Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 15 de xullo de 2002 Páx. 11.038

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 3 de xullo de 2002 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, durante o curso académico 2002-2003.

O Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira, nos artigos 9.2º b) e 24, fai referencia á prestación de servicios complementarios polos centros, ó sistema de acceso dos alumnos a estes e ás axudas, e, na súa disposición derradeira, faculta a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para o desenvolvemento e execución do disposto nel.

Na súa virtude, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos,

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, prazas de residencia para os cursos dos seguintes niveis académicos e tipos de formación nos centros residenciais que se detallan:

a) Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo (IPMP de Vigo).

Para seguir estudios de:

-Ciclos formativos de formación profesional específica.

-Formación permanente de adultos, nas especialidades de capitán de pesca, patrón de pesca de altura, mecánico naval maior e patrón costeiro polivalente.

-Programas de garantía social: navegación e pesca costeira.

b) Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (EONP de Ferrol).

Para seguir estudios de:

-Ciclos formativos de formación profesional específica.

-Formación permanente de adultos na especialidade de patrón de pesca de altura.

-Programas de garantía social: navegación e pesca costeira.

Artigo 2º.-Clases de prazas.

As prazas poderán outorgarse nas seguintes dúas modalidades:

a) En réxime de aloxamento e manutención.

b) En réxime de manutención nos comedores dos centros residenciais docentes.

Artigo 3º.-Prazas en réxime de aloxamento e manutención.

Esta modalidade supón a utilización gratuíta dos servicios residenciais dos devanditos centros.

Para optar á praza en réxime de aloxamento e manutención, requirirase que o solicitante acredite documentalmente cumpri-las seguintes condicións:

a) Estar matriculado no centro docente onde estea situada a residencia.

b) Imposibilidade de trasladarse ó seu domicilio diariamente, en razón da distancia e tempo investido, cando polos medios habituais de transporte público sexa superior a 60 minutos en cada un dos traxectos ou por razón de incapacidade física do solicitante, que faga que resulte penoso o transporte diario ó centro docente.

c) Ter presentada a documentación correspondente para as avaliacións ás que tivese dereito.

d) No caso de alumnos da formación permanente de adultos náutico-pesqueira, ter cumpridos 17 anos, como mínimo, no ano 2002.

e) Reuni-los requisitos académicos e profesionais esixidos polo ordenamento xurídico vixente.

f) Non se poderá obter praza de aloxamento cando os estudios que se soliciten entrañen a perda dun ano no proceso educativo. Os alumnos con materias validadas ou aprobadas en convocatoria libre, non se considerarán repetidores sempre que estas non superen o 50% das materias do curso.

Artigo 4º.-Prazas en réxime de manutención.

A praza en réxime de manutención defínese como a utilización gratuíta dos servicios de comedor dos centros docentes mencionados.

Poderán solicitar praza en réxime de manutención os alumnos que acrediten documentalmente te-lo seu domicilio habitual a unha distancia superior a 10 km do centro docente, ou ben que, aínda sendo menor, acrediten a súa imposibilidade de chegar coa puntualidade requirida ás clases da tarde.

Artigo 5º.-Incompatibilidades.

As prazas en réxime de aloxamento e manutención son incompatibles coa axuda de residencia fóra do domicilio habitual e coa de transporte, así como con calquera outros beneficios da mesma finalidade que poidan recibirse doutras entidades ou persoas públicas ou privadas.

Artigo 6º.-Adxudicación de prazas.

1. A adxudicación das prazas farase conforme a un baremo no que se terán en conta os seguintes conceptos: renda familiar, rendemento académico e outras circunstancias familiares acreditadas que se recollen no punto C) deste artigo.

A puntuación resultante de sumar estes conceptos será a que determine a adxudicación das prazas convocadas.

2. Sen prexuízo dos criterios de baremación xeral recollidos no parágrafo anterior, terán dereito a praza de residencia tódolos alumnos solicitantes que promocionan dentro do mesmo ciclo formativo.

3. No caso de que os solicitantes obtiveran o mesmo coeficiente, terán preferencia os que acrediten documentalmente unha relación persoal ou familiar directa co sector, e dentro destes, terán preferencia os de menor renda familiar.

A) Rendemento académico.

-Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

-Nota media de notable: 3 puntos.

-Nota media de ben: 2 puntos.

-Nota media de suficiente: 1 punto.

-Nota media de insuficiente: 0 puntos.

Nas ensinanzas nas que existan cualificacións globais por curso, aplicarase o baremo directamente. Cando a cualificación se faga por cada unha das materias cursadas, obterase a nota media de todas e despois aplicarase o baremo.

Nos ciclos formativos, onde as cualificacións se fan do 1 ó 10, séguense as equivalencias que a continuación se sinalan:

9-10: sobresaliente.

7-8: notable.

6: ben.

5: suficiente, apto, validado.

3-4: insuficiente.

B) Renda familiar.

a) Por renda familiar entenderase a suma dos ingresos brutos obtidos no ano 2000 por tódolos membros computables da familia, calquera que sexa a súa procedencia.

b) No caso de actividades empresariais, profesionais, artísticas, deportivas e agrarias, computaranse os rendementos netos.

c) A renda familiar dispoñible obterase despois de deducir da renda familiar o importe das retencións e ingresos a conta, os xuros de capitais investidos na adquisición da primeira vivenda, as cotizacións á Seguridade Social, dereitos pasivos e mutualidades obrigatorias.

d) Considéranse membros da unidade familiar: o pai e a nai, os irmáns menores de 23 anos, o solicitante, os irmáns solteiros menores de vinteseis anos e que convivan no domicilio familiar ou os de maior idade, cando se trate de diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio que estes co certificado municipal correspondente.

e) No caso de que o solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar esta circunstancia e o seu domicilio, así como a titularidade ou o aluguer da vivenda e os medios económicos con que conta.

f) Ó cociente da renda familiar dispoñible computada entre o número de membros da unidade familiar, adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 3.155,31 euros: 10 puntos.

De 3.155,32 a 3.606,07 euros: 8 puntos.

De 3.606,08 a 4.056,83 euros: 7 puntos.

De 4.056,84 a 4.507,59 euros: 6 puntos.

De 4.507,60 a 4.958,35 euros: 5 puntos.

De 4.958,36 a 5.409,11 euros: 4 puntos.

De 5.409,12 a 5.859,87 euros: 3 puntos.

De 5.859,88 a 6.310,63 euros: 2 puntos.

De 6.310,64 a 6.761,39 euros: 1 punto.

Máis de 6.761,39 euros: 0 puntos.

De non achega-la fotocopia compulsada da declaración da renda ou certificado de non tela presentada outorgaranse 0 puntos por este epígrafe.

C) Circunstancias familiares.

a) Ós aspirantes que teñan irmáns cursando estudios de bacharelato, formación profesional específica ou universitarios fóra da súa residencia habitual, engadiránselle 2 puntos polo primeiro e 1 punto por cada un dos seguintes.

b) Ós aspirantes en condición de orfandade 2 puntos.

c) Ós aspirantes membros de familia numerosa de 1ª clase 1 punto, de 2ª clase e honra 2 puntos.

d) Os aspirantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de enfermidade permanente ou con discapacidade, 3 puntos.

Tódolos puntos referentes ás circunstancias familiares deberán xustificarse documentalmente.

Artigo 7º.-Regras de procedemento.

1. Tódolos alumnos que soliciten praza deberán formaliza-lo impreso oficial,que figura como anexo I, e presentalo antes do 15 de setembro. Se rematado o mencionado prazo ordinario de solicitudes quedaran prazas vacantes, abriríase un novo prazo que remataría o 28 de setembro.

2. Os alumnos que promocionen dentro dun mesmo ciclo só terán que realiza-la reserva de praza ante a secretaría do centro con anterioridade ó 15 de setembro.

3. Tódolos solicitantes, xunto coa solicitude, deberán presenta-la seguinte documentación:

-DNI do solicitante e demais membros da unidade familiar maiores de idade.

-Certificado de estudios, se fose o caso.

-Certificado de ter formalizada a matrícula.

-Certificado de empadroamento e residencia habitual expedido polo concello e correspondente ó ano da solicitude.

-Fotocopia autenticada completa das declaracións polo imposto sobre a renda das persoas físicas dos compoñentes que integran a unidade familiar e que

teñan a obriga de realizala, correspondentes ó ano 2001, ou certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria de non tela presentado.

Cando un alumno teña presentado no centro e para o presente curso, algún dos documentos requiridos para a formalización da solicitude, quedará exento de repetilo.

Artigo 8º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse nos centros docentes onde os solicitantes vaian segui-los seus estudios durante o curso académico 2002-2003.

2. Así mesmo, as solicitudes poderán presentarse nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, ou por calquera das formas establecidas na Lei 30/1992, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999), dentro do prazo establecido no anterior artigo 7º.1.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

1. Para o estudio das solicitudes presentadas e selección de posibles adxudicatarios, constituirase en cada centro unha comisión coa seguinte composición:

Presidente: o delegado territorial correspondente ou persoa en quen delegue.

Vocais: director. Xefe de estudios. Un representante da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro. Dous profesores membros do consello escolar. Un representante dos pais de alumnos, membro do consello escolar.

Secretario: o secretario do centro docente, que actuará con voz e sen voto.

2. Das reunións realizadas polas comisións ás que se refire o punto anterior, comezando pola da súa constitución, levantarase acta, que será remitida á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

3. As solicitudes de prazas deberán ser estudiadas e comprobadas para selecciona-las que deban ser atendidas.

4. A comisión de valoración, vistas as solicitudes, elaborará unha listaxe provisional de solicitudes admitidas e/ou denegadas e a causa que motivou a súa denegación, dando un prazo de 10 días naturais para que os interesados corrixan os erros ou formulen as reclamacións que consideren oportunas.

5. Transcorrido o dito prazo de 10 días naturais a comisión elaborará unha listaxe definitivo de admitidos e excluídos, que se remitirá á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, á vista das listaxes referidas no artigo anterior, determinará o número total de prazas que poden ser concedidas en función das vacantes dispoñibles e ordenará a confección das listaxes de adxudicatarios.

A dita dirección xeral poderá denega-la praza se se comprobase a falsidade nalgún dos documentos

achegados, así como, que a familia do solicitante dispoña dunha renda familiar dispoñible elevada.

A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento no que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos dos/das solicitantes que incorran en tal situación e, en consecuencia, a perda da praza de residencia, ademais das responsabilidades a que houbese lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

2. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro dictará unha resolución aprobando a lista definitiva de adxudicatarios que se publicará nas delegacións territoriais correspondentes e no taboleiro de anuncios dos centros docentes respectivos.

3. Contra esta resolución poderase interpoñer con carácter potestativo un recurso de reposición perante a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro no prazo dun mes ou un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados en ámbolos casos desde o día seguinte ó da notificación ou publicación da citada resolución.

Artigo 11º.-Incorporación dos alumnos residenciais.

1. Os residentes poderanse incorporar á praza de residencia unicamente para cursa-los estudios que expresaron na súa solicitude.

2. Os residentes incorporados quedarán suxeitos ás normas de réxime interno do centro.

3. O estado de saúde do residente, que se acreditará documentalmente no momento da incorporación ó centro, deberá permiti-lo normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

4. Os residentes que non se incorporen ós centros residenciais docentes nas datas que cada centro sinale para o inicio do curso escolar, non poderán desfrutar da praza de residencia, e perderán os seus dereitos agás nos casos de forza maior.

5. A perda da condición de alumno do centro onde debía cursa-los estudios para os que lle foi concedida a praza, determinará a perda desta e así mesmo da condición de residente do centro residencial docente.

6. Igualmente, cesarán no desfrute das prazas como consecuencia de sanción disciplinaria ou baixo rendemento académico, de acordo coa normativa vixente e logo do oportuno expediente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE