Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 15 de xullo de 2002 Páx. 11.059

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 5 de xullo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2002 dos programas de fomento dos contratos en prácticas e para a innovación tecnolóxica.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1º, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios correspondentes a este ámbito.

Na actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, en virtude do disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 25 de abril, e polo Decreto 202/2000, do 21 de xullo, a convocatoria, xestión e control das axudas á contratación por conta allea, como instrumentos da política activa de emprego, e dentro do ámbito funcional da súa Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea ó abeiro dos sucesivos plans de fomento do emprego, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, na actualidade incorporados no Programa Operativo Integrado de Galicia para o período 2000-2006.

A importancia da contratación en prácticas como instrumento que permite o acceso ó emprego dos mozos e mozas titulados e que incide na mellora da súa empregabilidade favorecendo a súa permanencia no mercado de traballo, determinou o establecemento dunha liña específica de apoio á contratación en prácticas e para a innovación tecnolóxica.

Co obxecto de dinamiza-lo intercambio de capacidades científicas, técnicas e tecnolóxicas no mercado de traballo para acadar maiores cotas de productividade e competitividade, e coa dobre finalidade de facilita-la aproximación dos titulados ó mercado laboral e favorece-la innovación nas empresas galegas, así como para promove-la introducción das novas tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC) nas pequenas empresas familiares con menos de 50 traballadores, prevese un programa de axudas á contratación indefinida vinculada a proxectos I+D e refórzanse os incentivos ós contratos en prácticas cando estean vinculados a proxectos I+D, e cando se realicen con universitarios en posesión do título de doutor.

Ademais dos supostos de incorporación a departamentos de innovación na empresa, da introducción de novas TIC en empresas con menos de 50 traballadores, e da contratación de titulados que participaran en programas de investigación, enténdese, en todo caso, que se trata dunha contratación vinculada a I+D cando os traballadores contratados se incorporen a proxectos acollidos ó Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT) ou, como novo suposto que se introduce

nesta convocatoria, as empresas que participen ou participasen no programa IDIPYME que ten como finalidade prestar servicios de titoría, formación e asesoramento a empresas que non contan con experiencia suficiente na xestión de I+D+I pero que teñen interese en iniciar e desenvolver este tipo de actividades. Nestes dous últimos supostos, as solicitudes de axudas á contratación deberán vir acompañadas dun informe favorable da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Pola súa parte para potencia-lo seu carácter de instrumento-ponte cara ó emprego estable e promove-la incorporación á empresa como persoal fixo sen ruptura de continuidade, os incentivos ós contratos en prácticas son compatibles e compleméntanse cos establecidos para a súa transformación en indefinidos nos programas de fomento da contratación indefinida por conta allea convocados no eido das actuacións para o fomento do emprego e da estabilidade laboral pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Así mesmo e como medida de discriminación positiva, establécense incrementos lineais nos incentivos cando as contratacións se realizan con mulleres ou con desempregados sen experiencia laboral anterior.

Nesta actuación, esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2002 dos programas de contratos en prácticas e para a innovación tecnolóxica, as bases reguladoras destes programas axústanse ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en especial, o relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e o establecido na Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento dos programas regulados nesta orde, entre outros, financiaranse con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 14.04.241A.474.0 cun crédito de 1.500.000 euros 14.04.241A.473.0 cun crédito de 14.046.855 euros 14.04.241B.475.0 cun crédito de 9.448.098 euros e 14.04.241B.475.1 cun crédito de 14.917.277 euros. As ditas contías constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, da orde que regula os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, da orde que regula os programas de fomento do emprego en empresas de economía social, para a promoción do emprego autónomo e para a integración de persoas con discapacidade, da orde reguladora dos incentivos ás iniciativas de emprego e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores,

autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241A e 241B.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Finalidade.

1. A presente orde ten por obxecto fixa-las bases reguladoras e a convocatoria dos incentivos para o fomento da contratación en prácticas e para a innovación tecnolóxica, establecidos pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coa finalidade de favorece-la inserción laboral dos mozos e mozas titulados, a través dos seguintes programas:

a) Programa de fomento dos contratos en prácticas.

b) Programa de apoio á contratación en prácticas relacionada con proxectos I+D.

c) Programa de axudas á contratación indefinida vinculada a proxectos I+D.

2. Os beneficios establecidos nesta orde, nos termos previstos para cada un dos programas e tipos de axuda, serán aplicables ás contratacións iniciais realizadas entre o 1 de outubro de 2001 e o 30 de setembro de 2002, ámbolos dous inclusive.

3. Os contratos de traballo deberán formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

4. Para os efectos das axudas consideradas nesta orde, terán a consideración de desempregados aqueles que estean inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo informe de vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

5. Os incentivos ós contratos en prácticas son compatibles e compleméntanse cos establecidos para a súa transformación en indefinidos nos programas de fomento da contratación indefinida por conta allea convocados no eido das actuacións para o fomento do emprego e da estabilidade laboral pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

6. Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ó réxime de axudas de mínimis, polo tanto, non poderán excede-los límites cuantitativos (100.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento CE nº 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 2 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado Ce ás axudas de mínimis (DOCE nº L10, do 13-1-2001).

7. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario

de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

8. Estes programas financiaranse con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241A.474.0, 14.04.241A.473.0, 14.04.241B.475.0 e 14.04.241B.475.1.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos nesta orde as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten traballadores por conta allea para prestaren servicios en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde para cada un dos programas e tipos de axuda.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación derive de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 3º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios establecidos nos programas desta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores para prestar servicios noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou dos que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de Administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como os que se produzan con estes últimos.

c) As contratacións realizadas con traballadores que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestasen servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

O disposto no parágrafo precedente será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que a solicitante dos beneficios sucedera en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

d) Traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención. Esta exclusión só afectará ás contratacións en prácticas cando estas e o anterior contrato indefinido se formalicen coa mesma empresa.

Capítulo II

Programa de fomento dos contratos en prácticas

Artigo 4º.-Obxecto.

Este programa ten por obxecto impulsa-la realización de contratos en prácticas, regulados no artigo 11 do Estatuto dos traballadores, para favorece-la

inserción laboral e a formación teórico-práctica dos mozos que estiveran en posesión de título universitario ou de formación profesional de grao medio ou superior, ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes que habiliten para o exercicio profesional.

Artigo 5º.-Requisitos.

1. Os contratos en prácticas deberán cumpri-las esixencias e formalidades establecidas no artigo 11 do Estatuto dos traballadores e nas normas regulamentarias de desenvolvemento.

2. Estes contratos deberán de realizarse con traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación, que non tiveran relación laboral coa empresa a través dun contrato da mesma modalidade.

3. Para que os ditos contratos poidan ser obxecto de subvención deberán concertarse a xornada completa e por unha duración inicial non inferior a doce meses, e non poderán supoñe-la sucesión de traballadores en prácticas para ocupa-lo mesmo posto de traballo.

Artigo 6º.-Axudas.

1. Os contratos en prácticas que se realicen con mozos e mozas titulados segundo o establecido no artigo 11 do Estatuto dos traballadores e que reúnan os requisitos e condicións sinalados no artigo 5º incentivaranse nunha contía de ata 1.800 euros, incrementándose a unha contía de ata 2.400 euros cando se realicen con mulleres tituladas.

2. Cando o traballador contratado posúa o título universitario de doutor, os incentivos previstos no nº 1, incrementaranse nunha contía de ata 600 euros.

3. Os incentivos anteriores incrementaranse nunha contía de ata 1.800 euros cando os contratos en prácticas se realicen con desempregados que no momento da contratación estean incorporados e manteñan a condición de beneficiarios do «Programa Labora: Xuventude con experiencia» segundo o establecido no Decreto 184/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril de 2002).

Capítulo III

Programa de apoio á contratación en prácticas

relacionada con proxectos I+D

Artigo 7º.-Obxecto.

Este programa ten por obxecto facilita-la aproximación dos mozos e mozas titulados ás empresas potenciando a presencia de persoal cualificado para o desenvolvemento tecnolóxico e técnico das empresas galegas, dinamizando o intercambio de capacidades tecnolóxicas no mercado laboral.

Poderán solicita-las axudas previstas neste programa as empresas, ás que se refire o artigo 2 desta orde, que contraten en prácticas a mozos e mozas titulados universitarios ou de formación profesional de segundo grao ou de ciclo superior ou con títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes que habiliten para o exercicio profesional, desemprega

dos inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación, sempre que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que participaran en programas de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico en universidades ou centros de investigación públicos ou privados e se lles asignen tarefas acordes coa súa preparación e titulación.

b) Que se incorporen a un departamento de actividades innovadoras ou, no caso de que este non exista, se lles asignen tarefas que favorezan a innovación tecnolóxica ou técnica da empresa.

c) Que se incorporen a proxectos empresariais de investigación e innovación acollidos ó Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico ou a empresas que participen ou participasen no programa IDIPYME.

d) Que se incorporen a empresas de menos de 50 traballadores para a realización de tarefas relacionadas coa introducción das novas tecnoloxías da información e as comunicacións.

Artigo 8º.-Requisitos.

1. Os contratos en prácticas deberán cumpri-las esixencias e formalidades establecidas no artigo 11 do Estatuto dos traballadores e normas regulamentarias de desenvolvemento.

2. Estes contratos deberán de realizarse con traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación, que non tiveran relación laboral coa empresa a través dun contrato da mesma modalidade.

3. Para que os ditos contratos poidan ser obxecto de subvención deberán concertarse a tempo completo, por unha duración inicial non inferior a doce meses, e non poderán supoñe-la sucesión de traballadores en prácticas para ocupa-lo mesmo posto de traballo.

Artigo 9º.-Axudas.

1. Os contratos en prácticas relacionadas con proxectos I+D que reúnan os requisitos e condicións sinaladas nos artigos anteriores incentivaranse nunha contía de ata 3.000 euros, incrementándose a unha contía de ata 3.600 euros, cando se realicen con mulleres tituladas.

2. Cando o traballador contratado posúa o título universitario de doutor, os incentivos previstos no nº 1, incrementaranse nunha contía de ata 600 euros.

3. Os incentivos anteriores incrementaranse nunha contía de ata 1.800 euros cando os ditos contratos en prácticas se realicen con desempregados que no momento da contratación estean incorporados e manteñan a condición de beneficiarios do «Programa Labora: Xuventude con experiencia» segundo o establecido no Decreto 184/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril de 2002).

Capítulo IV

Programa de axudas á contratación indefinida

vinculada a proxectos I+D

Artigo 10º.-Obxecto.

1. Este programa ten por obxecto favorece-la inserción laboral con carácter estable dos mozos e mozas titulados mediante incentivos á contratación indefinida vinculada a proxectos I+D.

2. Poderán ser obxecto de subvención os contratos indefinidos iniciais a tempo completo ou a tempo parcial, incluídos os fixos descontinuos, que se realicen con mozos e mozas titulados universitarios ou de formación profesional de segundo grao ou de ciclo superior, desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego no momento da contratación, sempre que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que participasen en programas de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico en universidades ou centros de investigación públicos ou privados e se lles asignen tarefas acordes coa súa preparación e titulación.

b) Que se incorporen a un departamento de actividades innovadoras ou, no caso de que este non exista, se lles asignen tarefas que favorezan a innovación tecnolóxica ou técnica da empresa.

c) Que se incorporen a proxectos empresariais de investigación e innovación acollidos ó Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico ou a empresas que participen ou participasen no programa IDIPYME.

d) Que se incorporen a empresas de menos de 50 traballadores para a realización de tarefas relacionadas coa introducción de novas tecnoloxías da información e as comunicacións.

3. Os incentivos aplicables ás contratacións indefinidas a tempo parcial serán proporcionais ó tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

Artigo 11º.-Requisitos.

Como consecuencia da contratación indefinida inicial ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos 12 meses anteriores á data de inicio da relación laboral ou, se é o caso, na referencia que se estableza en plans de emprego pactados coa representación legal dos traballadores no ámbito da empresa.

Para os efectos do cómputo do incremento do cadro de persoal non se terán en conta as baixas dos traballadores que se producisen por propia vontade do traballador, ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas.

Artigo 12º.-Axudas.

1. As contratacións indefinidas a xornada completa vinculadas a proxectos I+D previstas neste capítulo, incentivaranse cunha axuda de ata 3.000 euros, incrementándose a unha contía de ata 3.600 euros cando se realicen con mulleres tituladas.

2. Cando o traballador contratado posúa o título universitario de doutor os incentivos previstos no

número anterior incrementaranse nunha contía de ata 600 euros.

3. Os incentivos anteriores incrementaranse nunha contía de ata 1.800 euros cando os contratos indefinidos se realicen con desempregados que no momento da contratación estean incorporados e manteñan a condición de beneficiarios do «Programa Labora: Xuventude con experiencia» segundo o establecido no Decreto 184/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril de 2002).

4. Cando se trate de contratacións a tempo parcial a contía dos incentivos será proporcional ó tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

Capítulo V

Competencia e procedemento

Artigo 13º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, corresponderá:

1. Ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude cando a contratación se realice para prestar servicios en centros de traballo radicados na respectiva provincia, agás nos supostos previstos no punto seguinte.

2. Ó director xeral de Fomento do Emprego nos seguintes supostos:

a) Solicitudes de axuda á contratación indefinida e/ou en prácticas con orixe en plans empresariais de desenvolvemento e investigación tecnolóxica que recollan a contratación de 10 ou máis traballadores no ámbito territorial de Galicia ou cando se trate da incorporación a proxectos empresariais de investigación e innovación acollidos ó Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico ou a empresas que participen ou participasen no programa IDIPYME.

b) Solicitudes de axuda á contratación con causa en convenios de colaboración con institucións ou entidades sen fin de lucro que interveñan no desenvolvemento dos programas de fomento dos contratos en prácticas e para a innovación tecnolóxica.

Artigo 14º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas no distintos programas dirixiranse ó órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral.

As solicitudes de axudas polas contratacións realizadas entre o 1 de outubro do ano 2001 e a data

da entrada en vigor desta orde, poderán presentarse ata o 10 de setembro do ano 2002.

3. Con independencia dos prazos establecidos no número 2, que terán que respectarse en todo caso, o prazo xeral para a presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2002, aínda que nesta data non transcorreran dous meses desde a realización do contrato obxecto de subvención.

Artigo 15º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos á presente orde e deberán ir acompañadas por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e se é persoa xurídica DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Relación nominal dos traballadores polos que se solicita subvención, con indicación dos supostos e tipo de incentivo que se solicita (anexo III).

3. Certificado acreditativo da titulación e da data de terminación dos estudios, e no seu caso, título universitario de doutor, así como o DNI de cada traballador contratado.

4. Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesourería Xeral da Seguridade Social. E, contrato de traballo e a alta na Seguridade Social, de cada traballador contratado.

5. Cando se trate de contratos vinculados a proxectos I+D, deberá xuntarse unha memoria na que se recolla unha definición precisa do posto de traballo que considere as tarefas que vai desenvolve-lo traballador, e unha breve descrición das actividades empresariais innovadoras máis relevantes que vai desenvolve-lo equipo ou departamento da empresa no que se integrará o traballador, ou das tecnoloxías da información e as comunicacións introducidas nas empresas de menos de 50 traballadores e, se é o caso, documentación acreditativa da participación do traballador contratado en programas de investigación. No suposto de que se trate da incorporación a proxectos empresariais de investigación e innovación acollidos ó Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico ou a empresas que participen ou participasen no programa IDIPYME, deberá achegarse, ademais, informe favorable da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

6. Cando se soliciten incentivos pola contratación indefinida deberá achegarse unha declaración na que se faga consta-lo cadro de persoal fixo da empresa en cada un dos 12 meses anteriores á contratación (anexo IV).

Se é o caso, documentos acreditativos das baixas producidas polas causas previstas no artigo 11º.

No suposto de plans de emprego pactados coa representación legal dos traballadores nos que se establezan referencias para o incremento do cadro de persoal no ano 2002, achegarase copia do pacto xunto coa solicitude, e con anterioridade ó paga

mento da axuda a documentación acreditativa do dito incremento.

7. Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo V).

8. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo VI).

9. Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establece no artigo 19º.1 desta orde (anexo VII).

Artigo 16º.-Corrección da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán ó interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 17º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano correspondente e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, de concesións ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que dictase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18º.-Criterios de valoración.

Para a valoración da contía das subvencións terase en conta, con carácter de prioritario, o seguinte: o tamaño das empresas, a súa localización en zonas especialmente desfavorecidas, así como os colectivos de mulleres, menores de 30 anos, e parados de longa

duración, cando non se considere a súa prioridade de forma específica.

Artigo 19º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figura-la seguinte:

a) Documentación acreditativa de que se encontran ó día das súas obrigas coa Seguridade Social.

b) Documentación acreditativa de que se encontran ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario achegue a solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo VII. Para que a devandita información sexa solicitado polo órgano xestor das axudas.

c) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades económicas.

d) Cando se trate de contratacións indefinidas iniciais, os documentos TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución, agás que xunto coa solicitude se achegaran tódolos boletíns correspondentes ó período de cómputo para o cálculo do incremento do cadro de persoal ou, se é o caso, certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social na que conste o número de traballadores con contrato indefinido e o dos traballadores con contratos de interinidade, en cada unha das ditas mensualidades no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

e) Declaración complementaria da establecida 15º.7 desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

2. Malia o sinalado no punto anterior, a documentación esixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude segundo a opción do interesado.

Capítulo VI

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 20º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. Os incentivos establecidos para os distintos programas regulados nesta orde son incompatibles entre si. Para o caso de que unha mesma contratación puidese dar lugar á súa inclusión en máis dun dos supostos para os que está prevista subvención, correspóndelle a opción ó solicitante.

2. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorga-las administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

3. Os incentivos á contratación en prácticas compleméntanse e serán compatibles cos incentivos a súa transformación en indefinidos nos termos que

se prevexan nas ordes de convocatoria dos programas de fomento da contratación indefinida convocados no eido do fomento do emprego e da estabilidade laboral pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. Os beneficios establecidos nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

5. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan supera-los límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 21º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións:

a) Ter acreditado, previamente ó cobramento, que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Comunicarlle ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

c) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

d) Mante-lo número de traballadores fixos do seu cadro de persoal, en cómputo anual, durante polo menos 3 anos, que se contarán desde a data de realización do contrato indefinido.

e) Cando se trate de contratacións indefinidas as empresas beneficiarias deberán manter no seu cadro de persoal fixo os traballadores contratados durante un período mínimo de tres anos, e cando se trate de contratos en prácticas manter no seu cadro de persoal os traballadores obxecto de subvención durante polo menos un ano.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reuni-los mesmos requisitos que o traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ó órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda.

Esta obriga manterase durante tres anos desde a data de realización do contrato indefinido obxecto de subvención, e se é en prácticas, durante un ano.

f) As empresas beneficiarias, co fin de garanti-lo mantemento dos postos de traballo creados que fosen obxecto de subvención, deberán presentar, dentro do primeiro trimestre de cada ano, declaración do termo medio de traballadores fixos en cómputo anual e TC2 do mes de decembro do ano anterior.

A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel no que se concedeu a axuda ou subvención se se trata de contratación indefinida, e ata o ano seguinte ó da concesión da axuda se se trata de contratación en prácticas.

Artigo 22º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 23º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior, enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 24º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Fomento do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ó dispor da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, e no director xeral de Fomento do Emprego, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá asinar convenios de colaboración con organismos ou entidades sen fin de lucro para o desenvolvemento dos programas de fomento dos contratos en prácticas e para a innovación tecnolóxica.

Nestes casos, os incentivos previstos nesta orde aplicaranse ás contratacións realizadas no último trimestre do ano 2001 e no ano 2002, admitíndose a posibilidade de que, xunto coa solicitude, se presenten compromisos de contratación con traballador determinado e na fase de xustificación do pagamento os contratos de traballo e documentos de alta na Seguridade Social.

Nestes supostos a entidade colaboradora, se é o caso, intervirá na dinamización de actuacións que faciliten a inserción laboral dos mozos e mozas titulados e na preparación e presentación das correspondentes solicitudes de axudas que poderán presentarse de forma conxunta e nos prazos que se establezan no correspondente instrumento de colaboración.

Quinta.-A comprobación da condición de beneficiario do «Programa Labora: Xuventude con experiencia», será realizada directamente polo órgano xestor das axudas.

Sexta.-A concesión das axudas e subvencións previstas na presente orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, tendo como límite global o crédito asignado nas aplicacións 14.04.241A.474.0, 14.04.241A.473.0, 14.04.241B.475.0 e 14.04.241B.475.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, fixado na exposición de motivos da presente disposición.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude