Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 26 de xuño de 2002 Páx. 9.973

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 11 de xuño de 2002 pola que se modifica a do 28 de decembro de 2001 pola que se convocan e aproban as bases polas que se regula a concesión de axudas para levar a cabo programas de educación familiar que desenvolverán as corporacións locais.

A Orde do 28 de decembro de 2001, da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, publicada no DOG número 12, do 17 de xaneiro de 2002, sinala na súa exposición de motivos que nos orzamentos xerais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o exercicio 2002 normalmente vai existir crédito axeitado e suficiente, na aplicación orzamentaria 14.02.212A.460.0, para as axudas que se establecen nela, reservándose para tal efecto un crédito de 657.086,53 euros (109.329.999 pesetas), o cal poderá verse incrementado coas achegas doutras administracións públicas para o mesmo fin.

Unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002 pola Lei 2/2002, do 29 de abril (DOG número 84, do 2 de maio de 2002), acórdase incrementa-lo crédito que a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude tiña previsto destinar ó financiamento dos programas de educación familiar que desenvolverán as corporacións locais, polo que se fai necesario modifica-la orde de axudas no que respecta ó dito punto.

De acordo con todo o anterior, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983,

do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifica-lo parágrafo quinto da exposición de motivos da Orde do 28 de decembro de 2001 pola que se convocan e aproban as bases polas que se regula a concesión de axudas para levar a cabo programas de educación familiar que desenvolverán as corporacións locais, o cal quedará redactado na forma seguinte:

«Nos orzamentos xerais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o exercicio 2002 existe crédito axeitado e suficiente, na aplicación orzamentaria 14.02.212A.460.0, para as axudas que se establecen nesta orde, reservándose para tal efecto un crédito de 741.228,22 euros (123.329.999 pesetas), que poderá verse incrementado coas achegas doutras administracións públicas para o mesmo fin».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude