Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Venres, 23 de agosto de 2002 Páx. 12.725

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 263/2002, do 31 de xullo, polo que se crean as comisións sectoriais de Cualificación e Formación Profesional e as comisións de Estándares Profesionais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no artigo 29 que lle corresponde á Comunidade Autónoma a execución da lexislación laboral e no artigo 30 engade que, de acordo coas bases e ordenación da actuación económica xeral, lle corresponde o fomento e a planificación económica en Galicia. Pola súa banda, o artigo 31 sinala que é da competencia plena da Comunidade Autónoma a regulación e administración da ensinanza en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

De acordo coa actual estructura orgánica da Xunta de Galicia establecida polo Decreto 306/2001, do 15 de decembro, correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, segundo o sinalado no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da antedita consellería, o exercicio das competencias en materia de formación ocupacional, intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral, etc.

Pola súa banda, segundo o Decreto 213/1998, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, correspóndenlle a esta consellería as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración da ensinanza regrada, en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, e en concreto, a ordenación, colaboración e renovación dos plans e programas educativos das ensinanzas de formación profesional e artes plásticas e deseño.

Por Decreto 93/1999, do 8 de abril, créase, adscrito á Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, o Instituto Galego das Cualificacións, como instrumento específico de carácter técnico para garanti-la implantación efectiva do Sistema Nacional de Cualificacións en Galicia, e que ten entre os seus obxectivos o de servir de canle para artella-las relacións entre os distintos subsistemas de formación profesional e entre estes e o mundo sociolaboral que lles serve de marco de referencia.

Os coñecementos e as aptitudes son un poderoso motor do crecemento económico. Baseándose nesta premisa, os consellos europeos de Lisboa e de Estocolmo, de 2000 e 2001 respectivamente, estableceron como un obxectivo estratéxico converte-la Unión Europea na sociedade baseada no coñecemento máis competitivo e dinámico do mundo. Os elementos clave na estratexia para logralo son adap

ta-la ensinanza e a formación para ofrecer oportunidades de aprendizaxe feitas á medida de cada un dos cidadáns en tódalas etapas da súa vida e promove-la empregabilidade e a integración social mediante o investimento nos coñecementos e aptitudes dos cidadáns.

Conseguir estes obxectivos require comparti-las responsabilidades entre tódolos axentes implicados. As autoridades públicas son responsables de establecer medidas activas destinadas a promove-la aprendizaxe para todos, tanto dentro como fóra do mercado de traballo. Organizacións empresariais e sindicais son copartícipes das políticas de cualificación e formación profesional, a través da súa presencia nos órganos de planificación, de xestión directa de accións formativas e, especialmente, pola súa capacidade de analiza-las necesidades en cada sector productivo.

Desta forma, vese como tódolos axentes comparten a responsabilidade de traballar en cooperación de cara á integración progresiva dos contextos de aprendizaxe, de xeito que se consiga establecer fluxos de comunicación entre tódolos axentes implicados: administración, traballadores e empresa, que permitan impartir unha formación profesional adecuada ás necesidades reais de aprendizaxe porque previamente se trasladaron ós entes formativos estas necesidades. Só esta actuación conxunta e coordinada permitirá conseguir unha formación profesional eficaz e de calidade.

Con este fin, o Plan Galego de Formación Profesional, elaborado no seo do Consello Galego de Formación Profesional, establece o programa de incremento da participación dos axentes sociais no sistema de formación profesional no que se establecen medidas para a corresponsabilización na determinación dos estándares de competencia que deben formar parte das cualificacións profesionais, na formación en centros de traballo, na adecuación da oferta ás demandas territoriais, ou o fomento da cualificación e a formación profesional nos sectores productivos de Galicia.

O incremento da participación ou corresponsabilización dos axentes sociais no sistema de formación profesional debe asegura-la identificación e formulación das necesidades de cualificación, a canalización das demandas e o fomento e a promoción da cualificación e a formación profesional nos ámbitos sectoriais e territoriais. Para iso establece a necesidade de creación de dous órganos de corresponsabilización e participación de tódolos axentes con responsabilidade na formación profesional: unha Comisión Sectorial de Cualificación e Formación Profesional e unha Comisión de Estándares Profesionais, en cada sector productivo significativo da economía galega.

En consecuencia, por iniciativa da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, consultado o Consello Galego de Formación Profesional

e logo de deliberación o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de xullo de dous mil dous.

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto do presente decreto é a creación das comisións sectoriais de Cualificación e Formación Profesional, así como das comisións de Estándares Profesionais en cada sector productivo significativo da economía de Galicia.

2. As comisións sectoriais de Cualificación e Formación Profesional serán creadas por proposta do Consello Galego de Formación Profesional e actuarán como órganos colexiados de carácter consultivo e de asesoramento do Consello Galego de Formación Profesional e demais órganos con competencia en formación profesional, nos ámbitos de cualificación profesional no sector.

3. As comisións de Estándares Profesionais serán creadas por proposta do Consello Galego de Formación Profesional e actuarán como órganos colexiados de carácter consultivo e de análise de procesos productivos do sector correspondente que permita diagnostica-las necesidades de elaboración ou actualización das competencias e cualificacións profesionais do sector.

4. Estes órganos estarán adscritos á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude como órganos consultivos e de asesoramento en materias de cualificación e formación profesional, de acordo coas disposicións deste decreto.

Capítulo II

Das comisións sectoriais de Cualificación e Formación Profesional

Artigo 2º.-Funcións.

Son funcións da Comisión Sectorial de Cualificación e Formación Profesional:

1. Canalizar de cara á Administración autonómica as demandas de formación profesional existentes no sector, así como promover e supervisa-la Comisión de Estándares Profesionais.

2. Fomenta-lo incremento da cualificación profesional e a formación profesional dos traballadores.

3. Analiza-la adecuación ós sectores productivos de Galicia dos contidos formativos da formación profesional propoñendo, de se-lo caso, ó órgano competente a modificación da regulación ou os contidos formativos que estime convenientes.

4. Trasladarlle ó Instituto Galego das Cualificacións as necesidades de elaboración ou actualización das cualificacións profesionais do sector.

5. Analiza-la oferta formativa e propoñerlles ós órganos competentes en materia de formación profesional a impartición de accións formativas de formación profesional que se consideren máis adecuadas ás necesidades actuais e de futuro inmediato no sector.

6. Elaborar dictames e informes por petición dos órganos competentes da Comunidade Autónoma ou dos órganos de representatividade do sector.

7. Participar na elaboración da planificación da formación continua no seu ámbito de competencia.

Artigo 3º.-Composición.

1. A composición da Comisión Sectorial de Cualificación e Formación Profesional, integrada pola Administración autonómica, as organizacións empresariais e as sindicais, será tripartita e paritaria. Estará integrada por:

-Presidente: o director xeral de Formación e Colocación, quen poderá delegar noutro representante da Administración Pública.

-Secretario: un técnico do Instituto Galego das Cualificacións.

Vocais:

a) Pola Administración:

-O director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, ou persoa en quen delegue.

-Representantes do resto dos departamentos da Xunta de Galicia con competencias en formación profesional e que teñan relación cos sectores productivos.

b) Polas organizacións empresariais:

-Representantes das asociacións ou federacións do sector productivo de ámbito autonómico de Galicia.

-Representantes das asociacións, federacións ou confederacións do sector do ámbito estatal.

-Un representante da Confederación de Empresarios de Galicia.

-Un representante do clúster correspondente, de existir.

-Representantes das empresas con especial relevancia no sector se non están integradas en ningunha asociación ou clúster ou ningún tipo de figura asociativa profesional xa existente dentro da comisión sectorial.

c) Polas organizacións sindicais:

-Representantes das federacións correspondentes dos sindicatos con representación maioritaria no sector de Galicia.

-Representantes das confederacións sindicais de Galicia.

2. Os seus membros serán nomeados polo Consello Galego de Formación Profesional.

3. Tódolos membros da comisión terán dereito a voz e voto.

4. Serán elixidos por un período de dous anos e poderán ser reelixidos sen límite de mandatos.

5. Transcorrido o período do seu mandato, permanecerán no seu cargo mentres proceda a súa substitución ou renovación.

Artigo 4º.-Réxime xurídico.

1. As comisións reuniranse de forma ordinaria logo de convocatoria do seu presidente, e entenderanse validamente constituídas coa asistencia da maioría dos seus membros. Deberán reunirse, alomenos, unha vez cada seis meses.

2. As comisións reuniranse de forma extraordinaria por iniciativa do seu presidente ou por petición dalgún dos seus membros e sempre que o considere necesario a maioría dos seus compoñentes, cando así o requiran asuntos da súa competencia.

3. Os seus acordos adoptaranse por maioría absoluta dos membros presentes, decidindo en caso de empate o voto de calidade do presidente.

4. Do tratado en cada reunión levantará acta o/a secretario/a da comisión.

5. As comisións sectoriais de Cualificación e Formación Profesional poderán solicitar informes ou dictames á Comisión de Estándares Profesionais.

6. As comisións sectoriais de Cualificación e Formación Profesional poderán solicitar, en asuntos en que o considere oportuno a maioría absoluta dos seus membros, informes, dictames ou opinións externas a persoas, empresas ou organismos.

7. No seu seo poderanse crear comisións de traballo para analizar aspectos concretos relacionados coas súas funcións e poderá convoca-la Comisión de Estándares Profesionais para o seu estudio.

8. Para o seu funcionamento disporá dos medios humanos e técnicos propios da Xunta de Galicia.

9. As comisións sectoriais de Cualificacións e Formación Profesional acomodarán o seu funcionamento no non previsto neste decreto ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para os órganos colexiados.

Artigo 5º.-Funcións do/a presidente/a.

Correspóndenlle ó/á presidente/a as seguintes funcións:

1. Representa-la comisión.

2. Convoca-las sesións.

3. Presidi-las sesións.

4. Se-lo responsable dos traballos da comisión, unificando criterios dentro do grupo, distribuíndo tarefas e controlando os resultados.

Artigo 6º.-Funcións do/a secretario/a.

Correspóndelle ó/á secretario/a no exercicio das súas funcións:

1. Elaborar e prepara-la orde do día das reunións.

2. Distribuí-los informes solicitados polos membros sobre asuntos que se van deliberar.

3. Levantar actas, que deberán ser asinadas por tódolos membros das reunións.

4. Apoia-la coordinación e dirección da comisión.

5. Realiza-las funcións que lle encomende o presidente e cantas lle atribúan as disposicións vixentes.

Capítulo III

Das comisións de Estándares Profesionais

Artigo 7º.-Funcións.

As comisións de Estándares Profesionais, baixo a dirección metodolóxica do Instituto Galego das

Cualificacións, segundo o establecido no Plan Galego de Formación Profesional, desempeñarán as seguintes funcións:

1. Apoia-la determinación das cualificacións profesionais e a elaboración e a actualización das existentes.

2. Contribuír a identifica-la necesidade de formación e cualificación dos traballadores do sector.

3. Propoñe-la modificación, se é o caso, de programas formativos para a impartición de cursos de formación profesional.

4. Emitir informes ou resolve-las dúbidas de carácter técnico referentes ás competencias do sector, solicitados por parte das autoridades competentes en materia de formación profesional ou cualificación, así como polos órganos de representación do sector.

Artigo 8º.-Composición.

1. A composición da Comisión de Estándares Profesionais será bipartita, os expertos serán propostos pola comisión sectorial correspondente e nomeados polo Consello Galego de Formación Profesional, logo de informe do Instituto Galego das Cualificacións, sempre que reúnan o seguinte perfil:

a) Polo sector productivo:

-Expertos por cada área ocupacional relevante do sector cun coñecemento amplo do sector en xeral e fundamentalmente da área que vaia representar, unha ampla formación e experiencia técnico-profesional nas empresas do sector.

-Un experto co mesmo perfil do sector de ámbito estatal.

-Un experto con coñecementos profesionais e experiencia docente.

-Os expertos actuarán dentro da comisión de xeito independente da organización propoñente ou empresa á que pertenza e a súa actividade responderá ó bo saber e entender profesional individual.

b) Pola Administración:

-Representantes da Dirección Xeral de Formación e Colocación, que exercerán a presidencia e a secretaría da comisión.

-Representantes da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

2. Tódolos membros da comisión terán dereito a voz e voto.

3. Serán elixidos por un período de dous anos e poderán ser reelixidos sen límite de mandatos.

4. Transcorrido o período do seu mandato permanecerán no seu cargo mentres proceda a súa substitución ou renovación.

Artigo 9º.-Réxime xurídico.

1. As comisións reuniranse de forma ordinaria logo de convocatoria do seu presidente e entenderanse validamente constituídas coa asistencia da maioría dos seus membros. Deberán reunirse, alomenos, unha vez cada seis meses.

2. As comisións reuniranse de forma extraordinaria por petición dalgún dos seus membros e sempre que

o considere necesario a maioría dos seus compoñentes, cando así o requiran asuntos da súa competencia.

3. Os seus acordos adoptaranse por maioría absoluta dos membros presentes, decidindo en caso de empate o voto de calidade do presidente.

4. Do tratado en cada reunión levantará acta o/a secretario/a da comisión.

5. Poderán solicitar, en asuntos en que así o considere oportuno a maioría absoluta dos seus membros, informes, dictames ou opinións externas a persoas, empresas ou organismos.

6. No seu seo poderanse crear comisións de traballo para analizar aspectos concretos relacionados coas súas funcións.

7. Para o seu funcionamento disporá dos medios humanos e técnicos propios da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

8. As comisións sectoriais de Cualificacións e Formación Profesional acomodarán o seu funcionamento no non previsto neste decreto ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para os órganos colexiados.

Artigo 10º.-Funcións do/a presidente/a.

Correspóndelle ó/á presidente/a as seguintes funcións:

1. Representa-la comisión.

2. Convoca-las sesións.

3. Presidi-las sesións.

4. Se-lo responsable dos traballos da comisión, unificando criterios dentro do grupo, distribuíndo tarefas e controlando os resultados.

Artigo 11º.-Funcións do secretario/a.

Correspóndelle ó/á secretario/a no exercicio das súas funcións:

1. Elaborar e prepara-la orde do día das reunións.

2. Distribuí-los informes solicitados polos membros sobre asuntos que se van deliberar.

3. Levantar actas, que deberán ser asinadas por tódolos membros das reunións.

4. Apoia-la coordinación e dirección da comisión.

5. Realiza-las funcións que lle encomende o presidente e cantas lle atribúan as disposición vixentes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución da presente norma.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de xullo de dous mil dos.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL