Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 18 de xullo de 2002 Páx. 11.330

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 237/2002, do 11 de xullo, polo que se modifica o Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.

A Constitución española do 27 de decembro de 1978 indica, no seu artigo 148.1º, que as comunidades autónomas poderán asumir competencias, entre outras, nas seguintes materias: a pesca nas augas interiores, o marisqueo e a acuicultura, a caza e a pesca fluvial.

Amparado por este precepto constitucional o Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, sinala, no seu artigo 27 que á Comunidade Autónoma galega correspóndelle a competencia exclusiva da pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo, a acuicultura, a caza, a pesca fluvial e lacustre.

Este escenario competencial foi desenvolvido pola Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, no referido á pesca e ó marisqueo. Así, esta lei regula a explotación dos recursos mariños de Galicia no seu título II, concretando, no seu artigo 24, a capacidade da Administración autonómica para fixar tanto os horarios da actividade das distintas modalidades de explotación coma os días nos que se poderá levar a cabo.

Atendendo a este mandato legal, o Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños, fixou, no seu artigo 2.3, os días nos que se pode realiza-lo traslado de semente de moluscos e a limpeza de bancos marisqueiros, actividades complementarias da propiamente extractiva, admitindo, logo de autorización administrativa, tódolos días do ano excepto sábados e domingos.

Tendo en conta que a meirande parte dos bancos marisqueiros de Galicia estanse a explotar mediante plans de explotación que conteñen, ademais das normas reguladoras da explotación, as actuacións complementarias e coadxuvantes para acadar unha explotación racional dos bancos marisqueiros, atopámonos con que algunhas destas actividades non aparecen recollidas expresamente no artigo 2.3 do Decreto 423/1993, ocasionando dúbidas respecto da regulación aplicable no referido ó seu horario e ós días permitidos para o seu desenvolvemento.

Deste xeito, o Instituto Social da Mariña vén considerando que as actividades de coidado, control, seguimento, protección ou semicultivo de bancos marisqueiros, en tanto que incluídas nos plans de explotación, son propias do marisqueo e, como tales, están amparadas polos mecanismos de cobertura do

Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar. Nembargantes, considera que cando estas actividades se levan a cabo en sábado ou domingo, non pode darse a continxencia de accidente de traballo, pois os mencionados días non teñen a consideración de laborables, en aplicación do precitado artigo 2.3, do Decreto 423/1993.

Esta situación resulta insostible, por canto as tarefas complementarias da actividade extractiva esixen un desenvolvemento continuo, polo que non poden ser aprazadas temporalmente na súa realización, xa que as actividades como a protección dos bancos ou as sementeiras, deben executarse sen esperas, interrupcións ou dilacións e, incluso, diariamente.

Polo tanto, faise imprescindible, necesaria e inaprazable a modificación do artigo 2 do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños, co fin de facer regulamentariamente posible o desenvolvemento diario das actividades e traballos que completan o marisqueo, así como de darlles a consideración oficial de días laborables, para tódolos efectos, ante o Instituto Social da Mariña.

Por todo isto, trala consulta ó sector e en virtude das facultades conferidas no artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro e a Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, e por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modifícase o artigo 2.3 do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños, que terá a seguinte redacción:

«2.3. O traslado de semente, a limpeza de bancos marisqueiros, así como as actividades de semicultivo necesarias para a mellora da producción, requirirán autorización segundo o procedemento establecido no artigo 8º e poderán levarse a cabo durante todo o ano».

Artigo 2º.-Engádense dous novos puntos no artigo 2º do Decreto 423/1993, que terán o seguinte contido:

«2.4. Os traballos ou actividades de coidado, control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros, realizados polas mariscadoras e mariscadores, poderán desenvolverse tódolos días do ano.

2.5. Os días dedicados polas mariscadoras e mariscadores a estes traballos terán a consideración, para tódolos efectos, de días de actividade extractiva, polo

que computarán para a revalidación do permiso de explotación, tanto a pé como a flote, segundo corresponda».

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos