Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 30 de xullo de 2002 Páx. 11.841

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

DECRETO 245/2002, do 24 de xullo, polo que se modifica o Decreto 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en Galicia.

O Decreto 91/2001, do 19 de abril, regula as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, adaptando o contido do Real decreto 1880/1996, do 2 de agosto, ás condicións das explotacións gandeiras galegas.

No citado Decreto 91/2001 estableceuse o criterio xeral para o recoñecemento das ADSG, e reguláronse así mesmo os censos necesarios, por especies, para a constitución de ADSG no caso de especiais características productivas das explotacións, entendendo por tales aquelas produccións de natureza minoritaria, rara ou exótica.

Non obstante, para o recoñecemento das agrupacións de gando bovino, ovino e cabrún estímase necesario desenvolve-lo disposto no Decreto 91/2001, en virtude do establecido no artigo 3.b) do Real decreto 1880/1996, co obxecto de ter en conta alternativamente a distribución, dimensións, censos, características e condicións productivas das explotacións, no territorio da Comunidade Autónoma.

O tamaño das explotacións gandeiras galegas, en especial no gando bovino, ovino e cabrún, debido ás súas pequenas dimensións, afecta o número de animais que poden incorporarse a unha ADSG, polo que é necesario establecer un criterio de tamaño mínimo de explotacións para os efectos do recoñecemento das ADSG na Comunidade Autónoma de Galicia como condicionante fundamental para a eficacia sanitaria das citadas ADSG.

En consecuencia e ó abeiro das competencias que á Comunidade Autónoma de Galicia se lle atribúen en materia de sanidade animal, de conformidade cos artigos 30 e 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do artigo 4 do Decreto 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en Galicia.

Un.-Engádeselle un punto 1º ó artigo 4 do Decreto 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en Galicia que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 4º.-Condicións para o recoñecemento das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

1. Poderanse constituír agrupacións de defensa sanitaria gandeiras de gando bovino, ovino e cabrún,

nun ou varios concellos, cando as explotacións que pretendan constituí-la agrupación supoñan, como mínimo, o 30% de todas aquelas que, dentro do concello ou concellos afectados, posúan un censo gandeiro que supere o 30 % do tamaño medio das explotacións da Comunidade Autónoma.

Para estes efectos enténdese como tamaño medio de explotación o número de reses obtido da división do número de reproductoras, entre o número de explotacións de cada especie existentes na Comunidade Autónoma, determinado anualmente pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural a través da dirección xeral con competencias en materia de sanidade animal, de acordo cos rexistros de explotacións da Comunidade Autónoma de Galicia».

Dous.-No artigo 4º, os puntos 1 e 2 que figuran no Decreto 91/2001, pasan a ser, respectivamente, puntos 2 e 3.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó estipulado neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA