Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 09 de agosto de 2002 Páx. 12.226

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 2 de agosto de 2002 pola que se convocan axudas a empresas para a participación en feiras e certames comerciais do sector agroalimentario correspondente ó ano 2002.

As pequenas e medianas empresas constitúen a maior parte da armazón empresarial galega. O seu reducido tamaño limita, en numerosas ocasións, a súa posibilidade de acceso a aqueles mercados nos que os productos poderían acadar prezos finais nas mellores condicións, provocando ademais, de xeito indirecto, unha saturación interna no mercado da nosa comunidade autónoma, o que consecuentemente provoca estratexias de baixadas de prezos que finalmente limitan de xeito importante a competitividade destas pequenas e medianas empresas.

Por outra banda, é cada día maior a importancia que a transformación e a comercialización dos productos agroalimentarios ten no conxunto da economía agraria galega, debendo terse en conta que Galicia é unha autonomía altamente productora de materias primas de excelente e contrastada calidade e de productos elaborados dunha grande aceptación en mercados fóra da nosa comunidade autónoma, pero que en moitos casos son exportadas a outras rexións para a súa manipulación ou transformación coas conseguintes perdas de valor engadido. Por estes motivos resulta necesario o apoio ás actividades de fomento da comercialización levadas a cabo polas empresas galegas do sector agroalimentario.

Por todo isto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-las axudas que vai concede-la Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ás empresas agroalimentarias para a participación en feiras e certames comerciais do sector realizados durante o ano 2002.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas agrarias e agroalimentarias que teñan o seu enderezo social no territorio da comunidade autónoma.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables e contía das axudas.

Considéranse subvencionables os investimentos, excluídos impostos recuperables, realizados para a participación en feiras e certames comerciais do sector agrario e agroalimentario, excluíndose as relativas a concursos, exposicións e feiras de gando.

O solicitante poderá acumular nun só expediente todas aquelas participacións que se produzan no mesmo ámbito xeográfico (peninsular ou extrape

ninsular), pero deberá presentar, xunto coa solicitude, unha memoria explicativa e un orzamento pormenorizado relativo a cada unha das feiras ou certames comerciais ós que se refira o expediente.

As axudas serán subvencións cos límites que se determinan a continuación:

-No territorio peninsular (incluído Portugal): ata un 40% dos gastos subvencionables, cun máximo de axuda de 3.000 euros por cada asistencia.

-Nos demais casos: ata un 50% dos gastos subvencionables, cun máximo de axuda de 6.000 euros por cada certame.

Terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes a gastos de stand (aluguer, decoración, etc.), traslado de productos, actividades e material de promoción complementarios e gastos de contratación dun máximo de dous empregados para a atención do stand e, se é o caso, os gastos de desprazamento e aloxamento dun máximo de dúas persoas por entidade solicitante, sendo neste último caso a cantidade máxima subvencionable a regulamentariamente establecida para os funcionarios do grupo 2º da comunidade autónoma.

Artigo 4º.-Criterios de valoración.

Na resolución das solicitudes presentadas polos peticionarios teranse en conta os criterios de valoración prioritarios seguintes:

-Productos elaborados con materias primas producidas en Galicia.

-Accións claramente encamiñadas á mellora da comercialización fóra da nosa comunidade autónoma.

-Relación custo/beneficio de cada actuación.

-Productos acollidos a algún indicativo de calidade.

Artigo 5º.-Limitacións de carácter xeral.

En todo caso a contía das axudas contempladas nesta orde axustarase ó establecido na normativa de aplicación xeral vixente e, en particular, ó contido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (DOCE C28 do 1 de febreiro de 2000) e normativa concordante que, entre outras limitacións, establece na súa sección 14 (apoio técnico ó sector agrario, no que se inclúe a organización e participación en feiras), que as axudas non poderán superar, para actuacións encadradas na devandita sección, a cantidade de 100.000 euros por beneficiario nun mesmo período de tres anos ou, tratándose de pequenas e medianas empresas, non poderá excede-lo 50% dos gastos subvencionables, segundo cal sexa a cifra máis favorable.

Artigo 6º.-Tramitación de solicitudes.

1. Os interesados deberán presentar, preferentemente nos servicios centrais e nas delegacións provinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das adminis

tracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación:

a) Solicitude dirixida ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, segundo o modelo do anexo I desta orde.

b) Documentación complementaria que se recolle no anexo II desta orde.

A Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria poderá solicitar calquera outro documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural resolverá as solicitudes por proposta do director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, en función das dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta os criterios de valoración establecidos no artigo 4º.

3. As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de seis meses contados desde a publicación da presente orde. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderase desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Tramitación do pagamento das axudas.

Executados os investimentos o beneficiario presentará, preferentemente nos servicios centrais ou nas delegacións provinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e sempre destinada á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, en San Caetano-Santiago de Compostela, a seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos efectuados: facturas orixinais e fotocopias, cunha relación numerada delas.

b) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos investimentos.

c) Acreditación formal do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á seguridade social, así como acreditación expedida pola Dirección Xeral do Tesouro de non ter débedas pendentes de pagamento coa administración pública da comunidade autónoma.

Para acreditar estar ó día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) o solicitante poderá optar por acudir individualmente á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) para solicita-la expedición do certificado xustificativo correspondente ou ben por autorizar á Xunta de Galicia para que o solicite por vía informática. Neste último caso deberá cubri-la autorización que figura como anexo III da presente orde e entregala co resto da documentación no momento de presenta-la solicitude de axuda.

d) Certificación da entidade bancaria que acredite a existencia da conta a nome do beneficiario, para o pagamento da subvención.

Artigo 8º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días desde a data de entrada en vigor da presente orde.

Artigo 9º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Non obstante, poderase conceder, por pedimento xustificado do interesado realizado antes da finalización do prazo establecido e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do devandito prazo.

3. Calquera modificación que afecte substancialmente á realización dos investimentos e gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria. No caso de reducción da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos que recolle o artigo 12.2º do Decreto 287/2000, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

4. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan esixi-los órganos correspondentes da Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar estes, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 10º.-Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ó abeiro desta orde, e dos xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos contemplados no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamenarias e de función pública e actuación administrativa.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, na súa redacción dada polo artigo 7 da Lei 8/1999, antes citados.

Artigo 11º.-Compatibilidade.

As axudas concedidas a través da presente orde poderán ser compatibles con calquera outra, sen que, en ningún caso, a contía total das axudas percibidas supere o custo da actividade subvencionada, nin os

límites establecidos nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (DOCE C28/02, do 1-2-2000) e normativa concordante.

Artigo 12º.-Notificación do réxime de axudas.

O pagamento das axudas quedará condicionado ás posibles observacións ou modificacións formuladas pola Unión Europea como consecuencia da notificación deste réxime de axudas.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposicion adicional

O pagamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo ós orzamentos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para o ano 2002, na aplicación orzamentaria 09.04.615A.770.0, dotada con 170.000 euros, así como con cargo ós remanentes adicionais que puidesen existir nestes mesmos conceptos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural