Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 16 de xullo de 2002 Páx. 11.152

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Chantada, nos concellos de Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), promovido pola empresa Elecnor, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 25 de xaneiro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Chantada, nos concellos de Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), promovido pola empresa Elecnor, S.A. que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

* Proyecto parque eólico de Chantada. Octubre 2000,

* Evaluación de impacto ambiental. Parque eólico Chantada. Mayo 2000,

* Simulación virtual Faro-Farelo. Enero 2001,

* Parque eólico Chantada. Estudios ambientales complementarios,

* Documentación ambiental complementaria del estudio de impacto ambiental del parque eólico de Chantada. Junio 2001,

* P.E. Chantada. Documentación complementaria al estudio de impacto ambiental. Estudio de la afección a los hábitats naturales de interés comunitario. Septiembre 2001,

* P.P.E.E. Chantada, Monte Cabeza, Farelo e Penas Grandes. Documentación complementaria a los estudios de impacto ambiental. Línea de evacuación de energía. Septiembre 2001,

a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA, sen prexuízo do disposto no artigo 6.4º do Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio

ambiental e restante documentación avaliada, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado parque eólico Chantada, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 40,3 MW de potencia total, nos concellos de Chantada (Lugo) Rodeiro (Pontevedra), constituído por 31 aeroxeradores de 1.300 kW de potencia unitaria, dispostos ó longo de tres aliñacións na serra do Faro, dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

591.8754.725.000

590.8754.718.000

589.9614.718.000

589.8104.719.000

591.0004.724.860

591.8754.725.000

Tendo en conta o exposto no punto 7 desta DIA para evita-la afección sobre o xácigo arqueolóxico PU000607Ñ02 (Porriños), o aeroxerador 31, así como o vial de acceso e a gabia de cables deberán ser eliminados, polo que o parque eólico quedará constituído por 30 dos 31 aeroxeradores proxectados, cunha potencia total instalada de 39 MW.

Tendo en conta o exposto no punto 4, o aeroxerador nº 1 deberá ser desprazado da estrada autonómica C-533 ata acadar unha distancia de 132 metros da liña de explanación da estrada.

A localización é coordenadas U.T.M. do antedito aeroxerador, así como a disposición da súa infraestructura asociada establecerase, se é o caso, unha vez sexa recibida, avaliada e informada favorablemente a documentación requirida no punto 11.2 desta DIA.

De acordo co indicado nos puntos 6.2 e 8 da DIA, referente a localización de especies singulares de plantas e de afloramentos rochosos, as posicións dalgúns aeroxeradores poderían variar á vista dos resultados do estudio requirido no punto 11.1 desta DIA, a localización e coordenadas definitivas dos aeroxeradores e as súas infraestructuras asociadas estableceranse unha vez que sexa recibida, avaliada e informada favorablemente a documentación requirida no antedito punto 11.1 da DIA.

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle no plano P.E. Chantada. Plano general de instalaciones. PCH-GE.04, do estudio de impacto ambiental, agás para o que se derive do cumprimento do punto 11.1 da presente DIA.

As coordenadas UTM dos 29 aeroxeradores restantes son, con carácter provisional, as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

2591.1784.724.462

3591.2184.724.318

4591.2294.724.196

5591.2974.724.055

6591.2994.723.930

7591.1464.723.417

8591.1574.723.293

9591.1764.723.171

10591.2004.723.047

11591.1054.722.803

12591.0864.722.673

13590.9834.722.239

14590.9804.722.114

15590.9874.721.997

16590.9864.721.873

17590.9724.721.739

18590.9304.721.573

AeroxeradorUTM XUTM Y

19590.8954.721.425

20590.9104.721.290

21590.9364.721.175

22590.9734.721.058

23590.9294.720.913

24590.9154.720.769

25590.0504.718.677

26590.0054.718.563

27589.9594.718.449

28589.9244.718.337

29589.9444.718.212

30590.5194.718.217

Liña de evacuación de enerxía:

Tendo en conta a información achegada no estudio ambiental, na documentación ambiental complementaria e no documento P.P.E.E. Chantada, Monte Cabeza, Farelo e Penas Grandes. Documentación complementaria a los estudios de impacto ambiental. Línea de evacuación de energía. Septiembre 2001, respecto á solución global para a evacuación de enerxía xerada polos parques eólicos Farelo, Monte Cabeza, Chantada e Penas Grandes e a conexión das súas respectivas subestacións transformadoras coa subestación de Chantada, a totalidade do proxecto de evacuación (incluíndo os pasos aéreo-subterraneo e calquera outra infraestructura eléctrica non contemplada no estudio ambiental) será obxecto do

estudio de impacto ambiental específico, someténdose ó correspondente trámite de avaliación ambiental.

2. Protección da atmósfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras procederase, nos períodos de seca, á humectación continua das pistas e das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po, segundo o indicado no estudio ambiental. Así mesmo, os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po, irán cubertos con lonas.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

A tal fin, presentarase unha nova proposta de seguimento do nivel de ruído no que se inclúan, ademais dos propostos, tódolos núcleos de poboación e vivendas sitas ó oeste e sueste do parque, indicando a distancia entre o punto seleccionado para o control do ruído e o aeroxerador máis próximo, segundo o requirido no punto 11.5 desta DIA.

Dado que o parque eólico se proxecta a carón dos parques de Monte Cabeza, Farelo e Penas Grandes, promovidos por Elecnor, S.A., deberanse propoñer e xustificar puntos estratéxicos entre os parques eólicos para realiza-las medicións necesarias para o control dos efectos sinérxicos e/ou acumulativos do ruído, segundo o requirido no punto 11.7 desta DIA.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación ou vertedura, precisará da autorización de Augas de Galicia, segundo se establece no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Augas, axustándose ás directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

A achega das augas das drenaxes transversais e lonxitudinais á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía á súa saída, co fin de evitar erosións, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ós cursos naturais.

Realizarase un control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe artificial (tanto transversais como lonxitudinais) e das condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, conforme ó plan de vixilancia proposto no anexo I do documento Documentación ambiental complementaria del estudio de impacto ambiental del parque eólico de Chantada, Junio 2001, co fin de comprobar que non se producen alteracións no réxime hídrico preexis

tente e verifica-la eficacia das medidas protectoras e correctoras propostas no estudio ambiental e na documentación complementaria presentada polo promotor.

As augas residuais que se xeren no edificio de control deberán ser conducidas ata unha fosa séptica ou calquera outro sistema que garanta o seu axeitado tratamento, que deberá ser mantido periodicamente para garanti-lo seu correcto funcionamento.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e terraplén resultantes da execución das pistas, así como das plataformas de montaxe dos aeroxeradores, foxos e a zona da subestación, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais aba abaixo.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou áreas hidromorfas, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorregas superficiais. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, tanto na fase de obras como na de funcionamento deberanse levar a cabo controis periódicos. A tal fin, deberase presentar unha nova proposta de seguimento da calidade das augas na que se inclúan puntos de toma de mostras en tódalas subbacías reflectidas no anexo I Estudio hidrológico do documento Parque eólico Chantada. Estudios ambientales complementarios, agás na subbacía alta do Arnego, por non preverse afeccións nesta subbacía, segundo o requirido no punto 11.6 desta DIA.

Dado que o parque eólico se proxecta a carón dos parques de Monte Cabeza, Farelo e Penas Grandes, promovidos por Elecnor, S.A., deberanse propoñer e xustificar puntos estratéxicos entre os parques eólicos para realiza-la toma de mostras necesarias para o control dos efectos sinérxicos e/ou acumulativos sobre a calidade das augas, segundo o requirido no punto 11.7 desta DIA.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se deberán axustar ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

Procederase á súa sinalización e balizamento previo, que deberá manterse en perfecto estado durante

o transcurso das obras, retirándose cando estas finalicen.

Para calquera modificación que fose necesario introducir no proxecto, independentemente da súa causa, observarase o indicado no punto 13.4 desta declaración.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas na documentación avaliada, non permitíndose o seu sobredimensionamento e a ocupación de superficies non previstas.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas ou lonas) que impidan a proxección de fragmentos de rocha á contorna. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona, e depositados en lugar autorizado.

No caso de deterioración das pistas e calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que se trala finalización das obras existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisar materiais de préstamo, deberá acreditarse previamente a súa procedencia, indicando a localización, extensión, volume e condicións de restauración do préstamo que se vai efectuar.

Para a localización das instalacións de obra seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga, zona hidromorfa ou área de protección arqueolóxica e tendo en conta que se planificarán para darlle tamén servicio ó futuro parque eólico Penas Grandes, dada a súa proximidade. Reflectirase a localización prevista no plano requirido no punto 11.3 desta DIA.

A circulación de vehículos e maquinaria no parque restrinxirase ás pistas e zonas acondicionadas para o efecto.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten ós terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

Tendo en conta o indicado no parágrafo anterior, o aeroxerador nº 1 deberá ser desprazado da estrada autonómica C-533 ata acadar unha distancia de 132 metros da liña de explanación da estrada.

5. Sobre os residuos.

Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega ó xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramas accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.

Ó final das obras, e antes do inicio da fase de explotación, a zona debe quedar totalmente limpa, procedendo á retirada e xestión de tódolos residuos de obra.

En canto non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra, e durante a fase de explotación disporanse no edificio de control.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, levaranse a cabo os controis oportunos co fin de determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presencia dos aeroxeradores.

Así mesmo, efectuarase unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna dos restantes parques eólicos previstos pola empresa promotora na zona, de acordo co estudio de efectos sinérxicos presentados co fin de determina-la aparición ou non deste tipo de efectos sobre as aves.

Dado que na zona de implantación do parque eólico se constata a presencia de morcegos, deberase propoñer un seguimento da posible incidencia do parque sobre as súas poboacións, de acordo co requirido no punto 11.10 desta DIA.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose sempre mediante sistemas de roza.

Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira precisará da preceptiva autorización ou informe, segundo o caso, do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, tal como se establece na Lei 7/1992, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, que desenvolve o regulamento da antedita lei.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse a súa trituración e espallamento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

As especies singulares presentes na zona, como Narcissus bulbocodium, entre outras, non poderán ser afectadas. A tal fin, realizarase un estudio-inventario das especies singulares (endémicas, ameazadas, protexidas pola lexislación ou que se recollan na Lista roja de la Flora Vascular Española) dentro do polígono do parque eólico, no que se inclúan planos detallados da súa localización respecto das instalacións e infraestructuras do parque e medidas protectoras e/ou correctoras precisas para non afectar estas especies, segundo o requirido no punto 11.1 desta DIA.

6.3. Sobre os hábitats naturais.

Dado que o parque se proxecta no LIC denominado Monte do Faro e sobre o hábitat de interese comunitario tipificado como queirogais secos europeos, o que suporá a afección a unha fracción deste hábitat, deberán propoñerse medidas compensatorias, segundo o punto 4, artigo 6, do Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro.

A tal fin, deberanse levar a cabo as seguintes medidas compensatorias, de acordo co proposto na documentación presentada polo promotor:

1. A restauración, co antedito hábitat, dunha superficie como mínimo equivalente á afectada polo proxecto, debendo realizarse dentro do perímetro do espacio natural.

2. Realización dun estudio da totalidade do LIC Monte do Faro, que versará sobre o clima, xeoloxía, xeomorfoloxía, solos, hidroloxía, flora, vexetación, fauna, hábitats, paisaxe, medio socioeconómico e cultural, en coordinación coa Dirección Xeral de Consevación da Natureza.

3. Actuacións de divulgación ambiental, entre as que se incluirán a instalación de paneis informativos dos valores do espacio natural e un centro de divulgación no edificio de control do parque eólico.

Así mesmo, observarase o estricto cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no documento Documentación ambiental complementaria al estudio de impacto ambiental del parque eólico de Chantada. Junio 2001 e levarase a cabo o plan de vixilancia de hábitats prioritarios proposto no antedito documento.

No caso de que se detectase algún impacto non previsto na documentación presentada polo promotor ou na presente declaración, tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, poñendo en coñecemento desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a incidencia detectada, quen a avaliará e informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias.

7. Protección do patrimonio cultural.

Co fin de evita-lo impacto crítico sobre o xácigo arqueolóxico Porriños (PU000607Ñ02), eliminarase o aeroxerador 31 e infraestructuras asociadas.

Para evitar posibles afeccións, establécese, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

En todo o ámbito do parque eólico deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de implantación, execución de obra e restitución dos terreos, así como a sinalización dos xácigos arqueolóxicos. A tal fin, e previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico, deberase recoller na cartografía empregada polo persoal de obra durante o transcurso dela, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico), este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

Conforme os resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de implantación revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Tal e como se indica no estudio de impacto arqueolóxico, será necesario levar a cabo un plan de posta en valor do patrimonio cultural da zona, conforme un proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A copia da autorización para a súa realización, así como a memoria cos resultados do seu desenvolvemento, serán remitidos a esta dirección xeral no momento en que o promotor dispoña destes, formando parte da documentación que se remitirá dentro do programa de vixilancia e seguimento ambiental reflectido no punto 12 desta DIA.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Sobre a paisaxe.

Empregaranse cores pouco rechamantes e tonos mate no acabamento dos aeroxeradores e as liñas eléctricas previstas no interior do parque, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, comunicacións, etcétera, estarán soterradas.

O edificio de control realizarase de acordo coa tipoloxía constructiva da zona.

O desenvolvemento do plan de revexetación, xunto co seguimento da súa efectividade, deberá garanti-la integración paisaxística das restantes infraestructuras do parque eólico.

Os afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico existentes nos cumes dos montes deberán ser preservados de calquera tipo de dano.

Para tal efecto, é precisa a presentación dun estudio de valoración da posible incidencia de tódalas infraestructuras e instalacións sobre este tipo de formacións presentes na zona, de acordo co requirido no punto 11.1 desta DIA.

9. Outras medidas.

Co fin de evitar posibles colisións de aeronaves cos aeroxeradores, deberanse instalar sinalizacións conforme a normativa OACI (Organización de Aviación Civil Internacional), de tal xeito que indiquen a presencia dos aeroxeradores.

10. Restauración.

Tódolos terreos afectados ou deteriorados pola execución das obras (marxes das pistas, foxos, gabias de cables, plataformas de montaxe, contorno da subestación, edificio de control e das obras de drenaxe, zonas de acumulación de materiais...) deberán ser recuperados mediante revexetación que restitúa a vexetación autóctona presente na zona e favoreza a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal, garantindo o seu mantemento ó longo do tempo.

Para tal fin, desenvolverase o plan de revexetación incluído como anexo no documento Parque eólico Chantada. Estudios ambientales complementarios, realizando un seguimento da súa efectividade, debendo presentarse un plan de vixilancia da restauración, de acordo co requirido no punto 11.8 da DIA.

A camada edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente á ocupación do terreo, amoreada sen mesturar con outros horizontes e mantida nas condicións sinaladas no estudio ambiental. Minimizarase o espallamento de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas.

Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada.

Ó finaliza-las obras, retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

O desenvolvemento dos labores de restauración realizarase conforme avanza a obra e as distintas superficies por restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de controla-los fenómenos erosivos, arrastre de materiais e lograr unha maior integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio. A este respecto, presentarase un calendario dos labores de restauración que complete o antedito.

Así mesmo, o plan de restauración presentado debe ser completado, incluíndo a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas na fase de desmantelamento e abandono do parque unha vez rematada a vida útil da instalación, tendo en conta os posibles usos futuros da área, de acordo co requirido no punto 11.8 desta DIA.

11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, nun prazo de tres (3) meses desde a notificación desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que deriven, catro (4) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Estudio valorativo da posible afección da totalidade das instalacións e infraestructuras do parque sobre as formacións rochosas con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico e especies de plantas singulares, como o Narcissus bulbocodium, presentes na zona, acompañado de reportaxe fotográfica detallada e proposta de localización alternativa de aeroxeradores e desvío de pistas e gabias de cables para os casos nos que se detecte afección, de acordo co exposto nos puntos 8 e 6.2 desta DIA.

11.2. Proposta de desprazamento do aeroxerador 1 da estrada autonómica C-533, tendo en conta o indicado no punto 4 da DIA, indicando as novas cordenadas U.T.M. e reflectindo nun plano de detalle as novas localizacións das infraestructuras asociadas ó aeroxerador, relativizándoo co patrimonio cultural, vexetación e hábitats presentes na zona.

Unha vez emitido informe favorable por esta dirección xeral sobre a documentación requirida no punto anterior, presentarase:

11.3. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas U.T.M., no que se reflictan tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas no parque, diferenciando as pistas preexistentes das de nova construcción, indicando lonxitude de cada tipo, e a localización prevista para as instalacións de obra, reflectindo así mesmo o polí

gono do parque, accesos e elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela.

11.4. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

11.5. Proposta de novos puntos para o control e seguimento do nivel de ruído do parque, segundo o indicado no punto 2.2 desta DIA. As medicións deben ser efectuadas por entidade homologada, e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico desa entidade. Terase en conta que debe incluí-la realización dunha medición do ruído na fase preoperacional. Indicarase tamén a velocidade do vento (máxima, mínima, media e desviación típica) durante o período de medición.

11.6. Proposta dos puntos de control da calidade das augas na contorna do parque eólico, segundo o indicado no punto 3 desta DIA. Terase en conta que debe incluí-la realización dunha análise na fase preoperacional. As análises deben ser efectuadas por entidade homologada, e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico, desa entidade.

11.7. Proposta e xustificación de puntos estratéxicos para o control dos efectos sinérxicos e/ou acumulativos do parque respecto do ruído e da calidade das augas, de acordo co exposto nos puntos 2.2 e 3 desta DIA.

11.8. Addenda ó plan de restauración presentado, conforme o indicado no punto 10 da DIA, que inclúa: novo calendario dos labores de restauración contemplando a súa execución conforme avanza a obra; plan de vixilancia do desenvolvemento da revexetación; descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas para o desmantelamento e abandono do parque, integrada por memoria, planos, prego de condicións e orzamento, que incluirá medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos desagregados, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

11.9. Addenda ó plan de seguimento da incidencia do parque eólico sobre a avifauna, completando os seguintes aspectos:

* Xustificación do método empregado na definición dos limiares de risco (alerta e inadmisible) por colisión e aparición do efecto baleiro, que indiquen a necesidade de adopción de medidas correctoras específicas.

* Descrición detallada das medidas protectoras e/ou correctoras que se adoptarán, tanto na fase de obras como na de funcionamento, no caso de acada-las situacións de risco indicadas no punto anterior, ou ante a manifestación de efectos acumulativos e/ou sinérxicos. Contemplarase, entre outras, a estipulación dun período de parada dos aeroxeradores e un incremento na frecuencia dos controis que se

efectuarán. Describiranse tamén as medidas propostas para a detección de posibles impactos imprevistos, así como as medidas protectoras de aplicación inmediata ante unha situación deste tipo.

* Busca de aves accidentadas por colisión: na selección dos aeroxeradores para revisar terase en conta a súa posición topográfica, posible interferencia coas rutas de paso ou áreas de campeo e nidificación, e posición relativa destes no conxunto do parque, seleccionando aqueles que poidan ter unha maior incidencia sobre a avifauna. O número de aeroxeradores revisados en cada visita non será inferior ó 30%, deberán incluírse aeroxeradores de tódalas aliñacións e nas sucesivas visitas incorporaranse novos aeroxeradores ata determina-la posible afección da totalidade destes. Incluirase unha valoración da distorsión que pode introducir nos resultados das campañas e na estimación de índices de colisión o diferente esforzo de mostraxe realizado, condicións climatolóxicas durante as mostraxes, detectabilidade e desaparición dos cadáveres por necrófagos, así como os factores de corrección que se introducirán para corrixir posibles desviacións. A frecuencia das visitas será como mínimo

mensual, contemplando unha visita quincenal nas épocas reproductoras e de paso migratorio, en función dos resultados das campañas de caracterización da avifauna, así como unha redefinición en función dos resultados do seguimento, aumentando a frecuencia no caso de detectarse afección.

* Caracterización do paso e movementos de aves na área, independentemente da súa tipoloxía, tendo en conta a información fornecida no estudio ambiental e calquera outra que se considere oportuna (revisión bibliográfica ou experiencias noutros parques da zona), contemplando a realización das campañas de mostraxe necesarias para achegar información sobre as especies e tipoloxía do paso, nº de aves, períodos de paso, altura do voo, traxectoria e sentido dos movementos, incluíndo unha valoración dos datos obtidos en relación á incidencia sobre a avifauna e os limiares de risco respecto do previsto no estudio ambiental e estudio de sinerxías presentados polo promotor.

11.10. Proposta de seguimento da incidencia do parque eólico sobre as poboacións de quirópteros presentes na zona.

11.11. En relación coas medidas compensatorias indicadas no punto 6.3 desta DIA, presentarase a seguinte documentación:

* Proxecto de recuperación, de acordo co indicado no punto 6.3.1., que estará integrado, como mínimo, por memoria, planos, prego de condicións, orzamento e plan de vixilancia da súa execución e posterior evolución.

* Prego de condicións para a realización do estudio requirido no punto 6.3.2, debendo estar consensuado e aprobado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

* Anteproxecto das actuacións de divulgación ambiental propostas polo promotor, acompañado da súa valoración económica.

11.12. Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do indicado no punto 13.3 desta DIA.

11.13. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 desta DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental respecto da totalidade da documentación requirida.

Unha vez emitido informe por esta dirección xeralsobre o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral as datas de implantación e inicio das obras, remitindo como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma de obras actualizado, contendo tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio ambiental e do condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, catro (4) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Durante a execución das obras, con carácter mensual, presentarase:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras de carácter ambiental e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de avance respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización.

Con carácter trimestral presentarase un informe de obras que inclúa:

b) Resultados das medicións do nivel de ruído, en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización

da medición. As medicións deben ser efectuadas por entidade homologada, e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico desa entidade. Así mesmo, deberase indica-la velocidade do vento (máxima, mínima, media e desviación típica) durante o período de medición.

c) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe, da calidade das augas e das súas condicións de incorporación á rede natural, da incidencia das obras sobre a fauna e vixilancia dos hábitats naturais prioritarios e de interese comunitario, conforme ós plans de vixilancia presentados polo promotor, e de acordo co indicado nos puntos 3, 6.1 e 6.3 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras (control de eficacia), tanto as indicadas na documentación avaliada como as establecidas nesta declaración, incidencias ou imprevistos acontecidos, labores de restauración levados a cabo, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento das condicións establecidas na declaración en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

e) Plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflicta a situación real das obras e porcentaxe de execución respecto ó total, referido ós distintos elementos que conforman o proxecto: pistas, drenaxes, aeroxeradores, plataformas, gabias de cables, etcétera.

12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha da instalación. No prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, presentarase un informe de fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), medidas protectoras e correctoras levadas a cabo e resultado destas (control de eficacia), incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta declaración.

b) Reportaxe fotográfica que amose os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, subestación, edificio de control, estado das pistas, noiros e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e

hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

c) Documentación acreditativa da entrega ó xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

e) Plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, que reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, correspondente a un levantamento topográfico da obra realizada, indicando tamén as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

12.3. Seguimento ambiental semestral, contando desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento do parque, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e a duración desta. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento no que sexan obtidos. Así mesmo, deberase indica-la velocidade do vento (máxima, mínima, media e desviación típica) no momento da medición.

b) Resultados do control da calidade das augas, do funcionamento dos dispositivos de drenaxe e das condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo co indicado no punto 3 desta DIA.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna, quirópteros e hábitats naturais, conforme o indicado nos puntos 6.1 e 6.3 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica detallada, no que se describan os resultados da aplicación do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das pistas, noiros, drenaxes, foxos, gabias de cables e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detalle dos controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verifica-la eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas, avaliando o seu resultado. Descrición das posibles incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados da DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

12.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, salvo indicación en contra por parte desta dirección xeral, os contidos do informe descrito no punto anterior.

12.5. Seguimento dos posibles afectos acumulativos e/ou sinérxicos: xunto cos informes de seguimento ambiental, acompañarase un anexo cos resultados da análise e valoración dos posibles efectos

acumulativos e/ou sinérxicos dos parques do promotor nesta zona, conforme ó estudio de sinerxías presentado, prestando especial atención á avifauna e hábitats naturais protexidos e indicando as medidas protectoras e/ou correctoras adoptadas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.

12.6. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto no proxecto de restauración requirido no punto 11.8 desta DIA, xunto coa súa xustificación.

12.7. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das accións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

No caso de que se detecten durante o seguimento ambiental que se efectúe, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento desta declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, fornecendo documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

13.4.- Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando tamén se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de un millón cento catorce mil seiscentos vintecinco con oitenta e oito euros (1.114.625,88 A) (185.458.141 pesetas). O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente a addenda ó plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.8 desta DIA.

13.6. O órgano ambiental, a iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente.

13.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata estes seren corrixidos.

13.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta, incluídos, se é o caso, o plan xeral de ordenación urbana ou normas subsidiarias.

13.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

13.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

13.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata ser cumprido este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado parque eólico Chantada, promovido pola empresa Elecnor, S.A. consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 31 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, que se situará nos concellos de Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra).

Os aeroxeradores disporanse na Serra do Faro, nas zonas de cume dos montes Pena Maior, Loureiro, Coto das Gambas, O Marco e Naveiras, en tres aliñacións localizadas no interior do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

591.8754.725.000

590.8754.718.000

589.9614.718.000

589.8104.719.000

591.0004.724.860

591.8754.725.000

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

* Número de aeroxeradores: 31.

* Potencia unitaria por aeroxerador: 1.300 kW.

* Potencia total instalada: 40.3 MW.

* Altura das torres: 50 m.

* Diámetro do rotor: 60 m.

* Producción neta anual prevista: 96.720 MWh/ano.

* Investimento previsto: 27.865.647,05 A.

A obra civil inclúe a creación duns 5.150 m de pistas de acceso e servicio ós aeroxeradores, cun largo de rodadura de 5 m e dotados de foxos para a recolla e evacuación de augas pluviais, labores de cimentación dos aeroxeradores e escavación duns 8.000 m de gabias de conducción de cables, cun largo máximo de 60 cm no caso de dous circuítos. A duración estimada da fase de obras é de sete (7) meses. Tamén se proxecta a construcción dunha subestación transformadora de 132/20 kV cun edificio anexo para o control do parque, dun só nivel.

A evacuación da enerxía xerada efectuarase en conxunto cos outros parques de Elecnor na zona (Farelo, Monte Cabeza, Chantada e Penas Grandes), interconectando as subestacións dos parques coa subestación de Chantada, propiedade de Unión Fenosa Distribución, S.A., a través dun tendido aéreo a 132 kV, que enlazará coa actual liña a 66 kV Chantada-Lalín, que será substituída por unha de dobre circuíto 132/66 nun tramo duns 14 km.

Medidas preventivas e correctoras.

Protección do solo:

* Control topográfico dos límites de escavación e reducción do uso de terras de recheo.

* Reducir ó estrictamente necesario o movemento de terras e a ocupación derivada dos labores de obra civil.

* Acumulación de terra vexetal e outros préstamos cunha altura máxima de 1,5 m e con criterios de mantemento que garantan a conservación das súas propiedades, grao de humidade, especialmente dos solos con horizonte H.

* Humectación continua en tempos de seca, tanto das acumulacións como das zonas de explanación.

* Estabilizar inmediatamente os noiros, terrapléns e materiais mobilizados, empregando mallas para evitar desprazamentos.

* Minimiza-la superficie ocupada polas instalacións necesarias durante esta fase. Se os afloramentos rochosos tivesen interese xeomorfolóxico ou botánico, deben ser preservados.

* Adapta-la superficie de ocupación das plataformas eólicas á topografía da zona e reducir na medida do posible a dita superficie, evitando o sobredimensionamento. Aproveitaranse as pistas existentes e as de nova construcción.

* Minimiza-la compactación tanto nas plataformas eólicas como nas zonas non ocupadas directamente polas instalacións, pero que poidan ser empregadas para a manobra da maquinaria.

* Controla-lo diámetro de perforación nas voaduras e evita-lo sobredimensionamento.

* Revexetación de tódalas zonas desprovistas de vexetación, incluíndo noiros pedregosos, segundo o establecido no plan de recuperación de solos e vexetación.

* Control e vixilancia continuado durante a fase de obras, especialmente durante a apertura de pistas, construcción das zapatas e instalación dos aeroxeradores.

* Control de eficacia das medidas correctoras adoptadas. No caso de que durante a fase de construcción se comprobase a existencia de formacións que requirisen especial preservación, procederase á implantación dos labores de execución de obra civil.

* Acondicionamento e rehabilitación das zonas afectadas, redistribuíndo as acumulacións procedentes dos movementos de terras, recuperación da morfoloxía superficial, acabamento e sustentación de terrapléns, noiros.

* Restauración dos solos alterados para favorece-la reinstalación da vexetación orixinal.

Protección das augas:

* Preserva-las augas dos cursos hidrográficos, adoptando as medidas correctoras recollidas para o tratamento dos solos.

* Instalaranse trampas de sedimentos ou mallas para controla-la escorrega, reducirase ó mínimo o uso de materiais de recheo e construiranse foxos amplos.

* Evitar no posible as afeccións a leitos superficiais, restituíndo o fornecemento de caudais ás vertentes orixinais, evitando a aparición de canles de drenaxe.

Protección da vexetación:

* Mante-lo hábitat existente, reducindo de forma sistemática o grao de ocupación e compactación derivado de calquera obra civil.

* Emprego de técnicas adecuadas de roza da vexetación, que favorezan a revexetación das especies da zona nas áreas afectadas polas obras.

* Aínda que as instalacións do proxecto non modifican substancialmente as formacións de vexetación de maior valor da zona, deberán terse en conta as medidas correctoras propostas para o solo, co fin de evitar efectos indirectos non desexados.

Protección da fauna:

* Deseño das torres e pas dos aeroxeradores de xeito que diminúan a posibilidade de colisión de aves. Tecnoloxía de control e funcionamento para evita-los episodios de colisión.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental do parque eólico Chantada, cos seguintes condicionantes:

1. Para evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. A tal fin, e previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto

arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o transcurso dela, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural, xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico); este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

3. En relación co impacto crítico do aeroxerador 31, a pista e a gabia de conducción eléctrica sobre o xácigo arqueolóxico PU000607Ñ02 (Porriños), é necesario levar a cabo a seguinte medida correctora:

Eliminación do aeroxerador 31, a pista e a gabia de conducción eléctrica.

4. Tal e como se recolle no número 5.5 do estudio de impacto ambiental, é necesario levar a cabo un plan de posta en valor do patrimonio cultural da zona, incluíndoo no programa de vixilancia e seguimento ambiental posterior á construcción do parque.

5. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

6. Así mesmo, en relación co anexo evacuación enerxías P.P.E.E. Serras do Faro e Farelo, e de acordo co punto 3 do dito documento, é necesario contar cun estudio que avalíe o impacto da construcción das ditas liñas eléctricas sobre o patrimonio cultural.

7. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite un primeiro informe, sobre os documentos Evaluación de impacto ambiental. Parque eólico Chantada. Mayo 2000 e Parque eólico Chantada. Estudios ambientales complementarios, no que conclúe:

1. As instalacións e infraestructuras encrávanse dentro do LIC Monte de Faro e non se describen os valores naturais polos que foi declarado e que van ser afectados polas obras.

2. Toda a documentación se presenta fotocopiada en branco e negro.

3. Preséntanse rótulos que impiden unha identificación axeitada.

4. Moita da información presentada é ilexible.

5. A análise de alternativas non propón alternativas diferentes.

6. Debe facerse un deseño da rede de drenaxe artificial.

7. Non se describen tecnicamente moitas medidas que teñen repercusión ambiental.

8. Non se considera no estudio a liña de evacuación de enerxía.

9. É importante a estimación de efectos sinérxicos sobre a poboación de aves.

10. Non se definen nin se tratan suficientemente as medidas correctoras.

En consecuencia deberá complementarse o estudio ambiental tendo en conta as indicacións deste informe.

No segundo informe, emitido sobre os documentos P.E. Chantada. Documentación complementaria al estudio de impacto ambiental. Estudio de la afección a los hábitats naturales de interes comunitario. Septiembre 2001 e P.P.E.E. Chantada, Monte Cabeza, Farelo e Penas Grandes. Documentación complementaria a los estudios de impacto ambiental. Línea de evacuación de energía. Septiembre 2001, conclúe:

1. No plan de vixilancia das poboacións de aves deberase incorporar:

* Presentación con regularidade periódica dos resultados obtidos.

* Presentación, de forma explícita, dos datos empregados na consecución dos resultados; zonas de mostraxe (cartografía), factores de corrección, desenvolvemento estatístico.

* A duración do plan será o da vida útil do proxecto.

* Implementaranse as medidas mínimas para detectar calquera impacto negativo imprevisto que se poida producir sobre a poboación de aves, tanto durante a execución como na explotación. Unha vez detectado o posible impacto, adoptaranse as medidas cautelares que procedan, dando comunicación inmediata dos feitos ó organismo competente.

* Determinación de limiares de alerta, cunha metodoloxía rigorosa, e que sirvan para a adopción das medidas oportunas, como pode se-la estipulación dun período de parada de aeroxeradores por mortandade temporal de aves.

* Integrar nun único plan de vixilancia de aves as afeccións producidas polos parques eólicos da zona e as liñas de evacuación.

2. Dentro das medidas compensatorias propostas cabe face-las seguintes consideracións:

* A recuperación do hábitat prioritario que se propón será consensuada coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

* A extensión da recuperación será, como mínimo, equivalente á superficie afectada de hábitats de interese comunitario ou prioritario, localizándose as zonas para recuperar dentro do perímetro da LIC.

* Respecto ó compromiso de realización de estudios que axudarán a orienta-la futura xestión do espacio protexido, cabe puntualizar que, unha vez acordada a súa realización na correspondente declaración ambiental, terase que formalizala súa redacción mediante o correspondente prego de condicións. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza será a responsable da súa conformidade. Hai que puntualizar que estes estudios se deberán centrar na totalidade de espacio natural do Monte do Faro.

Como remate exponse que, con independencia de previsto no plan de vixilancia do estudio ambiental, durante a implantación e execución deberanse efectua-los controis oportunos para garantir que non se produzan impactos imprevistos. No momento no que se detecte un posible impacto tomaranse as medidas necesarias para evitalo, comunicando ó correspondente Servicio de Medio Ambiente Natural tal situación, así como as medidas que se planifica adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de producir a devandita afección, en tanto o organismo competente non se pronuncie.

A Dirección Xeral de Obras Públicas emite dous informes:

No primeiro informe solicita máis información e no segundo informa favorablemente o proxecto do parque eólico de Chantada coa separación de 132 metros do aeroxerador respecto da liña de explanación da estrada.

Así mesmo, indica que se deberán mante-las medidas de uso e defensa das estradas establecidas no capítulo III de Lei 4/1994, de estradas de Galicia.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada en relación co expediente, dos informes emitidos polos distintos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental co obxecto de minora-los posibles impactos ambientais, que inclúe os seguintes epígrafes:

* Ámbito territorial de actuación.

* Impacto causado pola ocupación do terreo.

* Residuos.

* Flora e fauna.

* Impacto visual.

* Urbanismo.

* Programa de vixilancia ambiental (ruídos e colisións de aves).

O organismo autónomo Augas de Galicia emite informe no que conclúe que:

En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación, deberán terse en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter refugallos neles, no caso de que estes se producisen, estando ademais prohibido o lavado de camións e formigoneiras e o cam

bio de aceite da maquinaria de construcción nas proximidades dos cursos de auga.

A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito que trala construcción do parque eólico a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.

Un condicionante básico sería que a futura autorización reflectise que a instalación se axustará ó cumprimento das directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, en todos aqueles aspectos que lle sexan de afección.

Se co motivo da realización dalgún acceso ou pista con gabia de cables se produce cruzamento con algún curso fluvial, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo en todo caso preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia, segundo se establece no R.D. 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e a Lei de augas 29/1985.

En definitiva, ese servicio considera que a instalación do citado parque eólico non produce ningunha alteración de importancia en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre e cando se cumpran as medidas preventivas e correctoras, durante a fase de construcción e período de explotación, especificadas no presente informe.

Nembargantes, faise indispensable unha correcta execución das pistas, de tal xeito que a incidencia sobre a rede hidrolóxica da zona sexa mínima, evitando sobre todo a vertedura accidental de substancias contaminantes.

No caso de que as características deste parque eólico precisasen do uso regular de auga para o seu normal funcionamento, tanto na fase de construcción como na de explotación, ou ben se producisen verteduras ou captacións da rede hidrolóxica, ou cruzamentos da rede fluvial, será necesaria a obtención por parte do explotador das preceptivas autorizacións, que se tramitarán, segundo a lexislación vixente, ante o organismo Augas de Galicia.

Á vista da documentación enviada e na súa virtude, tendo en conta as consideracións realizadas, este organismo non formula obxeccións á proposta realizada, agás as medidas especificadas sen prexuízo de que no momento procesual oportuno teña que procederse á tramitación e aprobación do proxecto que o servicio competente na materia resolverá. En todo caso, os criterios deste informe son sometidos a outros mellor fundados.