Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 26 de xullo de 2002 Páx. 11.759

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2002 pola que se fai pública a encomenda da xestión de levar a cabo o proxecto de dixitalización e conservación do patrimonio bibliográfico do fondo antigo da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela.

Con data do 28 de maio de 2002, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo o proxecto de dixitalización e conservación do patrimonio bibliográfico do fondo antigo da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela.

Na cláusula 5ª do dito convenio establécese que a Fundación Cidade da Cultura de Galicia financiará os gastos para a dixitalización, cun orzamento máximo de 150.253 euros.

Para levar a cabo os ditos traballos de dixitalización, a Universidade de Santiago de Compostela

conta cun servicio propio denominado Centro de Edición Dixital da USC. O dito servicio xestiónase indirectamente baixo a modalidade de sociedade de economía mixta consonte o establecido no artigo 156 letra d) do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas (TRLCAP). Para a constitución da dita sociedade de economía mixta, celebrouse a oportuna licitación do contrato por concurso público, procedemento aberto. Este foi adxudicado á empresa Tórculo Artes Gráficas, S.A.L. por Resolución do 30 de xaneiro de 2001. A dita empresa e a propia Universidade de Santiago de Compostela, constituíron, tal e como establecía o contrato asinado, a empresa Unidixital, S.L., cunha participación maioritaria da Universidade de Santiago de Compostela no capital social dela do 51%.

Do anterior dedúcese a improcedencia da convocatoria dunha nova licitación pública para a contratación dos traballos de dixitalización obxecto do convenio de referencia, por dispoñer a Universidade de Santiago de Compostela dun servicio propio e ó non ser posible, ademais, cumpri-los requisitos establecidos no artigo 202.1º do TRLACAP que establece, con carácter de precepto básico, a necesidade de incorporar ó expediente de contratación «un informe no que se xustifique axeitadamente a insuficiencia, a falta de adecuación ou a conveniencia de non ampliación dos medios persoais e materiais con que conta a Administración para cubri-las necesidades que se trata de satisfacer a través do contrato».

Por todo o exposto, cumpríndose no presente caso os requisitos establecidos no artigo 15.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRX-PAC), o rector resolve:

Encargar directamente mediante a presente encomenda de xestión os traballos de dixitalización dos fondos bibliográficos obxecto do convenio de referencia, á empresa Unidixital, S.L., sociedade que xestiona o Centro de Edición Dixital da Universidade de Santiago de Compostela, polo importe total establecido nel (150.253 euros, IVE incluído).

Contra esta resolución que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde a súa recepción, de conformidade cos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa. Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, perante o Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela. Neste caso non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-adminis

trativo, ó abeiro dos artigos 116 e seguintes da LRX-PAC, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2002.

O rector

Rubricado