Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 19 de xuño de 2002 Páx. 9.427

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a L.M.T., C.T. e R.B.T. de Lagoa, no concello de Meira. (Expediente 2/2001 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Barras Eléctricas Galaico Asturianas, S.A. co domicilio para os efectos de notificación na rúa Cidade de Viveiro, 4, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados nos capítulos III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 40/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria primeira da indicada Lei 54/1997, en relación coa disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen que se presentaran alegacións nin oposición á traza da liña na fase de información pública.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que a liña ó seu paso polos predios relacionados na información pública, non se da ningunha das prohibicións ou limitacións sobre os predios en expropiación, ás que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, en concordancia co artigo 57 da Lei 54/1997, antes citada.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio de competencias atribuída polos decretos 2617/1966 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1. Liña aérea de media tensión con orixe na L.M.T. a Meira e remate no C.T. proxectado de Lagoa de 590 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios metálicos e de formigón en conductor LA-56.

2. Centro de transformación aéreo de intemperie de Lagoa de 160 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/380-220 V.

3. Rede de baixa tensión aérea de Lagoa de 980 m de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó seu proxecto de execución, asinado polo enxeñeiro industrial Jesús Roibas Rodil e visado polo COEIG co número 314/1999 en data 12-12-2000, unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966, e visto o contido do informe técnico de data 14 de decembro de 2001.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios en relación coas instalacións autorizadas.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 31 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, acordo que o representante da Administración dea comezo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación publicada no diario El Progreso, do 7 de marzo de 2002, Diario Oficial de Galicia, do 5 de abril de 2002 e no BOP de Lugo, do 7 de marzo de 2002, e expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do Concello de Meira. Ata o momento do levantamento das actas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte

ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Lugo, 6 de maio de 2002.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo