Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 30 de agosto de 2002 Páx. 12.957

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE FERROL

EDICTO.

O Concello Pleno, en sesión que tivo lugar o 30 de maio de 2002, foi aprobada inicialmente a ordenanza municipal reguladora da publicidade exterior mediante valos publicitarios ou carteis, que literalmente di:

«Ordenanza municipal reguladora da publicidade

exterior mediante valos publicitarios ou carteis

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º

1. A instalación de elementos de publicidade exteriores dentro do termo municipal de Ferrol, rexerase polo establecido no Decreto 917/1967, do 20 de abril, sobre publicidade exterior, en canto lle sexa de aplicación e pola presenta ordenanza.

2. As licencias de obras para estes elementos regularanse pola correspondente ordenanza fiscal e polas determinacións que para elas estableza esta ordenanza.

3. Considéranse valos publicitarios os soportes estructurais de implantación estática susceptibles de albergar e transmitir mensaxes integradas na modalidade visual da publicidade exterior.

Artigo 2º

Non estarán incluídos na presente regulación:

1. Os carteis ou rótulos que, nos bens sobre os que teñan título suficiente, sirvan para indica-la denominación social de persoas físicas ou xurídicas ou ó servicio de actividade mercantil, industrial, profesional ou de servicios a que estas se dediquen, sempre que se axusten ás normas contidas nas ordenanzas municipais sobre uso do solo e edificación e non teñan finalidade estrictamente publicitaria.

2. Os rótulos que se colocan nas obras en curso de execución coa finalidade de amosa-la clase de obra de que se trata, os seus executores, materiais empregados, etc., seguiranse rexendo polo establecido nas ordenanzas municipais sobre uso do solo e edificación.

3. As instalacións publicitarias que por situarse sobre soportes que poidan considerarse como pezas de mobiliario urbano ou sobre espacios de dominio público ou titularidade municipal serán obxecto de concesión.

Artigo 3º

Non se permitirá a fixación de carteis ou a execución de inscricións directamente sobre edificios, muros ou outros elementos similares, sendo precisa en todo caso, a utilización de soportes externos que cumpran as características que se sinala na presente ordenanza.

Artigo 4º

1. Para poder realiza-la actividade publicitaria será condición indispensable que as empresas ou axencias interesadas estean debidamente legalizadas no Rexistro Xeral de Empresas de Publicidade da Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social.

2. A devandita condición deberá estar acreditada ante o concello, previamente a que se formule calquera solicitude de colocación de valo publicitario; para tal fin, constituirase nas oficinas municipais o oportuno rexistro de empresas legalizadas, de acordo cos datos certificados polo citado organismo.

3. As persoas físicas e xurídicas que non teñan o carácter de empresa publicitaria unicamente poderán solicita-la instalación de valos publicitarios nos bens que utilicen no exercicio da súa actividade e tan só para facer publicidade das súas propias actividades.

TÍTULO II

Condicións dos lugares da publicidade

Artigo 5º

1. Para efectos de delimita-los lugares pendentes para a instalación de valos publicitarios, establécese a seguinte clasificación tipolóxica do termo municipal:

a) Zonas protexidas segundo distintas especificacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

b) Solo urbano, a excepción dos incluídos no punto a).

c) Reto do solo do termo municipal.

2. Para delimita-los ámbitos respectivos haberá que aterse ó disposto nas normas do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Artigo 6º

1. Nas zonas protexidas haberá que aterse ó disposto no Plan Xeral de Ordenación e nos plans especiais que o desenvolven, precisando ademais, cando se trate de zonas incluídas en recinto e conxuntos histórico-artísticos, autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Artístico e Monumental da Xunta de Galicia mentres non se aprobe o plan especial.

2. No solo urbano permitirase a instalación de valos publicitarios.

a) Nos valados de obras en edificios de nova planta mentres se atopen en construcción e durante o período de vixencia da respectiva licencia de obras.

b) Nos valados de calquera tipo de obra.

c) Nas obras de restauración total ou parcial de fachadas.

d) Nos soares que se atopen dotados de pechamento.

e) Na parede medianera dos edificios.

f) Nos pechamentos de locais comerciais desocupados e situados na planta baixa.

3. Nos restantes supostos, a instalación do valo publicitario poderá realizarse sobre o propio terreo sempre que non sexa solo rústico protexido.

Artigo 7º

Nos supostos de instalacións publicitarias situadas nas proximidades das estrados terase en conta especialmente o disposto no artigo 2º, letra g) do Decreto 917/1967, do 20 de abril, da Presidencia do Goberno.

Artigo 8º

1. Con independencia das prescricións establecidas nos artigos anteriores poderanse denegar aquelas solicitudes de licencia nas que o concello, en uso das súas competencias en materia de defensa do patrimonio urbano e o seu medio, e por consideracións de índole estética, estimase necesaria a preservación dos espacios interesados.

2. Non se tolerarán, en ningún caso, as instalacións que se pretenden situar en edificios catalogados como monumento histórico-artístico ou con nível de protección integral, ou no contorno destes cando menoscabe a súa consideración, nin as que produzan graves distorsións na paisaxe urbana ou natural.

3. De igual xeito, poderanse denegar aquelas solicitudes de licencia nas que o concello entenda que coa instalación proposta se pode danar ou compromete-la visibilidade e seguridade do tránsito rodado ou dos viandantes.

TÍTULO III

Condicións dos elementos publicitarios

Artigo 9º

Os deseños e construccións das instalacións de valos publicitarios tanto nos seus elementos, estructuras de sustentación e marcos, como no seu conxunto, deberán reuni-las suficientes condicións de seguridade, calidade e presentación estética en concordancia co contorno urbano en que se sitúen.

Artigo 10º

Co fin de garanti-las condicións indicadas no artigo anterior, esixirase sempre dirección facultativa e proxecto visado cando a instalación do elemento publicitario requira un novo elemento estructural

ou reforzamento dos existentes e ademais cando se trate de valos publicitarios, luminosos e mecánicos.

Artigo 11º

En cada valo publicitario deberá constar, en sitio ben visible, a parte do nome da empresa publicitaria, o número que se lle asigne na licencia e a data de outorgamento desta.

En caso contrario, haberá que aterse ó disposto no artigo 29º.

Artigo 12º

1. As dimensións totais dos valos publicitarios, incluídos os marcos, non poderán exceder dos 8,50 metros de alto e 0,20 metros de fondo.

2. Non obstante, poderán permitirse con carácter excepcional tamaños de valos publicitarios superiores ós fixados no epígrafe anterior, sempre e cando mediara a expresa e especial autorización municipal.

Artigo 13º

As instalacións de valos publicitarios nos lugares nos que estean permitidos, conforme o artigo 6º da presente ordenanza deberán cumpri-las seguintes condicións:

1. Nos soares con pechamento, valos de obras, estructuras de valados de obras e pechamento de parcelas con edificios desocupados e deshabitados, o plano exterior do valo publicitario non excederá o plano de aliñación oficial ou do valo de obras, se é o caso. Unicamente poderán voar por encima do devandito plano de aliñación as molduras e elementos de iluminación se os houbera.

2. En medianeiras e pechamentos de locais de edificios en construcción en planta baixa, o saínte do plano exterior do valo publicitario non excederá de 0,20 metros sobre o plano da fachada de que se trate, nin de 0,15 metros da aliñación oficial. A altura mínima do borde inferior do valo publicitario sobre a rasante oficial será de 0,20 metros. Nos casos de locais comerciais, o bordo superior do valo publicitario permanecerá por debaixo do plano inferior do forxado do solo da planta primeira. O plano da fachada do local que non quede cuberto polo valo publicitario deberá dotarse do pechamento adecuado.

3. Nos casos de terreos non clasificados como urbanos, o bordo inferior do valo publicitario terá unha altura mínima de dous metros sobre a rasante do terreo.

4. En todo caso, a altura máxima do bordo superior do valo publicitario sobre a rasante oficial ou do terreo non poderá supera-los 12 metros.

Artigo 14º

1. Permitirase a colocación de carteleiras contiguas en liña a condición de que estean separadas entre si por unha distancia de 0,25 metros.

2. No solo urbano permitirase a colocación de carteleiras superpostas cando se trate dun soar con pechamento.

3. En todo caso, a colocación de valos publicitarios superpostos quedará limitada a dúas unidades en total.

Artigo 15º

1. As instalacións publicitarias que teñan procedementos internos ou externos de iluminación ou dotadas de movemento autorizaranse nos lugares sinalados, nos que ademais estea permitido o uso industrial, comercial ou de servicio.

2. Estas instalacións non deberán:

a) Producir deslumbramento, fatiga ou molestias visuais.

b) Inducir á confusión con sinais luminosos de tráfico.

c) Impedi-la perfecta visibilidade.

d) Desmerecer da estética e decoración do lugar no que deben colocarse.

3. Nos supostos nos que o valo publicitario estea dotado de elementos externos de iluminación, estes deberán estar colocados no bordo superior do marco e o seu saínte máximo sobre o plano do valo publicitario non poderá exceder dos 0,50 metros.

4. En todo caso, cando as instalacións produzan limitacións de luces e vistas dos predios urbanos do inmoble no que estean situados ou produzan molestias ós seus ocupantes, é requisito indispensable acreditar con documento fidedigno a aceptación polos afectados das devanditas limitacións ou molestias.

TÍTULO V

Réxime xurídico dos actos de publicidade

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 16º

Os actos de instalación de valos publicitarios están suxeitos á previa licencia municipal e ó pagamento das correspondente taxas e impostos.

Artigo 17º

Os actos de publicidade exterior realizados mediante instalacións luminosas, ademais de cumpri-la normativa específica dos ditos actos, deberá acomodarse á normativa reguladora dos medios técnicos que utilicen.

Artigo 18º

No rexistro municipal de empresas publicitarias anotaranse as licencias outorgadas, data de outorgamento, prazo de vixencia, número asignado a cada valo publicitario e lugar destes.

Artigo 19º

A empresa propietaria dos valos publicitarios estará obrigada á conservación destes, ó cumprimento

das normas sobre este tipo de instalacións e a subscribir unha póliza de seguros que cubra os danos que poidan derivarse da súa colocación, mantemento e conservación dos que, se é o caso, serán responsables.

Artigo 20º

1. As licencias outorgaranse deixando a salvo dereitos de propiedade concorrentes sobre os respectivos lugares e sen prexuízo de terceiros.

2. Tampouco poderá ser invocado o devandito outorgamento para tratar de excluír ou diminuír, nalgunha forma, as responsabilidades civís ou penais, que deben ser asumidas integramente polos titulares das licencias ou propietarios das instalacións, incluso no que respecta a calquera defecto técnico da instalación ou para efectos da mensaxe publicitaria.

Capítulo II

Documentación e procedemento

Artigo 21º

1. As solicitudes de licencia para instalación de valos publicitarios deberán estar debidamente asinadas e subscritas polo interesado ou o seu mandatario no impreso oficial que para o efecto ten establecido o concello.

2. A solicitude acompañarase dos seguintes documentos:

a) Memoria descritiva da instalación que se pretende.

b) Plano de situación, acoutado ó punto de referencia máis próximo sobre cartografía oficial.

c) Bosquexo do estado actual e do estado futuro cos valos publicitarios instalados, con expresión do número de valos publicitarios e dimensións de cada un deles.

d) Fotografia en cor do lugar (mínimo 13x18).

e) Orzamento do total da instalación.

f) Proxecto técnico, nos casos previstos no artigo 10 desta ordenanza.

g) Oficios de direccións facultativas de técnicos competentes nos supostos sinalados no artigo 10 desta ordenanza.

h) Autorización da Administración central ou autonómica se fose precisa.

i) Autorización escrita do/a propietario/a do lugar.

j) Autorización de persoas afectadas cando sexa esixible.

k) A documentación sinalada entre os puntos a) ó f), ámbolos dous inclusive, presentarase por duplicado.

Artigo 22º

Para retira-la correspondente licencia será preciso, á parte do pagamento da taxa correspondente, presenta-lo impreso de alta na matrícula fiscal, debidamente formalizado.

Capítulo III

Prazo de vixencia

Artigo 23º

1. O prazo de vixencia das licencias de actos e publicidade será de dous anos, prorrogable logo de petición expresa do titular antes da súa extinción, por outro período de igual duración logo de presentación da acreditación técnica de que o valo publicitario mantén as condicións esixidas no momento da súa concesión.

2. Nembargantes, transcurridos os prazos, poderase solicitar de novo licencia para os mesmos lugares.

3. Para a obtención destas novas licencias será imprescindible presentar documentación que acredite o aboamento das taxas establecidas polo concello perante o período de vixencia da licencia anterior.

4. Terminada a vixencia dunha licencia, o seu titular verase obrigado a desmonta-la instalación correspondente, perante os oito días seguintes á súa finalización.

Artigo 24º

1. As licencias outorgadas non poderán ser obxecto de transmisión, salvo autorización expresa da Administración municipal.

2. Cando a instalación fora desmontada antes do termo da vixencia da licencia deberá comunicarse expresamente, por escrito, á Administración municipal.

3. A transmisión das licencias, no caso de seren autorizadas, non alterará, en ningún caso, os prazos de vixencia da licencia.

4. Nos supostos de transmisión de licencias sen autorización municipal quedarán o transmitente e o adquirinte suxeitos a tódalas responsabilidades que se deriven para o titular.

Artigo 25º

Os actos ou omisións que vulneren o preceptuado na presente ordenanza, teñen a consideración de infracción urbanística e, polo tanto, quedarán sometidos ás disposicións xerais do Regulamento de disciplina urbanística e ás específicas desta ordenanza.

Artigo 26º

Sen prexuízo do disposto no artigo 57 do Regulamento citado, serán responsables da infracción, con carácter principal, as empresas publicitarias ou a persoa física ou xurídica que executaran o acto publicitario e, subsidiariamente, o propietario do lugar, cando o autorizara.

Artigo 27º

1. Para a identificación das empresas propietarias dos valos publicitarios unicamente terá validez o número asignado na correspondente licencia, expresamente colocado naquelas, conforme se indica o

artigo 11º da presente ordenanza, ademais do nome comercial.

2. Para estes efectos non se considerarán elementos de identificación as marcas, sinais, productos anunciados ou outras identificacións que puideran conta-los valos publicitarios.

3. Cando o valo publicitario careza do número e/ou nome, ou cando non se corresponda co existente nos arquivos municipais, será considerada anónima, e polo tanto, carente de titular.

Artigo 28º

Para os efectos de gradua-la responsabilidade polas infraccións, estas clasificaranse en leves e graves.

1. Considéranse infraccións graves:

a) A instalación de valos publicitarios sen licencia municipal ou sen axustarse ás condicións desta.

b) O incumprimento de ordes municipais sobre corrección das deficiencias advertidas nas instalacións.

c) A colocación de instalacións creando riscos certos e importantes.

d) A reincidencia en faltas leves.

Artigo 29º

1. O importe das multas con que se sancionen as infraccións cometidas, axustarase ás prescricións do Regulamento de disciplina urbanística.

2. Especialmente, terase en conta o disposto no artigo 62 do devandito regulamento de forma que, en ningún caso, a infracción poida supoñer un beneficio económico para o infractor.

Artigo 30º

1. Á parte da sanción que en cada caso corresponda, a Administración municipal poderá dispoñe-la desmontaxe ou retirada dos valos publicitarios deberán cumprirse polos interesados no prazo máximo de oito días.

2. As ordes de desmontaxe ou retirada de valos publicitarios deberán cumprirse polos interesados no prazo máximo de oito días.

3. No caso de incumprimento, os servicios municipais procederán á execución substitutoria a custa dos obrigados, que deberán aboa-los gastos de desmontaxe, transporte e almacenaxe.

Artigo 31º

Sen prexuízo do disposto no artigo anterior, o órgano municipal competente poderá dispoñer, por razóns de seguridade, tan pronto se teña coñecemento da súa colocación, a desmontaxe daqueles valos publicitarios de instalación anónima por aplicación do artigo 29º desta ordenanza.

Artigo 32º

O réxime de recursos contra os actos dos órganos municipais, sobre as materias regulamentadas nesta

ordenanza, axustarase ás disposicións xerais da lexislación urbanística e de réxime local.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os valos publicitarios que se atopen instalados no momento de entrar en vigor a presente ordenanza, terán o prazo dun ano para adaptarse ós preceptos desta.

Segunda.-Transcorrido este período aplicarase na súa integridade o rexime disciplinario que esta ordenanza establece.

Disposición derradeira

A presente ordenanza entrará en vigor ós quince días da súa publicación xunto co acordo de aprobación definitiva».

A citada ordenanza exponse ó público polo prazo dun mes, contado a partir do día seguinte a publicación deste anuncio no DOG, quedando o expediente á disposición de todo aquel que queira examinalo na Xerencia de Urbanismo do concello en horario de oficina.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Ferrol, 26 de xuño de 2002.