Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 19 de agosto de 2002 Páx. 12.476

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ó abeiro do artigo 27.29º do seu Estatuto de autonomía, ten a competencia exclusiva en materia de confrarías de pescadores. As súas funcións e servicios foron transferidos polo Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, debendo axusta-la súa organización e competencias ós principios e regras básicas establecidas na lexislación do Estado para estas entidades, de conformidade co artigo 15.2º da Lei 12/1983, do proceso autonómico. A regulación estatal das confrarías atópase recollida na Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, ás que lle dedica os artigos 45 a 51.

No exercicio destas competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia. Esta lei tivo o seu desenvolvemento normativo mediante o Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia. Nos seus aspectos máis significativos, o Decreto 79/1998 desenvolveuse regulamentariamente mediante as seguintes normas: a Orde do 7 de maio de 1998, pola que se regula o rexistro de confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións; a Orde do 4 de xaneiro de 1999, pola que se establece a obriga de levar un libro de rexistro de socios nas confrarías de pescadores de Galicia; a Orde do 4 de xaneiro de 1999, pola que se regula a constitución de agrupacións; a Orde do 27 de outubro de 2000, pola que se regula a levanza informática do libro de rexistro de socios nas confrarías de pescadores de Galicia; e a Orde do 30 de novembro de 2001, pola que se

regula o procedemento electoral nas confrarías de pescadores.

Razóns de índole práctica aconsellan integra-las citadas disposicións nun único texto, mantendo conceptos que se consideran válidos no desenvolvemento actual destas institucións e introducindo reformas concretas naquelas materias nas que a experiencia de máis de catro anos de vixencia do Decreto 79/1998 esixe perfeccionar, como as relativas á tutela que a Administración autonómica debe exercer sobre as confrarías ou as referidas á súa xestión económica.

Con este novo decreto preténdese tamén dar resposta á diversa problemática xurdida no funcionamento destas corporacións, dotándoas dunha ferramenta que facilite as súas actividades e funcións, as cales deben estar suxeitas, en todo caso, ós principios de observancia da legalidade, transparencia contable e democracia interna.

O presente decreto estructúrase en dez capítulos, formados por 115 artigos, catro disposicións adicionais, cinco disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I regula as disposicións xerais, como son a definición das confrarías de pescadores, réxime xurídico da súa actuación, tutela administrativa e funcións que desempeñan. Dentro da proclamación xeral da tutela das confrarías pola Administración pública, e tendo en conta diversas resolucións xudiciais recaídas sobre esta materia, clarifícanse aqueles actos que, por enmarcarse na esfera privada destas corporacións, quedan excluídos da tutela administrativa, sen prexuízo do seu control por parte dos órganos xurisdiccionais competentes.

O capítulo II regula a súa estructura e órganos rectores. Para facilita-lo seu funcionamento e operatividade, determínase a composición da xunta xeral e do cabido en función do número de afiliados á confraría, regulándose con maior detalle os tipos de reunións, a súa convocatoria, forma de deliberación e adopción de acordos e a súa publicidade. Introdúcese como novidade a figura da asemblea xeral, sen facultades decisorias, coa finalidade de permitir a tódolos membros da confraría ter coñecemento dos seus aspectos máis transcendentais. Recóllese tamén neste capítulo o persoal laboral propio da confraría, manténdose a figura do secretario da xunta xeral e do cabido e introducindo a do xerente, coa fin de impulsa-la profesionalización na xestión económica. En canto á regulación do persoal funcionario destinado na confraría, a presente norma remítese ó regulamento que para este persoal foi aprobado polo Decreto 71/2001, do 22 de marzo.

O capítulo III refírese ós membros das confrarías, os seus dereitos, obrigas e responsabilidades. Regúlanse con maior claridade cuestións que resultaban controvertidas na práctica, como as relativas ás condicións de afiliación, establecendo unha clasificación específica entre traballadores e empresarios, e a obriga de elabora-lo censo de afiliados.

O capítulo IV regula o ámbito territorial da confraría así como a constitución e composición dunha comisión de arbitraxe cando non exista acordo entre as confrarías sobre os seus límites territoriais.

O capítulo V recolle o réxime orzamentario, económico e contable, no que se introducen unha serie de melloras e novidades para, baixo o principio de transparencia contable, garanti-lo seu control tanto interno como externo. Afectan, sobre todo, á regulación do patrimonio da confraría, os seus recursos económicos e contas anuais, as cales deberán reflectir, con claridade e exactitude, a actividade económica da confraría. Non podemos esquecer que a Lei 9/1993, trala modificación operada pola Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, establece a obriga das confrarías de someterse a unha auditoría externa de contas

cando así o requira a consellería competente en materia de pesca. Garántese, tamén, a intervención da Administración tutelante cando unha indebida xestión económica da confraría poida chegar a poñer en perigro a súa existencia.

O capítulo VI regula con maior detalle os procesos de creación, segregación, fusión e disolución de confrarías, así como as súas consecuencias. Como novidade máis importante, ademais de contempla-la segregación como suposto de constitución dunha confraría partindo dunha xa existente, establécese a posibilidade de que a Administración poida iniciar de oficio un proceso de fusión cando diso se derive unha importante mellora na prestación de servicios e na satisfacción dos intereses xerais.

O capítulo VII establece as agrupacións sectoriais como fórmula organizativa dentro da confraría nas que poden integrarse todos aqueles membros, traballadores ou empresarios, que se dediquen ó mesmo sector de producción, permitindo así unha mellor defensa e xestión das actividades realizadas por ese colectivo. Regúlase con detalle o procedemento de constitución así como a súa organización básica, remitíndose ós regulamentos internos para todo o relativo á súa estructura e funcionamento.

No capítulo VIII, referido ás federacións, asociacións e convenios, esta norma mantén o desenvolvemento normativo dos artigos 12 e 13 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, realizado polo anterior decreto.

O capítulo IX recolle a regulación do procedemento electoral tal como se desenvolveu na orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 30 de novembro de 2001, introducindo como novidade a posibilidade de celebrar eleccións anticipadas cando o soliciten os dous tercios dos membros da confraría ou por acordo dos dous tercios dos membros da xunta xeral. O capítulo queda estructurado en catro seccións: a sección primeira contén as normas electorais; a segunda refírese á preparación do proceso electoral; a terceira está dedicada ó desenvolvemento do proceso electoral; e a cuarta regula a constitución dos órganos rectores.

O capítulo X regula a organización e funcionamento do rexistro de confrarías e das súas federacións.

O presente decreto complétase con catro disposicións adicionais, entre as que cabe destaca-la que impide ser beneficiarias de axudas ou subvencións ás confrarías que incumpran as obrigas que respecto ó seu réxime orzamentario, económico e contable establece a presente norma; cinco disposicións transitorias, entre as que se establece a obriga de adapta-los estatutos ó disposto no presente decreto, no prazo e cos efectos que se determinan; unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

Polo exposto, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, oídas as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Definición e naturaleza xurídica.

1. As confrarías de pescadores de Galicia son corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles están encomendadas, actuando de acordo cos principios de observancia da legalidade, transparencia contable e democracia na súa estructura interna e funcionamento.

2. As confrarías desenvolverán funcións de carácter administrativo, cando actúen como órganos de consulta e colaboración coa Administración na promoción do sector pesqueiro, de acordo co previsto no presente decreto.

Para os efectos da súa constitución e organización, así como cando actúan como órganos de consulta e colaboración coa Administración, as confrarías participan da natureza da Administración pública.

3. Así mesmo, as confrarías representan intereses económicos e corporativos dos profesionais do sector e dos seus asociados, sen prexuízo da representación que posúen as organizacións de empresarios e traballadores da pesca, podendo desenvolver actividades propias de organización e comercialización da producción no sector pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

1. As confrarías de pescadores rexeranse polo disposto na lexislación básica do Estado, a Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, o presente decreto, as disposicións que o desenvolvan e os seus respectivos estatutos debidamente ratificados.

2. No exercicio das súas funcións de carácter administrativo, as confrarías suxeitarán a súa actuación ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º.-Da tutela.

1. As confrarías de pescadores quedan suxeitas á tutela da Administración pública galega, que será exercida pola consellería competente en materia de pesca, respecto daqueles actos, acordos e disposicións adoitados no exercicio das súas funcións públicas e suxeitas ó dereito administrativo.

Terán, en todo caso, esta consideración as cuestións relativas á constitución, funcionamento e órganos de goberno das confrarías, procesos electorais, actos de afiliación e a creación, segregación, disolución e fusión das confrarías.

2. A contratación de persoal por parte da confraría, a súa actividade patrimonial de carácter mercantil ou comercial, o seu réxime disciplinario, así como todas aquelas outras cuestións de natureza xurídica distinta á sinalada no punto anterior, rexeranse polas normas que lles sexan de aplicación con sometemento ó órgano xurisdiccional competente.

Artigo 4º.-Dos estatutos.

1. Cada confraría elaborará, aprobará e, se é o caso, modificará os seus propios estatutos, e deberá somete-los posteriormente á ratificación da consellería competente en materia de pesca. O acordo favorable á aprobación dos estatutos requirirá da maioría establecida no artigo 16.2º deste decreto.

2. Os estatutos e as súas posibles modificacións acadarán eficacia xurídica unha vez inscritos no rexistro regulado no capítulo X deste decreto.

3. O contido mínimo dos estatutos será o recollido no artigo 2.3º da Lei 9/1993, do 8 de xullo, e o referido á composición da comisión xestora, prevista no artigo 28 deste decreto.

4. A ratificación e inscrición dos estatutos no rexistro serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Da reforma dos estatutos.

1. A reforma do estatuto poderá ser proposta por:

a) Petición de dous tercios dos membros do cabido.

b) Petición da metade máis un dos membros da xunta xeral.

c) Petición das tres quintas partes da totalidade dos membros da confraría.

2. A proposta presentarase por escrito asinado por tódolos propoñentes, indicando o obxecto da reforma.

3. No prazo máximo de dous meses, a xunta xeral da confraría deberá resolve-la proposta formulada. O acordo favorable á reforma estatutaria requirirá da maioría establecida no artigo 16.2º do presente decreto.

Artigo 6º.-Das funcións das confrarías como órganos de consulta e colaboración.

As confrarías como órganos de consulta e colaboración coa Administración desenvolverán as funcións previstas no artigo 3.2º da Lei 9/1993, do 8 de xullo.

Así mesmo, e con tal carácter:

a) Velarán polo estricto cumprimento da normativa vixente en materia de pesca, de descarga, primeira venda e de comercialización dos recursos mariños, cando teñan asignados estes servicios.

b) Colaborarán coa Administración na elaboración das estatísticas do sector pesqueiro e marisqueiro e, en particular, remitiranlle á consellería competente en materia de pesca os datos relativos á descarga e primeira venda dos recursos mariños en fresco, no prazo máximo de dous días e na forma determinada regulamentariamente.

c) Desenvolverán aqueloutras funcións que lles sexan atribuídas ou encomendadas pola consellería.

Artigo 7º.-Das funcións en defensa dos intereses dos profesionais.

Ás confrarías, na defensa dos intereses dos profesionais que as compoñen, correspóndelle-las funcións previstas no artigo 3.3º da Lei 9/1993, do 8 de xullo, e, ademais, as seguintes:

a) Responsabilizarse da vixilancia das zonas de dominio público marítimo e marítimo-terrestre que lle foran confiadas para o seu aproveitamento.

b) Administra-los seus propios recursos e patrimonio.

c) Promove-la execución de plans de capturas, concentra-la oferta e regulariza-los prezos.

d) Establece-los plans de producción e comercialización co fin de mellora-la calidade dos productos e adapta-lo volume da oferta ás esixencias do mercado.

e) Adopta-las medidas necesarias para aplicación da política pesqueira comunitaria que sexan da competencia dos productores.

f) Prestar servicios de carácter xeral ós seus membros.

g) As demais que lles confiren os seus estatutos.

Capítulo II

Estructura e órganos rectores

Sección primeira

Estructura

Artigo 8º.-Das seccións.

1. En tódalas confrarías existirá unha sección de orientación que desenvolverá as funcións definidas no artigo 6 do presente decreto.

2. En cada confraría poderá constituírse a sección de organización da producción, se así o decide a maioría absoluta dos membros da xunta xeral. Esta sección desenvolverá as funcións establecidas no artigo 7 do presente decreto. A súa constitución recollerase nos estatutos, debendo axustarse ó disposto no Real decreto 1429/1992, do 27 de novembro, polo que se regulan as organizacións de productores da pesca e das súas asociacións.

3. A constitución da sección regulada no parágrafo anterior deste artigo será obxecto de inscrición no rexistro regulado no capítulo X deste decreto.

Sección segunda

Órganos rectores

Artigo 9º.-Dos órganos rectores.

1. Son órganos rectores das confrarías os recollidos no artigo 7.1º da Lei 9/1993, do 8 de xullo.

2. Os órganos rectores teñen as funcións que se lles atribúen neste decreto e nos estatutos de cada corporación.

3. Tódolos cargos electos serán gratuítos, sen prexuízo das indemnizacións que por razóns do servicio correspondan en cada caso, segundo o acordado anualmente na xunta xeral da confraría.

Artigo 10º.-Da actuación dos órganos rectores.

Os órganos rectores da confraría axustarán a súa actuación ó disposto neste decreto e ós seus acordos validamente adoptados, con sometemento expreso ó principio de legalidade.

Artigo 11º.-A xunta xeral.

1. A xunta xeral é o órgano superior de goberno e decisión da confraría, na que están representados tódolos profesionais do sector afiliados a ela.

2. A xunta xeral actúa como órgano de control e fiscalización dos restantes órganos rectores da confraría. Os acordos que adopta obrigan á totalidade dos afiliados.

Artigo 12º.-Composición da xunta xeral.

1. Os membros da xunta xeral elixiranse mediante sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, por un período de catro anos, e poderán ser reelixidos por períodos de igual duración ata un máximo de tres mandatos consecutivos.

2. A xunta xeral está presidida polo patrón maior, asistido polos vicepatróns maiores e o secretario.

3. A xunta xeral estará composta por un número de vocais comprendido, en todo caso, entre 10 e 24, atendendo ó criterio seguinte:

a) Menos de 50 afiliados: 10 vocais.

b) Entre 51 e 100 afiliados: 12 vocais.

c) Entre 101 e 150 afiliados: 14 vocais.

d) Entre 151 e 200 afiliados: 16 vocais.

e) Entre 201 e 250 afiliados: 18 vocais.

f) Entre 251 e 300 afiliados: 20 vocais.

g) Entre 301 e 350 afiliados: 22 vocais.

h) Máis de 351 afiliados: 24 vocais.

4. Na xunta xeral respectarase a paridade entre traballadores e empresarios, tendo representación nela a totalidade dos sectores da producción que integran a confraría.

5. Son sectores da producción da confraría:

a) Marisqueo a pé.

b) Marisqueo desde embarcación.

c) Recursos específicos.

d) Pesca baixura.

e) Pesca altura e grande altura.

f) Outros.

Artigo 13º.-Das funcións da xunta xeral.

1. Correspóndenlle á xunta xeral as seguintes funcións:

a) Aprobar e modificar total ou parcialmente os estatutos e regulamentos internos da confraría.

b) Acorda-la disolución dos órganos rectores e convocatoria de eleccións, por propia iniciativa ou por acordo do cabido.

c) Elixir e destituí-lo patrón maior e os membros do cabido.

d) Nomear e destituí-lo secretario ó que fai referencia o artigo 32º.

e) Acorda-la modificación do seu ámbito territorial, nos termos previstos no artigo 46º deste decreto.

f) Acorda-la fusión, disolución ou federación da confraría.

g) Aproba-lo orzamento anual e as súas modificacións cando estas, illada ou acumulativamente, excedan do 10% do total do orzamento.

h) Acorda-la fixación das cotas ordinarias ou extraordinarias.

i) Acordar calquera actuación que comprometa en máis dun 10% os fondos propios da confraría reflectidos nas contas anuais correspondentes ó exercicio inmediatamente anterior.

j) Autoriza-lo patrón maior para tomar diñeiro a préstamo, concertar avais e demais instrumentos financeiros, asinar convenios, concertos ou acordos e interpoñer recursos e litixios.

k) Aproba-la memoria anual relativa ás actividades da confraría e á súa situación socioeconómica.

l) Constituí-la sección de organización da producción.

m) Autoriza-la contratación do persoal laboral propio.

n) Decidir sobre aquelas cuestións de interese que outro órgano rector someta á súa consideración.

ñ) Solicitar e recibir do cabido a información oportuna sobre a situación da confraría.

o) Calquera outra atribuída nos estatutos da confraría.

2. A xunta xeral poderá delegar no cabido, e coas limitacións que estime conveniente, o exercicio das funcións recollidas nas letras j) e m) do parágrafo anterior. A delegación deberá ser acordada pola maioría absoluta dos seus membros. En caso de urxencia e sen necesidade de delegación, o cabido poderá autorizar, única e exclusivamente, ó patrón

maior para interpoñer recursos e litixios, dándolle conta á xunta xeral na súa primeira reunión.

Artigo 14º.-Das reunións da xunta xeral e da súa convocatoria.

1. As reunións da xunta xeral poderán ser ordinarias ou extraordinarias.

2. A xunta xeral ordinaria celebrarase, alomenos, unha vez cada seis meses, logo de convocatoria realizada por escrito polo patrón maior dirixido a cada un dos membros da xunta xeral, expresando lugar, día e hora en que se celebrará a reunión en primeira e segunda convocatoria, así como a orde do día. A convocatoria deberá remitirse cunha antelación mínima de sete días á data en que se celebre a xunta xeral.

3. A xunta xeral extraordinaria celebrarase en calquera momento, cando o patrón maior, o cabido ou unha cuarta parte dos membros da confraría o soliciten, debéndose cursa-la convocatoria con tempo suficiente para o coñecemento dos asuntos que se van tratar.

Artigo 15º.-Da constitución.

Para a válida constitución da xunta xeral, para os efectos de adopción de acordos, requirirase a presencia do patrón maior, secretario, ou, se é o caso, de quen os substitúa, e da metade alomenos dos seus membros.

Artigo 16º.-Deliberación e acordos.

1. Na xunta xeral as votacións para adopción de acordos levaranse a cabo en votación a man alzada ou por medio de votación secreta.

A votación será secreta sempre, agás naqueles casos nos que a totalidade dos membros da xunta xeral acorden o contrario.

2. Os acordos adoptaranse por maioría simple, agás nos seguintes casos:

-A federación con outras confrarías requirirán do apoio da maioría absoluta.

-As funcións recollidas no artigo 13.1º, alíneas a) e i) requirirán do apoio dos dous tercios dos membros da xunta xeral.

-A fusión e disolución da confraría requirirá o apoio das tres cuartas partes dos membros da xunta xeral.

3. En caso de empate repetirase a votación e, de persistir, decidirá o voto de calidade do patrón maior. Rematadas as votacións o patrón maior proclamará o resultado e os acordos que se adoptaron.

Artigo 17º.-Da publicidade dos actos e acordos.

Para os efectos da súa divulgación, un extracto dos actos e acordos da xunta xeral serán expostos no taboleiro de anuncios por un período de quince días desde a data da súa adopción.

Artigo 18º.-O cabido e a súa composición.

1. O cabido é o órgano de goberno, xestión e administración da confraría.

2. A composición do cabido será paritaria nos mesmos termos previstos para a xunta xeral. Estará presidido polo patrón maior e composto por un número par de vocais, en todo caso comprendido entre seis e dez, dos que dous serán obrigatoriamente os vicepatróns maior primeiro e segundo, e polo secretario.

3. O número de vocais do cabido determinarase de conformidade co seguinte criterio:

a) Cando os membros da xunta xeral sexan menos de 14, os vocais do cabido serán 6.

b) Cando os membros da xunta xeral sexan máis de 14 e menos de 20, os vocais serán 8.

c) Cando os membros da xunta xeral sexan 20 ou máis, os vocais serán 10.

Artigo 19º.-Funcións do cabido.

Son funcións do cabido:

a) Dirixir e realiza-las actividades necesarias para o exercicio das facultades atribuídas á confraría.

b)Velar polo cumprimento dos acordos da xunta xeral.

c) Velar polo normal funcionamento dos servicios da confraría.

d) Elaborar e propoñerlle á xunta xeral o proxecto de orzamento e as súas modificacións, cando estas excedan do 10% do total.

e) Executa-lo orzamento aplicando o plan de contabilidade das confrarías de pescadores de Galicia, e proceder ás súas modificacións, sempre que o global destas non exceda do 10% do total, debendo darlle cumprida conta de cada un destes acordos á xunta xeral.

f) Acordar calquera actuación que non comprometa en máis dun 10% os fondos propios da confraría reflectidos nas contas anuais correspondente ó exercicio inmediatamente anterior.

g) Elabora-la memoria anual relativa ás actividades da confraría e á súa situación socioeconómica, someténdoa á xunta xeral para a súa aprobación.

h) Resolve-las altas e baixas dos seus afiliados e, logo de instrucción do oportuno expediente, acorda-la separación deles por razóns disciplinarias.

i) Elaborar e propoñerlle á xunta xeral o proxecto de estatutos, así como os regulamentos internos que procedan e as súas modificacións.

j) Propoñerlle á xunta xeral a disolución dos órganos rectores e a convocatoria de eleccións.

k) Tódalas facultades non atribuídas expresamente ós demais órganos de goberno, as recollidas nos estatutos e as que lle delegue a xunta xeral.

Artigo 20º.-Das reunións do cabido e da súa convocatoria.

1. As reunións do cabido poden ser ordinarias ou extraordinarias.

2. O cabido reunirase alomenos unha vez cada dous meses, logo de convocatoria realizada por escrito polo patrón maior dirixido a cada un dos membros, expresando lugar, día e hora en que se celebrará a reunión, en primeira e segunda convocatoria, así como a orde do día. A convocatoria deberá remitirse cunha antelación mínima de catro días á data na que se celebre ó cabido.

3. Cando o patrón maior ou a cuarta parte dos membros do cabido ou da confraría o soliciten, celebrarase en calquera tempo unha reunión extraordinaria do cabido, debéndose cursa-la convocatoria con tempo suficiente para o coñecemento dos asuntos que se van tratar.

Artigo 21º.-Da constitución.

Para a válida constitución do cabido, para os efectos de adopción de acordos, requirirase a presencia do patrón maior, secretario ou, se é o caso, de quen os substitúa, e da metade, alomenos, dos seus membros.

Artigo 22º.-Deliberación e acordos.

1. As votacións para adopción de acordos levaranse a cabo en votación a man alzada ou por medio de votación secreta.

A votación será secreta sempre, agás naqueles casos nos que a totalidade dos membros do cabido acorden o contrario.

2. Os acordos adoptaranse por maioría simple, agás nos casos que estatutariamente se esixa unha maioría cualificada.

3. En caso de empate repetirase a votación e, de persistir, decidirá o voto de calidade do patrón maior. Rematadas as votacións o patrón maior proclamará o resultado e os acordos que se adoptaron.

Artigo 23º.-Da publicidade dos acordos.

Para os efectos da súa divulgación, un extracto dos actos e acordos do cabido serán expostos no taboleiro de anuncios da confraría por un período de quince días desde a data da súa adopción.

Artigo 24º.-Do patrón maior.

1. O patrón maior é o órgano representativo da confraría. Preside a xunta xeral e o cabido, participando nas súas reunións con voz e voto, o cal será de calidade en caso de empate.

2. O cargo de patrón maior é incompatible con calquera outro nos órganos de goberno das agrupacións ou sectores da producción integrados na confraría.

3. O patrón maior será elixido pola xunta xeral de entre os seus membros.

Artigo 25º.-Das funcións do patrón maior.

Correspóndenlle ó patrón maior as seguintes funcións:

a) A dirección e xestión da confraría.

b) Presidi-las reunións de tódolos órganos colexiados da confraría, dirixi-la discusión dos asuntos incluídos na orde do día da convocatoria, conceder e retira-la palabra ós oradores, declarar cerrada a deliberación e someter a votación as propostas. O patrón maior moderará a extensión dos debates na xunta xeral ou no cabido, respectando en todo caso dúas quendas a favor e outras dúas en contra das respectivas propostas.

c) Coordina-la actuación dos membros do cabido e demais órganos da confraría.

d) Ostenta-la representación legal da confraría e se-la canle de relación desta con calquera outra entidad e institución.

e) Colaborar coas federacións nas que se integre a confraría.

f) Ordena-los pagamentos previstos nos orzamentos.

g) Velar polo cumprimento da legalidade.

h) Todas aquelas que lle sexan atribuídas polos estatutos e demais órganos rectores da confraría, e que non sexan consideradas como indelegables.

Artigo 26º.-Dos vicepatróns maiores.

1. Os vicepatróns maiores elíxense, de entre os membros da xunta xeral, un pola agrupación de traballadores e outro pola agrupación de empresarios. Será vicepatrón maior primeiro o que pertenza á agrupación distinta á de procedencia do patrón maior, e vicepatrón maior segundo o que corresponda á mesma agrupación de procedencia do patrón maior.

2. Os vicepatróns maiores, en función da súa orde, substitúen o patrón maior nos casos de vacante, en tanto non se proceda a unha nova elección deste, ausencia ou enfermidade.

Artigo 27º.-Da provisión de vacantes nos órganos de goberno.

As baixas definitivas producidas entre os membros dos órganos de goberno cubriranse do seguinte xeito:

a) Na xunta xeral, pola persoa da mesma agrupación e sector de producción que lle corresponda en función do número de votos obtidos no proceso electoral.

b) No cabido, mediante designación efectuada pola agrupación de armadores ou traballadores que corresponda, de entre os seus representantes na xunta xeral.

c) No caso do patrón maior, será elixido pola xunta xeral na forma prevista no artigo 24.3º.

d) Polo que respecta ós vicepatróns maiores, actuarase de acordo co disposto no artigo 26.1º.

Artigo 28º.-Da comisión xestora.

1. No suposto da demisión da maioría dos membros da xunta xeral, entenderanse, disoltos os órganos de goberno da confraría, debendo o seu secretario comunicar no prazo máximo de cinco días naturais tal circunstancia á Administración.

2. Neste caso, a consellería competente en materia de pesca designará unha comisión xestora entre os socios da confraría, composta de cinco membros, dos que un será o traballador máis antigo da confraría, outro o empresario máis antigo na confraría, un terceiro que será o secretario dos órganos de goberno e outros dous por proposta da federación provincial. En ningún caso poderán formar parte desta comisión xestora os membros dos órganos de goberno.

3. Esta comisión xestora constituirase no prazo máximo de quince días contados desde que a consellería teña conocemento da demisión da maioría dos membros da xunta xeral.

4. Os membros da comisión elixirán de entre eles un presidente, actuando como secretario o dos órganos de goberno.

Artigo 29º.-Das funcións da comisión xestora.

Son funcións desta comisión xestora:

a) A convocatoria de eleccións xerais nun prazo máximo de cinco días desde a súa constitución.

b) Adopta-las decisións ordinarias necesarias para o normal funcionamento da confraría ata a toma de posesión dos novos órganos de goberno.

Artigo 30º.-Da imposibilidade de constitución da comisión xestora.

1. Se non existe posibilidade de constituírse a comisión xestora nos termos previstos no artigo 28º, a federación provincial correspondente, co asesoramento da consellería competente en materia de pesca, designará, nun prazo máximo de dez días, un órgano provisional de goberno que terá como funcións as descritas no artigo 29º. No caso de que a federación provincial non nomee ese órgano provisional, a consellería, de oficio, iniciará o procedemento de disolución previsto no artigo 68º deste decreto.

2. Se unha vez analizada a situación, o órgano provisional de goberno considerase inviable a continuidade da confraría, este, tras lle dar conta á asemblea constituída pola totalidade dos membros da confraría afectada, elevará, a través da federación provincial correspondente, proposta de disolución á consellería, quen actuará de conformidade co disposto no artigo 68º deste decreto.

Artigo 31º.-Da asemblea xeral.

No primeiro trimestre do ano deberá ser convocada unha asemblea, informativa e sen facultades decisorias, de tódolos membros da confraría, baixo a

presidencia e dirección do patrón maior, na que se dará conta do exercicio económico anual, do proxecto de orzamento, das actuacións levadas a cabo e dos proxectos que se van desenvolver, así como de todas aquelas cuestións de transcendencia para a confraría.

Sección terceira

Do persoal

Artigo 32º.-Do secretario da xunta xeral e do cabido.

1. Sen prexuízo do secretario funcionario da confraría, a xunta xeral e o cabido contarán cun secretario que poderá ser unha persoa ó servicio da confraría, actuando neste caso con voz pero sen voto. A súa designación corresponderalle á xunta xeral.

2. Este secretario realizará exclusivamente as funcións que o artigo 25.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, lle atribúe ós secretarios dos órganos colexiados.

3. De tódalas reunións o secretario transcribirá no libro de actas da confraría o contido dos acordos acadados coa extensión necesaria para a súa posterior interpretación, sendo responsable da súa custodia e vixilancia.

Artigo 33º.-Do persoal laboral da confraría.

1. As confrarías de pescadores, para o cumprimento dos seus fins e exercicio das funcións que teñen encomendadas, poderán contratar persoal laboral propio.

2. O persoal laboral propio da confraría, contratado por esta, estará suxeito á autoridade dos órganos de goberno competentes en cada caso.

3. As funcións que desempeñará este persoal serán as que determine o cabido no contrato laboral, de conformidade coas disposicións de carácter xeral.

4. Para a selección do persoal laboral as confrarías deberán publicar no seu taboleiro de anuncios a oferta de emprego, especificando os requisitos que deberán reuni-los candidatos.

5. Este persoal rexerase polo disposto no convenio colectivo que lles sexa de aplicación.

Artigo 34º.-Do xerente.

1. Co fin de xestiona-las seccións de que dispón a confraría e, en todo caso, se se constitúe a sección de organización da producción, aquela poderá contratar un xerente, de acreditada solvencia técnico-profesional, que, baixo as ordes do patrón maior, terá atribuídas as funcións que lle encomende o órgano de goberno competente en cada caso.

2. O xerente dará conta da súa actividade ó patrón maior, ó cabido e á xunta xeral da confraría.

Artigo 35º.-Do persoal funcionario.

O persoal funcionario, pertencente á escala de funcionarios de confrarías, con destino nestas, estará sometido ó réxime xurídico establecido no seu regu

lamento, aprobado polo Decreto 71/2001, do 22 de marzo, así como naqueloutras disposicións que lles sexa de aplicación, exercendo as súas funcións con carácter preferente na sección de orientación.

Capítulo III

Os membros das confrarías

Sección primeira

Dereitos, obrigas e responsabilidade

Artigo 36º.-Dos membros.

1. Poderán ser membros das confrarías de pescadores as persoas físicas ou xurídicas que voluntariamente se asocien, sempre que desenvolvan habitualmente unha actividade extractiva pesqueira ou marisqueira, e estean en posesión do correspondente título administrativo que os habilite para o exercicio da actividade extractiva.

2. Os membros das confrarías de pescadores integraranse en dúas agrupacións, unha de traballadores e unha de empresarios:

a) Integraranse na agrupación de traballadores:

-Os traballadores por conta allea debidamente enrolados en embarcacións dedicadas a actividade pesqueira ou marisqueira que teñan base nun porto do ámbito territorial da confraría.

-Os traballadores por conta propia que realicen os labores necesarios para a extracción dos recursos mariños no ámbito territorial da confraría.

-Os traballadores por conta allea que presten os seus servicios en actividades de explotación de parques de cultivo que estean no ámbito territorial da confraría ou en viveiros flotantes, sempre que a súa embarcación teña base nun porto do ámbito territorial da confraría.

b) Integraranse na agrupación de empresarios:

-As persoas físicas ou xurídicas que realicen unha actividade como armador de embarcacións adicadas á actividade pesqueira ou marisqueira que teñan base nun porto do ámbito territorial da confraría.

-Os titulares de concesións ou autorizacións pesqueiras ou marisqueiras, que estean dentro do ámbito territorial da confraría.

-Os titulares de parques de cultivo que estean no ámbito territorial da confraría ou de viveiros flotantes, sempre que a súa embarcación teña base nun porto do ámbito territorial da confraría.

3. Cando unha persoa xurídica estea composta por varios profesionais do sector extractivo, esta integrarase na agrupación de empresarios a través do seu representante legal, mentres que os socios que a compoñen, e se cumpren os requisitos do punto 2.a) deste artigo, se poderán integrar na agrupación de traballadores.

4. No caso das comunidades de bens, un dos seus integrantes formará parte da agrupación de empresarios e os restantes integraranse na agrupación de traballadores.

5. Poderán mante-la condición de membro aquelas persoas que estean en situación de inactividade ou desemprego ocasional. O período máximo de pertenza á confraría nesta situación será dun ano.

Así mesmo, poderán mante-la condición de membros os que estean nunha situación de incapacidade permanente total, sempre que nesta situación desenvolvan traballos dentro do ámbito do sector pesqueiro ou marisqueiro.

6. Aquelas persoas que sendo membros da confraría, pasen á situación de incapacidade permanente absoluta, grande invalidez ou xubilación, manterán a condición de membro honorario da confraría, sen ter dereito a ser elector ou elixible.

7. Poderase regular nos estatutos das confrarías a existencia de membros colaboradores, tendo dereito a voz pero non a voto. A súa admisión deberá ser aprobada pola xunta xeral da confraría.

Artigo 37º.-Da adquisición e perda da condición de membro da confraría.

1. A condición de membro dunha confraría adquírese pola solicitude, manifestada por escrito, de afiliación e o acordo favorable do cabido, logo de comprobación dos requisitos determinados no artigo anterior.

2. A condición de membro da confraría atribúe, desde o momento da súa afiliación, a plenitude e igualdade dos dereitos e obrigas inherentes a ela, agás o de ser elixible, que poderá limitarse nos respectivos estatutos á posesión dunha determinada antigüidade na confraría, nunca superior ós dous anos.

3. A perda da condición de membro dunha confraría producirase cando se deixen de reuni-los requisitos esixidos para a súa adquisición, por falecemento, baixa voluntaria manifestada por escrito, expulsión da confraría, logo de expediente disciplinario incoado para o efecto, ou por calquera outra causa prevista nos estatutos da respectiva confraría.

Artigo 38º.-Dos dereitos dos membros.

Son dereitos dos membros das confrarías:

a) Elixir e ser elixidos para postos de representación e dirección dentro da confraría e exercer, se así fosen designados, a dita representación.

b) Exercer accións e recursos en relación cos seus dereitos e insta-la confraría ó exercicio das actuacións necesarias para a defensa dos seus membros.

c) Participar en tódolos actos e reunións ós que deban ser convocados.

d) Solicitarlle ó cabido as aclaracións e informes que coiden necesarios sobre o estado da administración, patrimonio, funcionamento e actuacións da confraría, en todo aquilo que os poida afectar.

e) Formularlles todo tipo de propostas e resolucións ós seus representantes.

f) Utiliza-los servicios da confraría.

g) Participar na constitución e desenvolvemento das correspondentes seccións.

h) Aqueloutros que lle confiran os estatutos.

Artigo 39º.-Das obrigas dos membros.

Son obrigas dos membros das confrarías:

a) Actuar conforme o disposto nos estatutos e regulamentos de réxime interior da confraría así como o establecido na legalidade vixente.

b) Acatar e cumpri-los acordos validamente adoptados polos órganos de goberno da confraría.

c) Actuar con lealdade e boa fe, non obstaculizando o normal funcionamento da confraría.

d) Todas aquelas que establezan os respectivos estatutos.

Artigo 40º.-Da responsabilidade dos membros.

1. O incumprimento das obrigas poderá dar lugar á esixencia de responsabilidade.

2. Os estatutos deberán recoller en todo caso as infraccións e sancións, así como o procedemento sancionador e réxime disciplinario, todo iso de acordo coa lexislación vixente.

3. As infraccións deberán clasificarse en leves, graves e moi graves. Na determinación das sancións gardarase a debida proporcionalidade entre a gravidade do feito constitutivo de infracción e a sanción aplicable.

4. Non poderá acordarse limitación ningunha nos dereitos dos membros sen a instrucción e resolución do correspondente expediente sancionador. O expediente será incoado polo patrón maior e garantirá a audiencia do interesado.

Sección segunda

Do censo de afiliados

Artigo 41º.-Obrigatoriedade do censo.

As confrarías de pescadores están obrigadas a levar un censo dos seus membros nos que se inscribirán tódalas persoas físicas ou xurídicas que adquiran tal condición. A levanza do censo poderá realizarse nun soporte informático.

Artigo 42º.-Acceso ó censo de afiliados.

De conformidade coa lexislación vixente, tódolos membros da confraría terán acceso ó censo de afiliados.

Artigo 43º.-Inscrición, custodia e depósito.

As inscricións no censo farase de oficio unha vez adquirida a condición de membro da confraría. Esta inscrición será realizada polo secretario dos órganos de goberno, que será o responsable da súa custodia

e depósito, incorrendo en responsabilidade ante a confraría no caso de non cumprir con estas obrigas.

Artigo 44º.-Seccións.

O censo constará de dúas seccións:

a) De agrupación de traballadores: nesta sección inscribirase toda persoa física que teña a condición de traballador conforme o artigo 36º e na que necesariamente deberá constar:

-Número de orde ou número de socio.

-Data de alta e baixa.

-Identificación persoal na que constará nome, apelidos e DNI.

-Clase de título administrativo habilitante.

-Observacións.

b) De agrupación de empresarios: nesta sección inscribirase toda persoa física ou xurídica que teña a condición de empresario conforme o artigo 36º e na que necesariamente deberán consta-los datos fixados no punto anterior, debéndose engadir, se é o caso, o nome, matrícula e folio da embarcación.

Artigo 45º.-Actualización e aprobación do censo.

As confrarías de pescadores están obrigadas a actualizar anualmente o censo de afiliados, debendo expoñerse publicamente no taboleiro de anuncios da confraría por un período de quince días, previo á súa aprobación pola xunta xeral.

Unha vez aprobado o censo, este deberá ser remitido á consellería competente en materia de pesca, no primeiro trimestre de cada ano natural.

Capítulo IV

Ámbito territorial das confrarías

Artigo 46º.-Do ámbito territorial.

1. O ámbito territorial das confrarías será o que determinen os respectivos estatutos, concretando os seus límites con referencia a puntos determinados da liña de costa.

2. En ningún caso poderán coincidir varias confrarías nun mesmo ámbito territorial, nin estenderse fóra do territorio de Galicia.

3. A alteración do ámbito territorial dunha confraría, requirirá o acordo maioritario de tódalas confrarías implicadas, que deberá ser aprobado pola consellería competente en materia de pesca.

De non acadarse acordo, por instancia dunha das xuntas xerais das confrarías implicadas, a consellería designará unha comisión de arbitraxe que elevará proposta de resolución, logo de audiencia ás confrarías, ó conselleiro competente en materia de pesca. A comisión de arbitraxe estará presidida por un funcionario designado polo conselleiro e catro vocais, que serán o asesor xurídico da consellería, o xefe de servicio ó que lle correspondan as relacións coas confrarías, un representante da federación pro

vincial correspondente e polo secretario da delegación territorial correspondente, que fará de secretario da comisión con voz e voto.

4. A alteración do ámbito territorial dunha confraría implicará unha modificación dos estatutos das confrarías afectadas que deberá cumpri-los trámites procedementais correspondentes e inscribirse no rexistro de confrarías.

5. O alcance xurídico da determinación do ámbito territorial afectará unicamente á determinación do territorio para a afiliación dos membros das confrarías, non tendo a consideración de dereito preferente para a explotación dos recursos mariños ou marisqueiros, agás nos casos que legalmente se lle atribúa outro alcance.

Capítulo V

Do réxime orzamentario, económico e contable

Artigo 47º.-Patrimonio da confraría.

1. O patrimonio da confraría estará integrado por:

a) Os bens e dereitos que na actualidade posúe e os que adquira no sucesivo por calquera título.

b) Doazóns e legados.

c) As accións ou títulos representativos do capital de empresas públicas ou privadas e as obrigas ou títulos análogos dos que a confraría sexa titular.

d) Os dereitos de propiedade incorporal que poida posuír.

2. A titularidade do patrimonio inmoble quedará debidamente reflectida no Rexistro da Propiedade a través da correspondente inscrición que se instará obrigatoriamente e baixo a responsabilidade do órgano de goberno competente.

3. O inventario dos bens e dereitos propiedade da confraría, clasificados e valorados economicamente, será actualizado cada ano e aprobado polo cabido, e daráselle coñecemento deste ó pleno da xunta xeral.

4. O patrimonio é indivisible e está ó servicio de tódolos membros.

Artigo 48º.-Recursos económicos.

1. A confraría disporá dos seguintes recursos económicos:

a) As cotas ordinarias e extraordinarias que deben satisface-los seus membros.

b) Os dereitos e exencións que lle sexan legalmente establecidos.

c) Os productos e rendas do seu patrimonio.

d) As doazóns, legados e achegas que reciba.

e) As contías percibidas en concepto de sancións impostas polas confrarías ós seus membros.

f) Os ingresos procedentes da prestación de servicios pola confraría.

g) As subvencións e demais consignacións orzamentarias que reciban con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia ou do Estado.

h) Os retornos.

i) Calquera outro recurso obtido, de conformidade coas disposicións legais e preceptos estatutarios.

2. Para os efectos previstos na letra h) do punto anterior, as confrarías que realicen actividades de venda, ben directamente, a través dunha organización de producción ou calquera outra entidade que realice esta función, están obrigadas a descontar da factura de venda respecto das capturas das embarcacións que non pertenzan a ela, a cantidade do 1% (un por cento) do valor da pesca vendida e retornalo á confraría á que pertenza a embarcación sen prexuízo da tarifa X4 de pesca fresca.

Os retornos aboaranse trimestralmente e os gastos que orixinen serán descontados da cantidade que se transfira.

Artigo 49º.-Cotas extraordinarias.

1. Por acordo da xunta xeral poderanse establecer cotas extaordinarias baixo algunha das seguintes formas:

a) Exacción directa ós membros individuais da confraría.

b) Participación fixa ou alícuota nas cotas recadadas polas agrupacións constituídas dentro da confraría.

As cotas pódense establecer coma un só pagamento, por entregas periódicas durante un tempo determinado ou por un tempo indefinido, segundo a índole das necesidades que hai que cubrir.

2. O establecemento das cotas extraordinarias deberá ser proporcional ó investimento ou gasto que se vai realizar, debendo xustificarse debidamente a transcendencia dos fins perseguidos e a insuficiencia dos medios orzamentarios dispoñibles.

3. Esta xustificación requirirá dunha memoria que deberá conter, alomenos, os seguintes aspectos:

a) As necesidades que xustifiquen a implantación das cotas e obxectivos que se traten de acadar.

b) Medios requiridos para logra-lo fin proposto.

c) Dispoñibilidades orzamentarias existentes na confraría.

d) Forma de recadación e de distribución das cargas, tarifas orzamentarias e incidencias económicas previsibles nos obrigados ó seu pagamento.

e) Beneficios esperados da aplicación dos recursos obtidos, debendo estes ser verificados unha vez aprobada a determinación da cota.

f) Importe das cotas extraordinarias.

Artigo 50º.-Do orzamento e da súa elaboración.

1. As confrarías desenvolverán a súa xestión económica a través dun orzamento único de ingresos e gastos, que estructurarán, se é o caso, de acordo coas seccións nas que estean organizadas.

2. O orzamento constitúe a expresión cifrada, conxunta e sistemática das obrigas que, como máximo, poidan recoñecer, e dos dereitos que se prevexan liquidar durante o exercicio económico. O exercicio orzamentario coincidirá co ano natural.

3. O cabido elaborará o proxecto de orzamento da confraría no que se integrarán as propostas de financiamento dos proxectos que efectúen os responsables da xestión económica de cada sección.

Artigo 51º.-Da aprobación.

1. O proxecto de orzamento será aprobado pola xunta xeral, por proposta do cabido, antes do día 31 de decembro do ano anterior ó do exercicio en que deba aplicarse.

De non ser aprobado antes desta data quedará automaticamente prorrogado o do exercicio anterior, por doceavas partes.

2. O orzamento aprobado será exposto durante 20 días no taboleiro de anuncios da confraría, para coñecemento dos afiliados.

Artigo 52º.-Das modificacións orzamentarias.

O cabido poderá acordar modificacións de partidas orzamentarias, sempre que, illada ou acumulativamente, non excedan do 10% do total do orzamento, daralle coñecemento posterior á xunta xeral. As modificacións que excedan desta contía serán aprobadas pola xunta xeral, por proposta do cabido.

Artigo 53º.-Da execución orzamentaria.

1. A execución do orzamento correspóndelle ó cabido.

2. En cada sección haberá un encargado da xestión económica, nomeado pola xunta xeral por proposta do cabido, quen elaborará os documentos orzamentarios e contables que sexan necesarios, sendo responsable da veracidade dos datos que neles se recollan.

3. Naquelas confrarías onde exista a figura do xerente prevista neste decreto, este asumirá as funcións descritas no parágrafo anterior.

Artigo 54º.-Da notificación dos acordos que afecten ós orzamentos.

Dos acordos de aprobación, modificación e liquidación dos orzamentos, remitiráselle copia á consellería competente en materia de pesca, no prazo de 15 días desde a súa adopción.

Artigo 55º.-Do réxime contable.

1. As confrarías de pescadores levarán un plan contable único, aprobado pola consellería competente en materia de economía e facenda, sendo apli

cable, coas súas peculiariedades propias, o disposto no título V, capítulo II, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

No plan contable reflectirase o movemento de ingresos e gastos de forma separada, se é o caso, para cada unha das seccións nas que se estructuren, así como todas aquelas modificacións que se produzan na súa situación patrimonial. Anualmente confeccionarase o correspondente balance, no que se reflectirá a súa situación patrimonial, económica e financeira.

2. A Xunta de Galicia, a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, poderá exerce-lo control financeiro necesario sobre os gastos efectuados para a xestión das funcións descritas no parágrafo segundo do artigo 3 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia.

3. En todo caso, a xestión económica e financeira e as contas das confrarías estarán sometidas ó control do Consello de Contas, nos termos previstos na Lei 6/1985, do 24 de xullo, reguladora do dito órgano, e nas súas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 56º.-Das contas anuais.

1. As contas anuais da confraría comprenderán o balance, a conta de perdas e ganancias e a memoria, debendo ser formuladas polo cabido e aprobadas pola xunta xeral.

2. A formalización das contas anuais realizarase polo cabido dentro do primeiro semestre do ano seguinte a aquel ó que correspondan.

3. A aprobación das contas anuais corresponderá á xunta xeral, no prazo determinado no parágrafo anterior.

4. Durante un período mínimo de quince días, previos á súa formulación, deberá estar exposta a documentación contable no taboleiro de anuncios da confraría. Durante este prazo tódolos membros da xunta xeral poderán consultar nos locais da confraría a documentación soporte das operacións e actividades realizadas ó longo do ano. Rematado ese prazo o cabido formalizará as contas.

5. As contas anuais, unha vez aprobadas pola xunta xeral, serán expostas a tódolos membros da confraría, reunidos en asemblea xeral.

6. Realizadas tódalas actuacións anteriores, o secretario dos órganos de goberno, no prazo máximo de cinco días, deberá remiti-las contas anuais á consellería competente en materia de pesca e ó Consello de Contas, xunto cunha certificación acreditativa do cumprimento das obrigas establecidas neste artigo.

7. Aprobadas as contas pola xunta xeral, non se autorizará a consulta da documentación soporte delas. A Administración poderá reclamar, non obstante, esa documentación en calquera momento.

Artigo 57º.-Da documentación contable.

As confrarías levarán en orde e ó día os seguintes libros:

a) Libro de inventarios e balance e libro diario, conforme o disposto para eles na normativa mercantil.

b) Calquera outro libro que veña esixido por esta e outras disposicións legais.

Artigo 58º.-Obriga da legalización das contas anuais.

1. Os libros que legal e obrigatoriamente levarán as confrarías, segundo o artigo anterior, serán dilixenciados e legalizados, con carácter previo á súa utilización, polo rexistro mercantil, se a confraría realiza actividades económicas. No caso de que a confraría realice soamente actividade social, os libros serán dilixenciados polo secretario dos órganos de goberno.

2. Non obstante o anterior, será válida a realización de asentamentos e anotacións por calquera procedemento idóneo, sobre follas que despois serán encadernadas correlativamente para forma-los libros obrigatorios, os que serán presentados ó rexistro mercantil para a súa legalización antes de que transcorran os catro meses seguintes á data do pechamento do exercicio. No caso de que a confraría non desenvolva actividade económica, as follas serán dilixenciadas polo secretario dos órganos de goberno.

3. Os libros e demais documentos da confraría estarán baixo a custodia, vixilancia e responsabilidade do cabido.

Artigo 59º.-Obriga da presentación das contas anuais.

1. As confrarías están obrigadas a presenta-las contas anuais para o seu depósito no rexistro de confrarías, dentro do prazo dun mes contado desde a súa aprobación pola da xunta xeral.

2. Nos supostos de disolución e liquidación da confraría, os liquidadores estarán obrigados a presentar no rexistro citado a conta xeral de liquidación e proposta de repartición do patrimonio da confraría en liquidación.

3. As contas anuais, asinadas por tódolos membros do cabido, deberán presentarse de conformidade co plan de contabilidade aprobado pola consellería competente en materia de economía e facenda, achegando o balance, a conta de perdas e ganancias e a memoria. No caso de que faltase algunha sinatura, deberá facerse indicación expresa dos motivos da ausencia. Así mesmo, deberá xuntarse certificación do acordo de aprobación das contas anuais pola xunta xeral e imputación dos resultados, coas sinaturas do patrón maior e do secretario dos órganos de goberno, lexitimadas notarialmente. A dita certificación deberá identifica-las contas anuais, que estarán

debidamente asinadas. Se faltase a sinatura dalgún dos dous, indicarase expresamente a causa da ausencia.

Artigo 60º.-Da obriga de conserva-las contas anuais.

As contas anuais e documentos complementarios depositados no rexistro de confrarías deberanse conservar por un período mínimo de seis anos á data da práctica do asento.

Artigo 61º.-Das exencións e beneficios fiscais.

As confrarías de pescadores gozarán, para o cumprimento dos seus fins, das exencións e beneficios fiscais que en cada momento se lle recoñezan.

Artigo 62º.-Da responsabilidade.

1. O patrón maior, membros do cabido e xerentes, como administradores ou xestores da confraría, responderán perante ela, fronte ós membros e acredores da confraría, do dano que causen por actos contrarios á lei ou ós estatutos ou polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeña-lo cargo.

2. Responderán solidariamente tódolos membros dos órganos da administración que realizou o acto ou adoptou o acordo lesivo. Cando os membros do órgano voten en contra ou se absteñan, quedarán exentos da responsabilidade que, de se-lo caso, poida derivarse dos acordos.

3. En ningún caso exonerará da responsabilidade a circunstancia de que o acto ou acordo lesivo fora adoptado, autorizado ou ratificado pola xunta xeral da confraría.

Artigo 63º.-Da acción de responsabilidade.

1. A acción de responsabilidade contra os administradores ou xestores será exercida pola confraría, logo de acordo da xunta xeral.

2. A aprobación das contas anuais non impedirá nin suporá o exercicio da acción de responsabilidade nin a renuncia á acción acordada ou exercida.

Artigo 64º.-Da intervención administrativa.

1. Cando a Administración tutelante observase faltas graves na xestión económica dunha confraría que puidese poñer en perigo a súa existencia, requiriralle a corrección das faltas que se observasen, coa advertencia da responsabilidade en que puidera incorrer de non facelo.

2. De non atenderse o requirimento, e cando a Administración xulgase conveniente para o interese social a continuidade da confraría, poderá acordarse por decreto a intervención administrativa, acordándose as medidas necesarias para garanti-la súa supervivencia.

3. Procederá, en todo caso, a intervención administrativa, sen necesidade de requirimento previo, nos seguintes supostos:

a) Cando a confraría estea nunha situación de manifesta falta de liquidez financeira que lle impida facer fronte ás súas débedas nos seus respectivos

vencementos e non poidan acreditar formalmente a existencia de aprazamentos ou reestructuración de pasivos acordados cos seus acredores.

b) Cando a confraría, mediante acordo adoptado por maioría absoluta dos membros da xunta xeral, presente solicitude de intervención administrativa.

c) Cando se produza o abandono, ou alzamento ou a liquidación apresurada ou ruinosa dos seus bens pola confraría.

Capítulo VI

Da creación, segregación, fusión e disolución

de confrarías

Artigo 65º.-Da creación.

1. Soamente se poderán crear novas confrarías cando exista algunha zona do litoral galego non atribuído a ningunha confraría.

2. A creación da nova confraría requirirá o acordo de, polo menos, as tres cuartas partes dos profesionais legalmente habilitados no ámbito territorial no que se pretende establecer.

3. A solicitude, asinada pola totalidade dos profesionais que acorden a creación, remitirase á consellería competente en materia de pesca xunto co proxecto do estatuto, dun estudio de viabilidade e dunha memoria que comprenda os servicios que a confraría podería prestar desde o momento da súa creación. As sinaturas dos solicitantes estarán debidamente lexitimadas.

4. A consellería solicitará informe ás confrarías colindantes e á federación provincial correspondente.

5. Unha vez recadada toda a información pola consellería competente en materia de pesca, esta elevará o correspondente acordo ó Consello da Xunta de Galicia, para a súa aprobación mediante decreto, ou resolverá acordando o seu arquivo.

6. Aprobada a creación da confraría, constituirase unha comisión xestora designada polo conselleiro competente en materia de pesca, logo de proposta dos membros da nova confraría. Esta comisión xestora terá encomendadas as funcións descritas no artigo 29º deste decreto.

7. A nova confraría e os seus estatutos serán inscritos no rexistro de confrarías.

Artigo 66º.-Da segregación.

1. Poderá constituirse unha nova confraría no ámbito territorial dunha xa existente por segregación de parte do seu ámbito territorial.

2. Esta segregación deberá ser proposta, alomenos, polas tres cuartas partes dos membros da confraría, e presentada por escrito ante a consellería competente en materia de pesca, co informe e cos requisitos establecidos para a creación de novas confrarías.

3. Non procederá a segregación:

a) Cando existan datos e evidencias que permitan deducir que os supostos beneficios da segregación se poden acadar con outros mecanismos.

b) Cando a segregación supoña diminución da calidade media dos servicios que viña prestando a confraría.

4. A segregación levará consigo a división dos bens, dereitos e accións, débedas e cargas en función do número de membros da confraría orixinaria que integren a nova confraría.

5. A consellería requirirá informe á confraría e á federación provincial correspondente.

6. Unha vez recadada toda a información pola consellería, esta elevará o correspondente acordo ó Consello da Xunta de Galicia, para a súa aprobación mediante decreto, ou resolverá acordando o seu arquivo.

7. Aprobada a segregación, constituirase unha comisión xestora designada polo conselleiro competente en materia de pesca, logo de proposta dos membros da nova confraría. Esta comisión xestora terá encomendadas as funcións descritas no artigo 29º deste decreto.

8. A nova confraría, os seus estatutos e as modificacións estatutarias que haberán de producirse na confraría orixinaria serán inscritos no rexistro de confrarías.

Artigo 67º.-Da fusión.

1. O acordo de fusión de confrarías requirirá o voto favorable das tres cuartas partes dos membros das xuntas xerais respectivas. O acordo deberá ser aprobado pola consellería competente en materia de pesca.

2. A fusión de confrarías terá as seguintes consecuencias:

a) Suporá a perda das concesións e autorizacións administrativas para o exercicio das actividades de marisqueo e cultivos mariños que posúan.

b) O persoal funcionario que presta servicio nelas será redistribuído de acordo coas normas vixentes en materia de función pública.

c) O ámbito territorial das confrarías fusionadas será asumido pola nova confraría.

d) Os dereitos, obrigas, patrimonio e membros das confrarías fusionadas integraranse na nova confraría.

e) Os órganos rectores de cada unha das confrarías fusionadas disolveranse unha vez que se dicte resolución aprobando a fusión.

f) A nova confraría resultante da fusión poderá mante-la denominación de calquera das confrarías orixinarias ou establecer unha nova, debendo ser proposta desde o comezo do proceso.

g) A nova confraría e os seus estatutos serán inscritos no rexistro de confrarías.

3. Aprobada a fusión, cesarán tódolos membros das respectivas xuntas xerais, constituíndose unha comisión xestora designada polo conselleiro com

petente en materia de pesca, integrada por igual número de vocais das confrarías fusionadas, por proposta destas. Esta comisión xestora terá encomendadas as funcións descritas no artigo 29º deste decreto.

4. Poderá, de oficio, iniciarse o proceso de fusión en virtude de resolución motivada do conselleiro competente en materia de pesca, cando se dea algún dos seguintes supostos:

a) Cando, separadamente, as confrarías carezan de recursos suficientes para atende-las necesidades dos seus membros.

b) Cando existan notorios motivos de necesidade ou conveniencia económica ou administrativa ou consideracións de orde xeográfica e demográfica.

c) Cando do proceso de fusión deriven importantes vantaxes para as confrarías afectadas no que a prestación de servicios se refire e así sexa estimado polas confrarías que se van fusionar.

Nestes supostos, e logo de audiencia ás confrarías implicadas e á federación provincial correspondente, a consellería competente en materia de pesca elevará proposta ó Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación por decreto, no que se determinará o novo nome da confraría, o seu ámbito territorial, o destino dos bens, aproveitamentos, créditos e calquera outro dereito e obriga que posuían as confrarías fusionadas.

Artigo 68º.-A disolución das confrarías.

1. A disolución dunha confraría producirase polas seguintes causas:

a) Polo acordo favorable das tres cuartas partes dos membros da xunta xeral da confraría. Este acordo deberá ser aprobado pola consellería competente en materia de pesca.

b) Cando, decretada a intervención administrativa dunha confraría, os interventores nomeados para o efecto considerasen inviable economicamente a súa continuidade. Neste suposto, a consellería competente en materia de pesca, logo de audiencia ós órganos rectores da confraría e da federación provincial correspondente, poderá elevar proposta de disolución ó Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto.

c) Pola imposibilidade de constituí-la xunta xeral da confraría ó carecer do número mínimo de membros determinado no artigo 12.3º deste decreto. Constatada tal imposibilidade, a consellería competente en materia de pesca, logo de audiencia da confraría e da federación provincial correspondente, elevará proposta de disolución ó Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación por decreto.

d) Nos supostos recollidos no artigo 30º deste decreto. Nestes casos a consellería elevará proposta de disolución ó Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación por decreto.

2. A disolución terá as seguintes consecuencias:

a) Suporá a perda das autorizacións e concesións administrativas para o exercicio das actividades de marisqueo e cultivos mariños que posúa.

b) O ámbito territorial da confraría disolta será outorgado ás confrarías colindantes, segundo acordo destas ou por partes iguais se non existe acordo, implicando a conseguinte modificación estatutaria e rexistral.

c) Os socios da confraría disolta poderán integrarse nalgunha das limítrofes.

d) No caso de disolución prevista no artigo 68.1º.a), o acordo deberá, de conformidade cos estatutos da confraría, recolle-lo destino dos bens e dereitos, unha vez atendidas as obrigas. En ningún caso estes bens e dereitos poderán repartirse entre os membros da confraría disolta, agás aquelas cantidades ingresadas en concepto de cotas no último ano. Nos demais supostos de disolución, o destino dos bens e dereitos virá determinado no decreto que aprobe a disolución, que deberá ser, en primeiro termo, unha entidade, sen ánimo de lucro, do concello no que se atopaba a confraría disolta.

e) O persoal funcionario que presta servicio nelas será redistribuído de acordo coas normas vixentes en materia de función pública.

Capítulo VII

Das agrupacións sectoriais

Artigo 69º.-A constitución.

1. Poderán constituírse en cada confraría agrupacións formadas por colectivos de traballadores ou empresarios que se dediquen ó mesmo sector da producción establecido no artigo 12.5º deste decreto.

2. Constituída unha agrupación de conformidade co procedemento establecido no artigo seguinte, integraranse nela a totalidade dos membros da confraría dese sector da producción.

3. As agrupacións terán como obxectivo organiza-los traballos dos membros de cada sector, facendo propostas ós órganos de goberno das confrarías sobre os plans de traballo, de comercialización e calquera outro que consideren beneficioso para o sector, correspondéndolle-la levanza deses plans, sen prexuízo da competencia atribuída legal e estatutariamente ós órganos de goberno das confrarías.

Artigo 70º.-O procedemento.

Para a válida constitución dunha agrupación, o procedemento que se seguirá deberá se-lo seguinte:

a) Comunicación ó patrón maior por escrito da vontade de constituír unha agrupación profesional no seo da confraría, que deberá ir asinada, alomenos, por 6 traballadores ou empresarios do sector.

b) O patrón maior, unha vez recibido o escrito, deberá convocar a unha xuntanza a tódolos membros da confraría que se dediquen á actividade do sector

da producción que se vai agrupar. Esta xuntanza deberá celebrarse no prazo máximo de 15 días naturais contados desde o día seguinte á presentación do escrito recollido na alínea a) deste artigo. A convocatoria exporase no taboleiro de anuncios da confraría, podendo participar na xuntanza, única e exclusivamente, os membros da confraría integrantes do colectivo que se pretende agrupar, debendo ser comprobada tal condición polo secretario dos órganos de goberno mediante o correspondente censo que se deberá elaborar con tal motivo.

c) Transcorrido o prazo anterior sen que o patrón maior realizase os trámites establecidos, poderán directamente os promotores da agrupación realiza-la convocatoria da xuntanza que deberá celebrarse no prazo de 7 días naturais contados a partir do día seguinte ó do cumprimento do prazo establecido na alínea b) deste artigo. Neste suposto, a convocatoria deberá ser exposta polo secretario dos órganos de goberno no taboleiro de anuncios da confraría e naqueles lugares que os promotores estimen oportunos, debendo o secretario facilitarlles ós promotores da agrupación un censo dos membros do sector correspondente.

d) Na xuntanza convocada, que deberá estar presidida polo patrón maior ou, de se-lo caso, polos promotores da agrupación, acordarase a constitución ou non da agrupación. Este acordo requirirá o voto favorable dos dous tercios dos membros do sector asistentes á xuntanza, sempre que representen, alomenos, a metade dos membros do sector. Da citada xuntanza levantará acta o secretario dos órganos de goberno da confraría ou a persoa designada para o efecto entre os presentes, na que deberá xuntarse unha copia do censo, número de persoas asistentes, número de votos emitidos, o sentido destes e todos aqueles aspectos que se consideren de interese.

e) No suposto de que o resultado sexa o de constituír unha agrupación, elevarase tal acordo á xunta xeral da confraría para a súa ratificación, no primeira reunión que se convoque.

f) Celebrada a xunta xeral, o secretario dos órganos de goberno deberá remitir á consellería competente en materia de pesca un certificado sobre o acordo da xunta xeral e toda a documentación relativa ó proceso de constitución da agrupación no prazo máximo de cinco días naturais desde a celebración da xunta xeral.

g) Recibida a documentación establecida no parágrafo anterior, a consellería ratificará a constitución da agrupación, inscribíndoa no rexistro de confrarías no folio aberto á confraría de orixe.

h) Ratificada a constitución da agrupación, a consellería designará, por proposta da confraría, e de entre os membros do colectivo constituído, unha comisión xestora composta por cinco membros que terá como misión, única e exclusivamente, a prevista no artigo 29.a) deste decreto.

i) Constituídos os órganos rectores da agrupación, correspóndelle á xunta directiva resultante a elaboración, no prazo de 7 días hábiles, do regulamento de réxime interior, que deberá ser sometido á aprobación da asemblea xeral, precisando o apoio dos dous tercios dos membros presentes, sempre que representen, alomenos, a metade dos membros da agrupación.

j) Aprobado o regulamento, este remitirase á xunta xeral da confraría para que, na súa primeira reunión, o ratifique.

k) Celebrada a xunta xeral, no prazo de cinco días naturais, o secretario dos órganos de goberno, deberá remitir á consellería tres copias do regulamento aprobado pola asemblea xeral e certifica-lo cumprimento dos trámites anteriores, así como as posibles alegacións realizadas pola xunta xeral ó regulamento aprobado pola asemblea do sector.

l) Recibida toda a documentación anterior, a consellería resolverá aprobando o regulamento no prazo máximo de 7 días hábiles, facendo indicación, no caso de ser necesario, das modificacións necesarias para adapta-lo regulamento á normativa vixente e ós estatutos da confraría.

m) Aprobado o regulamento procederase á súa inscrición no rexistro de confrarías, regulado no capítulo X deste decreto.

Artigo 71º.-Dos órganos rectores.

Son órganos rectores das agrupacións:

a) A asemblea xeral, que estará constituída pola totalidade dos membros da agrupación.

b) A xunta directiva, constituída por cinco vocais elixidos de entre os membros da asemblea xeral.

c) O presidente, que será elixido de entre os membros da asemblea xeral.

Artigo 72º.-Normas de aplicación e regulamento de réxime interior.

1. As agrupacións rexeranse polo disposto neste decreto, polos estatutos da confraría na que está integrada e polo seu regulamento de réxime interior. En todo caso, a súa actuación estará suxeita ós principios de observancia da legalidade e democracia na súa estructura interna e funcionamento.

2. O réxime interno de funcionamento de cada agrupación virá determinado polo seu regulamento, que deberá conter como mínimo: órganos de goberno, dereitos e deberes dos socios, réxime disciplinario, procedemento electoral e causas de disolución.

Capítulo VIII

Das federacións, asociacións e convenios

Sección primeira

Das federacións

Artigo 73º.-As federacións de confrarías.

1. Dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, recoñécese o dereito á crea

ción de novas federacións de confrarías, cando así o soliciten as xuntas xerais de, alomenos, tres confrarías de pescadores, sen prexuízo de que só poderá existir unha federación provincial en cada unha das provincias da Comunidade Autónoma.

2. As federacións de confrarías terán personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e terán que agrupar unidades territoriais homoxéneas, desde o punto de vista socioeconómico. Poderán agruparse en entidades de ámbito superior.

3. A pertenza a unha federación de confrarías non implica a perda de personalidade de cada un dos seus membros.

4. A creación de novas federacións de confrarías non poderá supoñer, en ningún grao, mingua das competencias que lles corresponden ás federacións provinciais.

Artigo 74º.-Da creación da federación.

1. A iniciativa para a creación dunha nova federación correspóndelles ás xuntas xerais das confrarías interesadas, logo de acordo adoptado pola maioría absoluta dos seus membros.

2. Adoptado o acordo, constituirase unha comisión xestora formada por dous representantes de cada unha das confrarías que subscriban a iniciativa, designados pola xunta xeral. A comisión será a encargada de elabora-lo proxecto de estatutos da federación.

3. Elaborado o proxecto de estatutos, remitiráselle a cada unha das confrarías interesadas, para a súa aprobación pola maioría absoluta das respectivas xuntas xerais.

4. A solicitude de creación dunha federación de confrarías deberá serlle remitida á consellería competente en materia de pesca, xunto co proxecto de estatutos e as certificacións dos acordos previstos nos puntos 1 e 3 deste artigo.

5. Recibida a solicitude, a consellería, logo de audiencia das federacións xa existentes e territorialmente afectadas, elevaralle proposta de creación ó Consello da Xunta de Galicia.

6. Aprobada mediante decreto a creación da nova federación, procederase á súa inscrición e á dos seus estatutos no rexistro ó que fai referencia o capítulo X deste decreto.

7. Notificada a inscrición no rexistro, no prazo dun mes constituirase a xunta xeral da federación, quedando disolta a comisión xestora.

Artigo 75º.-Dos estatutos das federacións.

Nos estatutos das federacións farase constar, como mínimo:

-O ámbito territorial.

-Obxecto e fins.

-Prazo de duración.

-Procedemento de elección dos órganos rectores.

-Estructura organizativa nas seccións que se establezan.

-Recursos económicos.

-Réxime disciplinario.

-Requisitos e procedemento para a adhesión, separación ou expulsión dalgún membro.

-Destino do patrimonio no caso da súa desaparición.

Artigo 76º.-Das funcións da federación.

1. As federacións de confrarías asumirán as funcións que determinen os seus estatutos e, como mínimo, as seguintes:

a) Actuar como un órgano de consulta e colaboración coa Administración na defensa e promoción do sector.

b) Subministra-la información estatística que lle sexa requirida pola consellería, en relación coa súa propia actividade.

c) Representa-las confrarías que a integran naquelas materias obxecto do seu ámbito de actuación.

d) Xestionar e coordina-los intereses comúns ás confrarías nela federadas, dirimindo en cuestións ou conflictos que nesta materia se poidan suscitar.

e) Asumir, no seu ámbito territorial, as funcións propias das seccións de organización da producción das confrarías que as integran nas mesmas condicións cás fixadas para estas, determinándoo nos estatutos.

2. En ningún caso as federacións poderán asumi-la totalidade das competencias asignadas ás confrarías.

Artigo 77º.-Dos órganos rectores.

1. Son órganos rectores dunha federación: a xunta xeral, o comité executivo e o presidente.

2. Tódolos cargos serán obrigatorios e gratuítos, sen prexuízo das indemnizacións que por razón de servicio correspondan en cada caso, segundo o acordado anualmente na xunta xeral.

Artigo 78º.-Da xunta xeral.

1. A xunta xeral estará formada polos patróns maiores e vicepatróns maiores primeiros de cada unha das confrarías federadas. Estes conservarán a súa condición de membro da xunta xeral mentres teñan tales cargos, sendo substituídos por quen lles sucedan neles, logo de certificación acreditativa de tal extremo expedida polo secretario dos órganos de goberno da confraría.

2. Son funcións da xunta xeral:

a) Elixir e destituí-los membros do comité executivo, presidente e vicepresidentes da federación.

b) Designa-lo secretario da federación.

c) Elaborar, aprobar e modifica-los seus estatutos.

d) Aproba-los orzamentos e fixa-las achegas das confrarías que a integran.

e) Autoriza-lo establecemento de convenios con outras entidades.

f) Aproba-los plans anuais de actuación e a memoria anual das actividades realizadas.

g) Calquera outra que lle veña atribuída pola legalidade vixente e polos propios estatutos da federación.

Artigo 79º.-Do comité executivo.

1. O comité executivo é o órgano de xestión e administración da federación, sendo as súas competencias as que lle atribúen os estatutos da federación e as non asignadas ós outros órganos rectores da federación.

2. Estará composto polo presidente, vicepresidentes e o número de vocais establecidos nos estatutos da federación, elixidos pola xunta xeral de entre os seus membros, representando por igual a traballadores e empresarios.

Artigo 80º.-Do funcionamento da xunta xeral e do comité executivo.

A xunta xeral e o comité executivo adecuarán o seu funcionamento ó previsto no título II, capítulo II da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 81º.-Do presidente e vicepresidentes da federación.

1. O presidente da federación de confrarías exerce a representación dela e preside os seus órganos colexiados, participando nas súas reunións con voz e voto, o cal será de calidade en caso de empate. Correspóndelle velar polo cumprimento dos acordos adoptados e as súas funcións virán determinadas nos estatutos da federación.

2. Os vicepresidentes, en función da súa orde, substitúen o presidente, nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

3. O presidente e vicepresidentes serán elixidos polos membros da xunta xeral de entre os seus membros, por un período de catro anos, podendo ser reelixidos. O vicepresidente primeiro deberá pertencer en todo caso a unha agrupación distinta a aquela á que pertenza o presidente.

Artigo 82º.-Do secretario da xunta xeral da federación.

A xunta xeral da federación designará un secretario quen, con voz e sen voto, levantará acta das reunións dos órganos colexiados dela.

Artigo 83º.-Da disolución das federacións.

1. O acordo de disolución dunha federación será adoptado pola xunta xeral dela, e ratificado pola maioría absoluta das xuntas xerais das confrarías que a compoñen.

2. Remitidos os acordos á consellería competente en materia de pesca, esta elevaralle proposta de disolución ó Consello da Xunta de Galicia.

3. O acordo de disolución recollerá o destino dos bens e do patrimonio da federación, segundo o previsto nos seus estatutos.

4. Se como consecuencia da separación dunha ou varias confrarías quedan federadas menos do número mínimo previsto no artigo 73º deste decreto, o Consello da Xunta de Galicia procederá á disolución da federación.

Sección segunda

Asociacións e convenios de confrarías

Artigo 84º.-Dos convenios e das asociacións de confrarías.

1. As confrarías poderán acudir a modalidades asociativas distintas da federación, destinadas á xestión de determinados servicios de interese común, de acordo coa lexislación vixente en materia de asociacións que lles sexa aplicable. Neste suposto, e unha vez aprobada a constitución da asociación polo órgano competente, deberase remitir unha copia dos estatutos aprobados para proceder á inscrición da asociación no rexistro de confrarías.

2. Así mesmo, as confrarías ou as súas federacións están facultadas para establecer, entre si ou con outras entidades, convenios de colaboración, sempre que teñan un obxecto lícito e a súa consecución redunde nun mellor cumprimento dos seus fins, debendo remitir unha copia á consellería competente en materia de pesca, para o seu coñecemento.

Os convenios fixarán o obxecto, as competencias dos órganos que o subscriben, os mecanismos de asistencia técnica e control, o réxime de financiamento e a súa duración.

3. Os acordos de asociación e convenios de colaboración que se realicen serán obxecto de inscrición no rexistro ó que fai referencia o capítulo X deste decreto.

Capítulo IX

O procedemento electoral

Sección primeira

Normas electorais xerais

Artigo 85º.-Réxime xurídico.

As eleccións para a constitución ou renovación dos órganos rectores das confrarías de pescadores na Comunidade Autónoma de Galicia rexeranse polas disposicións contidas neste capítulo e, supletoriamente, polo establecido nos estatutos de cada

unha delas e polas normas vixentes sobre o réxime electoral xeral.

Artigo 86º.-Duración do mandato electoral.

1. A duración do mandato dos órganos rectores das confrarías de pescadores será de catro anos, podendo ser reelixidos por períodos de igual duración ata un máximo de tres mandatos consecutivos.

2. O prazo de catro anos empezará a contar desde o día seguinte ó da toma de posesión dos vocais da xunta xeral da confraría.

Artigo 87º.-Eleccións anticipadas.

Poderanse celebrar eleccións anticipadas para a renovación dos órganos de goberno dunha confraría nos seguintes supostos:

a) Acordo dos dous tercios dos membros da xunta xeral.

b) Petición por escrito asinada polos dous tercios dos membros da confraría.

Artigo 88º.-Convocatoria.

1. Cun mes de antelación ó remate do mandato dos órganos rectores, a xunta xeral acordará a celebración de eleccións, agás no caso de eleccións anticipadas. Neste último suposto o acordo deberase adoptar no prazo máximo de sete días desde a presentación do escrito asinado polos membros da confraría ou na mesma xuntanza onde os dous tercios dos membros da xunta xeral acorden anticipa-las eleccións.

2. Durante o proceso electoral os órganos rectores estarán en funcións, podendo realizar, unicamente, actos de mero trámite ou de xestión ordinaria, concluíndo os seus mandatos coa toma de posesión dos vocais electos.

3. Naquelas confrarías onde, transcorrido o prazo de catro anos, non se convoquen e celebren eleccións, quedará extinguido automaticamente o mandato dos órganos rectores. Por resolución da consellería competente en materia de pesca, procederase ó nomeamento dunha comisión xestora formada por cinco membros da confraría, dos que tres serán o traballador e o empresario de maior antigüidade así como o membro de maior idade, e dous propostos pola Federación Provincial de Confrarías do ámbito desa confraría, un pola parte dos traballadores e outro pola parte dos empresarios. Esta comisión xestora asumirá as funcións descritas no artigo 29º deste decreto.

Artigo 89º.-Electores.

Poderán ser electores as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser membro da confraría e estar incluído no censo electoral.

b) Non estar inhabilitado por norma legal, estatutaria ou resolución firme do órgano competente.

Para efectos dos procesos electorais, aquel afiliado que durante o mandato electoral desenvolvera a súa actividade en máis dun sector, entenderase que pertence ó sector no que permaneceu máis tempo no ano anterior ás eleccións, salvo que solicite por escrito a súa inclusión noutro sector dos que formou parte.

Artigo 90º.-Elixibles.

1. Poderán ser elixibles as persoas que, ademais de reuni-la condición de elector, cumpran os seguintes requisitos:

a) De se-lo caso, acredita-lo período de antigüidade e actividade profesional na confraría que establezan os seus estatutos, e que en ningún caso poderá ser superior ós dous anos, estando ó día no pagamento das obrigas económicas con ela. Non obstante, o requisito da antigüidade non se esixirá cando o número de candidatos non sexa suficiente para cubri-las prazas de vocais da xunta xeral.

b) Non estar inhabilitado para o exercicio de cargo representativo por norma legal, estatutaria ou resolución firme do órgano competente.

c) Non desempeñar outra actividade profesional principal distinta á de empresario ou traballador do sector extractivo.

2. Así mesmo, son inelixibles:

a) Os que carezan de título administrativo habilitante para o exercicio da actividade extractiva.

b) Os que estean en situación de xubilación.

c) Os que foran reelixidos durante tres mandatos consecutivos.

3. A cualificación de inelixible procederá, respecto dos que incorran nalgunha das causas indicadas, o mesmo día da presentación de candidatura ou en calquera momento posterior ata a celebración de eleccións.

