Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 09 de agosto de 2002 Páx. 12.205

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 2 de agosto de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas agrarios de mellora técnica e desenvolvemento sustentable dos procesos productivos agrícolas e se convocan para o ano 2002.

O Regulamento (CE) nº 1257/1999, do Consello, do 17 de marzo de 1999, establece o marco das axudas comunitarias a favor dun desenvolvemento rural sustentable. Estas axudas, que se centrarán nas actividades agrarias e na súa reconversión, poden ter por obxecto, entre outros, a reconversión e reorientación da capacidade de producción agraria e introducción de novas tecnoloxías e a mellora da calidade dos productos; a diversificación das actividades coa creación doutras de carácter complementario e alternativo; o desenvolvemento de actividades económicas e o mantemento e creación de postos de traballo, o mantemento e fomento de sistemas agrícolas de baixos imputs; a conservación e promoción dunha natureza de alta calidade e dunha agricultura sustentable que respete as esixencias ambientais;

Estes obxectivos preténdense acadar a través da presente orde, por medio de programas agrarios compactos que realicen as distintas organizacións ou agrupacións de productores. Estes programas agrarios buscan, de forma xenérica, a reducción de custos de producción e a mellora da eficacia dos sistemas productivos incrementando, en definitiva, a renda dos agricultores.

Ademais, coa finalidade de orienta-las actuacións cara á algúns dos obxectivos concretos, é necesario precisar algúns programas agrarios especiais. Neste senso, articúlase un programa especial dirixido á promoción de iniciativas de desenvolvemento coa creación de actividades agrarias alternativas ou complementarias das explotacións; outro para a promoción de empresas de servicios agrarios; e outro encamiñado á introducción de técnicas de respecto ambiental e de productos de calidade con garantía de salubridade referenciada.

Conforme o anterior, dentro do marco das medidas previstas no programa operativo integrado de Galicia 2000-2006, a presente orde establece as bases reguladoras das axudas a determinados programas agrarios, xunto coa convocatoria para o ano 2002, de conformidade co previsto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en

uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e polo Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras para a concesión de axudas a programas agrarios para a mellora técnica e desenvolvemento sustentable dos sistemas productivos agrícolas, así como a súa convocatoria para o ano 2002.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

As normas contidas nesta orde son de aplicación ós seguintes programas de incentivos:

1. Programas agrarios para a mellora dos procesos productivos agrícolas (capítulo II).

2. Programas agrarios especiais (capítulo III) que comprenden:

2.1. Promoción de iniciativas de desenvolvemento coa creación de actividades alternativas ou complementarias das explotacións (sección 1ª).

2.2. Creación e mellora de empresas de servicios agrarios (sección 2ª).

2.3. Fomento da producción integrada, da agricultura ecolóxica e doutros programas sanitarios e técnicas de respecto ambiental (sección 3ª).

Dentro desta sección terceira do capítulo III, prevense as seguintes liñas de axuda:

2.3.I. Programas de defensa sanitaria dos cultivos.

2.3.II. Programas de control integrado dos patóxenos dos cultivos a través de agrupacións para tratamentos integrados en agricultura (Atrias).

2.3.III. Fomento da producción integrada.

2.3.IV. Fomento da agricultura ecolóxica.

Artigo 3º.-Beneficiarios e principios de concesión.

1. Poderá acollerse a estas axudas, con carácter xeral, calquera entidade agraria, persoa física ou xurídica, vinculada ó sector agrario galego, que así se prevexa particularmente para cada tipo de programa agrario especificado nos capítulos II e III desta orde.

2. As axudas e subvencións reguladas nesta orde concederanse, en todo caso, con suxeición ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade e estarán supeditadas á existencia de crédito axeitado e suficiente nas correspondentes partidas orzamentarias.

3. O obxecto das distintas axudas, os requisitos que deben cumpri-los beneficiarios para a súa obten

ción, as actuacións subvencionables coa súa porcentaxe máxima de axuda e modulación, así como a documentación complementaria necesaria en cada caso, son os establecidos para cada programa de incentivos nos seguintes capítulos desta orde.

Artigo 4º.-Programa de mellora e contía das axudas.

1. As actividades subvencionables deberán formar parte dun programa de mellora entendido como un conxunto de accións coordinadas e coherente que pretendan a consecución dalgún dos seguintes obxectivos:

a) A reconversión e reorientación da capacidade de producción agraria e introducción de novas tecnoloxías e a mellora da calidade dos productos.

b) A diversificación das actividades coa creación doutras complementarias ou alternativas.

c) O desenvolvemento de actividades económicas e creación e mantemento de postos de traballo.

d) O fomento de sistemas agrícolas de baixos imputs.

e) A conservación e promoción dunha agricultura sustentable.

2. A contía das axudas establecerase para cada programa agrario precisándose a modulación e porcentaxe máxima sobre o investimento realizado, que non poderá en ningún caso supera-lo establecido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (2000/c 28/02).

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación complementaria.

1. Os interesados en acceder ás axudas previstas na presente orde deberán presentar unha solicitude axustada ó modelo do anexo I, á que xuntarán debidamente cubertos os anexos II, III e IV. Cando se pretenda levar a cabo, ademais, algún dos programas agrarios especiais regulados no capítulo III, será necesario presentar, de xeito complementario, os anexos VI, VII, VIII, IX, X e XI específicos para cada suposto.

Será posible acollerse a tódolos programas, sempre e cando se cumpran os requisitos especificos en cada caso.

2. Ademais da documentación complementaria que se sinale para cada tipo de programa agrario, a solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria técnica con clara especificación do programa de actuación que se pretenda desenvolver, obxectivos, orzamento pormenorizado e prazo de execución.

b) Copia da tarxeta de identificación fiscal ou DNI e da acta de constitución da entidade, se é o caso.

c) Relación nominal informatizada dos socios titulares das explotacións que participen no programa.

d) Certificado orixinal da conta bancaria.

e) Relación de técnicos e outro persoal contratado responsables da execución do programa.

f) Xustificación dos empregos que consolida e xera o programa que se pretende levar a cabo, achegando, de se-lo caso, o documento acreditativo dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina correspondente.

g) Factura pro-forma dos equipamentos que se van adquirir, se é o caso.

h) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas.

3. As solicitudes de axudas presentaranse no prazo dun mes contado a partir do día da entrada en vigor da respectiva convocatoria, en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e, preferentemente, nos servicios de explotacións agrarias das delegacións provinciais desta consellería.

Artigo 6º.-Criterios de selección.

1. Ademais dos criterios específicos de prioridade establecidos, de se-lo caso, para os distintos programas de axudas, a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria clasificará as solicitudes presentadas de acordo cos seguintes criterios de selección:

a) Número de agricultores implicados no programa: ata 5 puntos de baremación.

b) Número de empregos que crean como consecuencia da realización do programa agrario: ata 3 puntos.

c) Número de empregos que se manteñen só como consecuencia da realización do programa agrario: ata 2 puntos

d) Tipo ou modalidade do programa: ata 10 puntos.

e) Entidades agrarias con explotacións sitas maioritariamente en zonas de montaña ou desfavorecidas: ata 3 puntos.

f) Entidades agrarias que engloben explotacións cualificadas maioritariamente como prioritarias: ata 2 puntos.

g) Número de explotacións asistidas pola empresa de servicios, se é o caso: ata 5 puntos.

h) Aplicación de técnicas de respecto ambiental: ata 10 puntos.

2. Os datos necesarios para a aplicación dos ditos criterios serán debidamente documentados e indicados polo solicitante, xuntando á solicitude, debidamente cuberto, o modelo do anexo II da presente orde.

Artigo 7º.-Resolución.

O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, por proposta do director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, resolverá sobre as solicitudes presentadas, no prazo de seis meses contados a partir da entrada en vigor da respectiva convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que se dictase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Execución do programa e certificación.

1. Na resolución de concesión da axuda establecerase a data límite para a finalización das actuacións previstas nos programas de mellora. En casos excepcionais en que o beneficiario, por causa debidamente xustificada, non poida remata-la mellora no prazo establecido, deberá solicitar unha prórroga do prazo de execución, con anterioridade ó transcurso do prazo máximo, especificando os motivos e o prazo de prórroga, que deberá ser aprobado pola Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias.

O incumprimento do prazo de realización das melloras e, de se-lo caso, da prórroga aprobada, poderá levar consigo a perda dos dereitos á axuda correspondente.

2. Só serán auxiliables os investimentos que se realicen con posterioridade á data de entrada en vigor da respectiva convocatoria, sempre que se dicte resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos, agás o previsto no parágrafo seguinte.

Excepcionalmente, para aqueles investimentos de implantación de material vexetal ou plantas nai que requiran tecnicamente a súa realización no período invernal de parada vexetativa, poderán auxiliarse as actividades xa iniciadas no ano con anterioridade á entrada en vigor da respectiva convocatoria. Neste caso, a dita circunstancia será debidamente xustificada no momento da presentación da solicitude de axuda.

3. Unha vez realizados os investimentos previstos, os interesados deberán comunica-la finalización da execución do programa, por escrito, preferentemente ós servicios provinciais de explotacións agrarias, con anterioridade ó remate do prazo concedido para a súa execución. Coa dita comunicación xuntaranse os xustificantes do investido e, ademais, unha memoria explicativa sobre a súa realización. Nos programas agrarios que conteñan asistencia técnica deberán achegarse as actas das visitas técnicas nas explotacións das que se desprendan as principais incidencias e recomendacións, asinadas polo técnico e o responsable da explotación.

A falta de comunicación ou de realización dos investimentos entenderanse como renuncia ás axudas concedidas, quedando sen efecto a resolución de concesión da axuda.

4. Unha vez comprobada a execución do programa, os técnicos dos servicios provinciais de explotacións agrarias realizarán as correspondentes certificacións previas ó pagamento das axudas.

5. No momento da certificación das actuacións obxecto do programa, os interesados deberán xustificar que están ó día no cumprimento das súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social, por medio dos correspondentes certificados da Axencia Tributaria e da Tesourería da Seguridade Social. Así mesmo, presentarán xustificación de non ter ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma.

6. Unha vez efectuado o pagamento da axuda, a entidade agraria beneficiaria deberá presentar no prazo máximo de 2 meses os xustificantes acreditativos de ter repercutida a axuda, se é o caso, nos técnicos, asociados ou destinatarios finais do programa aprobado.

Artigo 9º.-Concorrencia e acumulación de axudas.

1. As axudas reguladas na presente orde serán incompatibles con calquera outra das outorgadas polas distintas administracións públicas, referidas ós mesmos investimentos e, en particular, coas axudas para a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias.

2. Ademais do previsto na alínea h) do artigo 5º.2 desta orde respecto da declaración que se vai presentar coa solicitude de axuda, os beneficiarios presentarán coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final da axuda, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 10º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos competentes da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de sub

vencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran as condicións previstas no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 12º.-Reintegro das axudas.

Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda mailos xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Recursos administrativos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou da respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñe-los seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou de tres meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 14º.-Infraccións e sancións.

Ademais do disposto no Regulamento (CE) 1260/1999, do 21 de xuño, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estructurais e demais regulamentación comunitaria de aplicación, seralles de aplicación ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Capítulo II

Programas agrarios para a mellora dos procesos productivos agrícolas

Artigo 15º.-Obxecto.

As axudas previstas neste capítulo teñen por finalidade a consecución dos seguintes obxectivos:

a) A creación de sistemas productivos de réxime asociativo que persigan a reducción de custos e/ou a mellora da calidade.

b) Asenta-las bases estructurais para o establecemento de sistemas de producción respectuosos co ambiente e a saúde dos consumidores.

c) A dotación tecnolóxica e de asistencia técnica para levar a cabo os programas, así como as actividades encamiñadas a incrementa-lo nivel de formación dos asociados e traballadores.

d) Senta-las bases técnicas necesarias para o desenvolvemento de procesos productivos innovadores mediante estudios, proxectos e ensaios, para a súa posterior transferencia.

Artigo 16º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as asociacións ou agrupacións de agricultores e as súas federacións recoñecidas oficialmente, as entidades relacionadas coa agricultura formalmente constituídas, así como outras entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 17º.-Clase e contía das axudas.

1. As axudas incluídas nos programas agrarios para a mellora dos procesos productivos agrícolas poderán consistir en:

I. O fomento da asistencia técnica mediante:

a) A contratación de persoal técnico con cáracter exclusivo e por un período mínimo de tres anos: ata o 70% do custo do contrato.

b) A contratación de persoal técnico e auxiliar por un período de tempo inferior a tres anos ou ben con cáracter eventual ou de temporada: ata o 50% do custo do contrato.

c) Os contratos con empresas de servicios de garantía suficiente para o seguimento e asistencia en programas agrarios: ata o 50% do custo do contrato.

II. Investimentos en bens e servicios necesarios para a correcta execución do programa: ata o 50% dos investimentos. Non obstante, cando estes supoñan un aumento de custos derivados da protección e mellora do ambiente as axudas poderán chegar ata o 75%.

III. Apoio técnico e outros programas especiais:

a) Estudios técnicos, de viabilidade ou de mercado necesarios para realiza-lo programa agrario: ata o 50% dos custos subvencionables, sen que poida exceder de 12.000 euros por proxecto.

b) Ensaios, proxectos de demostración e outros estudios de campo ou de laboratorio e outros apoios técnicos: ata o 75% do custo. En todo caso, os investimentos en bens e instalacións necesarias para levar a cabo estes traballos poderán subvencionarse ata o 50%.

2. Para cada unha das axudas establecidas anteriormente poderán aplicarse módulos máximos adaptados ós distintos investimentos, definidos pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

Artigo 18º.-Compromisos dos beneficiarios.

Os beneficiarios deberán cuantificar suficientemente as súas necesidades en asistencia técnica en función do número de explotacións e superficie agrícola acollida ó programa agrario relacionados coa suma de unidades de traballo do persoal técnico e auxiliar proposto.

Artigo 19º.-Documentación complementaria.

No suposto da contratación de asistencia técnica deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) Coa solicitude de axuda, una memoria xustificativa que conteña o número de explotacións e superficie de cada un dos cultivos ós que se vaia dar servicio, así como xustificación das horas que cada tarefa implica por unidade de superficie e/ou explotación, de xeito que se poida concluí-la necesidade total da contratación.

b) Coa documentación acreditativa da execución do programa, achegarase copia dos contratos TC1, TC2 e as nóminas dos traballadores ou ben o contrato coas empresas de servicios, segundo o caso.

Capítulo III

Programas agrarios especiais

Sección primeira

Promoción de iniciativas de desenvolvemento

coa creación de actividades alternativas ou

complementarias das explotacións

Artigo 20º.-Obxecto.

O obxecto das axudas previstas nesta sección é:

a) A promoción do desenvolvemento rural sustentable coa introducción de núcleos de producción agrícola, con comercialización garantida, formados por un mínimo de productores e que normalmente xeran man de obra eventual ou fixa, así como actividades de primeira transformación.

b) A creación de actividades agrícolas alternativas e/ou complementarias das explotacións baseadas en produccións agrícolas non continxentadas e que supoñen un complemento de renda e/ou certa innovación.

Artigo 21º.-Beneficiarios e prioridades.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as entidades agrarias, calquera que sexa a súa forma xurídica, sempre e cando estean vinculadas ó sector agra

rio galego e promovan estes programas nun mínimo de oito explotacións agrarias asociadas.

2. Como excepción do disposto no artigo 6º e), as entidades que agrupen explotacións sitas en zonas desfavorecidas ou de montaña segundo a Directiva 75/268/CEE poderán baremarse neste programa ata con 10 puntos.

Artigo 22º.-Clase e contía das axudas.

As actuacións obxecto das axudas previstas nesta sección primeira consistirán en:

a) Investimento nas estructuras productivas necesarias para a implantación do cultivo ou actividade complementaria /alternativa: ata ó 50% do investimento.

b) Investimento en bens e equipos para o inicio e mellora dos procesos productivos: ata o 50% do investimento.

c) A asistencia técnica e apoio técnico que se subvencionarán de conformidade co establecido no capítulo II desta orde.

Artigo 23º.-Compromisos dos beneficiarios.

Os solicitantes das axudas deberán cumpri-los seguintes compromisos:

a) Contar coa asistencia técnica adecuada e suficiente ou ben solicita-la súa contratación de acordo co establecido no capítulo II desta orde.

b) Presentar un programa de formación e asesoramento dos productores.

c) Garanti-la comercialización das produccións.

d) Comprometerse a mante-los procesos productivos dun xeito ecocompatible por un mínimo de 5 anos, utilizando sistemas de control íntegrado (C.I.), producción integrada (P.I.) ou agricultura ecolóxica (A.E.).

Artigo 24º.-Documentación complementaria.

Coa xustificación do programa, de acordo co previsto no artigo 8º.3 desta orde, os beneficiarios achegarán o compromiso ou o contrato de comercialización das produccións, así como os cadernos de explotación onde se recollan as distintas prácticas e tratamentos efectuados de acordo co sistema de producción elixido.

Sección segunda

Creación e mellora de empresas de servicios agrarios

Artigo 25º.-Obxecto.

Coas axudas previstas nesta sección preténdese facilita-la implantación e consolidación de empresas de servicios agrarios para compensa-las consecuencias negativas da actividade a tempo parcial, a desprofesionalización, o envellecemento da poboación rural ou a falta de man de obra cualificada, presente en moitos sectores productivos.

As empresas de servicios terán como obxectivo o apoio a productores agrícolas e agrupacións de productores, prestando servicios integrados, tales como realización de labores técnicos e de xestión (plantacións, podas, tratamentos, asesoramento e seguimento técnico, etc).

Artigo 26º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas agrarias, calquera que sexa a súa forma xurídica, dadas de alta no imposto de actividades económicas (IAE), no seu epígrafe 911 «Servicios Agrícolas e Gandeiros». Estas empresas agrarias deberán exercer toda a súa actividade nos procesos productivos das explotacións en programa, utilizando tódolos investimentos obxecto da axuda unicamente para eses fins.

Cando se trate da constitución dunha nova empresa, calquera persoa física ou xurídica poderá actuar como o seu promotor e solicita-las ditas axudas. Unha vez constituida a empresa, esta subrograrase nos dereitos e obrigas do promotor, pasando a se-la beneficiaria última e destinataria das axudas.

2. Tódolos investimentos ou contratacións de persoal realizaranse pola nova empresa de servicios, que presentará os xustificantes ó seu nome para proceder ó pagamento das axudas que correspondan.

Artigo 27º.-Clase e contía das axudas.

As actuacións obxecto das axudas previstas nesta sección segunda consistirán en:

a) Adquisición de equipamentos e apeiros agrarios: ata o 30% do seu custo.

b) Para gastos de constitución: ata o 50% dos gastos.

c) Custos de análises de augas, solos, residuos e outras obrigatorias para a correcta execución do programa: ata o 50%, cun máximo de 300 euros/explotación asistida.

d) Nos supostos de asistencia técnica, investimentos en bens e apoio técnico aplicarase o disposto no capítulo II desta orde. Non obstante na axuda para a contratación de técnicos non se poderá supera-lo 50% do investimento e será incompatible coa axuda que se poida conceder ás agrupacións de productores por contratos coa dita empresa de servicios.

Artigo 28º.-Compromisos dos beneficiarios.

Os beneficiarios destas axudas deberán cumpri-los seguintes compromisos:

a) Mante-la actividade por un período mínimo de tempo de 5 anos, ou o estipulado para a amortización dos investimentos.

b) Cuantificar suficientemente as súas necesidades en asistencia técnica en función do número de explotacións e superficie agrícola na que pretenden exerce-los seus servicios, relacionados co número de horas de traballo do persoal técnico e auxiliar proposto.

Artigo 29º.-Documentación complementaria.

De acordo co previsto no artigo 8º.3 desta orde, os beneficiarios achegarán no momento da xustificación do programa a seguinte documentación complementaria:

a) Documentación pública de subrrogación da nova empresa nos dereitos e obrigas do promotor como beneficiario das axudas, de se-lo caso.

b) Copia da tarxeta de idenficación fiscal e da acta de constitución da entidade nova.

c) Documento acreditativo da alta no IAE.

d) Contrato de servicios ou documentos acreditativos da solicitude por parte das agrupacións de productores ou agricultores illados ós que se dá atención.

e) Facturas dos servicios efectuados e relación das explotacións e actividades atendidas. Estes documentos deberán presentarse durante o período mínimo esixido de duración da actividade.

f) Documentación acreditativa da inscrición da maquinaria no rexistro oficial de maquinaria agrícola.

Sección terceira

Fomento da producción integrada (P.I.), da

agricultura ecolóxica (A.E.) e doutros programas

sanitarios e técnicas de respecto ambiental

I. Programas de defensa sanitaria dos cultivos.

Artigo 30º.-Obxecto.

O obxecto dos programas de defensa sanitaria dos cultivos é o control fitopatolóxico dos cultivos agrícolas, a través de agrupacións de carácter agrario formalmente constituídas, mediante programas técnicos ben definidos, de xeito que exista certa periodicidade no uso de métodos de control fitobiolóxico e que, ademais, se recorra ó emprego racional de productos químicos, usándoos só naqueles casos en que sexa a única forma eficaz de erradicar ou mante-los axentes nocivos nos límites tolerables, empregando métodos de control integrado de pragas.

Artigo 31º.-Beneficiarios e criterios de selección.

1. Poderán ser beneficiarios destes programas as agrupacións de productores formalmente constituídas.

2. Ademais do previsto no artigo 6º, aplicaranse ás solicitudes presentadas para este programa os seguintes criterios de selección:

a) Que estean constituídas como agrupacións de tratamentos integrados en agricultura (Atrias): ata 5 puntos.

b) Que conten cos servicios dun técnico contratado para o control fitosanitario a tempo total: ata 5 puntos.

c) Que presenten un programa que se realice nunha área xeográfica na que as súas características téc

nicas favorezan a aplicación coherente do mesmo: ata 5 puntos.

d) Aquelas agrupacións de defensa dos vexetais de primeiro ano e as de segundo ou máis que cumprisen anteriormente de xeito satisfactorio tódolos compromisos asumidos: ata 5 puntos.

Artigo 32º.-Clase e contía das axudas.

As axudas previstas nesta sección terceira, punto I, poderán consistir en:

a) Para a contratación de servicios técnicos encargados da redacción e seguimento dun programa anual fitopatolóxico: ata 7.512,65 euros por asociación para ambos servicios, dependendo das características técnicas do programa, duración, dificultades para o seu seguimento e o seu grao de cumprimento.

b) Para o fomento dos medios culturais e biolóxicos de control dos organismos nocivos dos cultivos:

b.1) Adquisición de trampas e feromonas para o seguimento e confección de curvas de voos de insectos que permitan preve-lo posible grao de ataque e o momento óptimo de control das pragas con productos fitosanitarios, se son necesarios: ata o 70% do investimento.

b.2) Adquisición de equipamento para a mellora de técnicas que favorezan a prevención da propagación dos axentes nocivos e reducción de tratamentos fitosanitarios ata o 70%. Non obstante, no caso de maquinaria de aplicación de tratamentos, só será subvencionable, ata o 40% do investimento, cando vaia ser utilizada en común pola agrupación e supoña unha innovación tecnolóxica.

b.3) Adquisición de equipamento de protección humana para a realización de tratamentos fitosanitarios: ata o 35% do investimento.

b.4) Adquisición de organismos vivos, dos seus subproductos e productos biorracionais para a aplicación de técnicas de control biotecnolóxico: ata o 70% do investimento.

c) Para o desenvolvemento de programas piloto de técnicas innovadoras de control fitopatolóxico para a reducción de tratamentos fitosanitarios en interese xeral do sector, para combate-los organismos nocivos: ata o 70% do investimento. Non obstante, a axuda correspondente á execución destes programas non poderá supera-lo 70% do custo adicional orixinado por eles en relación ós programas tradicionais de defensa sanitaria para combate-los mesmos patóxenos. En todo caso a contía da axuda por este concepto poderá chegar ata 90,15 A/ha, que poderá incrementarse ata 180,30 A/ha no caso de cultivos baixo cuberta.

Artigo 33º.-Compromisos dos beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas a programas de defensa sanitaria dos cultivos deberán cumpri-los seguintes compromisos:

a) Contar cos servicios dun técnico ou empresa de servicios agrarios contratada pola agrupación para

o desenvolvemento do programa e o control fitosanitario. O técnico deberá te-la titulación de enxeneiro agrónomo ou técnico agrícola.

b) Participar nas actuacións recollidas no programa, como mínimo, o 80% dos socios afectados, que pertenzan á entidade solicitante. Se un socio pertencese a varias entidades subvencionadas, soamente poderá acollerse ó programa realizado por unha delas. Nestes casos, as agrupacións farán constar tal circunstancia, para o cal presentarán por escrito a conformidade do devandito socio ó programa ó que se acolle. En caso contrario, excluirase de tódolos programas ós que fose acollido.

c) Ademais, o servicio técnico, con técnico contratado ou a través dunha empresa de servicios agrarios, dada de alta no imposto de actividades económicas (IAE) dentro do grupo 911, cumprirá as seguintes condicións:

c.1) Colaborar cos servicios da Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria na recolla dos datos necesarios para a optimización da aplicación dos programas de detección do risco de pragas e enfermidades, a través da rede de avisos que a consellería ten en funcionamento en toda Galicia para tal fin.

c.2) Informar, visita-las explotacións participantes e comprobar actuacións ou resultados en calquera fase de execución do programa, a requerimento da Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria. O informe da visita será asinado conxuntamente polos técnicos da entidade agraria e do Servicio Provincial de Explotacións Agrarias ó seu remate.

c.3) Responsabilizarse dun só programa. Excepcionalmente, e no caso de proximidade xeográfica das entidades solicitantes e en función da capacidade técnica e operativa do técnico que fai o seguimento, este poderá levar dous programas, sempre que a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria estime que estes se poderán desenvolver integramente de acordo coas memorias presentadas. Neste caso, a suma das axudas previstas nos programas, redactados e dirixidos por un só técnico, relativas á contratación do servicio contemplado no artigo 32º a), non poderá supera-la cantidade de 10.517,71 euros.

c.4) Acepta-lo seguimento do programa fitosanitario coa condición de que sexa incompatible co desenvolvemento doutras actividades económicas relacionadas directamente cos equipos ou medios subvencionables por esta orde.

c.5) Manter informado o Servicio de Sanidade e Producción Agrícola das variacións do calendario de actividades que vaia desenvolver e doutras variacións que poidan xurdir respecto ó programa inicialmente aprobado.

Artigo 34º.-Documentación complementaria.

1. Ademais do disposto no artigo 5º desta orde, coa solicitude de axuda xuntarase:

a) Unha memoria técnica do programa que incluirá todo o necesario para concreta-lo ámbito de actuación, os cultivos afectados e tódalas actuacións que se desenvolverán, que se reflictirán finalmente de acordo co programa técnico esixido pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

b) Certificación do secretario da agrupación que recolla a totalidade dos seus socios e unha relación nominal dos socios do programa fitosanitario co seu DNI.

c) Copia das normas de funcionamento da agrupación para os efectos de desenvolve-lo programa sanitario.

d) Contrato de servicio para a redacción e o seguimento do programa.

2. Ademais, coa xustificación da execución dos traballos, achegarase o previsto no artigo 19º b) e factura definitiva do servicio técnico contratado.

3. No suposto previsto no artigo 32º b.1), deberá indicarse os lugares de instalación de trampas para o seu seguimento polo persoal técnico da Administración. Rematadas as actuacións, a agrupación presentará, no Servicio Provincial de Explotacións Agrarias, un informe completo sobre os resultados obtidos.

4. Os resultados dos programas piloto a que se refire o artigo 32º c) deberán remitirse á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para a súa posta a disposición dos operadores do sector.

II. Programas de control integrado dos patóxenos dos cultivos a través de agrupacións para tratamentos integrados na agricultura (Atrias).

Artigo 35º.-Obxecto.

O obxecto destes programas de axuda é o de fomenta-lo control integrado contra as pragas e enfermidades e a loita en común, mediante a constitución de asociacións para tratamentos integrados en agricultura (Atrias) que teñan por finalidade aplicar nun cultivo ou grupo de cultivos asociados, en razón das rotacións anuais da zona, as técnicas de loita integrada.

As actuacións para a aplicación das técnicas de loita integrada oriéntanse a estudiar a fenoloxía do cultivo; a bioecoloxía das pragas e fauna útil; os métodos de tratamento máis rendibles e menos lesivos para o ecosistema; e o axuste de limiares económicos de tolerancia das pragas e enfermidades.

Artigo 36º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as asociacións para tratamentos integrados en agricultura (Atrias) que reúnan os seguintes requisitos:

a) Constituírse dentro do seo de calquera das entidades con personalidade xurídica que poidan ter capacidade de contratación.

b) Constituírse cun número mínimo de 10 agricultores, que integran unha superficie mínima suficiente para a mellor eficacia das técnicas de loita que van aplicar, e para que resulte económico o mantemento do técnico e demais equipamento utilizado pola asociación.

c) Os agricultores afectados subscribirán un regulamento de réxime interno, no que se exprese a aceptación das condicións que se establecen para cada cultivo ou grupo de cultivos asociados, e a súa decisión de constituírse nunha Atria. Así mesmo, indicaranse as superficies de cultivo proporcionadas por cada un dos membros, xunto co ámbito de actuación sinalado por escrito e un mapa que delimite as zonas.

d) Constituír unha xunta xestora que rexerá a Atria, formada, como mínimo, por un presidente un secretario e un tesoureiro.

e) Elaborar un programa técnico quinquenal, de acordo coas directrices establecidas pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, concretando o ámbito de actuación, os cultivos afectados e as distintas actuacións que se levarán a cabo.

f) Suscribir un contrato laboral a tempo total co técnico que dirixirá a loita contra as pragas nos cultivos que agrupa a Atria. O técnico deberá estar en posesión do título de enxeñeiro agrónomo ou técnico agrícola.

Artigo 37º.-Clase e contía das axudas.

As axudas consistirán:

1. Nunha subvención destinada ó pagamento dos soldos dos técnicos contratados polas agrupacións para elaborar e dirixi-lo programa de control integrado dos cultivos, de ata 10.818,22 euros por Atria. Esta axuda poderá complementarse ata chegar ó 70% do custo do contrato por Atria naqueles casos nos que estea xustificado, ben sexa pola pequena superficie da explotación individual ou polo excesivo número de parcelas dos propietarios, ou ben pola insuficiencia de recursos das agrupacións a consecuencia da estructura productiva do sector.

2. Nunha subvención daquelas técnicas de control que poidan aportar unha innovación e mellora nas técnicas de loita integrada contra os organismos nocivos dos cultivos do programa, que poderá alcanzar un máximo de 751,27 euros por agrupación.

Artigo 38º.-Compromiso dos beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas deberán cumpri-los seguintes compromisos:

a) Segui-lo técnico as directrices marcadas pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria

b) Presentar, á devandita dirección xeral, a través do presidente da agrupación, un informe anual dos traballos efectuados e dos resultados técnicos acadados.

c) Se un socio pertencese a varias entidades subvencionadas, soamente poderá acollerse ó programa

que realice unha delas. Nestes casos, as agrupacións farán constar tal circunstancia, para o cal presentarán por escrito a conformidade do devandito socio co programa ó que fose acollido.

Artigo 39º.-Documentación complementaria.

No suposto da contratación de asistencia técnica deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) Coa solicitude de axuda, unha memoria xustificativa que conteña o número de explotacións e superficie de cada un dos cultivos ós que se vaia dar servicio, así como xustificación das horas que cada tarefa supón por unidade de superficie e/ou explotación, de xeito que se poida concluí-la necesidade total da contratación.

b) Coa documentación acreditativa da execución do programa, achegarase copia dos contratos TC1,TC2 e as nóminas dos traballadores ou ben o contrato coas empresas de servicios, segundo o caso.

III. Fomento da producción integrada (P.I.).

Artigo 40º.-Obxecto.

O obxecto desta liña de axuda é promover actuacions productivas coa utilización de técnicas de producción integrada (P.I.) que supoñan un maior compromiso ambiental e permitan compatibilizar a rendibilidade económica coa protección do ambiente, a calidade das produccións e a seguridade alimentaria.

Artigo 41º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) As agrupacións de producción integrada (Apria) reguladas pola normativa estatal e autonómica sobre producción integrada, fixándose un mínimo de superficie e/ou nº de productores para cada un dos cultivos.

b) As entidades agrarias que por si soas poidan asumi-los compromisos e contar co numero mínimo de hectáreas para o cultivo de que se trate.

Artigo 42º.-Clase e contía das axudas.

As axudas consistirán en:

1. No caso de custos de certificación da calidade efectuada por entidade de control e certificación: ata o 50% dos custos.

2. No caso de investimentos en estructuras productivas para a implantación do cultivo: ata o 50% dos investimentos.

3. No caso de investimentos en bens e equipamentos necesarios para o inicio e mellora dos procesos productivos: ata o 50% dos investimentos.

4. No caso de asistencia técnica e apoio técnico, aplicarase o disposto no capítulo II desta orde.

Artigo 43º.-Compromisos dos beneficiarios.

Os beneficiarios destas axudas deberán cumpri-los seguintes compromisos:

a) Rexistrarse no rexistro oficial de producción integrada da Dirección Xeral de Sanidade e Producción agropecuaria establecido para tal efecto, cumprindo, ademais, con tódolos requisitos e normas técnicas especificados para a producción integrada do sector do que se trate.

b) Contar coa asistencia técnica adecuada e suficiente, ou ben solicitala de acordo co capítulo II desta orde.

c) Garanti-la comercializacion das produccións.

d) Comprometerse a mante-los procesos productivos un mínimo de 5 anos.

Artigo 44º.-Documentación complementaria.

Coa xustificación do programa, de acordo con previsto no artigo 8º.3 desta orde, os beneficiarios achegarán a seguinte documentación complementaria:

a) Compromiso ou contrato de comercialización das produccións.

b) Cadernos de explotación onde se recollan as distintas prácticas e tratamentos efectuados de acordo co sistema de producción elixido.

c) No que respecta á asistencia técnica, se é o caso, copia dos contratos TC1, TC2 e as nóminas dos traballadores.

IV. Fomento da agricultura ecolóxica (A.E.).

Artigo 45º.-Obxecto.

O obxecto desta axuda é incentiva-la producción ecolóxica como sistema productivo de máximo nivel de esixencia nos compromisos ambientais e maior repercusión na calidade e salubridade das produccións.

Artigo 46º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións de productores formalmente constituídas, compostas por un mínimo de 8 productores inscritos no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Artigo 47º.-Clase e contía das axudas.

As axudas consistirán en:

1. No caso de custos de certificación da calidade efectuado por entidade de control e certificación: ata o 50% dos custos.

2. No caso de investimentos en estructuras productivas necesarias para a implantación do cultivo: ata o 50% dos investimentos

3. No caso de investimentos en bens e equipos necesarios para o inicio e mellora dos procesos productivos: ata o 50% dos investimentos.

4. Nos casos de asistencia técnica e apoio técnico aplicarase o establecido no capítulo II desta orde.

Artigo 48º.-Compromisos dos beneficiarios.

Os beneficiarios destas axudas deberán cumpri-los seguintes compromisos.

a) Cumprir con tódolos requisitos e compromisos establecidos no Regulamento 2092/91, do Consello, do 24 de xuño, sobre producción agrícola ecolóxica, e disposicións complementarias.

b) Contar con asistencia técnica adecuada e suficiente ou ben solicita-la súa contratación segundo o capítulo II desta orde.

c) Garanti-la comercialización das produccións, con etiquetaxe de agricultura ecolóxica.

d) Comprometerse ó mantemento dos procesos productivos un mínimo de 5 anos.

Artigo 49º.-Documentación complementaria.

1. Ademais da documentación a que se refire o artigo 5º.2 desta orde, á solicitude de axuda xuntarase:

-Certificado de inscrición no rexistro oficial do Craega, especificando os cultivos e parcelas.

-Memoria xustificativa que conteña o número de explotacións e superficie de cada un dos cultivos ós que se vaia dar servicio, así como xustificación das horas que cada tarefa implica por unidade de superficie e/ou explotación, de xeito que se poida concluí-la necesidade total de contratación.

2. Coa xustificación do programa de acordo co sinalado no artigo 8º.3, os beneficiarios achegarán, no caso de asistencia técnica, o seguinte:

-Copia dos contratos, TC1, TC2 e as nóminas dos traballadores.

-Certificado de cumprimento do programa segundo Ref. 2092/91 expedido polo Craega.

Capítulo IV

Convocatoria para o ano 2002

Artigo 50º.-Financiamento para o ano 2002.

1. As axudas reguladas na presente orde estarán financiadas no exercicio 2002 con cargo ás aplicacións do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002 seguintes:

a) Nas aplicacións 09.03.614A.770.1 e 780.1, para fomento de sistemas e ciclos agrarios sustentables, por importe de 173.674 euros e 30.405 euros, respectivamente.

b) Nas aplicacións 09.03.614A.770.0 e 780.0, para o fomento de actividades agrícolas complementarias e alternativas, por importe de 20.300 euros e 406.863 euros, respectivamente.

c) Nas aplicacións 09.03.614A.780.2 e 770.3, para producción integrada e outras técnicas de respecto ambiental, por importe de 84.787 euros e 787.993 euros, respectivamente.

2. Poderanse utilizar outros remanentes dispoñibles nas devandita aplicacións orzamentarias e, no caso de remanentes nalgunha das liñas ou programas de actuación, poderá incrementarse o orzamento dispoñible nas outras liñas que o precisen.

Artigo 51º.-Presentacion de solicitudes.

Non obstante o disposto no artigo 5º.3 desta orde, as solicitudes de axuda para a convocatoria de 2002 poderán presentarse no prazo dos trinta días naturais seguintes ó día da entrada en vigor desta convocatoria.

Artigo 52º.-Prazo de resolución.

Sen prexuízo do disposto no artigo 7º desta orde, as solicitudes presentadas no presente ano terán que resolverse con anterioridade ó quince de decembro de 2002.

Disposición adicional

O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó día das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo V desta orde, para os efectos de que a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria ou os servicios provinciais de explotacións agrarias poidan solicitala por vía informática.

Disposición transitoria

En canto non se estableza o desenvolvemento normativo necesario a nivel estatal ou autonómico sobre a producción integrada poderán acollerse ás axudas sobre producción integrada, todas aquelas entidades agrarias que se comprometan a introducirse nos rexistros que as afecten, sempre que as novas técnicas de producción integrada estean definidas previamente pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural