Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 31 de xullo de 2002 Páx. 11.884

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN E COOPERACIÓN EXTERIOR

ORDE do 24 de xullo de 2002 pola que se regulan axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados, para o exercicio 2002.

O Decreto 403/2001, do 28 de decembro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior, establece, entre as súas competencias, facilita-la integración do emigrante retornado.

A Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2002, prevé no programa 213A, unha dotación de crédito con cargo á partida orzamentaria 17.03.213A.480.1 para o apoio á integración dos retornados. Para o cumprimento desta finalidade cómpre unha convocatoria de axudas de carácter extraordinario da cal o obxecto é a protección de situacións de carencia derivadas, entre outras, da non percepción polo emigrante retornado de prestacións contributivas dos seus países de residencia, as derivadas da falla temporal de cobertura polo subsidio para emigrantes retornados, a necesidade de realizar gastos excepcionais como consecuencia do retorno, etc. Estas axudas veñen complementa-los programas establecidos pola Administración xeral do Estado para emigrantes retornados e xunto coas diversas accións informativas, formativas e integradoras programadas para o presente exercicio pola propia Xunta de Galicia, proporcionan un marco propio de apoio a este

colectivo que retorna a Galicia.

Este programa específico de axudas de carácter extraordinario para emigrantes retornados e as súas familias ofrece novas alternativas de apoio a determinadas situacións que afectan as familias de galegos que deciden reintegrarse na realidade social da nosa comunidade.

Por todo o exposto e en atención a estes obxectivos, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto deste programa é a concesión de prestacións económicas directas, individuais, extraordinarias e non periódicas dirixidas ós emigrantes galegos retornados así como ós familiares que convivan e dependan economicamente deles, para atender situacións de necesidade ou precariedade económica derivadas do feito do retorno e da súa integración a Galicia.

Artigo 2º.-Finalidade das axudas.

Cubri-las situacións de necesidade nas que poidan atoparse os emigrantes galegos e os seus familiares como consecuencia do seu retorno, para facilita-la súa integración na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Beneficiarios e solicitantes.

Poderán ser beneficiarios e solicitar estas axudas:

1. Os emigrantes naturais de Galicia, que tiveron o seu lugar de residencia no estranxeiro e que, tendo regresado á Comunidade Autónoma, cumpren os seguintes requisitos:

a) Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de 3 anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a Galicia.

b) Ter traballado no exterior durante un período mínimo de 1 ano desde a data da súa última saída de España.

c) Que non transcorrese máis de 1 ano desde o seu retorno á Comunidade Autónoma.

d) Carecer dos bens ou ingresos que permitan acada-lo nivel mínimo de subsistencia. Para tal efecto computarase todo tipo de rendas, incluso as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas nesta orde.

e) Manifesta-lo seu compromiso, no documento de solicitude, de residir na Comunidade Autónoma de Galicia por un período mínimo de 1 ano a partir da concesión da axuda.

2. Os familiares das persoas indicadas no punto anterior, unidas a estas por matrimonio, parentesco por consanguinidade ou afinidade en primeiro grao, ou por adopción e os parentes consanguíneos de segundo grao con nacionalidade española, sempre que convivan co emigrante retornado (agás os separados ou divorciados) e que dependan economicamente del.

3. No caso de viuvez ou orfandade, o viúvo/a ou orfo/a do emigrante retornado.

4. Cando os solicitantes formen parte dunha mesma unidade de convivencia unicamente será beneficiario un dos membros dela.

Artigo 4º.-Natureza e contía.

As axudas teñen carácter persoal e intransferible. Non orixinarán dereito subxectivo ningún para os beneficiarios e estarán, en todo caso, condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias do exercicio previstas para esta finalidade.

As axudas serán de contía variable en función das causas que xeran a solicitude e valoraranse en función dos criterios recollidos no artigo seguinte.

Artigo 5º.-Criterios de adxudicación.

A adxudicación das axudas efectuarase conforme os criterios e a gradación deles, que se detalla a continuación:

1. Situación económica per cápita mensual da unidade familiar do interesado ponderada consonte o total de ingresos e de rendas percibidas e o número de membros da unidade familiar.

Ingresos inferiores ó 50% do salario mínimo interprofesional: 2 puntos.

Ingresos superiores ó 50% e ata o salario mínimo interprofesional: 1 punto.

Para estes efectos, entenderase por unidade familiar o cónxuxe, fillos menores de 25 anos ou maiores con discapacidade e parentes no grao que se especifica no artigo 3º.2 da orde sempre que convivan e dependan economicamente do solicitante.

2. Número de membros da unidade familiar discapacitados que dependan económicamente do interesado: 2 puntos por discapacitado.

3. Número de membros da unidade familiar menores de 18 anos: 1 punto por menor.

4. Estado de saúde do interesado ou dos membros da unidade familiar que del dependen consonte o grao de necesidade de tratamentos médicos continuados: 1 punto por enfermo.

5. Gravidade das situacións de infortunio derivadas do retorno ou daquelas que o provocaron e que determinan un estado de especial necesidade para o interesado e o conxunto da unidade familiar: de 1 a 3 puntos.

Artigo 6º.-Documentación que hai que presentar.

A documentación que se presentará será a seguinte:

a) Solicitude segundo modelo normalizado do anexo da presente orde.

b) Copia compulsada do DNI ou pasaporte en vigor do solicitante.

c) Documentos xustificativos da condición de galego da persoa á que se fai referencia no artigo 3º.1.

d) Certificación municipal que acredite:

-Altas do padrón municipal dos membros da unidade familiar que retornan ó concello da Comunidade Autónoma onde tiveran fixada a súa residencia.

-Convivencia dos membros da unidade familiar.

e) Copia compulsada do certificado de emigrante retornado, expedido pola área ou dependencia de Traballo e Asuntos Sociais das delegacións ou subdelegacións do Goberno, para os efectos da solicitude de prestación ou subsidio por desemprego. No seu defecto poderá presentarse copia compulsada da solicitude do devandito certificado, que deberá ser presentado unha vez outorgado.

f) Xustificante de ter traballado no exterior durante un período mínimo de 1 ano, desde a data da última saída de España. Esta data será a que conste no certificado de emigrante retornado ou no seu defecto, a que se acredite co pasaporte español ou con calquera outro medio de proba admitido en dereito.

Os documentos laborais que non sexan oficiais deberán ser adverados, respecto do seu contido, pola Consellería Laboral e de Asuntos Sociais ou por outra autoridade española no exterior.

g) Documentación acreditativa dos ingresos, rendas ou patrimonio que perciba ou posúa o emigrante retornado ou outros membros da unidade familiar, achegándose así mesmo, de se-lo caso, a xustificación das axudas recoñecidas por outras entidades públicas ou privadas, con indicación da súa contía.

Así mesmo o interesado comunicará cantas axudas solicitase para a mesma actuación doutras administracións públicas.

h) Copia compulsada do libro de familia.

i) Cando o solicitante sexa o cónxuxe viúvo/a ou orfo/a do emigrante achegará ademais o certificado de defunción do emigrante expedido pola autoridade competente do país onde se producise o falecemento.

j) Outros documentos que acrediten a situación ou estado de necesidade no que se atope o solicitante.

k) Certificado médico expedido por un centro de saúde público oficial, se é o caso.

Artigo 7º.-Lugar e prazo.

a) As solicitudes dirixiranse á Consellería de Emigración e Cooperación Exterior (Dirección Xeral de Cooperación Exterior) e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, modificada por la Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

b) O prazo de presentación finaliza o 15 de outubro do ano 2002.

Artigo 8º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achega a documentación esixida, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior requirirá o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, entenderase desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 9º.-Informe social.

A Consellería de Emigración e Cooperación Exterior poderá solicitar informe ós servicios sociais comunitarios do concello onde tivera fixada a súa residencia, os cales poderán, se se considera oportuno, emitir proposta sobre a axuda solicitada.

O dito informe, na medida do posible, deberá constata-los seguintes extremos:

a) Situación familiar.

b) Características da vivenda.

c) Situación socioeconómica.

d) Calquera outro dato de interese relacionado co motivo da petición da axuda.

Artigo 10º.-Resolución.

O órgano competente para resolve- las solicitudes formuladas será o director xeral de Cooperación Exterior, que dictará a correspondente resolución no prazo de 6 meses desde a publicación da dita orde no Diario Oficial de Galicia. De non recaer resolución expresa no devandito prazo, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 11º.-Recursos.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que poñan fin á vía administrativa, poderán os intere

sados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as dictou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de 3 meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de 2 meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de 6 meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

Ademais deste réxime de recursos contra a resolución de adxudicación das axudas, esta convocatoria e as súas bases poderán impugnarse na forma e nos prazos establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á su revogación, de acordo co disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior no director xeral de Cooperación Exterior, para resolve-la concesión ou denegación das axudas previstas nesta orde.

Segunda.-O programa de axudas asistenciais extraordinarias para o emigrante retornado concederase con cargo á partida orzamentaria 17.03.213A.480.1, por un importe máximo de trescentos trinta e un mil corenta e dous euros (331.042 A).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Cooperación Exterior da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior para dicta-las resolucións que tecnicamente sexan necesarias para o cumprimento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2002.

Aurelio D. Miras Portugal

Conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA