Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 26 de agosto de 2002 Páx. 12.773

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2002, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Panrico, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico da empresa Panrico, S.A. (código de convenio nº 8200712), que se subscribiu entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta dirección xeral

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2002.

José Vázquez Portomeñe

Director xeral de Relacións Laborais

Primeiro convenio colectivo da empresa Panrico, S.A.

Galicia (Anos 2002-2004)

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo será aplicable a tódolos traballadores que presten servicios na empresa Panrico, S.A. nos seus centros de traballo actuais e futuros, sitos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Queda expresamente excluído da aplicación deste convenio colectivo todo o persoal ó que fai referencia o artigo 1.3º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Este convenio colectivo terá unha duración de 3 anos, estando vixente, polo tanto, desde o 1 de xaneiro de 2002 ó 31 de decembro de 2004.

O convenio prorrogarase automaticamente de ano en ano, salvo que sexa denunciado por escrito por calquera das partes cunha antelación mínima dun mes á data de finalización da súa vixencia, ou de cada unha das súas prórrogas. Durante o proceso de negociación e ata o asinamento dun novo, seguirá aplicándose o convenio denunciado.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As condicións de traballo e económicas pactadas neste convenio absorberán e compensarán, en cómputo anual, na súa totalidade, ás que anteriormente rexían, pola mellora pactada ou unilateralmente concedida pola empresa, convenio colectivo, calquera que for a natureza e a orixe da súa existencia. Así mesmo, os conceptos económicos establecidos neste convenio, absorberán e compensarán tódolos existentes no sector no momento do comezo da súa vixencia.

As disposicións ou resolucións legais futuras que impliquen variación económica, ou doutra índole, en todos ou nalgún dos conceptos retributivos, unicamente terán eficacia práctica se, globalmente considerados en cómputo anual, na súa orde normativa de referencia, superan o nivel total percibido, incluídas tanto as percepcións salariais como as non salariais; é dicir, tódalas retribucións que perciba o traballador por tódolos conceptos en cómputo anual, quedando, en caso contrario, absorbidas dentro deste.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

Tódolos dereitos e obrigas que se establecen neste convenio colectivo constitúen un todo orgánico e indivisible, e no suposto de que o organismo laboral ou xudicial competente, no exercicio das facultades que lle sexan propias, obxectase ou invalidase algún dos pactos, ou non aprobase a totalidade do seu contido, que debe ser un e indivisible na súa aplicación, este convenio será nulo e quedará sen efecto ningún, debendo negociarse, novamente o seu contido. Non obstante, se fose rexeitado polo organismo laboral ou xudicial competente calquera dos artigos, as partes tentarán emendalo, se proceder, a fin de evita-la nulidade do convenio.

Artigo 5º.-Garantía ad personam.

Respectaranse as situacións persoais que, globalmente e en cómputo anual, excedan deste convenio, manténdose estrictamente ad personam. No económico respectarase a cantidade económica concreta, ou ben, a fórmula de cálculo específica, segundo se realizase ata a data, manténdose estrictamente ad personam no caso concreto ou individualmente examinado.

Artigo 6º.-Normas supletorias.

Este convenio colectivo ten forza normativa e obrigará, con exclusión de calquera outro, e durante o tempo da súa vixencia, á empresa e ós seus traballadores.

Nas materias non reguladas neste convenio, e mentres non se negocien coa representación dos traballadores, considerarase norma supletoria de carácter xeral o Acordo marco estatal de pastelería, confeitería, bolería, xeladería, repostería e pratos cociñados, asinado pola Confederación Española de empresarios Artesanos de Pastelería e por CC.OO e UGT e publicado no BOE do 11 de marzo de 1996.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria que entenderá de cantas cuestións se deriven da aplicación deste convenio, composta por cinco membros representantes dos traballadores e cinco membros por parte da empresa. Esta comisión será designada por ámbalas partes, manténdose o mesmo número de compoñentes durante a vixencia deste convenio.

Artigo 8º.-Organización do traballo.

A organización práctica do traballo é facultade da dirección da empresa, a fin de que se garanta tanto a producción como a calidade do producto fabricado. Esta facultade exercerase con suxeición ás normas legais e respectando as disposicións de carácter xeral vixentes en cada momento, e sen menoscabo das competencias que, nesta materia, lles recoñecen as leis ós representantes legais dos traballadores, establecéndose a canle que asegure a correcta participación previa do comité de empresa nas súas competencias informativas e consultivas.

Artigo 9º.-Xornada.

Para o ano 2002 fíxase unha xornada anual de 1.779 horas efectivas de traballo, que será inicialmente distribuída, e sen prexuízo do acordado no calendario laboral, en 39,5 horas semanais de traballo efectivo.

Como regra xeral, a xornada será realizada en cinco días á semana, con dous días de libranza consecutivos. A devandita regra só quedará exceptuada na liña de fresco, na cal, con carácter excepcional, os días de libranza poderán ser descontinuos, sendo, cando menos un dos dous días, o sábado ou o domingo, a excepción daqueles traballadores que perciban complemento por quendas.

O sistema de libranza establecido neste artigo deberá estar implantado, nestes termos e condicións nel regulados, antes do 31 de agosto de 2002, debendo a empresa realizar, antes da citada data, as necesarias adaptacións no sistema actual de producción a fin de facer posible a súa implantación.

Como consecuencia das características da empresa e dos productos que se elaboran neste centro de traballo, por razóns técnicas e organizativas, os domingos considéranse productivos coma o resto dos días da semana.

Artigo 10º.-Horario de traballo.

Os horarios de traballo, así como os días de descanso, son os establecidos na actualidade na empresa para cada colectivo e quenda de traballo, de acordo cos que figuran no calendario laboral, por iso, calquera modificación sobre o calendario e horario fóra do contemplado neste convenio, deberá ser previamente discutido co comité de empresa.

Artigo 11º.-Distribución da xornada.

A empresa, respectando o número de horas laborables de cada ano, poderá acordar e levar a cabo, a partir do 1 de xaneiro de 2002, logo de discusión

co comité de empresa, a distribución da xornada de forma irregular, en atención ás necesidades productivas.

O número máximo de horas anuais non poderá ser superior, para o ano 2002, a 1.779 horas; para o 2003 a 1.769 horas, e para o 2004 a 1.761 horas.

No suposto de que a empresa acordase a distribución irregular da xornada, deberao realizar sen superar en ningún caso os seguintes límites:

-A distribución irregular non poderá realizarse en máis de dous días á semana, nin en máis de dúas semanas consecutivas, nin en máis de dez semanas ó ano.

-Ademais, a xornada ordinaria diaria non poderá ser incrementada por riba das nove horas diarias de traballo efectivo, tendo a consideración de xornada ordinaria a que resulte de dividi-la xornada anual polos días efectivos de traballo de cada liña conforme os calendarios laborais.

-O traballador deberá recibir comunicación por escrito, cando menos con cinco días de antelación, salvo cando concorran circunstancias productivas excepcionais ou imprevisibles nas que, logo de coñecemento do comité de empresa, o prazo será de corenta e oito horas de antelación.

-Nos supostos de prolongación de xornada, conforme o acordado neste precepto, o tempo de descanso será de quince minutos, considerándose, neste suposto, como tempo de traballo efectivo.

-O tempo que exceda da xornada diaria ou semanal acumularase de tal maneira que a súa compensación en descanso se efectúe en días completos.

-Os días de compensación e descanso desfrutaranse, a elección do traballador, acumulándoos ós períodos vacacionais do verán, o Nadal ou a Semana Santa, ou nos primeiros ou últimos días da semana dentro dos dous meses seguintes á súa realización. No suposto de que o traballador optase por desfruta-lo descanso nos primeiros ou últimos días da semana, o citado descanso deberá ser desfrutado de maneira efectiva, necesariamente, nos dous meses seguintes á súa opción, a fin de adecualo ás necesidades productivas e de organización da empresa, sen que en ningún caso poida excederse o dito límite sen ter desfrutado o descanso.

Ós traballadores que teñan acreditada a diminución da súa capacidade física co correspondente informe oficial, non se lles ampliará a xornada, agás aceptación voluntaria, e deberán, se o solicitan, ser trasladados a un posto de traballo máis acorde coas súas capacidades físicas. Esténdese o anteriormente reflectido para as mulleres embarazadas.

Igualmente os traballadores que teñan que cumprir cun deber inescusable de carácter persoal, quedarán exentos de amplia-la xornada, logo de comunicación e posterior xustificación.

Artigo 12º.-Calendario laboral.

O calendario laboral establecerase anualmente, mediante acordo entre os representantes legais dos traballadores e a dirección da empresa. As negociacións iniciaranse no último trimestre do ano anterior ó calendario que se vai fixar, unha vez publicado o calendario oficial de catorce festivos anuais pola autoridade laboral competente. En caso de desacordo, presentarase ante a autoridade laboral, para que esta resolva.

Artigo 13º.-Vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán anualmente de trinta días de vacacións retribuídas con tódolos conceptos salariais, que serán desfrutadas preferentemente entre os meses de xuño a setembro, salvo acordo das partes ou necesidade organizativa acreditada.

Os traballadores que ingresen ou cesen no transcurso do ano terán dereito á parte proporcional das vacacións, segundo a lexislación vixente.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias.

Terán consideración de horas extraordinarias aquelas que superen as pactadas para cada ano en cómputo anual ou, se é o caso, superen os límites establecidos para a distribución irregular da xornada diaria e semanal.

Ámbalas partes comprométense a reducir ó máximo as horas extraordinarias, a través da utilización das canles contempladas neste convenio.

No suposto de ser necesaria a súa realización, por motivo de pedidos imprevistos, reparación de sinistros ou avarías, as horas extraordinarias realizadas por estas causas, dentro do máximo establecido, serán consideradas como horas estructurais.

As horas derivadas de forza maior serán de obrigado cumprimento.

As horas extraordinarias, que serán voluntarias, aboaranse cunha recarga do 100% do salario base/hora.

Á elección do traballador, as horas extraordinarias poderanse compensar por tempo libre na proporción dunha hora por dúas, debéndose acumular por semanas completas e establecéndose as datas de desfrute entre empresa e traballador.

Artigo 15º.-Retribucións.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito ás retribucións establecidas nas táboas salariais que, como anexo, figuran neste convenio.

Artigo 16º.-Antigüidade.

O persoal afectado por este convenio percibirá, en concepto de complemento persoal de antigüidade, unha contía fixa por cada 3 anos de servicios prestados á empresa, de acordo coas táboas anexas.

A data inicial do cómputo de antigüidade será a do ingreso do traballador na empresa.

Establécese unha limitación de 10 trienios para tódolos traballadores.

Artigo 17º.-Nocturnidade.

Os traballadores que de maneira efectiva realicen a xornada nocturna, comprendéndose como tal a realizada entre as 22 horas e as 6 horas do día seguinte, terán un incremento dun 40% sobre o salario base.

Cando a xornada do traballador comprenda, unicamente, parte do horario nocturno, percibirá o incremento soamente en proporción ás horas traballadas dentro do horario fixado. Este complemento de nocturnidade aboarase unicamente nos días ou meses en que se efectúe, salvo a aqueles traballadores que acrediten a realización de xornada nocturna de forma habitual, que terán dereito a percibilo en período vacacional.

Artigo 18º.-Complemento dominical.

Todos aqueles traballadores que presten os seus servicios de maneira efectiva en domingo, terán dereito a percibir, a partir da data de asinamento deste convenio, un complemento salarial denominado complemento dominical, o importe de cal é de 18,03 euros por cada xornada de domingo efectivamente traballada.

O aboamento do complemento dominical regulado neste artigo, efectuarase con carácter mensual, a partir da data de asinamento do convenio.

Artigo 19º.-Complemento festivos.

Como consecuencia das características dos productos que se elaboran no centro de traballo, e por razóns técnicas e organizativas, ámbalas partes acordan, expresamente, traballa-los días festivos conforme o calendario laboral, librándose o día anterior ó festivo.

Todos aqueles traballadores que presten os seus servicios de maneira efectiva en festivo, terán dereito a percibir, a partir da data de asinamento deste convenio, un complemento salarial denominado complemento festivos, o importe do cal é de 27,05 euros por cada xornada de festivo efectivamente traballada.

O seu aboamento efectuarase con carácter mensual, a partir da data de asinamento do convenio.

Artigo 20º.-Pagas extraordinarias.

Establécense, para tódolos traballadores, tres pagas extraordinarias: unha en marzo, que corresponde á de beneficios, calculándose a razón do nove por cento do salario base máis antigüidade en cómputo anual; caso de ser inferior, será o que lle corresponda por 30 días de salario base máis antigüidade. Outra no mes de xuño, e a terceira no Nadal. As dúas aboaranse a razón de 30 días de salario base máis antigüidade e pagaranse os días 15 de xuño e 15 de decembro, respectivamente.

Artigo 21º.-Complemento de transporte.

Establécese un complemento de transporte de carácter inabsorbible, na contía de 1,90 euros dia

rios. Este complemento, que percibirán tódolos traballadores, aboarase unicamente os días realmente traballados, e aboarase tamén no mes de vacacións.

Artigo 22º.-Incrementos salariais.

Establécese, para cada ano de vixencia deste convenio colectivo, un incremento, sobre as táboas e demais complementos de carácter retributivo, en igual contía que o IPC estatal previsto para cada ano de vixencia.

No suposto de que o IPC real do Estado superase o incremento salarial aplicado a cada ano, levarase a cabo unha revisión salarial, en igual contía que o exceso que, de se-lo caso, resulte, con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de cada ano.

Artigo 23º.-Préstamos.

Durante a vixencia deste convenio, o fondo destinado a un préstamo sen xuros fíxase en 29.149,09 euros, para préstamos por un importe máximo de 2.404,05 euros amortizables en dous anos, en 15 pagas anuais. Para a concesión destes prestámos esixirase un ano de permanencia na empresa. A petición de calquera das partes poderá constituírse unha comisión de catro membros integrado por dous representantes da empresa e dous membros do comité, co fin de velar polo cumprimento e concesión dos prestámos regulados neste artigo.

Artigo 24º.-Axuda escolar.

Establécese unha axuda de 125,92 euros para o ano 2002, por unha soa vez, que se aboará no mes de setembro de cada ano, para tódolos fillos de traballadores con idades comprendidas entre os 0 e os 18 anos, cumpridos dentro do ano 2002 e sempre que o 31 de agosto non superasen a devandita idade máxima. No suposto de que o pai e a nai traballen na empresa, soamente terá dereito a esta percepción un deles. A axuda escolar incrementarase, nos anos sucesivos de vixencia de convenio, no IPC estatal previsto para cada ano.

Artigo 25º.-Axuda a diminuídos físicos e psíquicos.

Establécese unha axuda mensual de 91,29 euros para o ano 2002, para os fillos, irmáns ou cónxuxes dos traballadores que teñan o 33%, polo menos, de minusvalidez recoñecida como tal pola Seguridade Social ou documento legal, sempre e cando o minusválido estea a cargo do traballador. A axuda establecida neste artigo verase incrementada, nos anos sucesivos de vixencia de convenio, no IPC estatal previsto para cada ano.

Os dereitos recoñecidos ó cónxuxe entenderanse igualmente aplicables ás parellas de feito, sempre que esta situación sexa debidamente acreditada mediante inscrición en rexistro para tal efecto.

Artigo 26º.-Incapacidade temporal.

No suposto de enfermidade común ou accidente non laboral, e sempre que o traballador reúna o perío

do de carencia que a Seguridade Social establece para ter dereito á prestación de IT, percibirá, durante os 10 primeiros días do proceso, un complemento equivalente á diferencia existente entre o importe das prestacións da Seguridade Social e o 80% do seu salario bruto sen locomoción.

O dito complemento será do 100% desde o asinamento deste convenio ata decembro do ano 2002.

No suposto de que o índice de absentismo do segundo semestre do ano 2002 non superase o índice de absentismo por enfermidade común do ano anterior, aboarase, igualmente, o 100% durante todo o ano 2003. E no suposto de que a citada medida non xere nese ano un incremento do absentismo sinalado, aboarase en igual contía no ano 2004.

A partir do décimo primeiro día, e en calquera caso, e ata un máximo de 18 meses, o traballador percibirá o complemento equivalente á diferencia existente entre as prestacións da Seguridade Social e o 100% do seu salario bruto, igualmente sen locomoción.

Así mesmo, e reunindo o requisito anterior do período de carencia, aboarase, igualmente, o complemento equivalente á diferencia existente entre as prestacións da Seguridade Social e o 100% do seu salario bruto, sen locomoción, a partir do primeiro día e ata un máximo de 18 meses, nos casos de ingreso en hospital, operación, maternidade, e accidente de traballo ou enfermidade profesional.

Para estes efectos entenderase por salario bruto: salario base, máis antigüidade se a houber e demais complementos salariais.

Artigo 27º.-Incentivo para a reducción de absentismo.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a percibir un complemento salarial como incentivo para a reducción do absentismo, que se pagará no mes de setembro.

O devandito incentivo, que se repartirá linealmente entre tódolos traballadores, será o resultante de aplicar un 0,5% da masa salarial para cada ano de vixencia do convenio, acumulándose este importe, cada ano, á paga de setembro.

Este incentivo será aboado sempre e cando o índice de absentismo xeral do ano non supere o 4%.

Para obter este índice de absentismo, sumarase a totalidade das ausencias que se produzan por enfermidade, accidente, permiso retribuído e sen retribuír, atrasos e ausencias non xustificadas.

Computaranse como días efectivamente traballados, os establecidos en cada calendario laboral.

Á petición de calquera das partes poderá constituírse unha comisión de seguimento do acordado neste artigo composta por dous membros designados pola empresa e dous membros do comité de empresa.

Artigo 28º.-Póliza de accidentes.

A empresa virá obrigada a concertar, con primas íntegras ó seu cargo, unha póliza de seguros para a cobertura e os riscos de morte e invalidez, por accidente de traballo durante as 24 horas do día, garantindo a percepción da indemnización de 30.050,61 euros no suposto de falecemento, e igual cantidade no suposto de incapacidade permanente total absoluta.

Artigo 29º.-Falecemento.

No suposto de falecemento dun traballador afectado por este convenio, estando en activo e sempre que acredite, como mínimo, 5 anos de prestación de servicios na empresa, esta, aboaralles ós seus herdeiros, ou á persoa que o traballador expresamente designase, en concepto de indemnización por defunción, dúas mensualidades de salario.

Artigo 30º.-Dereitos sindicais.

En canto ós dereitos de representación colectiva, ámbalas partes comprométense a rexerse pola lexislación vixente. Entre os membros do comité de empresa poderanse cede-las horas sindicais que lles correspondan en beneficio dalgún ou algúns dos seus membros, podéndose acumular por períodos anuais, sempre e cando exista comunicación previa á dirección da empresa mediante escrito cunha antelación de, cando menos, 15 días naturais.

Artigo 31º.-Licencias retribuídas.

As licencias serán retribuídas logo de aviso e xustificación, con dereito a remuneración, polos motivos seguintes:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días en caso de parto da esposa, no caso de enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Se o traballador necesitase desprazarse fóra do domicilio habitual, será de catro días.

c) Dous días por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

e) Un día en caso de bautizo, primeira comuñón e casamento de parentes de primeiro grao.

Os dereitos recoñecidos ó cónxuxe entenderanse igualmente aplicables ás parellas de feito, sempre que esta situación sexa debidamente acretada mediante inscrición en rexistro para tal efecto.

Artigo 32º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitaralles a todos e cada un dos traballadores as roupas de traballo regulamentarias segundo as diferentes categorías profesionais e as tarefas que van realizar. Cada peza terá un valor en puntos, podendo o traballador escoller anualmente entre tódalas pezas de roupa por un valor idéntico

ó total de puntos asignados á dotación que a seguir se detalla:

* Roupa de traballo:

-Producción homes:

PezaValorTot. punt.

Pantalón 1,08

Camisa m/c0,88

Camisa m/l0,89

Cazadora1,13

Gorra 0,47

Zapatilla (*)2,0612

-Mantemento:

PezaValorTot. punt.

Pantalón 0,93

Camisa m/c0,76

Camisa m/l0,78

Cazadora0,98

Xersei1,76

Chaleco1,4513

-Producción mulleres:

PezaValorTot. punt.

Pantalón 0,93

Casaca m/c1,03

Casaca m/l1,03

Rebeca1,64

Cofia0,40

Zapatilla (*)1,7212

-Supervisores:

PezaValorTot. punt.

Americana (veran)2,71

Pantalón (vran.)1,00

Camisa m/c0,28

Americana (inv.)2,47

Chaquetón2,59

Pantalón (inv.)0,90

Camisa m/l0,30

Gravata0,1313

-Cobertura:

PezaValorTot. punt.

Pantalón 1,12

Camisa m/c0,85

Camisa m/l0,86

Cazadora1,17

Gorra0,46

Zapatilla (*)2,0012

-Vendedores:

PezaValorTot. punt.

Pantalón (vran.)1,32

Polo0,76

Camisa (inv.)0,60

Pantalón (inv.)0,60

Cazadora1,81

Chaleco1,25

Poncho0,91

Xersei1,31

Gravata0,3014,5

-Almacén:

PezaValorTot. punt.

Pantalón (vran.)0,87

Pantalón (inv.)1,55

Camisa m/c0,62

Camisa m/l0,63

Xersei1,44

Chaleco1,19

Cazadora0,0113

(*) O actual equipamento será substituido e sacado do sistema de puntos no suposto de que o Servicio de Prevención considere necesario a utilización dun EPI.

As pezas de roupa relacionadas serán todas elas de utilización obrigatoria por parte do persoal durante a xornada laboral.

Artigo 33º.-Xubilación anticipada.

Os traballadores que se xubilen con 65 anos de idade, e conten cunha antigüidade mínima de 15 anos ó servicio da empresa, percibirán desta, como premio de xubilación, dúas mensualidades de salario.

Por cada cinco anos máis de antigüidade, a partir dos citados quince, o dito premio incrementarase en 60,10 euros máis sen limitacións.

Con independencia do anterior, os traballadores que se xubilen con anterioridade ós 65 anos percibirán en concepto de premio de xubilación as seguintes cantidades:

-Ós 60 anos: 1.081,82 euros.

-Ós 61 anos: 1.009,70 euros.

-Ós 62 anos: 937,58 euros.

-Ós 63 anos: 793,34 euros.

-Ós 64 anos: 721,21 euros.

Artigo 34º.-Cota sindical.

No relativo a este artigo seguiranse as normas establecidas no Estatuto dos traballadores, en relación coa Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 35º.-Dereito de reunión.

Os traballadores afectados polo presente convenio colectivo teñen dereito a reunirse en asemblea, conforme as condicións e límites establecidos no Estatuto dos traballadores.

Artigo 36º.-Retirada do carné de conducir.

Se como consecuencia de neglixencia na conducción, alcoholismo, drogas ou faltas á autoridade lle fose retirado o carné de conducir a algún traballador, cun traballo habitual que esixa del a conducción dun vehículo, a empresa estudiará a dita retirada co comité de empresa para lle buscar unha solución ó problema.

Sempre e cando se produza a retirada do carné de conducir por un período inferior a 18 meses, e como consecuencia dalgunha causa producida en

horas de traballo, a excepción das sinaladas no parágrafo anterior, a empresa respectaralle a categoría profesional ó vendedor ou conductor durante o período de retirada, percibindo os importes fixos da súa categoría laboral, sen comisións, e acoplándoo a calquera posto existente nese momento na empresa determinado pola dirección. En ningún suposto, a cantidade que deba aboa-la empresa durante este período a calquera traballador poderá exceder do que perciba un vendedor sen comisións.

Se a retirada do carné de conducir se efectúa fóra das horas de traballo, a empresa acoplará o traballador noutro posto de traballo, sempre e cando o interesado reúna as condicións para ocupar este, aboándolle, exclusivamente, o salario correspondente ó novo posto de traballo.

No caso de retirada do carné de conducir e sempre e cando o traballador afectado non desfrutase as súas vacacións anuais, estas contarán dentro do período de retirada.

Artigo 37º.-Anticipos.

Todos os traballadores da empresa poderán solicitar anticipos de ata o 90% do seu salario devengado no dito mes. O seu aboamento realizarase como máximo ós tres días de o ter solicitado.

Artigo 38º.-Diminución da capacidade laboral.

O traballador que por causas non imputables a este, nin estrañas á empresa, perdese ou sufrise unha diminución na súa capacidade laboral, deixando de ser apto para o posto que ocupa, terá a facultade de solicitar outro destino para o que demostre aptitude, coa asignación, para tódolos efectos, da nova categoría correspondente. A empresa satisfará a dita solicitude ó producirse a primeira vacante.

Artigo 39º.-Cobertura de vacantes.

1. Dentro de cada departamento, o persoal que preste os seus servicios neste, e subsidiariamente o resto do persoal do cadro, terá dereito preferente ás vacantes que teñan que se cubrir e postos de nova creación, e de non existir candidato idóneo, unha vez realizadas as probas a que se refiren os parágrafos seguintes, a empresa poderá recorrer á contratación externa.

2. Nos casos de promoción interna a un novo posto de traballo ou a un posto vacante de categoría superior, esta efectuarase de conformidade coas seguintes normas:

a) O nomeamento para funcións de mando recaerá sobre o persoal que unilateralmente designe a dirección da empresa.

b) Tódolos demais ascensos se realizarán por concurso-oposición baseado en méritos e probas con suxeición ós criterios que se establecen nos puntos 3 e seguintes deste artigo.

3. A dirección publicará nos taboleiros de anuncios as normas ás que se terá que axusta-lo concurso-oposición mediante convocatoria, da que se entregará

con antelación copia á representación dos traballadores, e na que consten aspectos como os seguintes:

a) Denominación e descrición resumida das funcións do posto de traballo con indicación da unidade organizativa á que pertence.

b) Categoría do posto de traballo.

c) Aptitudes psicofísicas esixidas polo posto.

d) Formación e experiencia mínima requiridas.

e) Se é o caso, programa de materias sobre as que terían que versa-las probas técnicas e prácticas.

f) Forma, prazo e lugar de presentación das solicitudes e departamento ó que deberán ser dirixidas.

g) Lugar, data e hora da celebración das probas e composición do tribunal cualificador.

h) Período de formación e adaptación requirido para a definitiva consecución dos dereitos inherentes á obtención da categoría. Na fixación deste período, serán os propios establecidos para os períodos de proba.

4. O tribunal cualificador estará composto por catro membros, dous deles elixidos polo comité de empresa de entre tódolos R.L.T. e outros dous pola dirección da empresa.

5. A cualificación de méritos e probas será efectuada polo tribunal seguindo os criterios e normas de actuación seguintes:

a) Exame médico. Considerarase eliminatorio. O servicio médico de empresa emitirá dictame de apto ou non apto.

b) As probas psicotécnicas, que se considerarán así mesmo eliminatorias, serán realizadas e avaliadas entre 0 e 100 puntos por persoal técnico especializado nesta materia.

c) As probas de coñecementos básicos e específicos e o exame práctico terán tamén o carácter de eliminatorio, debéndose encarga-la súa realización a expertos de empresas coas que se colabore na realización dos programas de formación continua, que así mesmo avaliarán os seus resultados entre 0 e 100 puntos.

Para poderen ser declarados aptos, os concursantes deberán obter máis de 50 puntos en cada unha das puntuacións previstas para as probas psicotécnicas, exame de recoñecementos básicos, exame de coñecementos específicos e exame práctico.

6. A selección definitiva para cubri-la vacante anunciada na convocatoria do concurso-oposición farase por acordo unánime do tribunal cualificador. De non se obter acordo unánime, a praza adxudicaráselle ó candidato que obtivese maior puntuación sumando as cualificacións das probas referidas nas alíneas b) e c) do parágrafo 5.

7. No suposto caso de que, e a criterio do tribunal cualificador, houbese máis dun candidato igualmente idóneo, escolleríase a aquel que acreditase unha antigüidade maior.

8. Os postos de porteiro, cobrador, vixilante e mandadista proveranse entre o persoal da empresa que, como consecuencia de accidente ou incapacidade, teña diminuída a súa capacidade e, preferentemente, entre os que non poidan desempeñar outro oficio ou emprego con rendemento normal polas ditas causas.

Artigo 40º.-Categorías profesionais.

Clasificación do persoal ó servicio da empresa.

A estructura profesional dos traballadores da empresa estará composta dos seguintes grupos profesionais e categorías, o cal non supón a obriga de ter provistos tódolos grupos enunciados, así como tampouco as categorías profesionais en que se dividen, se as necesidades da empresa non o requiren.

Grupos profesionais:

I. Técnicos.

II. Administrativos.

III. Subalternos.

IV. Mercantís.

V. Obreiros.

Grupo I. Técnicos: quedan clasificados neste grupo os que realizan traballos que esixan, con titulación ou sen ela, unha adecuada competencia ou práctica exercendo funcións de tipo facultativo, técnico ou de dirección especializada.

Grupo II. Administrativos: quedan clasificados neste grupo os que realicen traballos de mecánica administrativa, contables e outros análogos non comprendidos no grupo anterior.

Grupo III. Subalternos: quedan clasificados neste grupo os que desempeñen funcións para as que non se require máis cultura que a primaria e reúnan os requisitos que en cada caso se sinalen.

Grupo IV. Mercantís: quedan clasificados neste grupo os que desempeñen funcións de exposición, venda e/ou repartición de productos, ben de forma directa, ou sexa en relación co cliente, ben de forma indirecta, ou sexa dirección, xestión, supervisión, tanto do persoal propio como a relación co cliente.

Grupo V. Obreiros: quedan clasificados neste grupo os que executen fundamentalmente traballos de índole material ou mecánico non comprendidos en calquera dos grupos anteriores.

Nos anteriores grupos comprenderanse as seguintes categorías profesionais, coas súas correspondentes definicións:

Técnicos.

1. Titulados.

-Técnico titulado de grao superior. É quen, en posesión de título académico superior, desempeña na empresa funcións propias da súa titulación.

-Técnico titulado de grao medio. É quen, en posesión de título académico de grao medio, desempeña na empresa funcións da súa titulación.

2. Non titulados.

-Director de departamento. É quen asume a responsabilidade dun departamento, aínda que non teña titulación.

-Xefe de producción. É quen, baixo as ordes inmediatas da dirección, coordina e controla as distintas seccións, desenvolvendo os correspondentes plans, programas e actividades, ordenando a execución dos traballos e respondendo ante a empresa da súa xestión.

-Encargado. É quen, con coñecementos técnicos e prácticos acreditados, e ás ordes do director de departamento, dirixe o traballo dos xefes de sección e é responsable da forma de se ordenar aqueles e da súa disciplina.

-Xefe de taller. É quen, ás ordes da empresa, leva, por delegación, a dirección do taller, e sabe executar, formular e preparar tódolos traballos que neste se realicen.

-Xefe de Sección. É quen, con coñecementos técnicos e prácticos acreditados, dirixe o traballo dos oficiais seguindo instruccións do seu superior inmediato e é responsable da forma de se ordenar, aqueles, e da súa disciplina.

3. Laboratorio.

-Técnico de laboratorio. É quen, coa titulación adecuada e a iniciativa e responsabilidade necesaria, con ou sen empregados ó seu cargo, cun alto grao de coidado e precisión, realiza as seguintes funcións:

Análise, dosificación de fórmulas e determinacións de laboratorio, calculando os correspondentes resultados; obtención de mostras; certificados de calidade; boletíns de análise; tarefas de mostraxe para control de calidade; elaboración de normas; informes sobre análises e especificacións de tipo analítico para primeiras materias, producto acabado e productos intermedios; desenvolvemento de probas industriais en planta piloto e fabricación ou outras similares; coidado do bo funcionamento dos aparellos e da súa homologación; aprovisionamento e arquivo de materiais e aparellos de laboratorio, reactivos e materias primas para a elaboración de fórmulas; mantemento do equipo, material e célula de traballo. É o responsable da aceptación de calidade do producto acabado que controla. Precisa coñecementos de manexo de aparellos sofisticados, técnica analítica e manexo de instrumentación de alta precisión e complexidade.

-Auxiliar de laboratorio. É quen, baixo a supervisión do técnico de laboratorio, realiza análises, dosificación de fórmulas e determinacións de laboratorio, coida do bo estado dos aparellos e da súa homologación, ocúpase da obtención de determinadas mostras de forma conveniente e de estende-los certificados de calidade e boletíns de análise.

Administrativos.

-Secretario/a de departamento. É o traballador que, con coñecementos completos de administración, realiza as funcións que o seu mando directo, ou sexa,

o director de departamento, lle encomende realizar. Entre as súas calidades específicas deben consta-la discrecionalidade, confidencialidade e responsabilidade, dadas as características peculiares do posto.

-Oficial de 1ª administrativo. É o traballador con servicio determinado ó seu cargo que, con iniciativa e responsabilidade restrinxidas, con ou sen empregados ás súas ordes, executa algún dos seguintes traballos: funcións de cobro e pagamento, dependendo directamente dun xefe e desenvolvendo o seu labor como axudante ou auxiliar deste, sen ter sinatura nin fianza; facturas e cálculo destas, sempre que sexa responsable desta misión, cálculo de estatística, transcrición en libros de contas correntes, diario maior, corresponsais, redacción de correspondencia con iniciativa propia, liquidacións, e cálculo das nóminas de salarios, soldos e/ou operacións análogas. Inclúense nesta categoría os taquimecanógrafos nun idioma estranxeiro.

-Oficial de 2ª administrativo. É o traballador con iniciativa restrinxida e con subordinación a xefe ou oficiais de primeira, se os houbese, que efectúa operacións auxiliares de contabilidade coadxuvantes destas, organización de arquivos ou ficheiros, correspondencias sen iniciativa e demais traballos similares. Nesta categoría incluiranse os taquimecanógrafos en idioma nacional.

-Auxiliar administrativo. É o traballador que sen iniciativa propia se dedica dentro da oficina a operacións elementais administrativas e, en xeral, ás puramente mecánicas inherentes ó traballo naquelas. Nesta categoría intégranse os telefonistas e mecanógrafos.

Subalternos.

-Porteiro. É quen realiza as funcións de control e identificación das persoas que acceden ó recinto da empresa.

-Mandadista. É quen realiza xestións externas (ingresos e cobros en bancos e caixas, presentación de documentos en centros oficiais e privados, xestións esporádicas de cobro, transporte de correo, etc.) con carné de conducir ou non, encomendadas polo seu inmediato superior e dá conta a este do resultado obtido.

Mercantís.

-Xefe de área. É quen xestiona a acción de venda, obxectivos e/ou promoción na área xeográfica encomendada polo director do departamento e baixo as ordes deste, efectuando contactos cos clientes e dirixindo o labor do persoal integrado na súa área.

-Xefe de clientes especiais. É quen, baixo as ordes do director do departamento, se responsabiliza das xestións de negociación, promoción e venda cos clientes especiais, denominados así polo volume da súa facturación.

-Supervisor. É quen, ás ordes do seu mando superior, efectúa actividades para potencia-las vendas das rutas asignadas, supervisando, controlando e ins

truíndo o grupo de vendedores asignados ó seu cargo e realizando as outras tarefas propias do seu posto.

-Vendedor autovenda. É quen se ocupa de efectuar previamente o pedido do xénero que hai que servir, o transporte, venda e colocación deste en expositores ou lineais, conducindo o vehículo apropiado para as vendas que se van realizar, efectuando os traballos de carga e descarga deste, cobro e liquidación da mercadoría, retirada de cestas e dos productos caducados na cantidade que autoriza a empresa e, se é o caso, actividades de oferta e entrega de carteis destes, informando ó seu supervisor ou mando superior, no posible, de calquera incidencia na ruta, comunicándolle ó taller mecánico de calquera anomalía no vehículo e coidando da conservación e boa presentación deste. A limpeza e o mantemento do vehículo correrá a cargo do taller mecánico.

Nas delegacións que non dispoñan de taller mecánico o traslado dos vehículos fóra da xornada será a conta da empresa.

Obreiros.

1º mantemento:

-Oficial de 1ª de mantemento. É quen, tendo a cualificación do dito oficio e estando capacitado para efectua-las funcións asignadas a esta categoría, posúe ademais as condicións especiais e os coñecementos necesarios polo que se lle poden esixir capacidade para actuar con iniciativa e toma de decisións, efectuando diagnósticos e reparacións de máquinas, instalacións ou edificios de todo tipo, ou calquera traballo dos usualmente a él encomendados con ou sen necesidade de supervisión de instruccións particulares sobre estes.

-Oficial de 2ª de mantemento. Integra esta categoría quen, sen chegar á perfección esixida para os oficiais de 1ª de mantemento, executa as tarefas antes definidas coa suficiente corrección e eficacia.

-Especialista de mantemento. É quen axuda na realización das tarefas encomendadas ós oficiais de primeira e segunda de mantemento, estando capacitado para suplir a estes últimos en caso de ausencia, mentres dure esta situación.

-Axudante de mantemento. É quen axuda na realización das tarefas encomendadas ós oficiais de primeira e segunda, estando capacitado para suplir a estes últimos en caso de ausencia, mentres dure esta situación, con menos de catro anos de antigüidade na empresa.

2º Producción.

-Oficial de 1ª de producción. É quen, coa debida perfección e adecuado rendemento, executa con iniciativa e responsabilidade, baixo as ordes do seu mando correspondente, todos ou algúns dos labores propios deste, con productividade e resultados correctos, coñecendo as máquinas, aparellos e ferramentas que teña ó seu cargo para coidar da súa normal eficacia e conservación, poñendo en coñecemento dos seus superiores calquera desperfecto

que observase e que poida diminuí-la produción. Igualmente quedará adscrito a esta categoría quen se dedica a oficios complementarios da producción, tales como envasado, empaquetado, etiquetaxe, acabamento e demais servicios complementarios das seccións de producción realizándoos tanto a máquina como á man, coa debida perfección e adecuado rendemento.

Integran esta categoría os oficiais ós que se lles esixa:

-Execución perfecta do traballo a partir de instruccións moi xerais (documentación, fórmulas, tecnoloxías, etc.) e baixo lixeira supervisión, necesitando iniciativa e toma de decisións con autonomía de xuízo.

-Responsabilidade sobre máquinas e instalacións de producción de alta complexidade (a súa conservación, limpeza, etc.).

-Responsabilidade sobre a producción propia das instalacións ó seu cargo, cun alto nivel de calidade (pesaxe, formulación, homoxeneizado, etc.).

-Aptitude e experiencia para determinar, ó tacto ou á vista, o estado dun proceso calquera con precisión e toma de responsabilidade en calidade e cantidade.

-Constante atención a aparellos de control diversos (temperaturas, presións, etc.), ou gráficos.

-Execución perfecta do traballo que requira aptitude para a toma de responsabilidade en calidade e cantidade dun envasado, con autonomía de xuízo e toma de decisións.

-Responsabilidade sobre máquinas, instalacións de envasado, acabamento ou empaquetado de alta complexidade (conservación, limpeza, etc.).

-Responsabilidade sobre o envasado e acabado propio nas instalacións ó seu cargo cun alto nivel de calidade (peso, presentación, acabado, etc.).

-En xeral, domina-la súa especialidade de maneira segura e autónoma nos límites das condicións normais.

-Oficial de 2ª de producción. Integra esta categoría quen, sen chegar á perfección esixida para os oficiais de 1ª, executa as tarefas antes definidas coa suficiente corrección e eficacia, baixo as ordes do seu mando correspondente.

-Axudante producción. É quen axuda na realización das tarefas encomendadas ós oficiais de primeira e segunda de producción, estando capacitado para suprir a estes últimos en caso de ausencia, mentres dure esta situación.

3º Almacén.

-Oficial de 1ª de almacén. É quen está encargado de despacha-los pedidos nos almacéns, recibi-las mercadorías e distribuílas nos andeis ou lugares sinalados, rexistrando nos libros ou follas de material o movemento que se producise durante a xornada,

así como as operacións de manipulación e mobilidade de productos, caixas, cestas, entre outros, baixo as ordes do seu mando correspondente. Encádranse tamén nesta categoría os conductores de carreta mecánica.

-Oficial de 2ª de almacén. É o traballador que ten ó seu cargo labores manuais ou mecánicos no almacén e axuda á medición, pesaxe e traslado das mercadorías, baixo as ordes do seu mando correspondente.

-Axudante de almacén. É quen axuda á realización das tarefas encomendadas ós oficiais de primeira e segunda de almacén, estando capacitado para suplir a estes últimos en caso de ausencia, mentres dure esta situación.

4º Almacén/delegacións de vendas.

-Controlador. É quen, baixo as ordes do encargado e/ou mando superior, realiza o control dos productos, carros, cestas e material de promocións recibidos, e ordena, clasifica, controla e verifica a carga e descarga destes ós que deben efectua-la venda e/ou repartición, contabilizando o xénero de cambio e de devolución e realizando aqueloutras tarefas propias do seu posto.

5º Loxística.

-Chófer de primeira. É quen, estando en posesión do permiso de conducir correspondente, conduce un vehículo da empresa (tráiler, camión e/ou turismo, etc.), ocupándose do seu coidado e mantemento, colaborando e dirixindo a carga e descarga deste.

Artigo 41º.-Garantía de emprego.

Durante a vixencia deste convenio a empresa comprométese a manter o emprego do persoal actualmente activo nela e afectado por este convenio -conforme anexo de postos adxunto-, polo que non poderá extinguir, unilateralmente, contratos de traballo ó abeiro do establecido nos artigos 51 e 52 do Estatuto dos traballadores.

Malia o anterior, calquera situación que puidese xera-la necesidade obxectiva de amortizar postos de traballo, tanto de presente como de futuro, que leve parella a extinción de contratos de traballo polas causas establecidas nos devanditos artigos 51 e 52 do ET, deberá ser negociada, con carácter previo, co comité de empresa durante un período de trinta días, rematado o cal, e de non se alcanzar acordo, as partes someterán as súas discrepancias, con carácter previo a calquera actuación, ó procedemento de mediación ante o AGA.

As partes comprométense a utiliza-la mobilidade funcional e a reciclaxe como mecanismos que eviten calquera perda de emprego. O traballador que, como consecuencia de acordos futuros, puidese verse afectado por unha extinción do contrato de traballo terá prioridade de retorno á empresa sobre calquera outra contratación externa.

Igualmente, durante a vixencia deste convenio, nos casos de despedimento disciplinario, se este fose declarado improcedente por sentencia firme da xurisdicción laboral e a empresa optase polo aboamento da indemnización, non poderá amortiza-lo posto de traballo, polo que deberá proceder a contratar un novo traballador con contrato indefinido, ou ben recoñecerlle esta condición a algún dos que presten servicios na empresa con contrato temporal, unha vez esgotado o procedemento establecido para a cobertura de vacantes.

Artigo 42º.-Contratación e emprego.

A partir do ano 2002 establecerase unha bolsa de cando menos 10 traballadores con contrato fixo descontinuo, co fin de satisfacer e cubri-las necesidades productivas e organizativas da empresa, así como para atender traballos imprevistos de carácter temporal, en calquera das súas liñas de producción; a orde de chamada destes será por estricta orde de antigüidade na empresa e sendo as súas condicións laborais as propias da liña onde sexan asignados.

Co fin de cumpri-lo contido neste artigo, elaborarase, por parte da empresa, un censo de traballadores que mantivesen un vínculo contractual a través de calquera modalidade de contrato con esta, no que se establecerá o número de días efectivos de traballo, para establecer, por orde de antigüidade na empresa, a aplicación do regulado neste precepto.

Artigo 43º.-Contratación a través de empresas de traballo temporal.

A empresa só poderá recorrer á contratación a través de empresas de traballo temporal nos seguintes casos:

-Para cubrir ausencias imprevistas por un máximo de tres días.

-Para atender, por períodos non superiores a quince días, circunstancias imprevistas da producción que non poidan ser abordadas a través da distribución irregular da xornada.

-Para cubrir a traballadores con dereito a reserva do seu posto de traballo, sempre que esta non supere previsiblemente o período de 15 días.

-Para cubrir traballos que pola súa especial cualificación non poidan ser desenvolvidos por traballadores do cadro de persoal, nun período que non supere os 45 días.

A realización de actividades especialmente perigosas para a saúde dos traballadores, determinado regulamentariamente e concretado pola empresa, non poderá ser cuberta por empresas de traballo temporal. En tales supostos, poderán utilizarse contratacións de duración determinada ou subcontratacións de empresas especializadas, garantindo a empresa, nos límites establecidos pola lei, a formación previa necesaria.

A empresa daralle a coñecer á representación legal dos traballadores os aspectos básicos dos contratos de posta á disposición no prazo máximo de 10 días,

co fin de que aqueles poidan realiza-los labores de tutela das condicións de traballo, formación e saúde laboral dos traballadores das empresas de traballo temporal, nos termos legalmente establecidos.

A empresa comprométese a que o contrato de posta á disposición en tódolos seus aspectos, incluíndo xornada e retribución mensual, sexa acorde coa regulamentación xeral aplicable.

Artigo 44º.-Igualdade de dereitos.

Ámbalas as partes manifestan o firme desexo de mante-lo principio de igualdade entre traballadores masculinos e femininos, eliminando cantos elementos e condicións puidesen resultar discriminatorios, e adquirindo ámbalas partes o compromiso de que calquera criterio que poida terse en conta para a clasificación ou valoración profesional estea exento de calquera aspecto ou valoración que puidese resultar discriminatorio entre ámbolos sexos.

Artigo 45º.-Cláusula de adhesión ó AGA.

Ante a importancia que pode ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado pola Confederación de empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO e CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os traballadores que na actualidade veñan prestando servicios na liña de pan de molde e que vexan amortizados os seus postos de traballo por reestructuración do cadro de persoal, terán preferencia sobre calquera outro traballador para ser contratado mediante contrato de traballo indefinido a tempo completo.

En caso de suposto de nova contratación, respectarase, para os efectos de percepción do complemento de antigüidade, aquela que acreditase no anterior contrato.

Subsidiariamente, os traballadores fixos descontinuos ós que fai referencia o artigo 41º deste convenio terán a preferencia regulada no parágrafo anterior.

Segunda.-Ámbalas partes adhírense ós acordos que nun futuro se poidan alcanzar entre a dirección do grupo Panrico e as seccións sindicais do grupo.

Terceira.-A aplicación das condicións económicas establecidas neste convenio non poderán xerar, en cómputo anual e globalmente consideradas, situacións económicas de inferior contía a ningún traballador dos afectados por este convenio.

Cuarta.-Establécese unha axuda motivada polos gastos de negociación de 2.404 euros por toda a vixencia do convenio.