Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 31 de maio de 2002 Páx. 7.983

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN MANUEL VENTURA FIGUEROA

ANUNCIO polo que se fai pública a convocatoria de axudas ó estudio da Fundación Manuel Ventura Figueroa.

O Padroado da Fundación Manuel Ventura Figueroa na súa reunión celebrada en Santiago de Compostela o día vintedous de febreiro de dous mil dous tomou, entre outros, o acordo de convocatoria de axudas ó estudio co texto que figura como anexo ó presente anuncio.

Os interesados poderán presenta-las súas solicitudes no lugar e durante o prazo establecido na convocatoria mediante o modelo que figura como anexo a ela.

Esta convocatoria tamén se fará pública por medio de anuncios nos diarios de maior difusión de Galicia.

Todo o que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2002.

Celso Currás Fernández

Presidente do Padroado da Fundación

Manuel Ventura Figueroa

ANEXO

CONVOCATORIA DE AXUDAS Ó ESTUDIO DA FUNDACIÓN MANUEL VENTURA FIGUEROA

A Fundación Manuel Ventura Figueroa foi instituída en 1784 polos testamenteiros de Manuel Ventura Figueroa, patriarca das Indias, arcebispo de Laodicea e gobernador do Consello e Cámara de Castela co obxecto entre outros de proporcionar axudas económicas para realizar estudios de toda clase a favor dos seus parentes.

En cumprimento deste mandato testamenteiro o Padroado da Fundación, na súa reunión do día 22 de febrero de 2002, acordou convocar axudas ó estudio con suxeición ás seguintes

BASES:

Primeira.-Obxecto.

Convócanse axudas para a realización de estudios universitarios de 1º, 2º, 3º ciclo e para a realización de teses de doutoramento para o curso académico 2002-2003.

Segunda.-Importe e número das axudas.

O número de axudas é oito (8) de mil cincocentos dous euros con cincuenta e tres céntimos cada unha (1.502,53) correspondentes ó 1º e 2º ciclo de estudios universitarios, seis (6) de dous mil cento tres euros con cincuenta e catro céntimos (2.103,54) para o 3º ciclo e dous (2) de tres mil cinco euros con seis céntimos (3.005,06) para a realización de teses de doutoramentos.

Terceira.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os parentes do fundador debidamente clasificados como tales e que resulten seleccionados polo padroado.

Cuarta.-Prazo de solicitudes, lugar e documentación.

As axudas poderán solicitarse mediante modelo que figura como anexo a esta convocatoria.

O prazo de presentación das solicitudes será desde o 1 de xullo de 2002 ata o 28 de setembro de 2002.

O lugar de presentación das solicitudes será o rexistro xeral da Xunta de Galicia ou en calquera rexistro da Administración autonómica de Galicia.

As solicitudes irán dirixidas ó presidente do padroado, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, San Caetano Santiago de Compostela.

Esta axuda poderá ser compatible con outro tipo de bolsa, a xuízo do padroado.

O padroado poderá solicitar informes a entidades ou persoas públicas ou privadas ou calquera outra documentación complementaria e acreditativa das situacións dos solicitantes.

Nas solicitudes deberá declararse baixo a súa responsabilidade que os datos presentados son certos.

Documentos que deberán xuntarse á solicitude:

-Copia do DNI do solicitante.

-Copia do libro de familia.

-Acreditación do parentesco co fundador.

-Copia da declaración da renda das persoas físicas ou solicitude de devolución do ano 2001 de tódolos membros que convivan no domicilio familiar.

-Copia dos datos económicos que figuran na Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) do ano 2001 correspondente ós membros computables que non presenten declaración da renda ou solicitude de devolución.

-Xustificantes de ingresos das entidades pagadoras, no caso de non estar obrigado a realiza-la declaración da renda do ano 2001.

-Copia da declaración de patrimonio do ano 2001.

-Sentencia de separación de matrimonio e convenio regulador de se-lo caso.

-Para alumnos que inicien estudios universitarios:

Copia de tarxeta da selectividade (cotexada).

Notas de segundo de bacharelato ou COU (cotexadas).

-Para alumnos que continúen estudios universitarios:

Certificación académica na que consten as cualificacións obtidas nas materias nas que estean matriculados no ano 2001/2002 (cotexada).

-Para alumnos que se matriculen nos cursos de doutoramento:

Certificación académica dos estudios de licenciatura (cotexada).

-Para os candidatos a tese de doutoramento:

Certificación académica de estudios de licenciatura (cotexada).

Certificación académica de cursos de doutoramento (cotexada).

A comprobación de que haxa unha ocultación de datos ou que estes sexan falsos dará lugar, automaticamente, á inadmisión da solicitude ou á retirada da bolsa, con devolución das cantidades percibidas indebidamente.

Quinta.-Duración.

A duración da axuda será dun ano e poderá ser obxecto de renovación a xuízo do padroado no caso

de que persistan as condicións iniciais. A renovación deberá solicitarse expresamente na seguinte convocatoria, tendo preferencia sobre os outros solicitantes. Os alumnos de renovación deberán presentar só aqueles documentos que modifican os datos respecto dos presentados no curso anterior, ingresos, cualificacións, informe do departamento etc.

Sexta.-Criterios de selección.

Teranse en conta, fundamentalmente, os seguintes:

a) Situación económica dos solicitantes.

b) Traxectoria académica do solicitante.

c) Proximidade no grao de parentesco co fundador.

d) Existencia ou non doutras axudas ou da súa solicitude.

Os requisitos de tipo académico que se valorarán serán:

Para os estudiantes que inician estudios universitarios valorarase a nota global da selectividade e as cualificacións de segundo de bacharelato ou COU, se é o caso.

Para estudiantes que continúan estudios universitarios (primeiro e segundo ciclo) valoraranse as cualificacións obtidas no curso 2001/02. Para o cálculo da nota media obtida neste curso aplicaranse os mesmos criterios que utiliza o Ministerio de Educación e Cultura na convocatoria xeral de bolsas.

Para os estudiantes que se matriculen nos cursos ou programas de doutoramento, valoraranse as cualificacións obtidas na licenciatura e o grao de licenciado.

Para aqueles solicitantes de axuda para a realización de teses de doutoramento, valoraranse as cualificacións obtidas na licenciatura, nos cursos de doutoramento e o grao de licenciado.

Os requisitos económicos que se valorarán serán tódolos ingresos da unidade familiar entendendo por esta os pais do solicitante, os irmáns que vivan no mesmo domicilio e teñan trinta anos ou menos, e os ascendentes dos pais se viven con estes. O cálculo da renda neta farase segundo estableza a convocatoria xeral de bolsas do Ministerio de Educación e Cultura para o próximo curso académico 2002/2003.

Tamén se terán en conta os bens patrimoniais que posúa a familia: predios urbanos, rústicos, bens mobles, etc.

A adxudicación das axudas farase en virtude da maior puntuación total acadada por cada un dos candidatos.

Sétima.-Comisión.

A comisión de selección estará composta polos membros do padroado.

Oitava.-Resolución.

A resolución das bolsas será levada a cabo polo presidente do padroado durante o mes de outubro de 2002 e farase pública.