Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 29 de xullo de 2002 Páx. 11.784

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2002, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se convocan con carácter extraordinario probas de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional específica para o curso 2002-2003.

Segundo o artigo 2 da Orde do 1 de abril de 2002, pola que se regulan as probas de acceso ós ciclos formativos de formación profesional específica, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará, cando menos unha vez ó ano, unha proba para o acceso ós ciclos formativos que na comunidade se impartan. A esta proba unicamente poderán concorrer aquelas persoas que non reúnan

os requisitos académicos que permitan o acceso directo ós ciclos formativos.

Tendo en conta a existencia de prazas vacantes en ciclos formativos de grao medio de formación profesional nalgunhas localidades para o curso 2002-2003 e coa finalidade de facilita-lo acceso a estas ó maior número de persoas interesadas, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Convocatoria.

Convocar, con carácter extraordinario, unha proba de acceso para ciclos formativos de grao medio de formación profesional específica que terá lugar o día 16 de setembro nos centros que oportunamente se determinen.

Segundo.-Contidos da proba.

A proba de acceso acreditará que o aspirante posúe coñecementos e habilidades suficientes para cursar con aproveitamento estas ensinanzas. É común para tódolos ciclos formativos de grao medio e así se fará constar na certificación. O seu contido atenderá os aspectos sociocultural e científico-tecnolóxico da educación secundaria obrigatoria:

Parte sociocultural:

-Comprensión e expresión de textos escritos con propiedade, autonomía e creatividade en galego e castelán.

-Coñecemento da historia, xeografía e actitudes da nosa tradición e patrimonio cultural, así como análise dos mecanismos e valores que rexen o funcionamento das sociedades.

Parte científico-tecnolóxica:

-Resolución de problemas nos campos das matemáticas e da tecnoloxía, mediante procedementos de razoamento lóxico.

-Realización de exercicios que utilicen códigos científicos e técnicos. Aplicacións do desenvolvemento científico e tecnolóxico e a súa incidencia no medio físico e social.

A valoración de cada unha destas partes expresarase mediante a cualificación de apto ou non apto. Para a superación da proba será necesario obte-la cualificación de apto en ámbalas dúas partes.

Terceiro.-Exencións da proba de acceso.

Poderán quedar exentas, total ou parcialmente, da proba de acceso ós ciclos de grao medio, nos termos previsto no punto décimo primeiro da Orde do 1 de abril de 2002, as persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

Cuarto.-Inscrición e celebración.

1. A inscrición farase na secretaría dos institutos de educación secundaria nos que se impartan ensinanzas de formación profesional específica, no prazo comprendido desde o día 2 ó día 6 de setembro

de 2002, ámbolos dous inclusive, segundo o modelo do anexo VI, recollido na Orde do 1 de abril de 2002.

2. Os solicitantes de exención xuntarán certificado de acceso á universidade para maiores de 25 anos, no que conste a opción efectuada ou materias superadas e a puntuación acadada.

3. Os centros cargarán os datos de inscrición na aplicación informática facilitada pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional tendo de prazo ata o día 9 de setembro para enviarlle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a relación de persoas inscritas para realiza-la proba, debendo facer constar expresamente as que solicitan exención a esta.

4. A documentación correspondente ós solicitantes de exención deberá ser remitida á dirección xeral pola vía de urxencia, garantindo a dirección do centro a recepción desta antes do día 10 de setembro. A documentación das persoas que non solicitan exención arquivarase no propio centro educativo.

5. A proba terá lugar nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, no horario que se indica a continuación:

Das 9.30 ás 11.30 horas: parte científico-tecnolóxica.

Das 12 ás 14 horas: parte sociocultural.

6. Antes do 10 de setembro as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, comunicarán a tódolos centros docentes, para que o fagan público no taboleiro de anuncios, a relación de centros públicos nos que se realizarán as probas.

7. As probas de acceso ós ciclos formativos serán elaboradas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de acordo co establecido na Orde do 1 de abril de 2002.

Quinto.-Resultados.

1. As resolucións provisionais de exención faranse públicas nos centros educativos onde se realicen as probas e na páxina web www.edu.xunta.es/ciclos antes do día 16 de setembro de 2002.

2. Os resultados provisionais da proba de acceso faranse públicos antes do día 25 de setembro de 2002 nos taboleiros dos centros educativos onde se realizou e na páxina web: www.edu.xunta.es/ciclos

3. Ás persoas que superen a referida proba expediráselles a acreditación, segundo o modelo que figura no anexo III da Orde do 1 de abril de 2002.

Sexto.-Reclamacións.

1. Contra os resultados provisionais da proba de acceso e as resolucións provisionais de exención poderase presentar reclamación durante os días 25, 26 e 27 de setembro ante o presidente do tribunal cualificador. Estas reclamacións serán resoltas antes do día 5 de outubro e trasladaranse á directora xeral

de Ordenación Educativa e Formación Profesional, quen as elevará a definitivas.

2. Contra as resolucións definitivas, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria na forma prevista no artigo 114.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). A resolución deste recurso, que pon fin á vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2002.

Mª Pilar del Mar Pérez Marsó

Directora xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL