresamente excluídos dos citados gastos os correspondentes a comida, transporte, seguros, material escolar e deportivo e as denominadas actividades complementarias ou extraescolares.

18.3. Para efectos do disposto no número 1 deste artigo, entenderase por curso escolar o que vai desde o día 1 de setembro dun ano ata o día 31 de agosto do ano seguinte.

Artigo 19º.-Documentación.

Sen prexuízo dos datos consignados na solicitude, unirase a esta, ademais da documentación establecida no artigo 4.1º, a seguinte:

a) Facturas orixinais desagregadas ou fotocopias compulsadas dos gastos realizados.

Artigo 20º.-Importe da axuda.

O importe máximo a percibir polo concepto de axuda por gastos de gardería e primeiro ciclo de educación infantil privada será de 450,76 euros por fillo.

Capítulo V

Odontoloxía, oftalmoloxía e enfermidade

Odontoloxía.

Artigo 21º.-Alcance.

Inclúense dentro deste concepto os gastos por tratamentos odontolóxicos excluídos das prestación da asistencia sanitaria da Seguridade Social realizados polo persoal incluído no ámbito de aplicación do presente regulamento.

Artigo 22º.-Documentación.

Sen prexuízo dos datos consignados na solicitude uniranse a esta, ademais da documentación establecida no artigo 4.1º, a seguinte:

a) Facturas orixinais desagregadas ou fotocopias compulsadas dos gastos realizados.

Artigo 23º.-Importe máximo da axuda.

O importe máximo que se percibirá polo concepto de axuda económica de odontoloxía estará determinado polos prezos medios do tratamento odontolóxico de que se trate, non podendo exceder, en calquera caso, do límite de 1.803,04 euros por unidade familiar.

Oftalmoloxía.

Artigo 24º.-Alcance.

24.1. Inclúense dentro deste concepto os gastos realizados na adquisición, por prescrición médica, de elementos correctores da visión (lentes e lentes de contacto), realizados polo persoal incluído no ámbito de aplicación do presente regulamento, a excepción dos fillos que non figuren na cartilla sanitaria de ningún dos cónxuxes.

24.2. Esta axuda concederase só una vez cada tres anos por membro da unidade familiar, salvo que, para o caso de vidros ou lentes de contacto, exista prescrición médica que xustifique a necesidade do cambio por axuste de graduación.

Artigo 25º.-Documentación.

Sen prexuízo dos datos consignados na solicitude, uniranse a esta, ademais da documentación establecida no artigo 4.1º, a seguinte:

a) Informe do oftalmólogo do seguro médico.

b) Factura orixinal desagregada ou fotocopia compulsada do gastos realizado.

Artigo 26º.-Importe da axuda.

O importe máximo que se percibirá en concepto de axuda económica por gastos de oftalmoloxía non poderán exceder dos que se establecen a seguir:

Monturas de lentes: 120,20 euros.

Vidros: 120,20 euros.

Lentes de contacto: 120,20 euros.

Enfermidade.

Artigo 27º.-Alcance.

Inclúense dentro deste concepto, con carácter xeral, os gastos por servicios e/ou tratamentos sanitarios (médicos, hospitalarios, farmacéuticos, especiais ou de calquera outro tipo) excluídos das prestacións sanitarias da Seguridade Social, realizadas polo persoal suxeito ó ámbito de aplicación do presente regulamento, a excepción dos fillos que non figuren na cartilla sanitaria con ningún dos cónxuxes da unidade familiar.

Artigo 28º

Sen prexuízo dos datos consignados na solicitude, unirase a esta, ademais da documentación establecida no artigo 4.1º, a seguinte:

a) Informe ou prescrición facultativa do especialista do seguro médico que xustifique a necesidade do servicio e/ou tratamento recibido.

b) Factura orixinal desagregada ou fotocopia compulsada dos gastos realizados.

Artigo 29º.-Importe da axuda.

Cada solicitude será estudiada e valorada individualmente pola comisión paritaria, que propoñerá, en función da valoración das circunstancias que concorran en cada caso, o alcance e o importe da axuda económica solicitada polo traballador, sobre a que se aplicará táboa reflectida no artigo 8.2º.

Capítulo V

Adquisición de vivenda

Artigo 30º.-Alcance.

Inclúense dentro deste concepto o financiamento de xuros derivados da adquisición dunha vivenda efectuada polo traballador municipal incluído no ámbito de aplicación do presente regulamento.

Artigo 31º.-Requisitos.

Esixiranse os seguintes requisitos para poder optar a esta axuda:

a) A vivenda deberá de servir de residencia habitual e permanente do solicitante.

b) Non dispoñer ou ter disposto en réxime de propiedade doutra vivenda, agás cando a nova adqui

sición responda a unha situación de necesidade acreditada e confirmada polos servicios municipais de asistencia social; en tal caso o solicitante poderá ser beneficiario desta axuda, logo do compromiso de venda da que se pretende abandonar, e coa obrigación de notificar ó concello a dita venda e o seu importe cando se produza.

Neste suposto, e unha vez realizada a venda, a axuda que se conceda calcularase sobre a diferencia ente o valor da compra da nova vivenda e o da venda da antiga.

c) Ter un préstamo concedido por unha entidade financeira e ter satisfeito xuros no ano a que se refira o concurso de concesión de axudas económicas.

d) Ter amortizado capital, salvo situacións excepcionais que serán valoradas, dentro do ano de referencia.

Artigo 32º

Sen prexuízo dos datos consignados na solicitude, unirase a esta, ademais da documentación establecida no artigo 4.1º, a seguinte:

a) Fotocopia compulsada da póliza do préstamo hipotecario ou persoal concedido pola entidade financeira.

b) Fotocopia compulsada da escritura de compravenda da vivenda.

c) Fotocopias compulsadas dos recibos trimestrais acreditativos do pagamento ou, se é o caso, certificación expedida pola entidade crediticia, referida ó importe dos xuros pagos e do capital amortizado durante o ano a que se refira o documento.

d) Xustificación documental de que se ocupa a vivenda para a que se solicita a axuda (certificado de empadroamento ou residencia, recibos de electricidade, auga, teléfono, etc.). Esta documentación non se esixirá naqueles supostos de adquisición de vivenda en promoción e, por tanto, de atoparse aquela en construcción.

e) Declaración xurada ou baixo promesa de non posuír outra vivenda.

f) Cando a documentación presentada for insuficiente, poderase requiri-lo interesado para que a complete.

Artigo 33º.-Importe da axuda económica.

O importe máximo que se percibirá polo concepto de adquisición de vivenda será o 60% dos xuros pagados polo solicitante dentro do ano a que se refira o concurso de axuda económica e sobre un préstamo de, como máximo 30.005,61 (trinta mil cinco con sesenta e un céntimos) de euros ou, se é o caso, da cantidade debida do préstamo, referida, en ámbolos casos, ó día un de xaneiro de cada ano.