4. As causas de inelixibilidade para ser membro dos órganos de goberno tamén o son de incompatibilidade. Producida a incompatibilidade, decaerán na súa condición, debendo ser ocupada a súa praza na xunta xeral, no prazo de cinco días naturais, polo primeiro candidato en número de votos non electo, e así sucesivamente. No caso de non cubrirse a vacante polo procedemento anterior, deberá procederse á convocatoria de eleccións parciais para a cobertura da vacante, nun prazo máximo de cinco días. Transcorrido o dito prazo sen que se convoquen eleccións polo órgano competente, aplicarase o disposto no artigo 88.3º deste capítulo para a designación dunha comisión xestora que terá como única misión a de convocar e celebrar eleccións nun prazo dun mes.

Artigo 91º.-Sistema electoral.

A elección a membros da xunta xeral da confraría rexerase polo disposto nas alíneas seguintes:

a) Cada elector poderá da-lo seu voto a un número máximo de vocais atribuídos pola comisión electoral ó sector de producción da agrupación á que pertenza.

b) Serán proclamados electos aqueles candidatos que obteñan o maior número de votos, ata completa-lo de vocais atribuídos a cada sector de producción de cada agrupación. No caso de empate, resolverase a favor do socio de maior antigüidade na confraría; no caso de persistir este, a favor do de maior idade e, se fose necesario, resolverase por sorteo.

c) En caso de falecemento, incapacidade ou renuncia dun vocal da xunta xeral, a súa vacante cubrirase de conformidade co procedemento determinado no artigo 90.4º.

Artigo 92º.-Listas electorais.

1. As eleccións para a renovación dos órganos rectores desenvolveranse presentándose dúas listas separadas, unha para a agrupación de traballadores e outra para a agrupación de empresarios.

2. A distribución de vocais entre a agrupación de traballadores e empresarios respectará, sempre que sexa posible, a paridade.

3. Cando unha agrupación non conte co número suficiente de afiliados para cubri-las vacantes de vocais, estas prazas acumularanse á outra agrupación.

4. En cada candidatura de agrupación deberá existir, alomenos, un representante por cada sector da producción integrado na agrupación; distribuíndose pola comisión electoral o número de vocais de xeito proporcional ó número de afiliados cos que conte cada sector, debendo constar tal distribución no plan e normas electorais.

Artigo 93º.-Paralización do proceso electoral.

1. A anulación das eleccións dunha agrupación paralizará o proceso electoral sen invalida-la elección da outra agrupación. A anulación farase mediante resolución motivada dictada pola consellería competente en materia de pesca xa sexa de oficio ou en virtude de reclamacións ou recursos presentados polos afiliados.

2. A comisión electoral introducirá no plan electoral as modificacións dos prazos que sexan necesarios para continua-lo proceso electoral. Rectificadas as irregularidades que motivaron a paralización do proceso electoral e aprobadas as modificacións do plan electoral, a consellería competente en materia de pesca ordenará continuar con este a partir do acto que motivou a anulación.

Sección segunda

Preparación do proceso electoral

Artigo 94º.-Comisión electoral.

1. Unha vez acordada a celebración de eleccións, no prazo máximo de 5 días constituirase a comisión electoral.

2. A comisión electoral estará formada por un presidente, 4 vocais e polo secretario da confraría. Os vocais serán designados pola xunta xeral de entre

os seus membros, dous por agrupación, debendo designa-lo mesmo número de suplentes. En caso de empate, o voto do presidente será dirimente.

3. Non poderán formar parte da comisión electoral os membros da xunta xeral que se presenten como candidatos nalgunha das listas. A aceptación da condición de membro da comisión electoral implica a renuncia a formar parte das candidaturas.

4. No suposto de que non se puidera constituír parcial ou totalmente a comisión electoral, a xunta xeral designará os membros desta entre os afiliados da confraría.

5. Compételle á comisión electoral:

a) Elabora-lo plan, normas e calendario electoral.

b) Exposición do censo electoral e resolve-las reclamacións respecto do dito censo.

c) Designa-los compoñentes da mesa electoral.

d) Aprobar e proclama-las candidaturas e resolve-las reclamacións sobre estas.

6. A comisión electoral será a encargada de confecciona-las papeletas e sobres electorais. As papeletas confeccionaranse distinguindo con claridade as que correspondan a unha agrupación e a outra, mediante a utilización de distintas cores. Así mesmo, a comisión electoral será a encargada de prepara-lo colexio electoral, as urnas e, en xeral, toda a organización material do proceso electoral.

Artigo 95º.-Plan e normas.

1. A comisión electoral elaborará as normas e o plan electoral no prazo máximo de 5 días desde a data da súa constitución e someterao á aprobación do cabido, quen o remitirá á consellería competente en materia de pesca para a súa ratificación, no prazo de cinco días.

2. A ratificación do plan e normas comunicaráselle ó presidente da comisión electoral. O secretario da comisión electoral expoñerá no taboleiro de anuncios o plan e as normas electorais durante todo o proceso electoral, retirándoos cando tome posesión a totalidade dos membros dos órganos de goberno da confraría.

3. O plan e as normas desenvolverán as diversas fases do proceso electoral reguladas neste capítulo, contendo, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Os prazos para o exercicio do voto por correo.

b) Os prazos para a exposición do censo e a presentación de reclamacións a el.

c) Os prazos para a presentación de candidaturas e proclamación destas.

d) O día das votacións, tempo de duración e lugar.

e) O día de proclamación de candidatos elixidos e o da constitución dos órganos rectores.

4. Os prazos sinalados neste capítulo poderán ser modificados pola comisión electoral no plan electoral de acordo coas características de cada confraría, logo de autorización da consellería. En ningún caso se poderán modifica-los prazos de presentación e resolución dos recursos recollidos neste decreto.

Artigo 96º.-Censo electoral.

1. Dentro dos dous días naturais seguintes á data de ratificación do plan, normas e calendario electoral, a comisión electoral expoñerá, por un período de 15 días, o censo de afiliados elaborado con anterioridade e que deberá ser facilitado polo secretario dos órganos de goberno da confraría. Durante este prazo, os afiliados poderán efectuar reclamacións sobre a súa inclusión ou exclusión.

2. A comisión electoral deberá resolve-las reclamacións no prazo de dous días contados desde a finalización do período de exposición ó público do referido censo. Contra a resolución das reclamacións poderá interpoñerse recurso ante o conselleiro competente en materia de pesca, nun prazo de 5 días naturais a partir da notificación. Unha vez resoltas no prazo máximo de 5 días as reclamacións en vía administrativa, o censo de afiliados converterase en censo electoral, sen que nun momento posterior se poida impugnar ese censo.

Artigo 97º.-Voto por correo.

1. No suposto de que a confraría non tivese regulado nos seus estatutos o voto por correo, a comisión electoral fará a súa propia regulación con suxeición ó réxime electoral xeral.

2. No plan electoral especificaranse os prazos para o exercicio do voto por correo, dentro dos seguintes límites:

a) O prazo de solicitude do voto por correo iniciarase unha vez resoltas as reclamacións sobre o censo.

b) O prazo para que a comisión electoral reciba os votos por correo finalizará 24 horas antes das votacións.

3. O voto persoal terá preferencia e anulará o voto emitido previamente por correo.

Artigo 98º.-Mesa electoral.

1. A comisión electoral designará os compoñentes da mesa electoral e os suplentes e notificarálle-la designación, que deberá ser aceptada por escrito.

2. A mesa estará formada por un presidente e catro membros, dos que dous serán os traballadores de maior e menor idade do censo, e os outros dous, os armadores que reúnan iguais características, mailo secretario dos órganos de goberno da confraría. Así mesmo, designaranse dous suplentes por cada agrupación, que serán os traballadores e armadores que sigan en idade ós membros da mesa.

3. Será nomeado presidente o patrón maior, sendo dirimente o seu voto en caso de empate. Designaranse suplentes ós vicepatróns.

4. No suposto de que algún membro da mesa electoral se presente como candidato, deberá renunciar a formar parte da mesa, para os efectos de designa-lo primeiro suplente no seu lugar. A aceptación da condición de membro da mesa implicará a renuncia a ser candidato.

5. A mesa constituirase o día da votación unha hora antes da apertura do colexio electoral e será a encargada de dirixi-la votación, vixia-la súa regularidade, realiza-lo escrutinio e velar pola legalidade do sufraxio. No caso de ausencia ou enfermidade do presidente, substituirao o primeiro suplente. En caso de que este tampouco compareza, substituirao o segundo suplente, e se este tampouco comparece, tomará posesión o primeiro vocal. Os vocais que non se presenten ou tomen posesión como presidente serán substituídos polos suplentes.

6. Non poderá constituírse a mesa electoral sen a presencia do presidente e catro vocais e o secretario. No caso de que non se poida cumprir este requisito, poderán formar parte da mesa algúns dos electores que estean no local, sempre que non sexan candidatos.

7. A mesa electoral contará con dúas urnas, unha para a agrupación de empresarios e unha para a agrupación de traballadores.

Artigo 99º.-Secretario da comisión e da mesa electoral.

1. Será secretario da comisión e da mesa electoral quen sexa o secretario dos órganos de goberno da confraría de pescadores.

2. O secretario citará os membros da comisión e da mesa electoral para a súa constitución, e velará polo control da legalidade das actuacións de ambas, e en particular do proceso electoral no día das votacións, realizando as reservas legais nos supostos de transgresión daquela, que deberán reflectirse en acta.

3. O secretario remitirá á consellería competente en materia de pesca, no prazo de tres días, tódalas actas que levante a comisión electoral e a mesa electoral. As actas correspondentes ás votacións remitiranse no prazo das vintecatro horas seguintes á celebración destas.

4. As funcións anteriores soamente as poderá desempeña-lo secretario dos órganos de goberno, agás nos casos de enfermidade, ausencia ou vacante, nos que poderá ser substituído nas súas funcións por quen sexa habilitado pola comisión electoral, dando conta deste cambio, no prazo de 24 horas, á consellería.

Artigo 100º.-Interventores.

1. Cada candidato poderá nomear un interventor que deberá ser acreditado como tal pola comisión

electoral cunha antelación de 48 horas á celebración das eleccións. Esta acreditación deberá presentarse ante a mesa electoral.

2. Os interventores poderán asistir á mesa electoral, participar nas súas deliberacións con voz pero sen voto e exercer ante ela os dereitos inherentes á súa función, debéndose recoller en acta as alegacións que fagan.

3. O día das votacións os interventores poderán examina-lo censo que utilizará a mesa electoral.

Artigo 101º.-Publicidade institucional.

As confrarías poderán realizar publicidade institucional para promove-la participación dos electores durante o proceso electoral e ata as 24 horas antes do día fixado para a celebración das eleccións. En ningún caso esta publicidade poderá influír na orientación do voto dos electores.

Sección terceira

Desenvolvemento do proceso electoral

Artigo 102º.-Confección das candidaturas.

1. As candidaturas para participar no proceso electoral presentaranse ante a comisión electoral dentro dos quince días naturais seguintes ó da publicación do censo electoral definitivo.

2. As candidaturas para vocal da xunta xeral son individuais para efectos de votación e escrutinio, aínda que poden agruparse en listas a efectos de presentación e campaña electoral.

3. O escrito de presentación de cada candidato deberá expresar claramente o sector de producción da agrupación, indicando o seu nome, apelidos e DNI.

Artigo 103º.-Proclamación de candidaturas.

1. Rematado o prazo de presentación de candidaturas, a comisión electoral publicaraas no taboleiro de anuncios da confraría e comprobará, no prazo de dous días naturais, o cumprimento dos requisitos para a súa proclamación. A comisión comunicará ós candidatos as irregularidades detectadas, concedendo un prazo de dous días para a súa subsanación.

2. Recibidas as alegacións, a comisión resolverá sobre elas no prazo de dous días naturais.

3. Resoltas as alegacións, a comisión electoral procederá á proclamación de candidatos. As candidaturas proclamadas deberán ser obxecto de publicación no taboleiro de anuncios da confraría.

4. No prazo de 5 días naturais desde a proclamación de candidatos, poderase interpoñer recurso contra o acordo da comisión electoral ante a consellería competente en materia de pesca, que resolverá no prazo de 5 días. A partir da proclamación definitiva das candidaturas comezará a campaña electoral, que rematará ás cero horas do día inmediatamente anterior á votación.

5. Se o número dos candidatos presentados coincide co número de membros que hai que elixir por cada un dos sectores profesionais non será necesario proceder á elección, sendo proclamados pola comisión electoral membros da xunta xeral.

6. De non presentarse candidaturas a vocais da xunta xeral, declararase elixibles a tódolos membros da confraría incluídos no censo electoral que cumpran os requisitos establecidos no artigo 90º deste decreto.

Artigo 104º.-Celebración das votacións.

1. O día indicado no plan, que deberá estar comprendido no prazo de dez días desde a proclamación definitiva de candidatos, celebrarase a elección dos membros da xunta xeral.

2. Reunida a mesa electoral o día fixado para as votacións, estas non poderán iniciarse sen que previamente se levante a oportuna acta de constitución da mesa, na que deberán consta-los seus membros e a relación nominal dos interventores.

3. A votación durará desde as nove horas ata as vinte horas, salvo que no plan se sinale outro horario para facilita-la maior presencia de votantes. Unha vez iniciada non poderá suspenderse, salvo por razóns de forza maior, sempre baixo a responsabilidade do presidente da mesa electoral.

4. No caso de suspensión levantarase a correspondente acta, que será remitida no prazo de dous días naturais á consellería competente en materia de pesca, e a comisión proporá unha nova data de votacións.

5. O dereito a votar acreditarase pola inscrición do elector no censo electoral. O voto será secreto. Os electores depositarán o seu voto na urna correspondente mediante unha papeleta dobrada e introducida nun sobre.

6. O secretario da mesa electoral anotará os electores que voten, con indicación do número co que figure o elector no censo, así como o seu documento nacional de identidade, pasaporte ou carné de conducir con foto, cando se trate de persoa física e a representación coa que intenta exerce-lo seu dereito, ademais, se se trata dunha persoa xurídica.

7. O presidente da mesa electoral será o encargado de velar para que a entrada ó local das votacións sexa libre, de mante-la orde nel durante a votación e escrutinio e de asegura-la liberdade dos electores no local convertido para o efecto en colexio electoral.

8. Unicamente terán entrada no local electoral os electores, os membros das candidaturas así como os seus interventores, os notarios requiridos para dar fe de calquera extremo da votación, os axentes da autoridade requiridos polo presidente da mesa electoral e o persoal da confraría expresamente auto

rizado para o efecto pola mesa electoral. Unha vez realizada a votación, os electores deberán abandona-lo local electoral.

9. O presidente da mesa electoral, logo de consulta co resto dos compoñentes da mesa, poderá expulsar do colexio electoral a calquera persoa que interfira a boa marcha das votacións.

Artigo 105º.-Escrutinio.

1. Rematado o período sinalado para a votación, o presidente da mesa electoral anunciará que vai rematar e preguntará se algún dos electores presentes non votou, admitíndose os votos que se dean a continuación e non se permitirá a ninguén máis a entrada no local.

2. Acto seguido, o presidente introducirá na urna os sobres que conteñan as papeletas remitidas por correo, logo de comprobar de que non exerceron o voto persoalmente. Finalmente votarán os membros da mesa e os interventores, sempre que teñan dereito, declarándose pechada a votación.

3. Declarada pechada a votación, comezará inmediatamente o escrutinio, cometido que corresponde exclusivamente á mesa electoral. Concluído o escrutinio, que non poderá ser interrompido, estenderase a oportuna acta, asinada por tódolos compoñentes da mesa electoral. Os interventores asinarán potestativamente, agás no caso que quixeran facer constar na acta observacións, debendo, neste último caso, asinar obrigatoriamente.

4. Na acta figurarán, obrigatoriamente, os seguintes extremos:

a) Número de electores inscritos no censo.

b) Número de votos emitidos.

c) Votos declarados nulos, en branco e válidos.

d) Número de votos obtidos por cada candidato.

e) Observacións presentadas ante a mesa electoral sobre a votación e escrutinio polos representantes das listas, membros das candidaturas, interventores e electores.

f) Resolucións motivadas da mesa electoral sobre as observacións presentadas, cos votos particulares se os houber.

5. As actas serán entregadas, dentro do día seguinte hábil, polo secretario da mesa electoral á comisión electoral e á consellería competente en materia de pesca. Estas actas serán expostas no taboleiro de anuncios da confraría durante dous días naturais; nese prazo poderase presentar reclamación ante a comisión electoral, que resolverá no prazo de dous días. Contra a resolución da comisión electoral, dentro dos dous días seguintes á súa notificación, cabe recurso ante a consellería, que resolverá no prazo de 5 días.

Sección cuarta

Constitución dos órganos rectores

Artigo 106º.-Proclamación dos membros da xunta xeral.

1. Dentro dos seis días naturais seguintes á resolución dos recursos contra as actas, a comisión electoral proclamará os membros que formarán parte da xunta xeral.

2. Contra o acordo de proclamación efectuado pola comisión electoral, poderase interpoñer, no prazo de tres días naturais, recurso ante a consellería competente en materia de pesca, que resolverá nun prazo de 5 días.

Artigo 107º.-Constitución da xunta xeral.

Os membros electos das candidaturas tomarán posesión dos seus cargos de vocais da xunta xeral na sede da confraría, no prazo de dez días desde a súa proclamación.

Artigo 108º.-Elección do patrón maior, vicepatrón maior primeiro e segundo e cabido.

1. Os candidatos a patrón maior deberán presenta-la súa candidatura no prazo de dous días desde a constitución da xunta xeral. Esta candidatura deberá ir avalada por dous membros da xunta xeral, salvo que os estatutos da confraría esixan un número distinto de avalistas. Cada vocal só poderá avala-la proposta dun candidato.

2. Ó día seguinte da data de remate de presentación de candidaturas, a comisión electoral procederá á proclamación de candidatos a patrón maior, expoñendo no taboleiro de anuncios a dita candidatura, por un prazo de dous días; nese prazo de exposición, poderase presentar, reclamación ante a comisión electoral que resolverá no prazo de dous días. Contra esa resolución, e no prazo de dous días desde a súa notificación, caberá interpoñer recurso ante a consellería competente en materia de pesca, que se resolverá nun prazo de cinco días.

3. A mesa electoral será a mesma cá constituída para a elección de vocais da xunta xeral.

4. Ós dez días da presentación da candidatura procederase polos vocais da xunta xeral á elección do patrón maior, por maioría simple en primeira volta. No caso de empate, repetiranse as votacións en segunda volta; de manterse aquel, resolverase a favor do de maior antigüidade na confraría e no caso de persisti-lo empate, a favor do de maior idade.

5. Elixido o patrón maior, o primeiro suplente da agrupación á que pertenza o patrón maior entrará a formar parte da xunta xeral. A xunta xeral elixirá, a continuación, de entre os seus membros ós vicepatróns maiores primeiro e segundo e ós vocais do cabido, respectando a paridade e proporcionalidade que se estableceu para a xunta xeral.

6. Rematadas as eleccións a patrón maior e vocais do cabido, e levantada a acta correspondente polo secretario da mesa, esta expoñerase no taboleiro de anuncios da confraría durante dous días naturais, podéndose presentar nese prazo de exposición reclamación ante a comisión electoral que resolverá no prazo de dous días. Contra esa resolución, e no prazo de dous días desde a súa notificación, caberá interpoñer recurso ante a consellería competente en materia de pesca, que se resolverá nun prazo de cinco días.

7. Resoltos os recursos a comisión electoral proclamará o patrón maior e os vocais do cabido nun prazo de dous días naturais desde a notificación das resolucións.

Artigo 109º.-Toma de posesión do cabido, patrón maior e vicepatrón maior primeiro e segundo.

1. Dentro do prazo dos dous días da proclamación prevista no artigo anterior, procederase á toma de posesión e constitución dos postos de patrón maior, vicepatrón maior primeiro e segundo e vocais do cabido.

2. Previo ó acto de toma de posesión poñeranse á disposición do cabido entrante os libros de actas da confraría correspondentes ó mandato electoral inmediatamente anterior, así como os estados financeiros da confraría na data da convocatoria do proceso electoral, xunto coa liquidación do orzamento na dita data.

3. Desta toma de posesión e constitución levantará a correspondente acta o secretario da comisión electoral, quen as remitirá, xunto con toda a documentación do proceso electoral, á consellería competente en materia de pesca.

Artigo 110º.-Disolución da comisión electoral.

Unha vez constituídos tódolos órganos de goberno da confraría entenderase disolta a comisión electoral, o seu secretario levantará acta na que faga consta-la data da disolución e na que figurarán as sinaturas do presidente e do secretario.

Capítulo X

Rexistro de confrarías e das súas federacións

Artigo 111º.-Constitución.

O Rexistro de Confrarías e das súas federacións creado polo artigo 14 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, constitúese baixo a dependencia da consellería competente en materia de pesca, sendo responsable da súa levanza, organización, mantemento e custodia, o servicio que, conforme a estructura orgánica, lle correspondan as relacións coas confrarías de pescadores e as súas federacións.

Artigo 112º.-Obxecto.

Serán obxecto de inscrición no rexistro:

a) Os estatutos das confrarías e as federacións así como as súas modificacións.

b) A creación, segregación, fusión e disolución das confrarías e as súas federacións.

c) Constitución e composición dos órganos rectores das confrarías e as súas federacións.

d) Constitución e regulamento de réxime interior das agrupacións sectoriais.

e) Constitución da sección de organización da producción.

f) Constitución e composición das comisións xestoras.

g) Plans, normas e calendario electoral, os acordos das comisións electorais e reclamacións contra estes e resultados electorais.

h) Convenios e acordos que celebren entre si ou con outras organizacións, así como os convenios asinados coa Xunta de Galicia ou con outras administracións públicas.

i) Contas e orzamentos anuais.

Artigo 113º.-Organización.

O rexistro levarase en libros foliados, numerados e dilixenciados, debendo existir un por cada confraría e por cada federación. Nestes libros practicaranse os asentos dos distintos actos obxecto de inscrición, empregándose, se é o caso, sistemas de información e de ficheiros informatizados.

Artigo 114º.-Dos asentos.

1. Os asentos dos libros serán correlativamente numerados, seguindo unha orde cronolóxica, sen deixar claros nin ocos, e pola orde de presentación.

2. Os asentos redactaranse de maneira sucinta, remitíndose ó arquivo correspondente onde se depositará a documentación orixinal ou debidamente certificada referida ó acto obxecto de inscrición.

Artigo 115º.-Das certificacións.

Os particulares, logo de petición motivada, poderán solicita-la expedición de certificacións relativas ós actos obxecto do rexistro, trala xustificación do pagamento da correspondente taxa.

Disposicións adicionais

Primeira.-Recoñécense como confrarías e federacións da Comunidade Autónoma de Galicia as existentes á entrada en vigor deste decreto.

Segunda.-Os datos que figuran nos libros de rexistro de confrarías e das súas federacións transcribiranse fielmente ós novos libros regulados neste decreto.

Terceira.-Os funcionarios con destino nas confrarías de pescadores estarán suxeitos ó disposto no Decreto 71/2001, do 22 de marzo, polo que se aproba o regulamento do persoal funcionario destinado nas confrarías de pescadores.

Cuarta.-O incumprimento das obrigas establecidas no capítulo V deste decreto, impedirá ás confrarías de pescadores de Galicia ser beneficiarias de axudas, subvencións, indemnizacións ou beneficios de calquera tipo.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. No prazo máximo de seis meses, desde a entrada en vigor deste decreto, as confrarías de pescadores e as federacións existentes adaptarán os seus estatutos conforme o previsto nel, remitíndoos á consellería competente en materia de pesca, para a súa posterior ratificación e inscrición, se procede, no rexistro de confrarías e das súas federacións.

2. Aquelas confrarías que no prazo fixado no parágrafo anterior non presenten os seus estatutos adaptados ó presente decreto, entenderanse disoltas, cos efectos previstos no artigo 68º deste decreto.

Segunda.-Aquelas confrarías que á entrada en vigor deste decreto conten nos seus órganos de goberno cun número distinto de vocais ós previstos nos artigos 12 e 18, continuarán co número de vocais resultantes do último proceso electoral ata a celebración dun novo proceso electoral.

Terceira.-Aquelas solicitudes de constitución de novas confrarías realizadas ó abeiro do Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia, tramitaranse de conformidade coa normativa recollida neste decreto.

Cuarta.-No prazo máximo de tres meses, desde a entrada en vigor deste decreto, as confrarías de pescadores deberán remitir á consellería competente en materia de pesca, o censo de afiliados que integran a confraría.

Quinta.-Aqueles procesos electorais iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, continuarán a súa tramitación de conformidade coa normativa vixente no momento da súa convocatoria.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido neste decreto, en especial:

1. Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia (DOG nº 49, do 12 de marzo).

2. Orde do 7 de maio de 1998 pola que se regula o rexistro de confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións (DOG nº 96, do 21 de maio).

3. Resolución do 29 de xuño de 1998 pola que se dispón a publicación do modelo de estatutos de confrarías elaborados de conformidade co disposto no Decreto 79/1998, do 12 de febreiro (DOG nº 137, do 17 de xullo).

4. Orde do 4 de xaneiro de 1999 pola que se establece a obriga de levar un libro de rexistro de socios nas confrarías de pescadores de Galicia (DOG nº 10, do 18 de xaneiro).

5. Orde do 4 de xaneiro de 1999 pola que se regula a constitución de agrupacións (DOG nº 21, do 2 de febreiro).

6. Orde do 27 de outubro de 2000 pola que se regula a levanza informática do libro de rexistro de socios nas confrarías de pescadores de Galicia. (DOG nº 219, do 13 de novembro).

7. Orde do 30 de novembro do 2001 pola que se regula o procedemento electoral das confrarías de pescadores.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de pesca para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor no prazo de vinte días contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos