Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 09 de agosto de 2002 Páx. 12.188

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de xullo de 2002 pola que se autoriza a apertura e funcionamento do centro privado de artes plásticas e deseño Felicidad Duce de Allariz (Ourense), para imparti-los ciclos formativos de grao superior de estilismo de indumentaria e modelismo de indumentaria

Examinado o expediente que presenta Iciar-Olivia Oliden Olivares, polo que solicita autorización para a apertura e funcionamento do centro privado de

artes plásticas e deseño Felicidad Duce de Allariz (Ourense), para imparti-los ciclos formativos de grao superior de estilismo de indumentaria e modelismo de indumentaria da familia profesional de artes aplicadas á indumentaria.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Ourense, que se remite cos informes correspondentes.

Vistos o Real decreto 389/1992, do 15 de abril (BOE do 25 de abril), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas; o Decreto 253/1995, do 29 de setembro (DOG do 11 de outubro), sobre autorización a centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas; a Orde do 5 de decembro de 1995 (DOG do 7 de febreiro de 1996) pola que se desenvolve o dito decreto; Decreto 39/2002, do 24 de xaneiro (DOG do 13 de febreiro), polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior de artes plásticas e deseño de estilismo de indumentaria, así como o acceso ó dito ciclo formativo; Decreto 40/2002, do 24 de xaneiro, (DOG do 14 de febreiro) polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior de artes plásticas e deseño de modelismo de indumentaria, así como o acceso ó dito ciclo formativo.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-la apertura e funcionamento do centro privado de artes plásticas e deseño Felicidad Duce de Allariz (Ourense), para imparti-los ciclos formativos de grao superior de estilismo de indumentaria e modelismo de indumentaria, segundo os datos que se especifican no anexo.

Segundo.-O centro que se autoriza, segundo o establecido na disposición adicional terceira do Decreto 253/1995, do 29 de setembro (DOG do 11 de outubro), adscríbese para efectos administrativos, á Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense.

Terceiro.-Antes do inicio das ensinanzas que se autorizan, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no devandito centro así como o equipamento adecuado.

Cuarto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: Ourense.

Concello: Allariz.

Localidade: Allariz.

Enderezo: Paciños, 2 Fundación Ramón González Ferreiro.

Código do centro: 32020690.

Denominación xenérica: centro autorizado de artes plásticas e deseño.

Denominación específica: Felicidad Duce.

Titular: Escuela Superior de Diseño y Moda, S.L.

Ensinanzas que se autorizan:

Familia profesional: artes aplicadas á indumentaria.

1 ciclo formativo de grao superior de estilismo de indumentaria. (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

1 ciclo formativo de grao superior de modelismo de indumentaria (2 unidades para 30 alumnos/unidade).