Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 10 de xullo de 2002 Páx. 10.765

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE ARZÚA

ANUNCIO de licitación.

Aprobados pola Comisión de Goberno deste concello -na sesión que tivo lugar o día 21 de xuño de 2002-, tanto o prego de cláusulas administrativas particulares, como o prego de prescricións técnicas, que haberán de rexe-lo concurso, por procedemento aberto, para adxudicar -mediante concesión- a xestión indirecta do servicio público da piscina cuberta climatizada e da piscina municipal descuberta, exponse ó público nas oficinas municipais, por un prazo de oito días hábiles, para efectos de reclamacións.

Transcorrido o dito prazo sen presentación de reclamacións -e de conformidade co disposto no artigo 122, número 2, do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, ábrese un período de licitación para proceder á dita adxudicación, se ben esta licitación se aprazará canto resulte necesario, e así se fará público, no suposto de se formularen reclamacións contra os ditos pregos de condicións.

O contido do prego de cláusulas administrativas particulares é o seguinte:

I. Obxecto do contrato. A contratación mediante concesión dos seguintes servicios nas dúas piscinas municipais de Arzúa:

a) Servicios administrativos.

b) Atención e control dos usuarios.

c) Servicios técnico-docentes, incluíndo profesores e monitores.

d) Servicio de socorrismo.

e) Cobramento das taxas aprobadas polo concello ós usuarios.

f) Outros previstos no prego de prescricións técnicas.

II. Duración do contrato. Será dun ano, contado desde a data de formalización do contrato coa empresa que resulta adxudicataria.

Se tres meses antes de rematar aquel prazo ningunha das partes lle manifestase á outra o seu propósito de rescindi-lo contrato, entenderase prorrogado por outra anualidade, sen que o total das prórrogas anuais poida exceder de tres; sendo, en consecuencia, catro o período de duración máxima do contrato.

III. Prezo do contrato. O prezo que satisfará anualmente o concello á empresa concesionaria será de trinta mil euros (30.000 euros), para o aboamento dos cales se desagregará ese importe en doce mensualidades iguais, que serán ingresadas nos primeiros días de cada mes na conta bancaria que designe o concesionario.

A devandita cantidade poderá ser mellorada á baixa a favor do concello cando se presente a proposta económica.

O importe deste prezo revisarase cada seguinte anualidade -no suposto de prórroga do contrato-, actualizándose na base ó índice de prezos de consumo que publique o Instituto Nacional de Estatística ou outro organismo que o substitúa.

E iso tendo en conta que tamén formará parte do prezo do contrato -que vai percibi-la empresa concesionaria- o importe da recadación das taxas que houbesen de satisface-los usuarios das dúas piscinas (climatizada e descuberta), por unha contía estimada para o primeiro ano de setenta e dous mil euros (72.000 euros); coa observación que a dita contía estará suxeita ás variacións que poida experimentar en sucesivas anualidades.

De maneira que se, ó cabo do primeiro ano de duración do contrato, se comprobase que a recadación obtida polas ditas taxas excedese da previsión que quedou fixada, o seu exceso repartirase ó 50% entre o concello e a empresa concesionaria.

IV. Tarifas. Corresponderá á empresa concesionaria a xestión e a recadación das taxas que haberán de satisface-los usuarios das piscinas municipais, conforme a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servicio da piscina municipal descuberta e conforme a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servicio da piscina climatizada municipal.

V. Relación cos usuarios. Axustaranse ó previsto no Regulamento de utilización da piscina climatizada municipal e doutras instalacións existentes no mesmo edificio; así como ás demais normas que fixe o concello.

VI. Capacidade para contratar. Estarán capacitadas para contrata-las persoas xurídicas, españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obrar e acrediten a solvencia económica e financeira así como a solvencia técnica, nos termos dos artigos 16 e 19 do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas (aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño); sen que poidan estar afectadas por ningunha das circunstancias que enumera o artigo 20 da dita lei como prohibitivas para contratar.

VII. Garantía provisional. Para poder participar no concurso será necesario acredita-la prestación dunha fianza provisional por importe de 600 euros, que poderá constituírse en calquera das formas previstas no artigo 35 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.

VIII. Garantía definitiva. Será requisito previo e necesario para a formalización do contrato e consistirá no 4% do prezo de adxudicación, comprendendo no dito prezo o importe da recadación polas taxas que houbese de percibi-la empresa dos usuarios, estimada en 72.000 euros, e poderá constituírse en calquera das formas previstas no artigo 36 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.

IX. Presentación de proposicións. As proposicións, axustadas ó modelo que figura neste prego de cláusulas administrativas, xuntamente coa documentación esixida a través deste, presentaranse no rexistro xeral deste concello, calquera día hábil, en horas de 9 a 14, durante os trece días naturais contados desde o seguinte a aquel no que rematase o prazo dos oito días hábiles de exposición ó público para reclamacións deste mesmo prego de cláusulas administrativas no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

X. Apertura das proposicións. A mesa de contratación, en acto público, que se celebrará ás doce horas do primeiro día hábil (que non sexa sábado) seguinte a aquel en que conclúa o prazo de presentación de propostas, levará a cabo a apertura das proposicións presentadas, empezando para iso polos sobres B), co obxecto de cualificar en sentido favorable ou desfavorable a documentación contida nestes; neste último caso poderá conceder un prazo non superior a dez días para que o licitador emende a documentación presentada que non contivese defectos substanciais.

Logo procederase á apertura dos sobres A), reflectindo no acto os importes das ofertas económicas.

Seguidamente formularase á Comisión de Goberno a proposta de adxudicación a favor da empresa que obtivese a maior puntuación neste procedemento de concurso.

XI. Criterios de valoración. Serán os seguintes:

a) Menor prezo ofertado. Ata un máximo de 10 puntos.

b) Persoal que vaia empregar, cualificación e categoría profesional. Ata un máximo de 15 puntos.

c) Melloras propostas sen ningún custo para o concello. Ata un máximo de 10 puntos.

d) Plan de traballo, equipo técnico, útiles e maquinaria empregada, programación. Ata un máximo de 15 puntos.

XII. Modelo de proposición económica. O recollido na cláusula 14 do referido prego da cláusulas administrativas particulares, para a súa inclusión dentro do sobre A.

Arzúa, vintecinco de xuño de dous mil dous.

Manuel Moscoso López

Alcalde