Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 02 de xullo de 2002 Páx. 10.311

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2002 pola que se convocan probas selectivas para ingreso na escala auxiliar desta universidade.

Aprobada por Resolución do 5 de febreiro de 2002 a oferta de emprego público de persoal de administración e servicios da Universidade da Coruña para o ano 2002, e establecido pola Xunta de Goberno o sistema de concurso-oposición para a provisión das vacantes de acordo co previsto no artigo 111.3º dos estatutos,

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24 de decembro), así como nos estatutos desta univer

sidade, aprobados polo Decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro), e modificados polo Decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto)

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir 53 prazas de funcionarios da escala auxiliar da Universidade da Coruña, grupo D, destinados a realizar tarefas de apoio administrativo no ámbito da administración da universidade.

Do total de prazas convocadas reservaranse dúas prazas para seren cubertas entre persoas con minusvalidez de grao igual ou superior ó 33 por cento, de conformidade co previsto na disposición adicional décimo novena da Lei 30/1984, do 2 de agosto. As prazas reservadas que non resulten cubertas, acumularanse ás de acceso libre.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán facelo constar na instancia segundo modelo que figura como anexo IV (impreso que se facilita no rexistro xeral da universidade). Á instancia achegarase focotopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (edificio do Rectorado, rúa da Maestranza, s/n, CP 15001), Ferrol (Vicerrectorado do Campus, Doutor Vázquez Cabrera, s/n, CP 15403), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes

1.2. Os aspirantes deberán xustifica-lo aboamento na conta corrente 0049-5030-15-2516011262, concursos-oposicións; Banco Santander Central Hispano da Coruña, da cantidade de 28,25 euros por dereitos de inscrición. A solicitude deberá ir xunto co xustificante acreditativo do ingreso e a súa falta determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude perante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola xeren

cia da universidade. A documentación acreditativa dos méritos estará referida á data de publicación no BOE desta convocatoria e deberá incorporarse á solicitude.

1.4. Os aspirantes que concorran ás prazas reservadas para quen teñan a condición legal de minusvalidez deberán formula-la correspondente opción coa declaración expresa de reuniren a condición esixida ó respecto.

1.5. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da instancia e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.6. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar nas súas solicitudes, e poderán unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo, non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados ós que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderá participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente ou estar en condicións de obtelo na data na que remate o prazo de presentación das solicitudes.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas, nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública

2.3. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de finaliza-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador destas establecerá, para as persoas con minusvalidez que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se lle suscitasen dúbidas ó tribunal respecto á capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades propias da escala auxiliar, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, na que declare aprobada a lista de aspirantes admitidos e excluídos, que será feita pública no taboleiro de anuncios do Rectorado da Universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para corrixi-lo defecto que motivase a exclusión. Transcorrido o devandito prazo, o rector dictará resolución na que declare aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

4.2. O feito de figuraren na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, cuestión que terán que acreditar no seu momento, de acordo co previsto na base 10.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa dos exercicios da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III da presente convocatoria.

6.2. O tribunal, na súa constitución, composición e funcionamento, aterase ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que considere necesario. Así mesmo, tamén poderá dispoñe-la incorporación de funcionarios que colaboren no desenvolvemento dos procesos de selección.

6.4. O tribunal terá a categoría cuarta das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6.5. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade da Coruña (rúa Maestranza, s/n).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data de comezo dos exercicios será feito público na resolución que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A orde de actuación dos aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra S, de conformidade coa resolución da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 27 de febreiro de 2002 (DOG do 6 de marzo).

7.3 Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento quedando decaídos no seu dereito os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29 de xullo), polo que se establecen diplomas acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira. A proba cualificarase con apto ou non apto, sendo necesario obte-la valoración de apto para pasar a realiza-los exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes que acrediten, mediante fotocopia compulsada, estaren en posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira, establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non achegar esta documentación non poderán ser declarados exentos e deberán, en consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol e no lugar ou lugares de realización do exercicio, así como naqueloutros que considere oportuno, a puntuación obtida polos aspirantes, así como, de se-lo caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

Posteriormente, o tribunal fará pública, neses mesmos lugares, a relación definitiva de aprobados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas, na que constará o nome e a puntuación dos aspirantes que, tendo acadada a puntuación mínima esixida para

supera-los exercicios da fase de oposición, obtivesen a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I. Os opositores que non se atopen incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non apto para tódolos efectos, único extremo verbo do que o tribunal poderá certificar.

9.3. O tribunal elevaralle ó rector a relación definitiva dos aspirantes aprobados pola orde desta puntuación final, na que se especificarán, ademais, as cualificacións das fases de concurso e de oposición, con proposta de que se estenda ó seu favor nomeamento de funcionarios de carreira.

10. Presentación de documentos e nomeamento de funcionarios.

10.1 No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte ó que se fixese pública a relación definitiva de aprobados nas probas selectivas, estes deberán presentar na Xerencia da Universidade da Coruña (rúa da Maestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o imposibiliten para o servicio.

d) Certificado dos órganos competentes da Comunidade Autónoma que acredite a condición legal de minusvalidez, se é o caso.

10.2 Cumpridos debidamente polos aspirantes que superaron as probas selectivas os trámites de presentación de documentos, serán nomeados funcionarios de carreira da escala auxiliar da Universidade da Coruña, mediante resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Segundo.-Estas probas selectivas axustaranse ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), e ós estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro), modificados polo Decreto 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, e as bases desta convocatoria.

Terceiro.-Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción contencioso-administrativa nos casos e na forma establecidos na Lei

30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas, ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 10 de xuño de 2002.

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

Procedemento de selección

A) Fase de oposición.

A fase de oposición estará constituída polos seguintes exercicios:

1º exercicio: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 80 preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado no contido do programa que figura como anexo II. Terá carácter obrigatorio e eliminatorio.

O tempo máximo de realización será de 90 minutos.

Cualificarase de 0 a 20 puntos, sendo necesario obter 10 puntos para superalo.

2º exercicio: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 60 preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, sobre un ou varios supostos teórico-prácticos, que versarán sobre procedemento administrativo; xestión de persoal, xestión económica e xestión universitaria.

O tempo máximo de realización será de 90 minutos.

Terá carácter obrigatorio e eliminatorio. Cualificarase de 0 a 20 puntos, sendo necesario obter 10 puntos para superalo.

3º exercicio:

1ª parte: consistirá nunha proba práctica dirixida a apreciar e valora-los coñecementos informáticos e a capacidade no manexo de paquetes ofimáticos: procesador de textos Word 2000. O tempo para a realización deste exercicio será fixado polo tribunal.

Terá carácter obrigatorio e eliminatorio. Cualificarase de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para superala.

2ª parte: consistirá na traducción, sen diccionario, de dous textos propostos polo tribunal, un do galego ó español e outro do español ó galego.

O tempo máximo de realización será de 30 minutos.

Terá carácter obrigatorio e non eliminatorio. Cualificarase de 0 a 5 puntos.

B) Fase de concurso. Terá unha valoración máxima de 15 puntos.

Valoraranse os servicios prestados na Universidade da Coruña como auxiliar administrativo, en réxime de contrato temporal ou funcionario interino, a razón de 0,40 puntos por cada mes completo.

Valorarase igualmente o desempeño de postos de natureza administrativa no grupo D en calquera

Administración pública certificado pola correspondente unidade de persoal, a razón de 0,05 puntos por mes completo.

C) Cualificación final das probas.

A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e, de se-lo caso, na fase de concurso. No caso de empate, terá preferencia o candidato con maior puntuación no conxunto da fase de oposición; de persisitir, dirimirase a prol da maior puntuación nos exercicios da fase de oposición, atendendo á súa orde de realización.

ANEXO II

Programa

1. Normas básicas e procedemento.

Tema 1. A Constitución española. O Estatuto de autonomía de Galicia. Os estatutos da Universidade da Coruña.

Tema 2. A Lei orgánica de universidades. Autonomía das universidades, réxime xurídico e estructura.

Tema 3. O procedemento administrativo: as administracións públicas e as súas relacións. Órganos das administracións públicas: Principios xerais e competencia. Órganos colexiados. Abstención e recusación. Normas xerais da actividade das administracións públicas. Termos e prazos. Disposicións e actos administrativos. Requisitos e eficacia dos actos. Nulidade e anulabilidade.

Tema 4. O procedemento administrativo: iniciación, ordenación, instrucción do expediente, participación dos interesados, finalización e execución. Revisión dos actos administrativos: revisión de oficio. Os recursos administrativos: os recursos de alzada, potestativo de reposición e recurso de revisión.

Tema 5. A responsabilidade das administracións públicas: a responsabilidade patrimonial da Administración. Esixencia da responsabilidade do persoal ó servicio das administracións públicas.

2. Xestión de persoal.

Tema 1. Réxime xurídico do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia: adquisición e perda da condición de funcionario. Ingreso e sistemas de provisión de postos de traballo. Promoción profesional. Situacións administrativas. Dereitos e deberes. Incompatibilidades. Réxime disciplinario.

Tema 2. Clases e réxime xurídico do persoal ó servicio das universidades públicas: persoal docente e persoal funcionario de administración e servicios.

Tema 3. Réxime retributivo do persoal docente e funcionario e laboral de administración e servicios: conceptos retributivos. O sistema de seguridade social. Campo de aplicación e estructura. Afiliación, altas e baixas. Réxime xeral: cotización. Acción protectora. Concepto e clases de prestacións.

3. Xestión económica.

Tema 1. Os contratos administrativos: natureza, caracteres e clases. Elementos, suxeitos, obxecto, causa e forma. Formas de adxudicación dos contratos.

Tema 2. Contido e efectos dos contratos administrativos: prerrogativas da Administración e equilibrio financeiro. Cumprimento dos contratos administrativos, resolución, rescisión e renuncia.

Tema 3. O orzamento: contido e xustificación. Principios orzamentarios. Lexislación orzamentaria do Estado e Comunidade Autónoma de Galicia. Os orzamentos das universidades.

Tema 4. Modificacións orzamentarias. Execución orzamentaria. O control orzamentario.

4. Xestión universitaria.

Tema 1. O acceso á universidade: probas de aptitude para acceso ás facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias. Outras vías de acceso.

Tema 2. Procedementos de ingreso en centros universitarios: traslados de expedientes.

Tema 3. Estructura dos estudios universitarios: de primeiro ciclo. De primeiro a segundo ciclo. De só segundo ciclo. Estudios de doutoramento e posgrao.

Tema 4. Bolsas e axudas ó estudio: clases. Requisitos de carácter económico e académico. Procedemento. Outras axudas. Programa Erasmus.

Tema 5. Obtención, expedición e homologación de títulos. Validación de estudios.

ANEXO III

Tribunal cualificador

Titulares:

Presidente: José Luis Meilán Gil, rector da Universidade de A Coruña.

Vocales:

José Vicente Echevarría González, vicexerente de Recursos Humanos.

Gonzalo A. Barrio García, letrado-asesor do Servicio de Asesoría Xurídica.

Pilar Mahía Porto, en representación da Xunta de Personal.

Teresa González Martínez, en representación da Xunta de Personal.

Secretario: Juan Andrés Pombo Prieto, xefe da Sección de Tesourería e Caixa, que actuará con voz e sen voto.

Suplentes:

Presidenta: Marta Mª García Pérez, secretaria xeral da universidade.

Vocales:

Juan Ramón Rego Álvarez de Mon, vicexerente de Asuntos Económicos.

Jesús Fernández Jiménez, vicexerente de Control Interno.

Aurora Carballido Balseiro, en representación da Xunta de Personal.

José Antonio Rilo López, en representación da Xunta de Personal.

Secretario: Daniel Miguélez Costa, xefe da Sección de Selección e Formación de Persoal, que actuará con voz e sen voto.