Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 06 de xuño de 2002 Páx. 8.560

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 30 de maio de 2002 pola que se modifica a do 18 de febreiro de 2002 pola que se establecen as bases que rexen as axudas para actividades programadas por entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude e se procede á súa convocatoria.

A Orde do 18 de febreiro de 2002 (DOG nº 42, do 27 de febreiro), da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, regula as axudas para actividades realizadas por entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude e procede á súa convocatoria.

Na súa exposición de motivos establécese que a súa convocatoria se axusta ó establecido no Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, do ano 2001, para o exercicio 2002.

No seu artigo 2 disponse que as subvencións se financiarán con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.481.0 cunha contía de 165.278 euros, sen prexuízo da posible ampliación futura do crédito unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, ampliación que, de producirse, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Con data do 2 de maio de 2002 publicouse a Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, consignándose na aplicación referida crédito por importe de 330.557 euros, destinado a axudas a asociacións xuvenís e entidades para a xuventude, polo que se considera axeitado modifica-la orde de axudas no que respecta á contía, que resulta incrementada ata a cantidade de 300.500 euros.

De acordo con todo o anterior e no exercicio das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifica-lo derradeiro parágrafo da exposición de motivos da Orde do 18 de febreiro de 2002 pola que se establecen as bases que rexen as axudas para actividades programadas por entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude e se procede á súa convocatoria, quedando a nova redacción na forma seguinte:

«A presente convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve, en concreto no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións e polo establecido na Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002».

Artigo 2º

Modifica-lo artigo 2º da orde, que pasa a te-la seguinte redacción:

«A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude financiará as anteditas subvencións con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, cunha contía máxima de 300.500 euros».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude