Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 04 de xuño de 2002 Páx. 8.460

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

CAIXA DE AFORROS DE GALICIA

CONVOCATORIA de asemblea xeral.

O Consello de Administración da Caixa de Aforros de Galicia acordou convoca-los conselleiros xerais á asemblea xeral ordinaria que terá lugar no Pazo de Congresos da Coruña sito na glorieta de América, s/n, ás 11.30 horas do día 22 de xuño de 2002, en primeira convocatoria, ou media hora despois, en segunda convocatoria, de acordo coa seguinte orde do día:

1. Constitución da asemblea xeral.

2. Informe do presidente.

3. Informe da dirección xeral.

4. Informe da comisión de control.

5. Examinar e aprobar, se procede, as contas anuais (balance, conta de perdas e ganancias e memoria), o informe de xestión, tanto da Caixa de Aforros de Galicia coma do seu grupo consolidado, e a proposta de aplicarlle o resultado de Caixa de Aforros de Galicia, todo isto correspondente ó exercicio económico 2001, así como á xestión, no mesmo período, do seu Consello de Administración.

6. Examinar e aprobar, de se-lo caso, a memoria e a liquidación dos orzamentos da obra social do exercicio 2001.

7. Examinar, aprobar e/ou ratificar, se corresponde, os orzamentos da obra social para o exercicio 2002 do convenio de colaboración, que subscribiu coa Xunta de Galicia, e de creación ou modificación de obras sociais. Delégase no consello para modifica-lo orzamento da obra social.

8. Examinar e aprobar, se corresponde, a proposta do Consello de Administración relativa á tributación de Caixa Galicia no réxime de consolidación fiscal.

9. Nomear auditores externos para o exercicio 2002.

10. Elixir vocais, titulares e suplentes do Consello de Administración e da comisión de control.

11. Autoriza-lo Consello de Administración, nos termos máis amplos, para emitir cédulas hipotecarias, débeda subordinada, bonos, obrigas, cotas participativas ou outros valores negociables que recoñezan ou xeren débeda, na contía máxima; os termos e as condicións -que determine a asemblea- deixarán sen efecto, parcial ou totalmente, as autorizacións que lle concedeu nestes mesmos fins a asemblea xeral, o 16 de xuño de 2001, ou ratificará e prorrogará, se procede, as referidas autorizacións.

12. Delegar facultades para formalizar, executar e inscribi-los acordos que foron adoptados e co fin de anotar preceptivamente as contas anuais no Rexistro Mercantil.

13. Nomea-los interventores para aprobaren a acta da asemblea.

14. Clausura-lo acto o presidente.

Quince días antes da asemblea, a documentación relativa ós puntos que figuran na orde do día quedará depositada na sede central de Caixa Galicia, á disposición dos conselleiros xerais.

Para as eleccións que prevé o punto 10, poderán elevarse, no prazo de dez días naturais, que comezará a contar desde o día 7 de xuño, inclusive, as candidaturas na forma disposta nos artigos 22 e 30 dos estatutos e no 25 do Regulamento de procedemento electoral.

Así mesmo, as candidaturas deberán conte-la declaración explícita dos candidatos, na que constará que cumpren os requisitos de elixibilidade, de non se atoparen incursos en causas de incompatibilidade nin de prohibición para exerceren o cargo e, por escrito, solicitarán que a sede central da entidade expida un xustificante das anteditas declaracións.

Para que os conselleiros xerais exerzan o dereito de presentación que lles recoñecen os estatutos, a súa sinatura deberá ser lexitimida por testemuño notarial ou polo director dalgunha das oficinas da caixa.

Toda candidatura que incumpra calquera dos requisitos anteriores será rexeitada inexorablemente.

A relación de candidatos para a asemblea xeral quedará exposta, con catro días de antelación á data fixada, na oficina central da entidade co fin de que poida ser consultada polos conselleiros xerais.

Se neste prazo se presentase algunha impugnación, antes da elección, resolveraa a comisión de control no transcurso da asemblea.

Para consultaren os conselleiros xerais, atópase depositado na oficina central da caixa un exemplar dos estatutos e o Regulamento do procedemento electoral.

A Coruña, 28 de maio de 2002.

O presidente do Consello de Administración

Rubricado