Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 21 de xuño de 2002 Páx. 9.536

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 207/2002, do 20 de xuño, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas.

1. O municipio de Ponteareas (Pontevedra) conta con normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra en data 11 de maio de 1995.

A evolución do proceso urbanizador e edificatorio durante os sete anos de vixencia das normas subsidiarias xerou un crecemento urbano desordenado e caótico causante de graves problemas urbanísticos e da deterioración acelerada do medio urbano e rural de Ponteareas que transcende do mero ámbito dos intereses municipais e está a afectar gravemente os intereses supralocais e as competencias da Comunidade Autónoma en materia de urbanismo, ordenación do territorio, vivenda, ambiente, estradas e patrimonio cultural, entre outras. A gravidade desta situación demanda unha intervención inmediata e

inaprazable da Xunta de Galicia para impedir que continúe o proceso de degradación do medio urbano e natural e para evitar que nun futuro próximo resulte inviable calquera solución razoable.

As normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas foron elaboradas e aprobadas ó abeiro da lexislación urbanística vixente no ano 1995, en particular, a Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación da do solo a Galicia, e o texto refundido da Lei sobre réxime do solo e ordenación urbana, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1992, do 26 de xuño. O ordenamento xurídico que no seu momento deu cobertura ó planeamento municipal sufriu unha profunda transformación como consecuencia da sentencia do Tribunal Constitucional do 20 de marzo de 1997, que declarou a inconstitucionalidade de grande parte dos preceptos do texto refundido da Lei sobre réxime do solo e ordenación urbana de 1992, e da última reforma lexislativa operada pola Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións, modificada polo Real decreto-lei 4/2000, do 23 de xuño, de medidas urxentes de liberalización no sector inmobiliario. Tamén a lexislación urbanística autonómica que daba cobertura ó

planeamento de Ponteareas -a Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia- foi derrogada e substituída pola nova Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, a Lei 7/1995, do 29 de xuño, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo, e o Regulamento de disciplina urbanística, aprobado polo Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro.

2. Transcorridos máis de sete anos desde a aprobación das normas subsidiarias de Ponteareas, constátase na actualidade a existencia de áreas que se clasificaron como solo urbano e que non reúnen os requisitos legalmente esixidos polo artigo 64 da Lei do solo de Galicia para merecer tal clasificación, pois carecen dos servicios urbanísticos necesarios en condicións adecuadas para servir á edificación existente e á que se vaia construír, nin están integradas na malla urbana existente. Este é o caso dos terreos vacantes situados nos bordes do perímetro delimitado, dos terreos vacantes situados no contorno da estrada de Guillade ou do ámbito das unidades de execución núm. 2 e 14, entre outras.

Dentro do perímetro do solo urbano as normas subsidiarias non diferenciaron entre o solo urbano consolidado e o non consolidado, dado que estas categorías de solo foron introducidas por vez primeira no ordenamento urbanístico pola Lei 1/1997, do solo de Galicia, e posteriormente incorporadas á lexislación estatal pola Lei 6/1998, de réxime do solo e valoracións. A categoría de solo urbano consolidado comprende os terreos que merecen a cualificación de soares ou que só precisan dalgunha obra complementaria e accesoria de urbanización para acadar a condición de soar. Na categoría de solo urbano non consolidado deben incluírse os terreos que é necesario someter a un proceso de execución integral coa finalidade de levar á realidade física a ordenación urbanística proxectada polo plan, así como os terreos urbanizados á marxe do planeamento (artigo 65 da Lei do solo de Galicia).

Os terreos incluídos nas unidades de execución (polígonos) están sometidas ó réxime do solo urbano non consolidado por imperativo da Lei do solo de

Galicia (disposición transitoria primeira, número 1). E na mesma condición legal de solo urbano non consolidado encóntranse aquelas áreas incluídas no perímetro urbano que se prevé incorporar por vez primeira á súa transformación urbanística, onde é necesario abrir novas rúas, executar obras de urbanización, implantar novas dotacións para espacios libres, zonas verdes e equipamentos públicos ou distribuír equitativamente entre os propietarios afectados os beneficios e cargas derivados do planeamento; todo isto, coa finalidade de levar á realidade física a ordenación urbanística plasmada no planeamento vixente.

Pero as normas subsidiarias de planeamento de Ponteareas permiten a edificación directa mediante licencia municipal en áreas nas que concorren as circunstancias determinantes da aplicación do réxime do solo urbano non consolidado, o que resulta contrario á lexislación urbanística vixente, xera unha situación de desigualdade inxustificada entre os propietarios, furta a participación da comunidade nas plusvalías xeradas pola acción urbanística, e carga sobre os fondos públicos os custos de urbanización e obtención de zonas verdes, equipamentos e outras dotacións públicas que legalmente deben ser soportados polos propietarios beneficiados co aproveitamento urbanístico lucrativo outorgado polo planeamento.

3. O forte crecemento urbanístico experimentado nos últimos anos, as altas edificabilidades permitidas, as estreitas rúas existentes e os escasos espacios públicos obtidos durante a vixencia das normas subsidiarias de planeamento levaron a unha situación manifestamente grave de conxestión urbana, de sobredensificación, de deterioración ambiental e de destrucción do patrimonio arquitectónico no núcleo urbano de Ponteareas.

Esta situación deriva en parte das determinacións das vixentes normas subsidiarias de planeamento, pero é tamén consecuencia da súa aplicación e interpretación terxiversada propiciada pola Administración urbanística municipal.

A Lei 1/1997, do solo de Galicia, no seu artigo 11, establece os límites de densidade e de edificabilidade máximos para o solo urbano, prohibindo no solo urbano non consolidado que os niveis de intensidade excedan o límite de 100 vivendas por hectárea cunha superficie edificada máxima de 8.250 m por hectárea, e impoñendo a conxelación do incremento edificatorio nos ámbitos de solo urbano consolidado que excedan o antedito límite. As normas subsidiarias de planeamento de Ponteareas establecen unhas condicións de edificación no solo urbano que superan varias veces os límites establecidos pola Lei do solo de Galicia, como é o caso dos ámbitos das unidades de execución núm. 1, cunha edificabilidade permitida de 2,5 m/m, as unidades de execución núm. 2, 3, 4, 8 e 14, cunha edificabilidade de 1,5 m/m, o ámbito de aplicación da ordenanza 1.4, de bloque aberto, cunha edificabilidade de 2 m/m, e outros ámbitos de solo urbano para os que o planeamento permite incrementos edificatorios

considerablemente superiores sobre os volumes existentes na realidade do momento de aprobación do planeamento, ou queda patente pola simple observación dos planos de información e de ordenación das normas subsidiarias.

Esta situación de conxestión e sobredensificación derivada das determinacións do planeamento urbanístico municipal resulta agravada considerablemente pola actuación do Concello de Ponteareas que favorece a alta edificación mesmo excedendo as previsións do planeamento vixente e sen atender ás necesidades de dotacións e infraestructuras que demanda a expansión urbana.

Esta actuación municipal vese propiciada, en primeiro lugar, polas indeterminacións e contradiccións que presenta a normativa urbanística en cuestións tan esenciais como a regulación das construccións por encima da altura máxima permitida (número 3.3.3) que son interpretadas polo Concello no sentido de permitir unha planta máis por encima do máximo fixado en cada ordenanza de edificación; a diferente terminoloxía empregada no rótulo dos planos de ordenación e nas ordenanzas de edificación en solo urbano que induce a confusión; a imprecisa e contradictoria regulación das condicións de altura máxima, número máximo de plantas e separación mínima entre edificacións nas ordenanzas 1.4 de bloque aberto e 1.6 de bloque aberto Fernández de la Mora; a indeterminación do ámbito de aplicación da ordenanza de vivenda unifamiliar acaroada; a indeterminación das condicións de edificación en varios ámbitos remitidos a estudio de detalle e outras determinacións que inducen a confusión e causan

inseguranza xurídica.

Observáronse graves diferencias entre o texto da normativa publicada polo Concello de Ponteareas no BOP núm. 155, do 14 de agosto de 1995, e o texto da normativa no que consta a correspondente dilixencia de aprobación definitiva outorgada pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra en data 11 de maio de 1995; entre as diferencias máis graves cabe sinala-las seguintes:

a) Número 3.3.4: a normativa aprobada establece que cada edificio terá soamente unha planta soto ou semisoto como máximo, mentres que no texto publicado elimínase esta limitación.

b) Ordenanza 1.2 (cuarteirón pechado): o texto publicado suprime as limitacións establecidas no texto aprobado no que atinxe ó réxime de alturas para tapar medianís.

c) Ordenanza 1.4 (bloque aberto): o texto publicado permite chegar ata as seis plantas (baixo máis cinco) e 20,5 metros de altura, en canto que no texto normativo aprobado a maior altura prevista é de cinco plantas e 15,5 metros.

Ademais, a Comisión de Goberno municipal de Ponteareas aprobou varios estudios de detalle que prevén unha reordenación de varios ámbitos de solo urbano e implican un notable incremento do volume edificable e do número máximo de plantas respecto do máximo permitido polas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente, como é o caso, entre outros, dos estudios de detalle seguintes:

a) Estudio de detalle da unidade de execución núm. 7 Fábrica, que prevé a edificación cunha altura de planta baixa, sete plantas altas e planta baixo cuberta, superando a altura máxima de sete plantas en total que establece a ordenanza de aplicación.

b) Estudio de detalle na rúa Alcázar de Toledo que prevé a edificación cunha altura de tres plantas semisoto, planta baixa, cinco plantas altas e planta

baixo cuberta, superando a altura máxima de cinco plantas en total que establece a ordenanza de aplicación.

En ámbolos dous casos a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda dirixiu á alcaldesa de Ponteareas os respectivos requirimentos para que declarase a nulidade dos estudios de detalle aprobados pola Comisión de Goberno municipal, requirimentos que non foron atendidos debidamente.

En visitas de inspección realizadas ó municipio de Ponteareas puideron observarase numerosos edificios de nova planta que incumpren as condicións de edificación establecidas polas vixentes normas subsidiarias de planeamento, por superaren a altura e o número máximo de plantas permitidas pola ordenanza de aplicación.

4. As vixentes normas subsidiarias de planeamento de Ponteareas non prevén os espacios libres para parques e xardíns públicos en proporción axeitada ás necesidades colectivas derivadas do seu forte crecemento urbano. Na memoria das normas cuantifícase a totalidade das superficies destinadas a zonas verdes (sumando tanto as correspondentes a sistemas xerais como a dotacións locais), en 2,3 m por habitante, moi inferior ó estándar legal esixido polo artigo 10 c) da Lei do solo de Galicia, que só para o sistema xeral de espacios libres destinados a parques e zonas verdes públicas esixe unha previsión de 5 m por habitante.

Ademais, varias zonas verdes previstas polo planeamento vixente non cumpren as dimensións e características necesarias para ser consideradas nin sequera como parques de sistemas locais (artigo 4 do anexo do Regulamento de planeamento urbanístico).

A situación resulta agravada pola actuación do Concello de Ponteareas que está a conceder licencias de construcción para usos lucrativos privados sobre terreos cualificados como zonas verdes e espacios libres de dominio e uso públicos, o que motivou a incoación de varios expedientes de reposición da legalidade urbanística por parte desta Comunidade Autónoma, en virtude do disposto polo artigo 180 da Lei do solo de Galicia.

Especialmente grave resulta a concesión de licencias para a construcción de edificacións residenciais sobre terreos cualificados como zona verde e situados entre as rúas Fernández de la Mora, Brañas, Gabino Bugallal e Ramiro Sabel. A ordenación establecida polas vixentes normas subsidiarias para este ámbito foi obxecto de dous expedientes municipais coa pretensión de establecer unha ordenación distinta que implicaba o incremento do volume edificable e a eliminación da zona verde prevista. O primeiro expediente municipal foi tramitado pola vía de corrección de erros para incorpora-la ordenación derivada do convenio asinado co propietario dos terreos e foi anulada polo Pleno da Corporación municipal en data 12 de marzo de 1999, atendendo ó requirimento previamente efectuado en tal sentido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. O segundo expediente municipal consistiu na modificación puntual das normas subsidiarias co mesmo obxectivo de incrementa-la

intensidade de uso á custa de elimina-la zona verde prevista, o que motivou o informe desfavorable da consellería en data 2 de xullo de 1999. A pesar da inviabilidade

de ámbolos expedientes e que nunca chegaron a ser aprobados definitivamente, o Concello permitiu a edificación segundo o convenio asinado, en contra da ordenación establecida no plano de ordenación das normas subsidiarias aprobadas definitivamente.

Nin sequera se están executando as escasas novas zonas verdes e espacios libres públicos previstos polas normas subsidiarias de planeamento que debían ser obtidas con cargo ó desenvolvemento das unidades de execución (polígonos), pois que o Concello de Ponteareas está a permiti-la edificación nelas sen que previa ou simultaneamente se teña completado a urbanización e obtidas as dotacións públicas previstas.

5. A estes graves problemas de sobredensificación e conxestión urbana engádense os derivados da insuficiente capacidade e deficiente funcionamento das redes de servicios existentes, que resultan desbordados pola crecente demanda xerada polo proceso edificatorio incontrolado.

No solo urbano de Ponteareas, a rede de abastecemento de auga potable presenta notables deficiencias de calidade e de subministración e a rede de saneamento aínda precisa ser completada coa separación de augas pluviais e residuais.

Particularmente grave é a situación de conxestión que está a sufrir o sistema viario por causa da sobredensificación da vila de Ponteareas, que ameaza con colapsa-la estrada nacional CN-120 e as estradas autonómicas a Salvaterra do Miño e As Neves. Esta conxestión do tráfico é consecuencia do proceso de crecemento urbano apoiado sobre as estradas estatal e autonómicas con frecuentes incorporacións e saídas de vehículos e circulación de peóns; esta situación demanda unha intervención inmediata para asegura-la funcionalidade da rede de estradas con niveis aceptables de seguranza e fluidez do tráfico.

A estructura viaria interna do solo urbano de Ponteareas resulta hoxe manifestamente insuficiente para soporta-lo intenso tráfico xerado polo crecemento urbanístico experimentado nos últimos anos. Os desmesurados volumes edificados en relación coas estreitas rúas existentes, a falta de previsión de espacios destinados a aparcadoiros públicos e a sobredensificación do solo urbano están a produci-la conxestión do tráfico na vila de Ponteareas.

6. A memoria das normas subsidiarias de planeamento sinalaba xa en 1995 que o proceso de substitución de edificacións que sofre a vila de Ponteareas, con crecementos a saltos, sen unha programación coherente e sen un control das ordenanzas de aplicación, propicia unha mestura de tipoloxías absolutamente inadecuadas para a obtención da imaxe urbana e así, pode acontecer, que nun mesmo cuarteirón, aparecen tódalas tipoloxías posibles, nunha desorde formal difícil de asumir desde o planeamento da ordenación urbanística máis elemental.

Para atallar esta problemática urbanística, as normas subsidiarias marcaron entre os seus criterios e obxectivos o mantemento das tipoloxías existentes. Sen embargo, a ordenación urbanística establecida non é congruente co diagnóstico previamente realizado nin cos seus obxectivos perseguidos polo planificador municipal, por canto as normas subsidiarias propiciaron a substitución das tipoloxías edificatorias preexistentes por novas edificacións con

volumes e alturas considerablemente superiores co resultado de sobredensificación, novas edificacións de volumes desmesurados en relación coas estreitas rúas existentes, aparición de grandes medianís, mestura caótica de diferentes tipoloxías, escaseza de espacios públicos e destrucción do patrimonio cultural construído.

O crecemento urbano caótico experimentado nos últimos anos modificou a imaxe da vila, distorsionándoa ata límites difíciles de asumir e así, o perfil da vila adquire un forte volume, cunha cornixa desestructurada, aparecendo importantes medianís e sufrindo unha falla de definición da súa imaxe como consecuencia da falla de transición entre a masa edificada e o campo circundante que pouco a pouco se ocupa de maneira indiscriminada. Esta situación de desorde detectada polo planificador municipal en 1995 vén agravándose apreciablemente nos últimos anos como consecuencia da mala xestión urbanística municipal, das deficiencias propias do planeamento e da indisciplina urbanística consentida polo Concello.

7. Especialmente grave resulta a situación dos inmobles catalogados e a súa contorna como consecuencia da interpretación terxiversada das normas subsidiarias desde a Administración urbanística municipal que permite a demolición e substitución de edificacións catalogadas, así como a adición de novas plantas sobre edificios catalogados o que, en todo caso, resulta incompatible co réxime de protección establecido imperativamente pola vixente Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia que, en virtude da súa disposición adicional segunda, inclúe no inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia os bens catalogados en calquera figura de planeamento.

8. As normas subsidiarias de planeamento municipal permiten a edificación sobre canles públicas, sobre terreos inundables e afectados polas servidumes e limitacións en defensa do dominio público hidráulico, o que resulta incompatible co réxime establecido polo vixente texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo.

Como consecuencia das obras de construcción executadas sobre estes terreos sen a preceptiva autorización do organismo de bacía ou sen axustarse ás condicións fixadas na correspondente autorización, foron abertos varios expedientes sancionadores pola Confederación Hidrográfica.

Á defensa dos recursos hidráulicos engádeselle hoxe a protección reforzada que lle outorga a Orde do 7 de xuño de 2001, da Consellería de Medio Ambiente, que incorporou o río Tea e os seus afluentes no ámbito da declaración provisional de zonas propostas para a súa inclusión na Rede Europea Natura 2000 e dos espacios naturais en réxime de protección xeral.

En consecuencia, cómpre adopta-las medidas urxentes necesarias para evita-la degradación deste espacio natural e a súa exclusión do proceso urbanizador e edificatorio. Con carácter xeral, estes terreos deben ser clasificados como solo rústico protexido en cumprimento do disposto polos artigos 68 e 79.1º da Lei do solo de Galicia e do artigo 9 da Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións.

9. No solo urbanizable e apto para urbanizar tamén concorren circunstancias que xustifican a urxente revisión do planeamento municipal.

O primeiro problema é o da inadecuada clasificación dos terreos que deben preservarse do desenvolvemento urbanístico por concorreren neles valores ecolóxicos, ambientais, paisaxísticos, históricos, etnográficos, culturais, ou por razóns de riscos naturais ou con potencialidade productiva que deben ser excluídos do desenvolvemento urbanístico, adaptándose ós novos criterios de clasificación urbanística establecidos pola Lei do solo de Galicia (artigos 65 a 68) e pola Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións (artigos 7 a 10).

As normas subsidiarias de planeamento clasifican máis de 2.600.000 m de solo urbanizable e apto para urbanizar que se distribúen en 123,64 ha para uso residencial cunha edificabilidade de 0,5 m/m (agás os vinculados ó campo de golf), 73,64 ha para uso industrial con edificabilidades de 1 m/m e de 1,5 m/m, e 72,32 ha para a creación dunha nova Universidade do Atlántico, cunha edificabilidade de 0,6 m/m. Desta grande superficie clasificada, durante os máis de sete anos de vixencia das normas subsidiarias unicamente se desenvolveron 1,6 ha a través do plan parcial de Canedo.

O principal problema do solo urbanizable e apto para urbanizar constitúeo a carencia das infraestructuras requiridas pola dimensión e intensidades de uso que xera o desenvolvemento urbanístico deste solo. As normas subsidiarias non definen os sistemas xerais adscritos a cada sector, non prevén as imprescindibles conexións coas infraestructuras existentes, non propoñen solucións para a situación actual de saturación do sistema de comunicacións, non determinan as redes xerais de abastecemento de auga potable e de evacuación e depuración de augas residuais fóra da vila de Ponteareas. Esta indeterminación das normas subsidiarias fai inviable o desenvolvemento da maior parte do solo urbanizable. É necesario que o novo plan xeral de ordenación municipal defina os sistemas da estructura xeral da ordenación urbanística do territorio coa precisión suficiente para permiti-lo desenvolvemento do solo urbanizable (artigos 10 e 12 da Lei do solo de Galicia).

A estes problemas xerais de todo o solo urbanizable e apto para urbanizar engádenselle os problemas particulares do solo apto para urbanizar industrial e do solo previsto para a creación dun campus universitario.

A pesar do tempo transcorrido desde a aprobación das normas subsidiarias de planeamento e da importante demanda de solo para a implantación de actividades empresariais en Ponteareas, o feito é que non se desenvolveu ningún dos sectores de solo apto para urbanizar industrial previstos polo planeamento municipal. O Concello de Ponteareas, en lugar de xestiona-lo desenvolvemento do solo industrial, vén autorizando a implantación de numerosas naves industriais e comerciais que se espallan desordenadamente polo solo non urbanizable e polo solo apto urbanizar. A construcción de numerosas edificacións sobre os sectores de solo apto para urbanizar, en ocasións de modo completamente ilegal e noutras con amparo en autorizacións outorgadas polo Concello de máis que dubidosa legalidade, ameaza gravemente a viabilidade dos futuros plans

parciais que dificilmente poderán operar sobre os sectores que se veñen enchendo ilegalmente con novas edificacións, sen urbanizar adecuadamente e cun forte impacto ambiental e paisaxístico.

O desenvolvemento do solo urbanizable previsto para a Universidade do Atlántico resulta definitivamente inviable por non ter obtido as autorizacións preceptivas esixidas pola lexislación sectorial vixente en materia de universidades, o que determina a necesidade de revisa-la clasificación deste solo.

En definitiva, non son viables os novos desenvolvementos urbanísticos sen resolver previamente as cuestións fundamentais para un desenvolvemento urbanístico racional e adecuado á nova lexislación urbanística vixente, o que inexorablemente pasa pola revisión do planeamento municipal, da estructura xeral e orgánica do territorio, da clasificación urbanística do solo e da definición dos sistemas xerais necesarios para a expansión urbana.

10. Como xa se indicou anteriormente, a clasificación do solo non se acomoda ó disposto pola Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións, e a Lei 1/1997, do solo de Galicia, polo que resulta imprescindible a revisión do planeamento e a súa adaptación ós novos criterios de clasificación do solo que, no que afecta o solo non urbanizable ou rústico, debe partir necesariamente dun rigoroso estudio do medio rural que sirva de base para o establecemento das medidas tendentes á conservación e mellora das súas potencialidades intrínsecas nos termos esixidos polos artigos 10 d) e 14 da Lei do solo de Galicia.

Ademais, a regulación do solo non urbanizable establecida polas vixentes normas subsidiarias de planeamento de Ponteareas resulta incompatible coa lexislación urbanística vixente na actualidade en aspectos tan esenciais como son, entre outras, a previsión de vivendas en solo non urbanizable de especial protección, determinación esta que é contraria ó disposto pola Lei 1/1997, do solo de Galicia que, no seu artigo 77.5º, prohibe expresamente as vivendas e os usos residenciais en solo rústico; ou a posibilidade de construír en parcelas con superficie inferior á unidade mínima de cultivo (0,30 ha en sequeiro) que é contraria ó disposto polo artigo 77.8º da Lei do solo de Galicia.

En definitiva, a proliferación de edificacións no medio rural propiciada polas normas subsidiarias de planeamento é contraria ó réxime do solo rústico ou non urbanizable que ten por finalidade preservar esta clase de solo do proceso edificatorio.

11. As vixentes normas subsidiarias de planeamento municipal declaran que é absolutamente prioritaria a redacción de 25 plans especiais de mellora do medio que afectan a máis de 50 núcleos rurais, así como de 22 plans especiais de explotación integral do monte e outras actuacións previstas para o primeiro cuatrienio de vixencia do planeamento. Transcorridos máis de tres anos desde o vencemento do prazo fixado, aínda hoxe non foi aprobado nin un só dos plans especiais declarados prioritarios.

12. O Concello de Ponteareas desatendeu tódolos requirimentos que lle dirixiu a Comunidade Autónoma para que adoptase as medidas necesarias para restaura-la legalidade urbanística vulnerada en supostos nos que se detectaron infraccións urbanísticas manifestas e graves ou moi graves.

13. A necesidade de revisión do planeamento municipal xa foi detectada polo Concello de Ponteareas, que contratou os traballos de elaboración do novo plan xeral de ordenación municipal para os que solicitou e obtivo unha subvención de cinco millóns de pesetas outorgada pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. Malia o anterior, por Resolución do 4 de abril de 2000, declárase sen efecto a subvención outorgada por causa da inactividade e o incumprimento dos compromisos asumidos polo Concello de Ponteareas.

14. A caótica situación urbanística anteriormente descrita esta a crear unha crecente alarma social que se pon de manifesto nas numerosas denuncias formuladas por veciños de Ponteareas, colectivos sociais e partidos políticos, que mesmo tiveron eco no Parlamento de Galicia. A fonda preocupación social amosada esixe a intervención inmediata dos poderes públicos responsables da ordenación do territorio e do urbanismo en Galicia, en exercicio das súas competencias.

O artigo 52 da Lei do solo de Galicia faculta o Consello da Xunta de Galicia, por instancia do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, para acorda-la suspensión para a súa revisión, en todo ou en parte do ámbito a que se refiran, a vixencia dos instrumentos de ordenación urbanística.

En atención a estas circunstancias excepcionais, procede ordena-la urxente revisión do planeamento urbanístico municipal e a súa conseguinte adaptación á lexislación urbanística vixente. En canto esta revisión non se produce resulta necesario adopta-las medidas urxentes encamiñadas a evitar que continúe a caótica expansión urbanística derivada da aplicación das determinacións do planeamento vixente e que resulte inviable no futuro calquera solución razoable para os graves problemas causados.

15. A suspensión da vixencia das normas subsidiarias de planeamento determina a entrada en vigor da ordenación provisional que se elaborou tendo en conta o seu carácter eminentemente transitorio e cautelar para garantir que a edificación que poida realizarse durante o período transitorio non faga inviables as posibles solucións urbanísticas que corresponde adoptar ó futuro plan xeral de ordenación municipal que é o instrumento de ordenación urbanística integral do termo municipal que debe defini-lo modelo de convivencia e establece-la ordenación urbanística definitiva.

16. A alcaldesa de Ponteareas presenta escrito de data 10 de xuño de 2002 no que alega, en esencia, que a suspensión do planeamento municipal carece de xustificación; que o planeamento vixente foi aprobado pola consellería; que non está xustificada a necesidade de revisión do planeamento municipal; que o que se pretende é unha revisión encuberta das normas subsidiarias de planeamento que está prevista no artigo 102 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e que a suspensión podería dar lugar a responsabilidade patrimonial da Administración autonómica.

Ningunha das alegacións formuladas pola alcaldesa poden prosperar. Os antecedentes e a exposición de motivos deste decreto xustifican sobradamente a concorrencia dos requisitos que, segundo

o disposto polo artigo 52 da Lei do solo de Galicia, determinan a suspensión do planeamento.

A institución da suspensión do planeamento regulada polo artigo 52 da Lei do solo de Galicia é unha medida cautelar de carácter excepcional aplicable nos supostos en que sexa necesario proceder á revisión do planeamento en vigor polas consecuencias indesexables que produciría a súa conservación.

No suposto obxecto deste decreto é indubidable e notoria para todos a necesidade de revisión das normas subsidiarias de planeamento municipal e as graves consecuencias derivadas da súa vixencia. Así o apreciaron tódolos órganos urbanísticos da Comunidade Autónoma e o propio Concello de Ponteareas que, en sesión plenaria do 2 de agosto de 2000, e por maioría absoluta legal, acordou proceder, de forma urxente, a tramita-lo expediente de contratación dos traballos de confección do plan xeral de ordenación municipal, fundamentándose tal acordo, entre outras razóns, na urxente necesidade de frea-lo caos urbanístico existente no municipio.

Neste mesmo senso o informe da arquitecta municipal, do 9 de maio de 2001, xustifica cumpridamente a necesidade de revisión do planeamento municipal. Da gravidade da situación urbanística reflectida no informe técnico municipal, son expresivos os seguintes parágrafos:

«Nos máis de cinco anos de experiencia da súa aplicación, vense demostrando dunha maneira palpable e inequívoca, a pouca operatividade desta normativa, que ademáis quedou obsoleta...».

«Así mesmo, hai que salienta-las numerosas contradiccións existentes dentro dos documentos que conforman estas normas. Como, por exemplo, sinalar contradiccións existentes entre o texto refundido publicado no BOP nº 155 antes mencionado e o texto aprobado pola C.P.U., alegacións presentadas e aprobadas non recollidas na documentación de aprobación definitiva que crea indefensión dos alegantes, etc.».

«Débese significar especialmente que a cartografía utilizada para a elaboración do planeamento vixente, é extremadamente deficiente .../... as determinacións gráficas, canto a delimitacións das distintas tipoloxías e clasificación do solo, é extremadamente imprecisa».

Canto á alegación de que as normas subsidiarias foron aprobadas pola consellería, debe matizarse que o planeamento municipal vixente foi elaborado, tramitado e aprobado provisionalmente polo Concello de Ponteareas e que a aprobación definitiva foi outorgada pola desaparecida Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra, hai máis de sete anos e ó abeiro doutra lexislación. En todo caso, este dato non é impedimento ningún para que o Consello da Xunta de Galicia exerza as competencias que ten estatutaria e legalmente atribuídas, e de conformidade co disposto polo artigo 52 da Lei do solo de Galicia.

Polo que atinxe á responsabilidade patrimonial, cómpre advertir que son imputables en exclusiva ó Concello de Ponteareas os danos e perdas derivados das licencias outorgadas a partir do 27 de maio de 2002, incumprindo os reiterados requirimentos de

suspensión de licencias efectuados pola Comunidade Autónoma.

Ante as declaracións do concelleiro de urbanismo nos medios de comunicación, nas que manifestaba a súa intención de continuar outorgando licencias a pesar do requirimento autonómico, a inspección urbanística está a levar a cabo as investigacións necesarias para determina-la conformidade ou non das licencias outorgadas co ordenamento xurídico e as medidas que se adoptarán para restaura-la legalidade urbanística.

Na súa virtude, de acordo co dictame da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xuño de dous mil dous

DISPOÑO:

Artigo 1º

Conforme o disposto polo artigo 52 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, suspéndese, para a súa revisión, a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra en data 11 de maio de 1995.

Artigo 2º

Esta suspensión determina a entrada en vigor da ordenación provisional que se insire no anexo deste decreto.

A ordenación provisional terá carácter transitorio e manterá a súa vixencia ata a entrada en vigor do novo planeamento, que deberá ser aprobado polo Concello no prazo de nove meses.

Transcorrido o prazo indicado sen que se chegase a aproba-lo Plan xeral de ordenación municipal, o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá formula-lo proxecto de ordenación do medio rural, de acordo co disposto polo artigo 38 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar cantas disposicións e resolucións sexan necesarias para a debida execución e aplicación deste decreto.

Segunda.-Sen prexuízo da posible impugnación directa cando se considere preciso, de acordo co disposto polo artigo 65 da Lei reguladora das bases de réxime local, correspondentes da Lei de Administración local de Galicia, e o artigo 193 da Lei do solo de Galicia, o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda requirirá ó Concello para que anule as licencias outorgadas a partir do 27 de maio de 2002, data da comunicación do trámite de audiencia, cando aquelas incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, todo isto, sen prexuízo de poñe-los feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal para os efectos de esixi-las responsabilidades a que houber lugar.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xuño de dos mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

ANEXO

Ordenanzas provisionais

1. Ordenanza de solo urbano.

1.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza é de aplicación exclusivamente ós terreos que no momento da entrada en vigor do decreto de suspensión teñan a condición de soares e estean incluídos no ámbito de aplicación dalgunha das seguintes ordenanzas das normas subsidiarias de planeamento municipal:

a) Ordenanza 1.2 de cuaterirón pechado.

b) Ordenanza 1.4 de bloque aberto.

c) Ordenanza 1.6 de bloque aberto Fernández de la Mora.

d) Ámbitos ordenados por estudios de detalle aprobados definitivamente.

Para este efectos, unicamente se considerarán as franxas de terreo situadas a ámbalas beiras das rúas públicas preexistentes e completamente urbanizadas por contar con acceso rodado por vía pública pavimentada e con cintado de beirarrúas que dispoñan de tódolos servicios urbanísticos nos termos establecidos polo artigo 19.1º das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais.

1.2. Usos permitidos e prohibidos.

No ámbito de aplicación desta ordenanza permítense os seguintes usos: vivenda, comercial, oficinas, cultural, espectáculos, relixioso, docente, sanitario, asistencial, hoteleiro, hostaleiro e garaxes. Quedan prohibidos os restantes usos.

1.3. Condicións de edificación.

a) As edificacións que se autoricen cumprirán as condicións sinaladas nos artigos 15, 16, 17, 18 e 19, número 1, das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais.

b) Prohíbese a apertura de novas rúas e a súa urbanización, mesmo que estean previstas en calquera instrumento de planeamento.

c) Tipoloxía: edificación exenta con tratamento de fachada en tódolos seus ventos, sen que poidan construírse paramentos cegos.

d) Parcela mínima edificable: 1.000 m.

e) Aliñacións: as fixadas nos planos de ordenación das normas subsidiarias de planeamento de Ponteareas.

f) Testa mínima da parcela á vía pública: 20 metros.

g) Recuamentos mínimos obrigatorios: 5 metros da aliñación oficial e de tódolas estremas da parcela.

h) Sotos e semisotos: permítese como máximo unha única planta de soto ou de semisoto. Non poderán sobresaír máis de 1 metro sobre a rasante natural do terreo.

i) Altura máxima:

-Con testa a rúas con largo inferior a 10 metros: unha planta baixa máis unha planta alta, sen supera-los 6,50 metros medidos no centro de tódalas fachadas desde a rasante natural do terreo ó arrinque inferior da auga de cuberta.

-Con testa a rúas con largo superior a 10 metros: unha planta baixa máis dúas plantas altas, sen supera-los 9,50 metros medidos de igual modo.

j) Configuración da cuberta das edificacións: pendente máxima de 30º con altura máxima de cumieira de 3,60 metros. As cubertas estarán formadas por planos inclinados sen quebraduras das súas augas e prohíbense os áticos, as mansardas, as bufardas e calquera outro volume sobre as augas de cuberta. O aproveitamento baixo cuberta computa edificabilidade.

k) Ocupación máxima da parcela: 30%. A superficie non ocupada pola edificación debe ser destinada a zona verde.

l) Edificabilidade máxima: 0,30 m/m.

1.4. Condicións de edificación específicas para os terreos incluídos no ámbito da ordenanza de cuarteirón pechado.

a) Tipoloxía: edificación entre medianís.

b) Parcela mínima edificable: 300 m.

c) Testa mínima de parcela a vía pública: 8 metros.

d) Fondo máximo edificable: 12 metros en tódalas plantas.

e) Prohíbense os corpos saíntes sobre as vías e os espacios públicos.

f) En todo caso, será de aplicación o disposto nas alíneas a), b), e), h), i) e j) do número 1.3 desta ordenanza.

2. Ordenanza de zonas verdes e espacios libres públicos.

2.1. Ámbito territorial de aplicación.

Quedan sometidos a esta ordenanza:

a) Os terreos que poidan resultar inundados durante as enchentes dos ríos (zonas inundables) e os terreos comprendidos na zona de policía (100 metros de largo) do río Tea e os seus afluentes.

b) Os terreos cualificados como zona dotacional verde ou como espacios libres de uso público segundo as normas subsidiarias de planeamento ou calquera outro instrumento de desenvolvemento.

c) Os terreos incluídos no ámbito das unidades de execución que non teñan aprobado definitivamente o proxecto de compensación e de urbanización.

d) Os terreos incluídos nos ámbitos das ordenanzas de 1.3 de vivenda unifamiliar illada e 1.5 de vivenda unifamiliar acaroada.

e) Os terreos ós que non lles sexa de aplicación calquera outra ordenanza prevista neste decreto.

2.2. Usos permitidos e prohibidos.

Permítese exclusivamente o uso de espacio libre, de esparexemento e lecer e prohíbese calquera outro uso.

No ámbito de aplicación desta ordenanza queda prohibida calquera clase de edificación.

3. Ordenanza de núcleos rurais.

Os terreos incluídos no ámbito de aplicación da ordenanza 1.7 de solo urbano de núcleo rural, da ordenanza de núcleo rural existente consolidado e da ordenanza de núcleo rural existente de baixa densidade rexeranse polas súas respectivas ordenanzas establecidas polas normas subsidiarias de planeamento de Ponteareas, cumprindo ademais as seguintes condicións:

a) As edificacións que se autoricen cumprirán as condicións sinaladas nos artigos 15, 16, 17, 18 e 19, número 2, das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais.

b) Prohíbese a apertura de novas rúas e a súa urbanización, aínda cando estean previstas nas normas subsidiarias de planeamento ou en calquera instrumento de desenvolvemento.

c) Configuración da cuberta das edificacións: pendente máxima de 30º con altura máxima de cumieira de 3,60 metros. As cubertas estarán formadas por planos inclinados sen quebraduras das súas augas e prohíbense os áticos, as mansardas, as bufardas e calquera outro volume sobre as augas da cuberta. O aproveitamento baixo cuberta computa edificabilidade.

d) Quedan prohibidos os corpos saíntes sobre as vías e os espacios públicos.

4. Ordenanza de solo rústico protexido.

4.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza será de aplicación ós terreos clasificados polas normas subsidiarias de planeamento municipal como solo rústico ou non urbanizable, incluído o común e o protexido, e os clasificados como solo apto para urbanizar ou solo urbanizable en calquera das súas categorías.

4.2. Condicións de uso e de edificación.

Os propietarios deste solo terán o dereito de usar, desfrutar e dispoñer da súa propiedade de conformidade coa natureza rústica dos terreos, debendo destinalos a fins agrícolas, forestais, gandeiros, cinexéticos ou outros vinculados á utilización racional dos recursos naturais.

Excepcionalmente, a través do procedemento previsto nos números 3 e 4, do artigo 77 da Lei 1/1997, do solo de Galicia, poderán autorizarse actuacións específicas de interese público que teñan que localizarse necesariamente no medio rural, sempre que se trate de solo non urbanizable común segundo as normas subsidiarias de planeamento municipal.

Nos demais supostos queda prohibida a edificación.

4.3. Condicións de edificación.

No caso de obtención da previa e preceptiva autorización autonómica prevista no número anterior, as condicións de edificación serán as seguintes:

a) Tipoloxía: edificación exenta con tratamento de fachada en tódolos seus ventos, sen que poidan construírse paramentos cegos.

b) Parcela mínima edificable: 5.000 m.

c) Recuamentos mínimos desde as estremas da parcela: superior á altura da edificación, cunha separación mínima en todo caso de 5 metros ou a superior establecida pola lexislación sectorial de aplicación.

d) Ocupación máxima da parcela: 5%.

e) Altura máxima: planta baixa máis unha planta alta, sen supera-los 6,50 metros medidos no centro de tódalas fachadas desde a rasante natural do terreo ó arrinque inferior da auga da cuberta.

a) Prohíbense os sotos, semisotos e aproveitamento urbanístico dos espacios baixo cuberta.

b) Configuración da cuberta das edificacións: pendente máxima de 30º con altura máxima de cumieira de 3,60 metros. As cubertas estarán formadas por planos inclinados sen quebraduras das súas augas. Prohíbense as mansardas, bufardas e calquera outro volume sobre as augas da cuberta.

c) As edificacións que se autoricen cumprirán as condicións sinaladas nos artigos 15, 16, 17, 18 e 19, número 2, das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais.

5. Ordenanza de protección do patrimonio cultural.

5.1. Ámbito territorial de aplicación.

Será de aplicación esta ordenanza ós seguintes ámbitos:

a) O ámbito de aplicación da ordenanza 1.1 de núcleo, establecida polas normas subsidiarias de planeamento municipal.

b) Os inmobles incluídos no catálogo das normas subsidiarias de planeamento municipal.

c) Os elementos e as áreas de protección do patrimonio establecidas polos artigos 18 e 30 e polo anexo 3º das normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais, calquera que sexa a clase de solo na que se encontren.

5.2. Condicións de uso e de edificación.

Quedan prohibidas as obras de ampliación de edificios, de adición de novas plantas e as de demolición de construccións e edificacións existentes.

En todo caso, no ámbito de aplicación desta ordenanza será preceptivo obter, previamente á concesión da licencia municipal, o informe favorable do organismo autonómico competente en materia de patrimonio cultural (Dirección Xeral de Patrimonio Cultural).

No suposto de terreos sen edificar, e sen prexuízo das condicións que poida impoñe-lo organismo competente en materia de patrimonio cultural, será de aplicación a ordenanza correspondente segundo o disposto neste anexo. Neste senso, ós terreos sen edificar no ámbito da ordenanza 1.1, de núcleo, das normas subsidiarias de planeamento, será de aplicación a ordenanza de solo urbano recollida neste decreto para a edificación en cuarteirón pechado (número 1.4).

6. Ordenación remitida ó planeamento vixente.

6.1. Equipamentos.

Os espacios cualificados como equipamentos e dotacións de dominio público, agás as zonas verdes e espacios libres, rexeranse polas correspondentes ordenanzas dotacionais establecidas polas normas subsidiarias de planeamento municipal.

6.2. Planeamento de desenvolvemento.

Os ámbitos remitidos a plans parciais e especiais aprobados definitivamente que de seguida se relacionan manterán a súa vixencia provisional ata a aprobación do novo plan xeral de ordenación municipal:

a) Plan parcial de ordenación do solo apto para urbanizar da área de Canedo, aprobado definitivamente pola Corporación municipal en data 1 de febreiro de 1999.

b) Plan especial de desenvolvemento da unidade de execución núm. 13 (Urbanización Lamazares), aprobado definitivamente pola Corporación municipal en data 7 de setembro de 1998.

c) Plan especial para a implantación do campo de golf en Pías, aprobado definitivamente pola Corporación municipal en data 1 de febreiro de 1999.