Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 20 de xuño de 2002 Páx. 9.457

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de xuño de 2002 pola que se modifica a do 21 de novembro de 1989, pola que se fixan os criterios xerais para a elaboración das relacións de postos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, se aproba o modelo e se dictan instruccións para o seu cumprimento.

A mobilidade do persoal funcionario entre as administracións das distintas comunidades autónomas e a Administración do Estado vén garantida e regulada, co carácter de base do réxime estatutario dos funcionarios públicos ó abeiro do artigo 149.1º.18 da Constitución española, no artigo 17 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada polo artigo 39.2º da Lei 55/1999, do 29 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social (BOE nº 312, do 30 de decembro).

Pola súa parte, o artigo 42 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia establece, de acordo coa lexislación básica do Estado, o dereito á mobilidade dos funcionarios procedentes doutras administracións públicas de conformidade coas condicións e requisitos que determine previamente a Xunta de Galicia nas relacións de postos de traballo.

En consecuencia, para que determinados postos poidan ser ocupados por funcionarios doutras administracións, é necesario previamente modifica-la orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 21 de novembro de 1989 (DOG nº 232, do 4 de decembro), co obxecto de crear unha nova columna no anexo á citada orde na que se recolla a adscrición a administracións públicas.

Polo tanto, oída a Comisión de Persoal, e en uso das competencias reguladas no artigo 13 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 7 da citada orde, engadindo un novo parágrafo a continuación da alínea g:

Especificarase o tipo de Administración ó que debe pertence-lo titular do posto de traballo, que comunmente será a Administración da Xunta de Galicia. As claves que se empregarán serán as seguintes:

AXG: adscrición exclusiva a funcionarios da Administración da Xunta de Galicia.

A11: adscrición indistinta a funcionarios da Administración da Xunta de Galicia, Administración do Estado, Administración de comunidades autónomas.

A12: adscrición indistinta a funcionarios da Administración da Xunta de Galicia, Administración do Estado, Administración de comunidades autónomas e Administración local.

A13: adscrición indistinta a funcionarios da Administración da Xunta de Galicia, Administración do Estado, Administración de comunidades autónomas e Administración de xustiza.

A14: adscrición indistinta a funcionarios da Administración da Xunta de Galicia, Administración do Estado, Administración de comunidades autónomas, e forzas e corpos de seguridade do Estado.

A15: adscrición indistinta a funcionarios da Administración da Xunta de Galicia, Administración do Estado, Administración de comunidades autónomas, persoal estatutario do Sergas e persoal laboral da Administración da Xunta de Galicia.

A16: adscrición indistinta a funcionarios da Administración da Xunta de Galicia, Administración do Estado, Administración de comunidades autónomas, e persoal estatutario do Sergas.

A17: adscrición indistinta a funcionarios da Administración da Xunta de Galicia, Administración do Estado, Administración de comunidades autónomas e persoal docente con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

A20: outras adscricións que se definirán nas relacións de postos de traballo.

Artigo 2º

No anexo á dita orde engádese unha nova columna a continuación da 7, coa denominación: «Adscrición ás administracións públicas».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública