Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 06 de xuño de 2002 Páx. 8.546

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de maio de 2002 pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que van realiza-los centros asociados.

O Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación establece que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións de xestión que, en materia de traballo, emprego e formación vén realizando o Instituto Nacional de Emprego (Inem) e, en consecuencia, a Comunidade Autónoma asume, dentro do seu ámbito territorial, as funcións e servicios correspondentes á dita xestión.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, establece que a Dirección Xeral de Formación e Colocación, a través da Subdirección Xeral de Colocación, asumirá as funcións de intermediación no mercado de traballo, e en concreto, as relativas á inscrición e rexistro de demandantes de emprego e das ofertas de traballo, rexistro de contratos, autorización de axencias de colocación e Rede EURES.

Estas funcións propias do Servicio Público de Emprego, desenvólvense cara ó público baixo a denominación Servicio Galego de Colocación, marca rexistrada propiedade da Xunta de Galicia. Como queira que o Servicio Galego de Colocación presta parte dos seus servicios apoiándose nunha rede de centros asociados que complementan e reforzan as funcións das súas propias oficinas públicas de emprego, faise necesaria a regulación destes centros asociados, así como a regulación das axudas que percibirán pola realización dos servicios encomendados.

Dada a actual situación do mercado laboral en Galicia, á rede de centros asociados ó Servicio Galego de Colocación existente na Comunidade Autónoma, unida á rede de centros colaboradores en orientación laboral para o emprego, faise necesaria a redefinición da tipoloxía de accións que se van realizar, así como as compensacións económicas que van percibi-los centros asociados ó Servicio Galego de Colocación. É por isto que, dentro desta orde de convocatoria deberán solicita-la súa homologación como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación, ademais dos novos centros que desexen inte

grarse nesta rede, tódolos centros asociados que tiveran recoñecida a dita condición a través da Orde do 15 de maio de 2001, pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen estes.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado por Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, recolle os principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas públicas, principios ós que se axustan as bases reguladoras do procedemento para a concesión das compensacións económicas das accións que van realiza-los centros asociados ó Servicio Galego de Colocación.

O Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma, establece o réxime xeral de concesión e axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, así como os demais requisitos esixidos no Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, do ano 2001, para o ano 2002. Así o financiamento das compensacións económicas previstas na presente orde de convocatoria farase con cargo ós creditos dos programas 14.03.241B.461, 14.03.241B.471 e 14.03.241B.481.

Dado que se lles deu audiencia ós axentes sociais representados no seo do Consello Galego de Relacións Laborais, co informe previo dos servicios xurídicos da consellería, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-lo funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación na súa tarefa de apoio á intermediación no mercado de traballo que corresponde ó Servicio Público de Emprego, así como aproba-las bases e a convocatoria para as compensacións económicas polas accións realizadas por estes centros asociados no ámbito da intermediación laboral en colaboración co Servicio Galego de Colocación.

Artigo 2º.-Accións.

Os centros asociados ó Servicio Galego de Colocación poderán levar a cabo as seguintes accións:

1. Información.

2. Captación e tratamento de ofertas de traballo.

3. Accións complementarias ó tratamento de ofertas de traballo.

Todas estas accións desenvolveranse por conta do Servicio Público de Emprego, de acordo coas súas directrices.

Artigo 3º.-Información.

A información consistirá en proporcionarlle ó oferente de traballo así como ó demandante de emprego datos relativos ás accións que realiza o Servicio Galego de Colocación, así como sobre calquera outra acción que leve a cabo a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 4º.-Captación e tratamento de ofertas.

A captación e tratamento de ofertas por parte dos centros asociados, das ofertas de traballo que presenten as diferentes empresas ou entidades consistirá en:

A captación de ofertas de traballo.

A axuda ás empresas para a definición dos postos de traballo ofertados e dos perfís profesionais necesarios para cubrir esa oferta de traballo.

A axuda ás empresas na elaboración do documento de oferta.

A introducción na rede informática do Servicio Galego de Colocación do documento de oferta.

Darlle información ó oferente de emprego dos candidatos máis axeitados de acordo cos criterios especificados na oferta de traballo, e segundo o resultado do proceso de intermediación levado a cabo polo Servicio Galego de Colocación.

O seguimento e peche do resultado da oferta.

Estas accións faranse de acordo coas instruccións, manuais e programas facilitados pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 5º.-Accións complementarias ó tratamento de demandas de emprego e ofertas de traballo.

Consiste na comprobación da dispoñibilidade das precandidaturas que resulten do emparellamento realizado a través do Servicio Galego de Colocación entre o perfil do/s posto/s de traballo ofertado/s e a base de datos de demandantes e informa-lo ofertante de traballo dos candidatos máis axeitados de acordo cos criterios especificados na oferta por parte das diferentes empresas ou entidades.

Artigo 6º.-Usuarios dos centros asociados.

1. Poden ser usuarios dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación tanto as persoas demandantes como os ofertantes de emprego, sexan enderezados polo Servicio Galego de Colocación, a través dos seus servicios centrais ou das súas oficinas de emprego, ou por propia iniciativa.

2. Tendo en conta o punto anterior:

a) Considéranse demandantes de emprego tanto as persoas en situación de desemprego como as ocu

padas que busquen cambiar de emprego e formalicen a súa inscrición no Servicio Público de Emprego.

b) Considéranse ofertantes as entidades públicas ou privadas que teñan a necesidade de cubrir un ou máis postos de traballo.

Capítulo II

Dos centros asociados

Artigo 7º.-Definición.

Poderá ser recoñecido centro asociado ó Servicio Galego de Colocación calquera entidade pública ou privada constituída baixo calquera forma xurídica, cun ámbito de actuación relacionado co mercado laboral e que reúna, dentro do prazo de solicitude, os seguintes requisitos:

a) Contar, como mínimo, cun profesional suficientemente capacitado para realiza-las tarefas de información ós demandantes de emprego e/ou para o asesoramento ás entidades introductoras de ofertas.

b) Dispoñer dun local con despacho para atención individual ós demandantes de emprego e/ou oferentes de traballo.

c) Dispoñer dun fax con numeración autónoma, independentemente do tipo de acceso utilizado (liña analóxica, acceso básico RDSI ou outros), co fin de dispor dun servicio de fax garantido entre os servicios centrais do Servicio Galego de Colocación e o centro asociado.

d) Dispoñer dunha liña ADSL, ou doutra de calidade equivalente ou superior, con conexión dedicada á Rede Corporativa da Xunta de Galicia ou dun acceso básico RDSI.

e) Dispoñer dun hardware de comunicación que posibilite a conexión de ordenadores persoais á Rede Corporativa da Xunta de Galicia de acordo cos estándares definidos.

f) Dispoñer dun ordenador persoal con protocolo de comunicacións TCP/IP.

A conexión do ordenador á Rede Corporativa da Xunta deberá ser exclusiva. Unha vez establecida esta, non deberá te-la posibilidade de ser accedido, a través doutras canles de comunicación, por elementos situados en redes alleas á propia entidade.

Tanto o software de base instalado como as características do hardware do ordenador deberán posibilita-lo correcto funcionamento do aplicativo cliente do Servicio Galego de Colocación.

g) Acreditar experiencia en tarefas de intermediación no mercado laboral e xestión de bolsas de traballo.

Os centros que colaboren coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no desenvolvemento das accións do Servicio Galego de Colocación poden levar a cabo unha ou varias das accións mencionados no artigo 2º.

Artigo 8º.-Solicitude.

1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obte-lo recoñecemento como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación deberán formaliza-la correspondente solicitude segundo o modelo oficial que se xunta como anexo I á presente orde, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e dirixida ó director xeral de Formación e Colocación.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa de representatividade suficiente para asina-la solicitude.

b) Título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes.

c) Relación da persoa ou persoas que vaian realiza-las tarefas de xestión de ofertas de traballo e currículum vitae delas.

A entidade colaboradora deberá acredita-la experiencia do/s técnico/s seleccionados en materia de orientación profesional, recursos humanos, motivación cara ó emprego, xestión de bolsas de traballo ou outras disciplinas que garden relación directa co mercado laboral.

No caso de que a dita experiencia non poida ser acreditada, a selección realizarase en función das titulacións preferentes seguintes: diplomado ou licenciado universitario en psicoloxía, psicopedagoxía, pedagoxía, socioloxía ou educación social.

d) Licencia municipal de apertura.

e) Tarxeta de identificación fiscal.

f) Copia compulsada dos estatutos ou normas de funcionamento da entidade.

g) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 7º:

-Planos do local, con indicación expresa do despacho que se dedicará á realización de accións do Servicio Galego de Colocación.

-Facturas conformadas ou documentos acreditativos da existencia dun fax con liña dedicada, conexión RDSI, ADSL ou equivalente e protocolo de comunicación TCP/IP.

h) Proxecto-memoria das accións realizadas na área da intermediación no mercado laboral e xestión de bolsas de traballo, debéndose detalla-lo tipo de accións realizadas, a metodoloxía empregada e o número de usuarios atendidos.

3. As entidades recoñecidas como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación en virtude da Orde do 15 de maio de 2001 pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación, e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen estes, deberán presenta-la solicitude de recoñecemento como centro

asociado ó Servicio Galego de Colocación que figuran como anexo así como a documentación dos puntos c) e h) do punto anterior.

4. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Criterios de adxudicación.

O recoñecemento da condición de centro asociado ó Servicio Galego de Colocación realizarase consonte o disposto nos artigos 7º e 8º e as avaliacións efectuadas na Dirección Xeral de Formación e Colocación conforme os seguintes criterios de prioridade:

-Cobertura existente dentro do Servicio Público de Emprego segundo a área funcional na que se sitúe a entidade, en relación co número de demandantes de emprego de cada área funcional.

-Homologación ou non da dita entidade como centro de formación ocupacional.

-Experiencia da entidade solicitante no desenvolvemento das accións.

-No caso de que a entidade solicitante fose recoñecida como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación segundo a orde de funcionamento do ano 2001, valoración do traballo desenvolvido. Esta valoración realizarase atendendo os seguintes criterios: captación de demandantes de emprego, captación de ofertas de traballo, accións de divulgación e difusión do Servicio Galego de Colocación, calidade na xestión de ofertas de traballo, xestión de currículums vitae, etc.

-Cualificación da persoa ou persoas que a entidade presente como técnicos para a realización das tarefas de xestión de ofertas de traballo.

Artigo 11º.-Tramitación e resolución.

1. A tramitación e instrucción dos expedientes será realizada na Dirección Xeral de Formación e Colocación conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O director xeral de Formación e Colocación, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dictará resolución motivada e seralles notificada ós interesados.

3. Contra a resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional competente, na forma e prazo previstos

no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición perante o mesmo órgano que dictou o acto administrativo, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

4. A resolución dos expedientes deberá producirse nun prazo de seis meses contados desde o día da entrada da solicitude no correspondente rexistro. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, estas poderán entenderse desestimatorias.

Artigo 12º.-Obrigas dos centros asociados.

Calquera centro asociado ó Servicio Galego de Colocación estará obrigado a:

a) Mante-las condicións relativas á instalación e estructura dos medios necesarios para a realización das accións acordadas.

b) Utiliza-las metodoloxías, documentos, táboas de axuda, programas informáticos, etc., que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

c) Utilizar axeitadamente as identificacións do Servicio Galego de Colocación segundo as instruccións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

d) Colocar na parte exterior do centro nun lugar visible a placa identificativa do Servicio Galego de Colocación.

e) Obter autorización previa por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación para a difusión publicitaria das accións previstas no artigo 2º, así como tamén respecta-las instruccións e utiliza-lo modelo de anuncio ou cartel publicitario que determine a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

f) Mante-la disposición do Servicio Galego de Colocación o documento de oferta asinado polo representante legal da empresa ofertante e, se é o caso, pola entidade autorizada para realiza-lo proceso de selección.

g) Introducir na base de datos do Servicio Galego de Colocación tódalas ofertas de traballo que formulasen as empresas, manténdoas debidamente clasificadas por orde de data, así como as anotacións das incidencias e respostas das empresas sobre os candidatos enviados.

h) Solicita-la autorización diante do Servicio Galego de Colocación, previamente e por escrito, sobre calquera cambio que se puidese producir nos datos expresados polo centro no inicio da súa colaboración.

i) Non percibir ningunha retribución económica dos usuarios pola realización das accións desenvolvidas en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no marco desta disposición.

j) Informar previamente á Dirección Xeral de Formación e Colocación sobre se perciben compensacións económicas doutras administracións por levaren a cabo accións iguais ou análogas ás reguladas na presente orde.

k) Informar previamente ós usuarios que faciliten datos persoais do establecido no artigo 5 da Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

l) Obte-lo consentemento do usuario para o tratamento automatizado dos seus datos persoais para os efectos da intermediación no mercado de traballo.

m) Adopta-las medidas técnicas e organizativas necesarias para garanti-la seguridade dos datos de carácter persoal e evita-la súa alteración, perda ou o tratamento non autorizado, de acordo co disposto na Orde do 5 de decembro de 1996, pola que se regulan os ficheiros automatizados de datos de carácter persoal de nova creación na Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

n) Garda-lo segredo profesional respecto dos datos contidos nos ficheiros automatizados de titularidade da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou rexistrados en soportes físicos susceptibles de tratamento automatizado. Esta obriga subsistirá incluso no caso de que finalice a súa colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación, de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e demais normativa que a desenvolva.

Os datos de carácter persoal obxecto do tratamento automatizado unicamente poderán ser cedidos para o cumprimento dos fins directamente relacionados coas accións do Servicio Galego de Colocación.

o) Non introducir nas ofertas de traballo datos de carácter persoal confidencial, ou que puidesen dar lugar a calquera tipo de discriminación.

p) Garantir que a utilización do servicio sexa voluntaria por parte do usuario, sen que poida haber ningún tipo de presión ou engano por parte do centro para conseguir usuarios do servicio.

q) En caso de cesamento das súas actividades, perda da súa condición de centro asociado ó Servicio Galego de Colocación ou no suposto en que o centro non desexe seguir ofrecendo o servicio no ámbito previsto no artigo 7º ou que a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude lle suprimise este servicio, o centro remitirá os expedientes dos ofertantes de emprego que estean vixentes ó centro que lle indique a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

r) Establece-las medidas oportunas co fin de garanti-la total dispoñibilidade do aplicativo cliente do Servicio Galego de Colocación no horario de atención do centro asociado.

s) Todas aqueloutras obrigas que se desprendan do articulado da presente orde.

Capítulo III

Compensacións económicas

Artigo 13º.-Polas accións de captación de oferta.

Para a realización das accións de captación de oferta, os centros asociados recibirán unha compensación económica que será a seguinte:

a) Para os centros asociados que ademais teñan recoñecidas as accións de orientación profesional para o emprego e/ou accións de tratamento de demandas de emprego, unha contía de 9 euros por oferta captada e debidamente tramitada perante a Dirección Xeral de Formación e Colocación. Enténdese por oferta debidamente tramitada aquela oferta de traballo que se pecha con información dos resultados da selección dos demandantes de emprego remitidos á empresa.

b) Para os demais centros asociados, unha contía de 27 euros por oferta captada e debidamente tramitada perante a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

En ámbolos dous casos quedan exceptuadas da dita compensación económica as ofertas especiais (tipo E), que en ningún caso serán compensadas. Enténdese por ofertas especiais as ofertas de traballo que non entran no proceso de emparellamento, xa que son resoltas directamente pola entidade oferente.

Artigo 14º.-Polas accións complementarias ó tratamento de ofertas de traballo.

2,40 euros por comprobación da dispoñibilidade dos demandantes de emprego para a oferta na que saíran como candidatos.

Artigo 15º.-Incompatibilidade.

1. As ditas compensacións son incompatibles con calquera outra que puidesen recibi-las distintas entidades por parte doutras administracións públicas polos mesmos conceptos ou de natureza análoga.

2. Os centros asociados que reciban as compensacións económicas indicadas nos artigos 13º e 14º anteriores deberán someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente ou, se é o caso, a colaboradora e as de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas ou do Consello de Contas.

Artigo 16º.-Forma de pagamento.

O pagamento das compensacións económicas ordenarase, con carácter xeral, bimestralmente, logo de xustificación dos gastos correspondentes ás accións realizadas.

Xa que a Dirección Xeral de Formación e Colocación disporá da xustificación automatizada das accións, remitiralles ós centros asociados unha relación provisional do pagamento cos importes correspondentes. Se o centro asociado non expresa a súa desconformidade por escrito no termo de 15 días, procederase a ordena-lo pagamento polo importe especificado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, conforme a delegación de competencias establecida na disposición adicional cuarta.

Artigo 17º.-Requisitos para o aboamento.

Antes de proceder ó cobramento das compensacións establecidas nesta orde, as entidades terán que acreditar, se é o caso, que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais, e no pagamento das súas obrigas coa Comunidade Autónoma e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización, segundo o modelo anexo II, para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das compensacións económicas.

Así mesmo, as entidades presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, para este mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Capítulo IV

Seguimento e control

Artigo 18º.-Seguimento das accións de intermediación.

Coa finalidade de comproba-la execución correcta das actividades de acordo coa normativa reguladora e de acordo co contido das accións aprobadas, poderanse facer visitas de seguimento que en calquera momento poidan acorda-los servicios competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Toda alteración das condiciones tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 19º.-Acceso ás instalacións.

Os centros asociados que leven a cabo accións de captación e xestión de ofertas de traballo facilitarán, no caso de visitas de seguimento, o acceso ás instalacións nas que se realizan as accións así como toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite.

Artigo 20º.-Informes de seguimento.

Nas visitas de seguimento elaborarase un informe que asinarán o responsable da visita e o responsable da entidade. A sinatura do responsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

Artigo 21º.-Extinción ou suspensión da colaboración.

Se se observan anomalías que afecten o contido básico das accións ou ben se pon de manifesto o posible incumprimento dalgunha das obrigas dos centros asociados, o/a xefe/a do Servicio de Xestión e Coordinación procederá á apertura dun expediente de extinción ou suspensión da colaboración, respectando en todo caso o principio de audiencia do interesado.

Á vista das actuacións realizadas de acordo co disposto no artigo 18º, o subdirector xeral de Colocación emitirá proposta de resolución, que se elevará xuntamente co resto do expediente ó director xeral de Formación e Colocación, para que adopte a resolución pertinente por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que poderá dar lugar á extinción ou suspensión total ou parcial da colaboración coa entidade correspondente, e sen prexuízo de que proceda igualmente ó reintegro previsto no artigo seguinte.

Contra a anterior resolución que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, na forma e prazo previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer recurso de reposición perante o mesmo órgano que dictou o acto administrativo, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 22º.-Reintegro das compensacións económicas.

Procederá o reintegro nos termos e nos casos previstos no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa.

Artigo 23º.-Participación institucional.

A participación dos axentes sociais para os efectos do Servicio Galego de Colocación efectuarase a través do Comité Autonómico de Emprego.

Disposicións adicionais

Primeira.-As cantidades mencionadas nos artigos 13º e 14º serán susceptibles de actualización mediante orde da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Segunda.-As accións incluídas na presente orde, financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias 14.03.241B.471 cun importe de 302.178,1 euros, 14.03.241B.481 cun importe de 183.161,8 euros e 14.03.241B.461 cun importe de 37.633,8 euros. Estas cantidades considéranse como contías estimativas, susceptibles de ampliación en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Terceira.-A concesión das compensacións económicas terá como límite global o crédito asignado para este fin nos orzamentos xerais de cada ano, da Comunidade Autónoma.

Cuarta.-A conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude delega no director xeral de Formación e Colocación as competencias para resolve-lo recoñecemento como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación, a concesión ou denegación de subvencións, autoriza-lo gasto e ordena-lo seu pagamento e, se é o caso, a modificación da resolución de concesión, e esixir nos casos en que proceda a devolución das subvencións concedidas.

Quinta.-O recoñecemento como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación previsto no artigo 11º terá unha vixencia temporal desde a data da correspondente resolución ata a entrada en vigor da seguinte convocatoria que regule o funcionamiento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación.

Disposición transitoria

Tódalas entidades recoñecidas como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación en virtude da Orde do 15 de maio de 2001 pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen estes, manterán, de xeito automático, a dita condición ata o momento da resolución desta convocatoria, sempre e cando formalicen a súa solicitude a través da presente convocatoria. No caso contrario, procederase á baixa como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación no termo de tres meses desde o remate do prazo de solicitudes, logo de resolución en tal sentido do director xeral de Formación e Colocación, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Colocación para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA