Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Martes, 27 de agosto de 2002 Páx. 12.828

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 20 de agosto de 2002 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

O Decreto 310/2001, do 17 de decembro, establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, estableceuse a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Este Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e as súas modificacións (efectuadas polo Decreto 117/1999, do 23 de abril, Decreto 202/2000, do 21 de xullo, e Decreto 200/2001, do 27 de agosto), quedan expresamente derrogados polo Decreto 250/2002, do 18 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en vigor desde o día seguinte ó da súa publicación (DOG nº 148, do 2 de agosto). A través deste Decreto 250/2002, do 18 de xullo, desenvólvese o artigo 11 do citado Decreto 310/2001, do 17 de decembro.

O artigo 4.1º do Decreto 250/2002, do 18 de xullo, dispón que a Secretaría Xeral desta consellería exercerá as funcións e competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como aquelas que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do/a titular do departamento.

Así mesmo, a disposición derradeira segunda do Decreto 250/2002, do 18 de xullo, faculta a conselleira para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o seu desenvolvemento e execución.

A necesidade de acadar unha axeitada axilización administrativa que redunde en beneficio da Administración e dos administrados, sen mingua do respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe e ós principios que informan a actividade administrativa, aconsella delegar no secretario xeral o exercicio de determinadas competencias legalmente atribuídas á titular da consellería.

Facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, segundo a redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:

a) O despacho e a resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administativa que lle estean atribuídos á titular da consellería.

b) A autorización e disposición dos gastos xerais dos servicios da consellería, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como a facultade de solicitar da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos correspondentes.

c) As funcións que, como órgano de contratación, lle son atribuídas á titular da consellería pola lexislación vixente.

d) As facultades que lle corresponden á titular da consellería en materia de persoal, nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, e demais disposicións en vigor.

e) A inspección de tódolos servicios da consellería.

f) A disposición de canto concirne ó réxime interno da consellería cando non sexa competencia da consellería ou doutro centro directivo.

g) A resolución dos recursos administrativos que se interpoñan contra as resolucións dos órganos centrais e periféricos da consellería nos casos en que a delegación non estea prohibida expresamente.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 3º

En calquera momento a conselleira poderá revogar ou avoca-lo exercicio das competencias delegadas por esta orde, das que quedan excluídas, en todo caso, as recollidas no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, na súa redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 16 de decembro de 1997, sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, así como a Orde do 22 de maio de 2000, pola que se modifica a

do 16 de decembro de 1997, sobre delegación de atribucións no secretario xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan o establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción

do Emprego, Muller e Xuventude