Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 28 de xuño de 2002 Páx. 10.075

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 218/2002, do 23 de maio, polo que modifica o Decreto 78/2001, do 22 de marzo, polo que se crea o Observatorio Galego de Educación Ambiental.

A entrada en vigor do Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, así como do Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, implica unha nova organización administrativa o que leva consigo as conseguintes modificacións das denominacións de varios dos órganos administrativos implicados no desenvolvemento das políticas ambientais.

Estes cambios requiren, polo tanto, unha modificación do Decreto 78/2001, do 22 de marzo, polo que se crea o Observatorio Galego de Educación Ambiental, adaptando a súa composición ós cambios operados pola referida normativa.

Por outra banda, e tendo en conta o carácter eminentemente técnico do observatorio, considérase oportuno revisa-lo artigo 2, relativo ás súas funcións, co obxecto de adaptalo á finalidade de asesoramento e de seguimento das actuacións en materia de educación ambiental na nosa Comunidade Autónoma.

Así mesmo, considerando a adaptación das funcións do observatorio ós seus obxectivos, así como o seu carácter técnico, estímase necesario proceder á revisión da súa composición.

Por último, na procura de facilita-la estructuración dos traballos do observatorio e co fin de acadar un maior grao de especialización no exercicio das súas funcións, incorpórase un novo artigo 6 relativo á creación de comisións de traballo para o estudio e análise de aspectos sectoriais ou problemáticas concretas dentro do seu ámbito de actuación.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de vinte e tres de maio de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-O Decreto 78/2001, do 22 de marzo, polo que se crea o Observatorio Galego de Educación Ambiental, queda modificado da forma seguinte:

1. O artigo 2, que regula as funcións do Observatorio Galego de Educación Ambiental, queda redactado como segue:

«Artigo 2º.-Funcións.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental exercerá as seguintes funcións:

1. Analiza-las necesidades educativas e formativas en materia ambiental da poboación galega no seu conxunto, así como dos seus sectores específicos.

2. Participar no desenvolvemento do programa de I+D da Estratexia Galega de Educación Ambiental co fin de impulsar e dinamiza-la propia estratexia, achegando suxestións e recomendacións co fin de optimiza-la súa eficacia.

3. Propoñe-la elaboración de indicadores, instrumentos e procedementos de avaliación, especificamente dirixidos ó ámbito da educación ambiental.

4. Realizar un seguimento do nivel de aplicación da Estratexia Galega de Educación Ambiental, propoñendo e suxerindo directrices e liñas de actuación que faciliten o logro dos fins e obxectivos xerais e específicos nela establecidos.

5. Colleitar experiencias, recursos e programas que se consideran de referencia, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma como do Estado, da Unión Europea e das distintas axencias das Nacións Unidas, facilitando a súa divulgación e promoción.

6. Asesora-los organismos das administracións públicas no deseño e avaliación dos programas e iniciativas de educación ambiental.

7. Emitir informes periódicos sobre o estado da educación ambiental en Galicia, facilitando a opinión pública e os axentes implicados no seu desenvolvemento, un coñecemento permanente dos problemas, os proxectos en marcha e os avances conseguidos.

8. Promove-lo desenvolvemento de foros de discusión e debate, en particular, o Foro Galicia de Educación Ambiental, co fin de facilita-lo encontro e a reflexión dos diferentes axentes sociais involucrados nas problemáticas ambientais e as súas derivacións educativas».

2. A composición do Observatorio Galego de Educación Ambiental, prevista no artigo 3, modifícase nos seguintes termos:

«Artigo 3º.-Composición.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental terá a seguinte composición:

-Presidente: o conselleiro de Medio Ambiente.

-Vicepresidente primeiro: o director xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible da Consellería do Medio Ambiente.

-Vicepresidente segundo: a directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional de Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Vocais: os vocais do Observatorio Galego de Educación Ambiental serán propostos polos organismos, institucións e organizacións que se relacionan a continuación, debendo acredita-la súa experiencia no eido da educación ambiental:

a) Fegamp: dous vocais.

b) Universidade de Santiago de Compostela: un vocal.

c) Universidade da Coruña: un vocal.

d) Universidade de Vigo: un vocal.

e) Sociedade Galega de Educación Ambiental: un vocal.

f) Asociacións protectoras do Medio Ambiente: un vocal.

g) Asociacións sindicais: catro vocais.

h) Confederación de Empresarios de Galicia: un vocal.

i) Fundación Pública Escola Galega da Administración Sanitaria: un vocal.

j) Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: dous vocais.

k) Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Industria e Comercio: un vocal.

l) Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos: un vocal.

m) Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude: un vocal.

n) Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente: un vocal.

o) Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente: un vocal.

p) Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente: un vocal.

q) Un representante do organismo autónomo Augas de Galicia.

r) Tres expertos de recoñecido prestixio no campo da educación ambiental, nomeados polo presidente do observatorio, oído o Pleno.

-Secretario: o subdirector xeral de Información, Formación e Tecnoloxía Ambiental da Consellería de Medio Ambiente».

3. Os artigos 6 e 7 pasan a ser, respectivamente, os artigos 7 e 8, creándose un novo artigo 6 do seguinte teor:

«Artigo 6º.-Comisións de traballo.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental creará, por acordo do seu Pleno, as comisións de traballo que resulten necesarias para a análise de aspectos sectoriais ou problemáticas concretas vencelladas coas funcións relacionadas no artigo 2 deste decreto. O devandito acordo establecerá o seu réxime de funcionamento, así como o seu carácter temporal ou indefinido».

Disposición derradeira

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de maio de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente