Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 17 de xullo de 2002 Páx. 11.297

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 235/2002, do 27 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Valga (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de expropiacións no enlace de Valga coa estrada comarcal 550.

O Concello de Valga, en sesión celebrada o día vinteseis de novembro de dous mil un, aprobou o proxecto de expropiacións no enlace de Valga coa estrada comarcal 550, e na sesión do cinco de xuño de dous mil dous, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Valga foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día catorce de xuño de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada

no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día doce de xuño de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello a urxencia ven determinada pola necesidade de mellora-los enlaces coa estrada comarcal 550, debido á alta sinistrabilidade existente no cruzamento de Campaña, debido á estreitez do seu trazado actual, precisándose o seu ancheamento para evitar dúas zonas extremadamente perigosas non só para os vehículos senón tamén para os propios peóns.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintesete de xuño de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Valga, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de expropiacións no enlace de Valga coa estrada comarcal 550.

Santiago de Compostela, vintesete de xuño de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais