Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 02 de xullo de 2002 Páx. 10.283

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 20 de xuño de 2002 pola que se acorda a cesión en propiedade dun guindastre pórtico automotor á Confraría de Pescadores San José de Cangas.

A Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, no seu artigo 1, define estas como corporacións de dereito público, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar, para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles están encomendadas, atribuíndolles entre outros, segundo o artigo 3.3º c) da citada norma legal, a función de xestionar e administrar aqueles bens patrimoniais que lles sexan cedidos polas administracións públicas.

Por outra banda, e tendo en conta a suxeición das confrarías de pescadores á tutela da Administración pública galega, exercida a través desta consellería, cómpre cederlle o uso de bens mobles adscritos a este organismo, para seren destinados por esas corporacións con fins de utilidade pública ou interese social.

Para tal fin, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto no artigo 35 bis, da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis, do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo.

Polo exposto e, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión en propiedade a favor da confraría de pescadores San José de Cangas do seguinte ben moble:

Guindastre pórtico automotor. Características: motor diesel, potencia 88 HP/18 rpm. Carros de eslingas desprazables: 4. Pastecas fixas: 4. Pastecas móbiles: 4. Lonxitude das eslingas: 9,5 m. Nº de eslingas: 4 ud. Tipo: planos poliéster reforzado. Nº de rodas: 8. Tipo pneumático recauchutado. 52x20.5-23. Presión sobre o chan: 4,5 k/cm. Raio de xiro exterior: 6,44 m. Tipo de dirección: radial (pivotante completa). Peso total aproximado: 24 t.

Prestacións: carga máxima de traballo 64 t. Velocidade de elevación en carga: 2 m/min. Velocidade de traslación: 0-40 m/min. Pendente máxima a plena carga: 2%.

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O ben cedido tal como establecen os artigos 35.bis, da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade

Autónoma de Galicia, e 96. bis, do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, destinarase a fins de utilidade pública ou interese social da confraría cesionaria, concretamente, á mellora das súas condicións técnicas ós confrades e ó sector.

b) Coa cesión outorgarase á confraría de pescadores citada a propiedade do ben moble cedido.

c) Se o ben cedido non se aplicase ó fin sinalado, se se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentasen.

d) Será de conta da corporación cesionaria tódolos gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

Artigo 3º

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta Consellería ou funcionario en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da secretaría xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos