Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 09 de agosto de 2002 Páx. 12.186

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 255/2002, do 30 de xullo, polo que se modifica a oferta de emprego público no sentido de ampliar diversas prazas de corpos, escalas e categorías da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002 aprobada polo Decreto 200/2002, do 6 de xuño.

Polo Decreto 200/2002, do 6 de xuño, publicado no DOG nº 113, do 13 de xuño, aprobouse a oferta de emprego público correspondente a diversas prazas de corpos e escalas de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

Por razón dos cambios producidos nas estructuras orgánicas, a modificación das relacións de postos de traballo da Administración da Xunta de Galicia, os diversos procesos en tramitación e a aplicación da disposición adicional décimo terceira da Lei 4/1988, do 26 de maio, non se incluíron prazas correspondentes a escalas e categorías de persoal das que existe necesidade e afectan ó funcionamento de diversos servicios públicos esenciais.

Nalgúns postos de funcionarios presta servicios, con carácter definitivo, persoal laboral fixo afectado polo establecido na disposición adicional décimo terceira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, engadida pola Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo. Este precepto prevé a posibilidade de levar a cabo determinados procesos para tal persoal adscrito, definitivamente, a postos reservados a funcionarios.

Por outra banda, na Consellería de Medio Ambiente, existen postos de persoal laboral vinculados ó Plan de Consolidación do Emprego 2000, 2001 e 2002, afectados pola sentencia do 15 de maio de 2002 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, dos que, por depender na súa maior parte dos servicios de defensa contra incendios forestais é de urxente necesidade resolver definitivamente a situación coa súa cobertura definitiva.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais correspondentes, logo do informe da Comisión de Persoal e de conformidade co establecido no artigo 12.8º e na disposición adicional décimo terceira da Lei 4/1988, do 26 de maio, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Modificación da oferta de emprego público do ano 2002.

A oferta de emprego público correspondente a distintos corpos e escalas de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, aprobada polo Decreto 200/2002, do 6 de xuño, modifícase no sentido de engadirlle as prazas das escalas e das distintas categorías de persoal laboral fixo da Administración da Xunta de Galicia e que se detallan no anexo deste decreto.

Artigo segundo.-Probas de acceso establecidas na disposición adicional décimo terceira da Lei 4/1988, do 26 de maio.

a) Convocarase un proceso selectivo para o acceso ás escalas que se especifican no anexo do presente decreto, no que se ofertarán as prazas que, así mesmo, se sinalan, no que só poderá participa-lo persoal laboral fixo que preste servicios, con carácter definitivo, en postos reservados a persoal funcionario da escala á que aspire a ingresar, sempre que posúan a titulación académica esixida pola normativa vixente para o acceso ó correspondente corpo ou escala e os restantes requisitos ós que se refire este artigo. Nas mesmas condicións, poderá participa-lo persoal laboral que se atope en situación de excedencia con dereito a reserva do posto de traballo conforme a normativa laboral aplicable.

b) O persoal laboral fixo que participe nestas probas deberá pertencer ós grupos e categorías que a seguir se detallan para o acceso, exclusivamente, ás escalas que tamén se indican:

Grupo e categoría de pertenzaGrupo e corpo/escala de funcionarios ó que poderá acceder

Grupo I, categoría (10), Titulado/a superior biólogo/a.Grupo A, Escala de biólogos/as

Grupo I, categoría (18), Licenciado/a informático/a (antigo técnico de sistemas e analista titulado/a superior)Grupo A, Escala de sistemas e tecnoloxía da información

Grupo e categoría de pertenzaGrupo e corpo/escala de funcionarios ó que poderá acceder

Grupo II, categoría (27), Técnico/a superior diplomado/a en informática (antigo analista de aplicacións, titulado de grao medio; e antigo analista programador, titulado medio)Grupo B, Escala de xestión de sistemas de informática

Grupo III, categoría (91), Técnico/a especialista en informática (antigo operador/a de ordenadores)Grupo C, Escala técnica auxiliar de informática

Non poderá participa-lo persoal fixo que se vai extinguir integrado polo Regulamento aprobado polo Decreto 289/2001, do 15 de novembro, nin o restante persoal afectado polas disposicións transitorias décima e décimo primeira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

c) O persoal laboral fixo que supere as probas será nomeado funcionario/a do correspondente corpo ou escala e quedará destinado no mesmo posto de traballo que viña ocupando e poderá participar en concursos de traslados sen necesidade de permanecer dous anos en tal posto.

Artigo terceiro.-Procedemento de provisión de postos por persoal laboral.

Os postos de traballo de persoal laboral vinculados ó Plan de consolidación de emprego 2000, 2001 e 2002 da Consellería de Medio Ambiente proveranse de conformidade co previsto no anexo V do IV Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e demais normativa de aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dictar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública

ANEXO

I Prazas de persoal funcionario

A.1. Escala de biólogos, grupo A:

Prazas correspondentes ó proceso regulado na disposición adicional décimo terceira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia: 22.

A.2. Escala de sistemas e tecnoloxía da información:

A.2.1. Prazas correspondentes ós procesos selectivos de promoción interna e acceso libre: 1.

A.2.2. Prazas correspondentes ó proceso establecido na disposición adicional décimo terceira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia: 1.

Total grupo A: 24.

B.1. Escala de xestión de sistemas de informática, grupo B:

B.1.1. Prazas correspondentes ós procesos selectivos de promoción interna e acceso libre: 30.

B.1.2. Prazas correspondentes ó proceso establecido na disposición adicional décimo terceira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia: 11.

Total grupo B: 41.

C.1. Escala técnica auxiliar de informática, grupo C:

C.1.1. Prazas correspondentes ós procesos selectivos de promoción interna e acceso libre: 53.

C.1.2. Prazas correspondentes ó proceso establecido na disposición adicional décimo terceira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia: 30.

Total grupo C: 83.

Total ampliación de prazas de persoal funcionario: 148.

II. Prazas de persoal laboral.

1. Categorías do grupo III:

-Capataz establecemento (80): 27.

-Xefe cuadrilla defensa contra incendios forestais (100): 140.

Total grupo III: 167.

2. Categorías do grupo IV:

-Operador/codificador de datos defensa contra incendios forestais (32): 57.

-Conductor motobomba de defensa contra incendios forestais (33): 167.

-Oficial 2ª mecánico máquinas defensa contra incendios forestais (37): 11.

Total grupo IV: 235.

3. Categorías do grupo V:

-Celador 2ª/vixilante de recursos naturais (9): 103.

-Vixilante fixo de defensa contra incendios forestais (10b): 100.

-Emisorista de defensa contra incendios forestais (10c): 105.

-Peón/a forestal (10F): 105.

-Peón/a de defensa contra incendios forestais (14): 702.

-Peón/a conductor de defensa contra incendios forestais (14a): 168.

Total grupo V: 1.283.

Total ampliación de prazas de persoal laboral: 1.685.

Total de prazas de persoal funcionario e laboral: 1.833.