Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 31 de maio de 2002 Páx. 7.942

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2002 pola que se lle dá publicidade ó acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, polo que se aproba a modificación das bases reguladoras dos apoios para proxectos empresariais de investimento.

A base 16ª das bases reguladoras dos apoios do Igape ós proxectos empresariais de investimentos (DOG nº 142, do 23 de xullo de 2002), prevé a incompatibilidade destas axudas con calquera outras reguladas polo Igape.

Sen embargo, esta incompatibilidade parece non ter sentido polo que respecta ós apoios previstos no convenio de financiamento coas entidades financeiras partícipes do Fondo de Desenvolvemento Inesga para proxectos de investimento empresarial de especial interese para Galicia (DOG nº 222, do 16 novembro de 2000). O dito convenio de financiamento inclúe a previsión de que o Igape subvencione a comisión de apertura dos créditos ou préstamos que se formalicen con cargo ós ditos fondos, subsidie en 0'25% o tipo de xuro deles e preste un aval subsidiario sobre o 30% do seu principal.

As singulares características dos proxectos acollidos ó Fondo Inesga, isto é, proxectos de investimento dunha certa envergadura, capaces de inducir unha cadea de investimentos complementarios, viables económica, financeira e tecnicamente, promovidos por empresarios ou grupos empresariais consolidados, e cun impacto socioeconómico que incida en Galicia, fainos merecedores de ser candidatos ós beneficios do programa de axuda que prima con maior intensidade a implantación ou ampliación productiva co obxecto de favorece-la actividade económica e, en xeral, asegura-la dinamización e o desenvolvemento do tecido productivo galego.

Por outra banda, a inclusión dos gastos financeiros no cómputo dos conceptos subvencionables si parece incompatible coa existencia da subsidiación do tipo de xuro no préstamo Inesga.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO

Único.-Publica-la modificación do punto 1 da base 16ª das bases reguladoras dos apoios do Igape ós proxectos empresariais de investimentos, acordada

polo Consello de Dirección do instituto na súa reunión do 8 de maio de 2002, que queda redactada como segue:

«Base 16ª. Incompatibilidade.

16.1. As axudas previstas nestas bases serán incompatibles con calquera outras das reguladas polo Igape, agás as contidas no convenio de financiamento coas entidades financeiras partícipes do Fondo de Desenvolvemento Inesga para proxectos de investimento empresarial de especial interese para Galicia (DOG nº 222, do 16 novembro de 2000). Neste caso, non procederá o cómputo dos gastos financeiros que se deriven do mencionado convenio para os efectos do previsto na alínea B a) da base 5ª anterior».

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá carácter retroactivo para aqueles expedientes que se atopen en tramitación, pendientes de resolver no Igape.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2002.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA