Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 26 de xuño de 2002 Páx. 9.914

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se dictan instruccións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica no curso 2002-2003.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 30 establece que a formación profesional específica comprenderá un conxunto de ciclos formativos cunha organización modular, de duración variable, constituídos por áreas de coñecemento teórico-prácticos en función dos diversos campos profesionais. No artigo 34.2º establece tamén que o currículo das ensinanzas de formación profesional específica incluirá unha fase de formación práctica nos centros de traballo, da cal poderán quedar total ou parcialmente exentas as persoas que teñan acreditada a experiencia profesional.

Polo Decreto 239/1995, do 28 de xullo, (DOG do 16 de agosto), establécese para a Comunidade Autónoma de Galicia a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional e as directrices sobre os seus títulos, defínese a estructura común da ordenación académica dos títulos profesionais e establécense as finalidades do módulo de formación en centros de traballo. No artigo 17 deste decreto establécense os criterios para a avaliación do alumnado que cursa un ciclo formativo e concretamente para o módulo de F.C.T., indicándose tamén que a superación dun ciclo formativo requirirá a avaliación positiva en todos e cada un dos módulos profesionais que o compoñan.

O Real decreto 777/1998, do 30 de abril (BOE do 8 de maio), polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación profesional no ámbito do sistema educativo, ven modificar e completa-lo marco establecido, polo que é preciso adapta-lo funcionamento dos ciclos formativos ó mesmo. No artigo 16 deste real decreto establécense as condicións para a exención do módulo profesional de formación en centros de traballo pola súa correspondencia laboral.

O Decreto 296/1999, do 21 de outubro (DOG do 18 de novembro), adapta o disposto no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Os procedementos de acceso e admisión a ciclos formativos están regulados para a Comunidade Autónoma de Galicia pola Orde do 24 de abril de 2000 (DOG do 30 de maio) que regula o procedemento para admisión do alumnado no bacharelato e ciclos formativos de formación profesional específica de grao medio, en centros sostidos con fondos públicos; pola Orde do 12 de abril de 2002 (DOG do 29 de abril) que regula a admisión de alumnado nos ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior en centros sostidos con fondos públicos e pola Orde do 1 de abril de 2002 (DOG do 12 de abril) que regula as probas de acceso ós ciclos formativos de graos medio e superior. En aplicación destas, a Resolución do 22 de abril de 2002 (DOG do14 de maio) dicta instruccións sobre o acceso e admisión para o curso 2002-2003.

A Orde do 31 de maio de 1999 (DOG do 1 de xullo, corrección de erros DOG do 23 de xullo), pola que se regula o desenvolvemento, en réxime ordinario e de adultos, dos ciclos formativos de formación profesional específica, recolle a experiencia

da implantación anticipada destas ensinanzas e establece o marco normativo no que se desenvolverán os ciclos formativos de formación profesional específica, en réxime ordinario ou para as persoas adultas, posibilitando a oferta de forma parcial dos ciclos formativos; e a Orde do 1 de xuño de 1999 (DOG do 9 de xullo), pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas dúas ordes autorizan a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto nelas, e na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

I. Funcionamento xeral dos ciclos formativos:

Primeiro.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta resolución ten por obxecto dictar instruccións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica no curso 2002-2003 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Matrícula.

A matrícula realizarase para todo o ciclo formativo segundo os prazos establecidos na Resolución do 22 de abril de 2002 (DOG do 14 de maio) pola que se dictan instruccións sobre o acceso e admisión ós ciclos formativos de formación profesional específica para o curso 2002-2003.

Terceiro.-Constitución de grupos.

1. Para cada ciclo formativo constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos e alumnas por centro.

2. O número máximo de alumnos por grupo será de 30 agás nos ciclos formativos que se relacionan no anexo VIII que será de 22, non contabilizándose o alumno repetidor para estes efectos.

3. Calquera modificación destes límites requirirá autorización expresa da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. Requirirase un mínimo de 10 alumnos para poder impartir un ciclo formativo, polo réxime ordinario e adultos respectivamente, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2002-2003.

Un número menor de alumnos esixe a autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para poñer en funcionamento esta ensinanza, non podendo, mentres tanto, formalizar ningunha matrícula. Esta condición do número mínimo de alumnos debe ser posta en coñecemento dos interesados no momento da súa preinscrición.

Cuarto.-Horario do ciclo formativo.

1. A distribución horaria dos módulos que constitúen o ciclo formativo será a que se indica no anexo VII desta resolución no que tamén se reflicte para os centros públicos o número de sesións que corresponde no caso de organización horaria en sesións de 50 minutos. Non obstante, o centro educativo poderá establecer no seu proxecto curricular unha distribución horaria diferente que deberá ser aprobada pola delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria antes do inicio do ciclo formativo.

2. Aqueles centros que, polas súas características específicas ou polas dos ciclos que imparten, requiran unha modalidade horaria especial deberán solicitalo á delegación provincial que, logo do informe da Inspección Educativa, resolverá o que proceda, respectando a distribución horaria que aparece no anexo VII desta resolución.

3. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá autorizar outras modalidades horarias diferentes, adecuadas ás singulares características de colectivos concretos.

4. Coa finalidade de que se poida verifica-lo cumprimento do horario mínimo para cada ciclo, a dirección do centro remitirá á Inspección Educativa, xunto co horario semanal do grupo, un calendario no que irán especificados os días lectivos de formación no centro educativo.

Quinto.-Profesorado de centros públicos.

1. Cada módulo dun ciclo formativo constitúe unha unidade de oferta formativa e, polo tanto, será impartido, con carácter xeral, por un só profesor/a.

2. Mentres o alumnado do ciclo formativo estea realizando o módulo profesional de formación en centros de traballo, a xefatura de estudios co apoio do titor do ciclo formativo, elaborará o novo horario do profesorado que resulte coas horas vacantes, que dará a coñecer ó profesorado e, se é o caso, ós pais ou titores legais. Durante este período os membros do equipo docente realizarán, entre outras, as seguintes actividades:

a) Impartición de actividades de recuperación ó alumnado que teña pendente de superar algún módulo profesional e avaliación delas. A tal fin a xefatura de estudios, co apoio do titor do ciclo formativo, elaborará o novo horario do profesorado que resulte con horas vacantes.

b) Como profesores de apoio naqueles módulos que teñan alumnos repetidores, pertencentes a ciclos formativos da mesma familia profesional ou ben sempre que se posúa a atribución docente para impartilos segundo figura nos decretos que regulan os ciclos correspondentes.

c) Apoio á titoría de ciclos formativos e á coordinación e seguimento da F.C.T.

d) Apoio ós PGS e ás materias de iniciación profesional ofertadas na ESO, pertencentes á mesma familia profesional do ciclo do que o profesor libere horas lectivas.

e) Elaboración de propostas de modificación e actualización permanente do proxecto curricular de ciclo. Esta actividade implicará a un só profesor do departamento que a desenvolva en non máis de tres horas semanais do seu horario individual e sempre baixo a coordinación e seguimento do seu xefe de departamento.

f) Participación nas actividades de actualización e formación que se convoquen pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

g) Impartición de actividades de formación profesional ocupacional e formación profesional continua, cando no seu caso estea autorizada no centro educativo.

h) Aqueloutras que a dirección do centro lles encomende.

En calquera caso, a permanencia obrigatoria no centro do profesor afectado polo cambio de horario será de 23 horas semanais e a súa permanencia míni

ma diaria no centro non será inferior ás tres horas, en cumprimento dos artigos 79 e 81, respectivamente, da Orde de 1 de agosto de 1997.

A proposta do novo horario enviarase para a súa aprobación definitiva ó Servicio de Inspección Educativa correspondente, inmediatamente despois de finalizada a avaliación previa á FCT.

Sexto.-Módulo profesional de segunda lingua estranxeira.

Os centros realizarán a oferta do módulo profesional de segunda lingua estranxeira, para os ciclos formativos nos que así se establece no anexo VII desta resolución de entre os seguintes: alemán, francés, italiano e portugués, de acordo cos recursos dispoñibles.

En todo caso, a lingua que se imparta será a mesma para todo o alumnado do grupo.

Sétimo.-Módulo profesional de Proxecto Integrado.

1. O módulo de Proxecto Integrado será impartido por un profesor/a con atribución docente no ciclo formativo, e contribuirá de forma específica ó logro das seguintes finalidades:

-Comprender globalmente aspectos sobresaíntes da competencia profesional característica do título que foron abordados noutros módulos profesionais do ciclo formativo.

-Integrar ordenadamente distintos coñecementos sobre organización, características, condicións, tipoloxías, técnicas e procesos que se desenvolven nas diferentes actividades productivas do sector a que corresponde o título.

-Adquirir, se é o caso, coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes que favorezan o desenvolvemento daquelas capacidades relacionadas coa profesión para a que se forma que, sendo demandadas polo contorno productivo en que radica o centro, non poidan ser recollidas no resto de módulos profesionais.

2. Tomando como referencia un proceso productivo, real ou simulado, o proxecto integrado debe:

-Analiza-la interrelación e contribución das distintas etapas da organización, programación e control dun proceso.

-Determina-las especificacións do proceso productivo dun artigo, (materia prima, medio productivo, método operativo, etc.) e os métodos que aseguren a calidade, a partir das especificacións dun deseño, dun pedido, de obxectivos de calidade, dos recursos dispoñibles e de catálogos comerciais de materiais.

-Determina-la viabilidade das especificacións do proceso de producción e, se é preciso, as medidas correctoras a partir da elaboración e avaliación do prototipo.

-Determina-la cantidade de recursos, o nivel de "stock" óptimo, os sistemas de traballo e de control da producción máis adecuada e a organización das liñas de producción, aprovisionamento, mantemento preventivo dos recursos e as fases productivas necesarias para a producción en función dos recursos dispoñibles, volume e variedade do pedido, así como os prazos establecidos.

-Determina-las medidas correctoras que se deben tomar e a súa viabilidade no hipotético proceso de producción para garanti-las condicións de producción establecidas, considerando as posibles anomalías, incidencias ou desviacións simuladas.

Este módulo forma parte do currículo dos ciclos formativos de grao superior que se indica no anexo VII desta resolución.

II. Formación en centros de traballo (F.C.T.).

Oitavo.-Definición e finalidades.

O módulo profesional de formación en centros de traballo, en adiante F.C.T., é un bloque coherente de formación específica, no que os obxectivos están constituídos por un conxunto de capacidades terminais elementais, que orientan as actividades formativas de referencia que constitúen os contidos que o alumnado debe realizar nun centro de traballo. Ten carácter obrigatorio en tódolos ciclos formativos e desenvolverase procurando aplica-las competencias profesionais adquiridas no centro educativo complementándoas con aquelas previamente identificadas entre as actividades productivas do centro de traballo. Posibilitará así mesmo, avalia-los aspectos máis relevantes da competencia profesional do alumnado, razón pola que con carácter xeral, constituirá a última fase da súa formación.

A duración da F.C.T. será a que se establece no anexo VII para cada ciclo formativo.

O período de F.C.T. constitúe unha parte obrigatoria dos currículos dos ciclos. Consecuentemente, a súa realización non dá dereito á percepción por parte do alumnado de ningunha compensación económica distinta das bolsas e axudas ó estudio de carácter xeral.

A característica máis relevante do módulo de F.C.T., é que se desenvolve nun ámbito productivo real, onde o alumnado poderá observar e desempeña-las funcións propias das distintas ocupacións relativas a unha profesión, coñece-la organización dos procesos productivos ou de servicios e as relacións sociolaborais na empresa ou centro de traballo, orientados e asesorados en tódolos momentos polos responsables do seguimento e avaliación das súas actividades.

O módulo profesional da F.C.T., de acordo co establecido no artigo 7.3 do Decreto 239/1995, está encamiñado de forma específica ó logro das seguintes finalidades:

a) Complementa-la adquisición polo alumnado da competencia profesional conseguida no centro educativo, mediante a realización dun conxunto de actividades de formación previamente identificadas e delimitadas entre as actividades productivas do centro de traballo.

b) Contribuír ó logro do conxunto de finalidades descritas para a formación profesional no artigo 2º do referido decreto.

c) Avalia-los aspectos máis relevantes da competencia profesional adquirida polo alumnado.

Noveno.-Xestión do módulo de F.C.T.

1. Na xestión do módulo de F.C.T. son obrigatorios os seguintes documentos:

a) Convenio específico recollido como anexo I nesta resolución.

b) Relación de alumnado por cada centro de traballo, que aparece como anexo II desta resolución.

c) Programa formativo que se desenvolverá en cada centro de traballo (anexo III desta resolución).

2. Os centros están obrigados a suministrar á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional canta información lles sexa

requirida, de acordo coa lexislación vixente en materia de protección de datos, relativa ó desenvolvemento do módulo de F.C.T. do alumnado que cursa ciclos formativos de formación profesional ou programas de garantía social.

3. A partir do curso 2002-2003 a xestión dos documentos e datos relativos ó desenvolvemento do módulo de F.C.T., realizarase mediante a utilización da aplicación informática FCT-Xade, subministrada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Esta será a única aplicación oficial de asistencia ós centros na xestión do módulo, non admitíndose a utilización doutras aplicacións informáticas para a emisión de documentos ou subministración de datos.

4. Os centros educativos iniciarán a carga dos datos relativos ó alumnado e ás empresas, cando menos, dous meses antes da data prevista para o inicio da realización do módulo de formación en centros de traballo, utilizando a aplicación informática antes mencionada.

Décimo.-Convenios.

1. Os centros educativos que imparten ciclos formativos de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia suscribirán convenios con empresas, agrupacións ou asociacións de empresas, institucións ou organismos, que teñan por fin a realización dun programa formativo que desenvolva adecuadamente o currículo do módulo de F.C.T., de acordo co perfil profesional que debe acada-lo alumnado segundo establece o real decreto de ensinanzas mínimas de cada título profesional e o currículo correspondente.

2. O centro educativo asinará os convenios específicos coas entidades colaboradoras cunha antelación mínima de dous meses á data prevista para o inicio do desenvolvemento do módulo de F.C.T.

3. Os convenios específicos de colaboración para a realización das actividades de formación en centros de traballo deberán formalizarse por escrito segundo o modelo que figura como anexo I, desta resolución e que emite a aplicación FCT-Xade. Serán asinados polo director ou directora do centro e o representante legal da empresa ou institución colaboradora. A estes convenios asinados iranse incorporando ó longo do período de vixencia os sucesivos, anexo II -relación de alumnado-e anexo III -programa formativo, de cada grupo de alumnos participantes que contarán coa conformidade da Inspección Educativa.

4. A duración destes convenios específicos de colaboración será dun ano a partir do seu asinamento, considerándose prorrogado automaticamente mentres ningunha das partes asinantes manifeste o contrario.

5. Os convenios específicos de colaboración poderán ser rescindidos por calquera das partes, mediante a súa correspondente denuncia, que será comunicada cunha antelación mínima de quince días e baseada nalgunha das seguintes causas:

a) Cesamento de actividades dalgunha das partes asinantes do convenio.

b) Forza maior que imposibilite o desenvolvemento das actividades programadas.

c) Incumprimento das cláusulas establecidas no convenio específico de colaboración, inadecuación pedagóxica das prácticas formativas, ou vulneración das normas que, en relación coa realización das actividades programadas, estean en cada caso vixentes.

d) Mutuo acordo entre o centro docente, adoptado polo director/a de centro, e a empresa ou institución colaboradora.

6. Poderase excluír do convenio, e se é o caso da realización da F.C.T., na correspondente convocatoria, a un determinado alumno/a ou grupo de alumnos/as, nos seguintes casos:

a) Faltas de asistencia de acordo co artigo 5.2º da Orde do 1 de xuño de 1999 (DOG do 9 de xullo).

b) Actitude incorrecta ou falta de aproveitamento, logo de audiencia ó interesado.

Décimo primeiro.-Programación da formación en centros de traballo: programa formativo.

1. O desenvolvemento do módulo de F.C.T. esixe a elaboración dun programa formativo. Este consiste no conxunto de actividades formativo-productivas, ordenadas no tempo e no espacio, que debe realiza-lo alumnado durante as horas establecidas a tal fin no centro de traballo. Estas actividades, inspiradas polas unidades de competencia do perfil do título, serán o complemento final para consegui-la competencia profesional característica do título e proporcionarán as situacións de avaliación necesarias para a acreditación desa competencia expresadas nas capacidades terminais elementais do módulo de F.C.T.

Salvo en sectores productivos ou de servicios altamente homoxéneos, centros de traballo diferentes requiren programas formativos diferentes como medio para garantir que o módulo profesional desenvolvido no centro de traballo sexa cumprible e avaliable.

2. Naquelas zonas ou sectores onde se constate que o posto formativo ofertado por un centro de traballo é insuficiente para conseguir tódalas capacidades terminais da F.C.T. e requira a complementación con outros, o profesor-titor xunto co coordinador de F.C.T., se fose o caso, realizará a selección de centros de traballo que constitúan o programa formativo, debendo ser un máximo de tres empresas/institucións. Se se precisara realiza-la F.C.T. superando o límite de empresas establecido na presente resolución, solicitarase autorización á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Para a elaboración do programa formativo hai que ter en conta os seguintes elementos:

a) Capacidades terminais elementais da F.C.T. establecidas no currículo do ciclo formativo, ou se é o caso, as capacidades terminais do módulo de F.C.T. definidas no documento base do título.

b) Actividades formativas tomadas das de referencia que establece o currículo, e se é o caso, dos criterios de avaliación establecidos no documento base do título, que deben permitir executar ou, se é o caso, completa-la competencia profesional correspondente ó título.

c) Áreas ou departamentos do centro de traballo polos que rotará o alumnado, coa temporalización correspondente.

É especialmente importante que no proceso de elaboración do programa formativo sexan ben identificadas as actividades formativas relacionadas coas capacidades terminais elementais do módulo de F.C.T. e coa competencia profesional que debe evidenciar.

Décimo segundo.-Períodos de realización das actividades da formación en centros de traballo.

1. O módulo da F.C.T. desenvolverase entre os días 1 de setembro e 30 de xuño. En casos excepcionais, fundamentados nas especificidades dos sectores de actividade nos que se realiza o módulo, poderase ampliar ata o 31 de agosto con autorización da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, logo de informe da Inspección Educativa. O número de horas de estadía do alumnado no centro de traballo será o indicado nos decretos dos currículos correspondentes desta Comunidade Autónoma e no anexo VII desta resolución.

2. Como norma xeral, o módulo de F.C.T. será realizado ó final de cada ciclo formativo, unha vez superada a formación cursada no centro educativo nun só período e de forma ininterrompida.

3. O desenvolvemento das estadías do alumnado no centro de traballo seguirá o horario laboral da entidade colaboradora, salvo que no programa formativo se estableza outro horario. A realización da F.C.T. nos fins de semana ou durante as vacacións motivada pola especificidade do contorno productivo propio de cada familia profesional, deberá ser autorizada expresamente pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, logo de informe da Inspección Educativa. Os centros remitirán á delegación provincial, xunto coa programación da F.C.T., a solicitude na que se incluirá a xustificación razoada, calendario e horario proposto e sistema e condicións para o seguimento e control titorial. A delegación provincial remitirá a correspondente proposta, xunto co informe detallado da Inspección Educativa, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. En ningún caso será autorizada a realización do módulo de F.C.T. en horario nocturno.

4. A realización do módulo de F.C.T. antes de finaliza-la formación no centro educativo, motivado pola dispoñibilidade de postos formativos, estacionalidade, especificidade curricular da familia profesional correspondente ou outras causas, requirirá a autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Os centros remitirán á delegación provincial a solicitude e xustificación da súa necesidade, seguindo o mesmo procedemento do punto 3.

5. A realización das actividades formativas do módulo de F.C.T. en centros de traballo/institucións situadas fora da Comunidade Autónoma de Galicia, xustificada pola proximidade dos centros ós territorios doutras comunidades autónomas, pola imposibilidade de atopar postos formativos axeitados no territorio galego ou por razóns de inserción laboral, requirirá, igualmente, a autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Os centros remitirán á delegación provincial solicitude e xustificación da súa necesidade, seguindo o procedemento recollido no punto 3.

6. Para a realización da F.C.T. por parte do alumnado matriculado no réxime de persoas adultas, o centro poderá propor un calendario e horario flexible para a realización da F.C.T. que estará fundamentado e contará coa autorización da delegación provincial logo de informe da Inspección Educativa.

Décimo terceiro.-Envío de documentación á Inspección Educativa.

1. Os centros educativos enviarán á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordena

ción Universitaria, dentro dos cinco días seguintes á realización da sesión de avaliación final de módulos (previa a F.C.T.), dúas copias compulsadas do anexo II relación do alumnado e anexo III programa formativo para o seu visado e aprobación, se procede, por parte da inspección educativa.

2. A delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria remitirá copia da relación de alumnos e alumnas que en cada período de tempo estean realizando a F.C.T. nas entidades colaboradoras á Inspección Provincial de Traballo.

3. O Centro docente deberá informar á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da extinción ou rescisión dos convenios específicos de colaboración en calquera dos casos, á súa vez esta comunicarallo á Inspección Provincial de Traballo.

Décimo cuarto.-Envío de documentación á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Antes do 15 de xuño de 2003 os centros enviarán ó Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a seguinte documentación:

a) Copia compulsada dos convenios específicos vixentes, asinados coas entidades colaboradoras.

b) Copia compulsada das relacións de alumnado por cada un dos centros de traballo.

c) Copia compulsada do Programa Formativo para cada centro de traballo.

Así mesmo, realizarán o envío telemático a través da aplicación informática FCT-Xade dos datos relativos ó desenvolvemento da formación en centros de traballo durante o curso 2002-2003.

Décimo quinto.-Seguimento da formación en centros de traballo.

1. O coordinador de F.C.T., en colaboración co titor do ciclo formativo, elaborará un plan de seguimento do devandito módulo no que se inclúe o calendario, o plan de visitas, as accións de divulgación do programa formativo e a captación de novas empresas, que será sometido a aprobación por parte do consello escolar.

2. Reservarase unha xornada cada quincena para a recepción do alumnado no centro educativo, por parte do profesorado-titor, realizando actividades de seguimento de F.C.T.

3. O profesor-titor do ciclo formativo levará a cabo o calendario de visitas previstas ó centro de traballo, cunha periodicidade mínima quincenal, para os efectos de manter entrevistas co responsable do centro productivo, observar directamente as actividades que o alumnado realiza nel e rexistra-lo seu propio seguimento.

4. A compensación dos gastos ocasionados ós profesores encargados do seguimento da formación en centros de traballo realizarase conforme o establecido no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. (DOG do 25 de xuño). O devandito decreto establece que darán orixe a indemnización ou compensación, entre outras, as comisións de servicio para a realización dos cometidos especiais que se lle ordenen ó persoal con destino na Administración autonómica

de Galicia e os desprazamentos dentro do termo municipal por razón do servicio.

5. Para poder ser compensados nos gastos que lles ocasionen as actividades de seguimento, os profesores encargados deberán obter autorización expresa, para cada unha das actividades previstas, por parte do director/a do centro educativo no que se atopen destinados, de acordo co plan de seguimento previamente aprobado polo consello escolar. Esta autorización, que se procede servirá de xustificante da actividade de seguimento realizada polo profesor, pode cubrirse no modelo de impreso recollido como anexo VI desta resolución.

6. A compensación dos gastos ocasionados polas actividades de seguimento do módulo de formación en centros de traballo, correspondentes a cada ciclo formativo, poderá ser financiada con cargo ós orzamentos de gastos de funcionamento dese ciclo para o curso 2002-2003.

Décimo sexto.-Avaliación da formación en centros de traballo.

1. A avaliación da F.C.T. será continua, é dicir, realizarase durante todo o proceso formativo correspondente, de acordo coa normativa reguladora do procedemento de avaliación dos ciclos formativos de formación profesional (Decreto 239/1995 e a Orde do 1 de xuño de 1999.)

2. A avaliación do módulo da F.C.T. ten por obxecto determina-la competencia profesional, entendida esta como a habilidade para realizar roles ou postos de traballo ós niveis requiridos do emprego. Polo tanto, os métodos de avaliación deste módulo deben ser orientados a obter evidencia desa competencia.

3. Na avaliación deste módulo de F.C.T. colaborará a persoa responsable designada por cada centro de traballo para o seguimento da formación do alumnado durante a estadía nel. Esta colaboración na avaliación expresarase mediante un informe valorativo do responsable do centro de traballo (anexo IV). Se a F.C.T. tivera lugar en varias empresas, solicitarase un informe de cada unha delas.

4. Os instrumentos de seguimento e avaliación do módulo de F.C.T. serán:

-O informe valorativo do centro de traballo (anexo IV).

-O caderno do alumno/a.

5. O profesorado-titor entregará a cada alumno, ó comezo da F.C.T., o caderno do alumno para a formación en centros de traballo e o programa formativo acordado coa empresa.

6. Cada alumno reflectirá no seu caderno as tarefas que desenvolve na empresa. Farao de forma breve e facilmente identificable, destacando, se é o caso, as dificultades que atopou na realización da actividade, circunstancias que as motivaron e cantas observacións que a nivel profesional ou persoal considere oportunas. O caderno do alumno incluirá follas de control de actividades realizadas (anexo V). As follas de actividades do alumno serán supervisadas e asinadas polo profesorado-titor durante a xornada quincenal destinada á acción titorial no centro educativo, con todo o alumnado que estea durante ese período realizando a F.C.T. na empresa.

7. Correspóndelle ó Servicio de Inspección Educativa o seguimento e avaliación das programacións e a análise dos resultados obtidos no desenvolvemento da F.C.T. en cada un dos ciclos formativos de cada centro educativo

Décimo sétimo .-Relación alumnado-centro de traballo ou entidade colaboradora.

1. A relación entre o alumnado e o centro de traballo ou entidade colaboradora, como consecuencia do convenio específico de colaboración para a realización das actividades do módulo profesional de F.C.T. non terá, en ningún caso, natureza xurídica laboral ou funcionarial, de acordo co disposto no artigo 19 do Real decreto 1992/1984, do 31 de outubro (BOE do 9 de novembro). Polo tanto, o alumnado non poderá percibir retribución ningunha do centro de traballo pola súa actividade formativa.

2. A empresa ou entidade colaboradora non poderá cubrir, nin sequera con carácter interino, ningún posto de traballo no cadro de persoal co alumnado que realice actividades formativas na empresa, salvo que se estableza a tal efecto unha relación laboral de contraprestación económica por servicios contratados. Neste caso, considerarase que o alumno abandona o programa formativo no centro de traballo, debendo comunicar este feito a empresa ou institución colaboradora ó profesorado titor do centro educativo, quen será o que llo notifique ó director ou directora do centro educativo e, este pola súa vez, á delegación provincial de Educación. A delegación provincial de Educación deberá comunicar esta continxencia á Inspección Provincial de Traballo.

3. De acordo co disposto no Decreto 2078/1971, do 13 de agosto (BOE do 13 de setembro), polo que se amplía o seguro escolar ó alumnado de formación profesional, o réxime de cobertura por accidentes dos alumnos e alumnas nos centros de traballo será o establecido pola normativa vixente en materia de seguro escolar e polos estatutos da mutualidade de tal seguro. Todo iso, sen prexuízo da póliza que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o seu ámbito de xestión territorial suscribe, como seguro adicional para mellora-las indemnizacións, cubrir danos a terceiros ou responsabilidade civil.

Décimo oitavo.-Funcións e tarefas na xestión da F.C.T.

Para o desenvolvemento efectivo do módulo de F.C.T deberán realizarse as seguintes funcións:

1. O/A director/a do centro educativo:

a) Acreditar diante da delegación provincial a existencia de convenios que garanten a realización da F.C.T. do alumnado matriculado nos ciclos formativos.

b) Asina-los convenios específicos de colaboración coas empresas e asumi-la responsabilidade da súa execución.

2. O/A coordinador/a de Formación en Centros de Traballo, segundo o artigo 80 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo:

a) Elevar á dirección do centro unha memoria anual, segundo se establece no punto 43 da Orde do 1 de agosto de 1997 (DOG do 2 de setembro)

b) Encargarse das relacións centro educativo-empresa por delegación do/a director/a do centro.

c) Coordina-las accións dos titores/as, establecendo un plan de seguimento da F.C.T. no que se inclúa o calendario e plan de visitas, as accións de divulgación do programa formativo e a captación de novas empresas.

d) Buscar e seleccionar empresas co apoio do profesorado titor e tramitar toda a documentación relativa ás axudas económicas que procedan respecto á F.C.T., a través da dirección do centro.

3. O profesorado-titor responsable da F.C.T.:

As establecidas no artigo 59.2º, do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, e na instrucción 63 da Orde do 1 de agosto de 1997 e ademais as seguintes:

a) Propor, ó director do centro educativo e ó coordinador ou coordinadora de formación en centros de traballo, empresas coas que proceda contactar para o desenvolvemento da F.C.T., detallando o seu perfil básico.

b) Relacionarse polo menos unha vez cada quince días coa persoa responsable designada pola empresa para o seguimento do programa formativo, a fin de contribuír a que este programa se axuste á cualificación que se pretende.

c) Informa-lo seu alumnado do programa formativo de F.C.T. que vai realizar en cada empresa e de todo o relacionado coas condicións e características da súa realización, aspectos, condicións e criterios de avaliación do citado módulo.

d) Extraer datos e conclusións que realimenten as actividades, con especial atención a aqueles que suxiran a modificación da programación docente, do programa formativo ou que afecten a continuidade do convenio coa empresa, así como proporciona-los datos significativos que lle sexan requiridos, para a avaliación global do programa da F.C.T.

Décimo noveno.-A F.C.T en Programas de garantía social.

O alumnado matriculado nas diferentes modalidades de programas de garantía social poderá realizar prácticas formativas en centros de traballo. A duración será a que se estableza na normativa reguladora destes programas.

En todo o referente á subscrición de convenios con empresas e outros aspectos da relación entre centros educativos e centros de traballo, observarase o disposto na presente resolución, así como aquelas instruccións que se poidan dictar.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Os directores e directoras dos centros educativos arbitrarán as medidas necesarias para que esta resolución sexa coñecida por tódolos membros da comunidade educativa.

Segunda.-Os delegados provinciais, a través do servicio da Inspección Educativa e dos directores e directoras dos centros educativos, garantirán o cumprimento do disposto na presente resolución e asesorarán os centros sobre o seu contido.

Terceira.-Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2002

Mª Pilar del Mar Pérez Marsó

Directora xeral de Ordenación Educativa e

Formación Profesional

Delegados da Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria.

ANEXO VIII

RELACIÓN DE CICLOS FORMATIVOS CON 22 ALUMNOS POR GRUPO

-Familia profesional: Actividades agrarias.

CM Traballos forestais e de conservación do medio natural

CM Xardinería

CM Explotacións agrarias extensivas

CM Explotacións agrícolas intensivas

CS Xestión e organización de recursos naturais e paisaxísticos

CS Xestión e organización de empresas agropecuarias

-Familia profesional: Actividades marítimo-pesqueiras

CM Mergullo a media profundidade

CM Operacións de cultivo acuícola

CM Operación, control e mantemento de máquinas e instalacións do buque

CM Pesca e transporte marítimo

CS Navegación, pesca e transporte marítimo

CS Producción acuícola

CS Supervisión e control de máquinas e instalacións do buque

-Familia profesional: Artes gráficas

CM Impresión en artes gráficas

CM Preimpresión en artes gráficas

CS Producción en industrias de artes gráficas

CS Producción e deseño editorial

-Familia profesional: Edificación e obra civil

CM Acabados de construcción

M2 Cubrición de edificios: lousas

M2 Albanelería

-Familia profesional: Electricidade e electrónica

CM Equipos e instalacións electrotécnicas

CM Equipos electrónicos de consumo

CS Instalacións electrotécnicas

CS Desenvolvemento de productos electrónicos

CS Sistemas de regulación e control automáticos

CS Sistemas de telecomunicación e informáticos

-Familia profesional: Fabricación mecánica

CM Mecanizado

CM Soldadura e caldeirería

CS Producción por mecanizado

CS Construccións metálicas

-Familia profesional: Hostalería e turismo

CM Cociña

CM Pastelería e panadería

CS Restauración

-Familia profesional: Imaxe persoal

CM Perruquería

CM Estética persoal e decorativa

CS Estética

-Familia profesional: Industrias alimentarias

CM Elaboración de productos lácteos

CM Elaboración de viños e outras bebidas

CM Conserveira vexetal, cárnica e de peixe

CS Industria alimentaria

-Familia profesional: Madeira e moble

CM Fabricación á medida e instalación de carpintería e moble

CS Producción de madeira e moble

CS Desenvolvemento de productos de carpintería e moble

-Familia profesional: Mantemento de vehículos autopropulsados

CM Carrocería

CM Electromecánica de vehículos

CS Automoción

-Familia profesional: Mantemento e servicios á producción

CM Montaxe e mantemento de instalación de frío, climatización e producción de calor

CM Instalación e mantemento electromecánico de maquinaria e conducción de liñas

CS Desenvolvemento de proxectos de instalacións de fluídos, térmicas e de manutención

CS Mantemento de equipo industrial

CS Montaxe e mantemento de instalacións de edificio e proceso

-Familia profesional: Química

CM Laboratorio

CS Análise e control

-Familia profesional: Sanidade

CM Coidados auxiliares de enfermería

CM Farmacia

CS Anatomía patolóxica e citoloxía

CS Saúde ambiental

CS Laboratorio de diagnóstico clínico

CS Próteses dentais

-Familia profesional: Téxtil, confección e pel

CM Confección

CS Patronaxe

-Familia profesional: Vidro e cerámica

CM Operacións de fabricación de productos cerámicos