Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 22 de agosto de 2002 Páx. 12.646

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 262/2002, do 31 de xullo, polo que se crea o Comité Interdepartamental das Cualificacións e a Formación Profesional e a Comisión Permanente dos Directores Xerais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no artigo 29 que lle corresponde á Comunidade Autónoma a execución da lexislación laboral e no artigo 30 engade que de acordo coas bases e ordenación da actuación económica xeral, se corresponde o fomento e planificación económica en Galicia. Pola súa banda, o artigo 31 sinala que é da competencia plena da Comunidade Autónoma a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

De acordo coa actual estructura orgánica da Xunta de Galicia establecida polo Decreto 306/2001, do 15 de decembro, correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, segundo o sinalado no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da antedita consellería, o exercicio das competencias en materia de formación ocupacional, intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral, etc.

Pola súa banda, segundo o Decreto 213/1998, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, correspónndelle a esta consellería as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado, en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, e en concreto a ordenación, colaboración e renovación dos plans e programas educativos das ensinanzas de formación profesional e artes plásticas e deseño.

Por Decreto 93/1999, do 8 de abril, créase, adscrito á Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, o Instituto Galego das Cualificacións, como instrumento específico de carácter técnico para garanti-la implantación efectiva do Sistema Nacional de Cualificacións en Galicia, e que ten entre os seus obxectivos o de servir de canle para artella-las relacións entre os distintos subsistemas de formación profesional e entre estes e o mundo sociolaboral que lles serve de marco de referencia.

Os cambios económicos e sociais asociados co paso a unha sociedade do coñecemento require un enfoque totalmente novo da educación e da formación.

As políticas e institucións tradicionais son insuficientes para habilita-los cidadáns a facer fronte ás consecuencias da globalización. Os novos retos conflúen no convencemento de que os cidadáns, os seus coñecementos e as súas aptitudes, son a clave do futuro do desenvolvemento dunha sociedade coma a galega, pois só unha aposta convencida e radical a favor do incremento da cualificación profesional dos cidadáns e da formación profesional asegurará a maior empregabilidade e competitividade destes no mercado laboral e, por conseguinte, a maior competitividade do tecido productivo galego nun contexto de igualdade de oportunidades e de integración social.

Acadar estes obxectivos supón un uso máis coherente e racional dos instrumentos e recursos existentes na Administración autonómica, é dicir, incorpora-lo principio de coordinación entre tódolos responsables de poñer en marcha políticas de formación profesional.

Por todo iso, a Xunta de Galicia decidiu elaborar un programa de actuacións en materia de cualificacións e formación profesional capaz de dar resposta ás necesidades de cualificación da poboación activa galega para o período 2002-2006: o Plan Galego de Formación Profesional, elaborado conxuntamente pola Xunta de Galicia e as organizacións sindicais e empresariais máis representativas, no seo do Consello Galego de Formación Profesional e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 27 de xuño de 2001.

O Plan Galego de Formación Profesional articúlase nun conxunto de programas de actuación desde a concepción global e integrada das cualificacións, a formación e a orientación profesional. A súa posta en funcionamento require de políticas máis coordinadas, con máis proxección estratéxica e máis vinculadas ós obxectivos de desenvolvemento económico e social e de competitividade das empresas.

Neste contexto, o plan establece o programa de reforzo das institucións de formación profesional, encamiñado a dota-lo sistema de formación profesional de Galicia de organismos e instrumentos de planificación estratéxica e integrada. Para iso, o programa propugna a creación de órganos de coordinación e promoción da cualificación e da formación profesional que incrementen a corresponsabilización dos departamentos competentes da Administración autonómica, como son o Comité Interdepartamental das Cualificacións e a Formación Profesional e a Comisión Permanente de Directores Xerais.

En consecuencia, por iniciativa da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, consultado o Consello Galego de Formación, por proposta do conselleiro da Presi

dencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto do presente decreto é a creación do Comité Interdepartamental das Cualificacións e a Formación Profesional, así como da Comisión Permanente de Directores Xerais.

2. O Comité Interdepartamental das Cualificacións e a Formación Profesional actuará como órgano colexiado de fomento e coordinación das actuacións que en materia de cualificacións e formación profesional realicen os diversos departamentos da Xunta de Galicia.

3. A Comisión Permanente de Directores Xerais actuará como órgano colexiado de asistencia ó Comité Interdepartamental das Cualificacións e Formación Profesional.

4. Estes órganos estarán adscritos á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude como órganos colexiados consultivos e de asesoramento en materias de cualificación e formación profesional, de acordo coas disposicións deste decreto.

Capítulo II

Comité Interdepartamental das Cualificacións

e a Formación Profesional

Artigo 2º.-Composición.

1. O Comité Interdepartamental das Cualificacións e a Formación Profesional estará composto por:

-Un presidente: o presidente da Xunta de Galicia.

-Dous vicepresidentes: os titulares da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Vocais: os titulares das restantes consellerías con competencias en formación profesional ou que teñan relación cos sectores productivos. En todo caso as consellerías integrantes do Consello Galego de Formación Profesional.

-Un secretario: presidente da Comisión Permanente de Directores Xerais.

2. Por cada membro titular nomearase un suplente que, no caso de conselleiros, terá a categoría de director xeral.

3. Deberá comunicárselle ó secretario, antes de abri-la reunión do comité, a substitución de calquera dos vocais titulares ou dos vicepresidentes polos seus suplentes.

Artigo 3º.-Funcións.

Serán funcións do comité interdepartamental:

1. Coordina-lo desenvolvemento en Galicia do Sistema Integrado de Cualificación, Formación e Orientación Profesional.

2. Promover e coordina-las accións de cualificación e de formación profesional da Xunta de Galicia.

3. Aprobar, por proposta do Consello Galego de Formación Profesional, os sucesivos plans galegos de formación profesional.

4. Estudia-los proxectos de disposicións de normativas de carácter sectorial reguladoras de materias especificamente relacionadas coa formación profesional.

5. Cantas outras actuacións lle encomenden as disposicións legais ou a Xunta de Galicia.

Artigo 4º.-Réxime xurídico.

1. O Comité Interdepartamental das Cualificacións e a Formación Profesional será convocado polo seu presidente de forma ordinaria, alomenos, unha vez ó ano.

2. Reunirase, de forma extraordinaria, ben por iniciativa do presidente ben por petición da metade dos seus membros, cando así o requiran asuntos da súa competencia.

3. O Comité Interdepartamental das Cualificacións e a Formación Profesional acomodará o seu funcionamento no non previsto neste decreto ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para os órganos colexiados.

Artigo 5º.-Funcións do secretario.

Correspóndelle ó secretario do Comité Interdepartamental das Cualificacións e Formación Profesional:

1. Elaborar e prepara-las reunións dos órganos.

2. Distribuí-la orde do día e de cantos informes precisen os vocais para o coñecemento de asuntos sobre os que vaia deliberar.

3. Levantar acta das sesións e, en xeral, exerce-las funcións propias dos secretarios dos órganos colexiados.

4. Realiza-las funcións que lle encomende o presidente da comisión e cantas lle atribúan as disposicións vixentes.

Capítulo III

A Comisión Permanente dos Directores Xerais

Artigo 6º.-Composición.

1. A Comisión Permanente dos Directores Xerais estará composta por:

-Presidente: ocuparán a presidencia, alternativamente e por períodos anuais, o director xeral de

Ordenación Educativa e Formación Profesional e o director xeral de Formación e Colocación, de forma que non coincida no mesmo titular a presidencia da Comisión Permanente do Consello Galego de Formación Profesional e a presidencia desta comisión.

-Vocais: os titulares das direccións xerais das consellerías representadas no comité interdepartamental con competencias en formación profesional e relacións cos sectores productivos de Galicia.

-Secretario: o subdirector xeral de Formación Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, con voz pero sen voto.

2. No suposto de ausencia ou enfermidade do secretario será substituído temporalmente polo subdirector xeral das Cualificacións da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, quen asistirá a tódalas reunións da comisión con voz pero sen voto.

Artigo 7º.-Funcións.

Son competencia da Comisión Permanente de Directores Xerais, as seguintes funcións:

1. Propoñer medidas conducentes a conseguir unha maior coordinación dos subsistemas de formación profesional e ó desenvolvemento dos programas do Plan Galego de Formación Profesional.

2. Coordina-la execución e segui-las actuacións de desenvolvemento do Plan Galego de Formación Profesional.

3. Impulsar e supervisa-los documentos base de traballo de reforma ou redacción dos sucesivos plans galegos de formación profesional.

4. Coñecer e analizar tódalas previsións normativas da Xunta de Galicia en materia de formación profesional e relación cos sectores productivos galegos.

Artigo 8º.-Réxime xurídico.

1. A Comisión Permanente de Directores Xerais será convocada polo seu presidente de forma ordinaria dúas veces ó ano.

2. Reunirase de forma extraordinaria ben por iniciativa do presidente ben por petición da metade dos seus membros cantas veces sexa necesario para o desenvolvemento do Plan Galego de Formación Profesional.

3. Poderanse crear comisións de traballo por áreas, que poderán ser permanentes ou específicas e que estarán formadas polos membros que o presidente designe para o efecto, que poderán estar asistidos polos expertos ou asesores que procedan en función do tema de que se trate. Corresponderalles ás comisións de traballo a recollida de información, a elaboración de propostas e demais competencias que se lles asigne no momento da súa creación.

4. As comisións de traballo reuniranse coa periodicidade que elas mesmas consideren ou por petición do seu presidente.

5. A Comisión Permanente de Directores Xerais acomodará o seu funcionamento non non previsto neste decreto ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para os órganos colexiados.

Artigo 9º.-Funcións do secretario.

Correspóndelle ó secretario/a da Comisión Permanente dos Directores Xerais:

1. Elaborar e prepara-las reunións dos órganos.

2. Distribuí-la orde do día e de cantos informes precisen os vocais para o coñecemento de asuntos sobre os que vaia deliberar.

3. Levantar acta das sesións e, en xeral, exerce-las funcións propias dos secretarios dos órganos colexiados.

4. Realiza-las funcións que lle encomende o presidente da comisión e cantas lle atribúan as disposicións vixentes.

Disposición derradeiras

Primeira.-Autorízase a consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do establecido neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública