Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 26 de xuño de 2002 Páx. 9.959

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 10 de xuño de 2002 pola que se delegan determinadas competencias no xerente xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

O xerente xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela propuxo a iniciación dun expediente para a contratación dun seguro de vida para o persoal do Hospital Psiquiátrico de Conxo.

Entre as facultades delegadas en materia de contratación pola Orde do 14 de marzo de 2002, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servicio Galego de Saúde nos directores xerentes de institucións sanitarias ou nos seus equivalentes, non se atopa a de actuar como órgano de contratación nos contratos imputables ós seus respectivos centros que se refiran a contratos privados.

Así mesmo, a conveniencia de proceder á delegación da competencia no citado centro, obedece a que os seus responsables dispoñen tanto do coñecemento coma dos medios necesarios para a tramitación da contratación prevista, o que sen dúbida contribuirá á consecución do obxectivo que con ela se busca.

Esta delegación faise de conformidade cos principios recollidos no artigo 13 da Lei 30/1992, de 26 de novembro (modificada pola Lei 4/1999), do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e nos artigos 43 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro), reguladora da Xunta e do seu presidente.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro) reguladora da Xunta e do seu presidente; o artigo 3.2º do Decreto 45/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde; os artigos 9 b) e 72.4º do Decreto lexislativo 1/1999 (modificado polas leis 5/2000, do 28 de decembro, e 8/1999, do 30 de decembro), que aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; e tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (modificada pola Lei 4/1999), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e nos artigos 43 e 44 da Lei 1/1983 (modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro) reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Delegar no xerente xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela a competencia para actuar como órgano de contratación para a realización de tódolos trámites necesarios para a contratación, polo procedemento aberto mediante concurso, dun seguro de vida para o persoal do Hospital Psiquiátrico de Conxo.

Disposición derradeira

Este orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2002.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e presidente do Servicio Galego de Saúde