Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 29 de maio de 2002 Páx. 7.825

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Couto de San Sebastián, nos concellos da Estrada e Silleda (Pontevedra), promovido pola empresa Fomensa Hispania, S.L.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 3 de decembro de 2001 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Couto de San Sebastián, nos concellos da Estrada e Silleda (Pontevedra), promovido por Fomensa Hispania, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director Xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

* Proyecto técnico del Parque Eólico Couto San Sebastián. Septiembre de 2000.

* Estudio de impacto ambiental del Parque Eólico Couto de San Sebastián. Septiembre de 2000.

* Documentación adicional aportada por el promotor en resposta al informe de la Dirección General de Montes y Medio Ambiente Natural. Junio de 2001.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio ambiental e documentación complementaria, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado Parque Eólico Couto de San Sebastián, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 29,9 MW de potencia total nos concellos de Silleda e A Estrada (Pontevedra), constituído por 23 aeroxeradores modelo Bazán Bonus de 1.300 kW de potencia unitaria, dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

551.0004.725.000

556.0004.725.000

556.0004.731.000

551.0004.731.000

551.0004.725.000

Debido á presencia de restos arqueolóxicos na zona do proxecto, deberán ser modificados os aeroxeradores 21, 22 e 23, e a gabia entre o 6 e o 7, segundo se indica na punto desta DIA, establecéndose con carácter definitivo a súa situación, se é o caso, unha vez sexa recibida, avaliada con informe favorable sobre a documentación requirida no punto da DIA.

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle nos plans Implantación Xeral Parque Eólico e Edificio Subestación e Control. Distribución en planta do estudio de impacto ambiental.

As coordenadas UTM dos primeiros 20 aeroxeradores son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

1554.5734.726.070

2554.5264.726.266

3554.6614.726.506

4554.5794.726.609

5554.5054.726.741

6554.3844.726.775

7554.2824.726.857

8554.1264.726.887

9554.0124.726.935

10553.9684.726.065

11553.9354.726.288

12553.8284.726.369

13553.7374.726.458

14553.6474.726.548

15553.5594.726.635

16553.5904.726.848

17553.5104.726.946

18553.5604.726.160

19553.5414.726.317

20553.4834.726.436

Protección da atmosfera.

Sobre a emisión de po.

2.1.1. Durante a fase de obras procederase, nos períodos de seca, á humectación continua das vías e das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po. Así mesmo, os camións de transporte de terras irán cubertos con lonas ou similar.

Sobre a contaminación acústica.

2.2.1. Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

2.2.2. Para tal fin, realizarase un seguimento do nivel de ruído durante as fases de construcción e funcionamento do parque, nos puntos de control propostos no plan de seguimento de ruídos incluído na documentación adicional, así como en todas aquelas zonas habitadas máis próximas ó parque.

2.2.3. Previamente ó inicio das obras, realizarase unha medición preoperacional que sirva como branco, tal e como se require no punto 11.3. Esta medición realizarase nos mesmos puntos nos que se realizarán os controis posteriormente no seguimento ambiental.

Protección das augas e leitos fluviais.

3.1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga precisará da autorización de Augas de Galicia, segundo se establece no Real decreto lexislativo 1/2001, de 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, axustándose ás directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

3.2. Realizarase un control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe artificial (tanto transversais como lonxitudinais) e das condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, co fin de comprobar que non se producen alteracións no réxime hídrico preexistente e verifica-la eficacia das medidas correctoras propostas no estudio ambiental, tal e como se require no punto.

3.3. A achega das augas das drenaxes transversais e lonxitudinais á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía á saída das drenaxes, co fin de evitar erosións, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación ós cursos naturais.

3.4. A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e terraplén resultantes da execución dos viais, así como das

plataformas de montaxe, foxos e zona da subestación, mediante a súa revexetación, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas.

3.5. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou áreas hidromorfas, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

3.6. Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

Protección do solo.

4.1. Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se axustará ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

4.2. Procederase á delimitación das distintas zonas de obra, mediante un balizado que se manterá en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen.

4.3. As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas no proxecto, non permitíndose o seu sobredimensionamento. A circulación de vehículos e maquinaria no parque restrinxirase ás vías.

4.4. Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que se trala finalización das obras existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisar materiais de préstamo, deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, indicando a localización, extensión e volume do préstamo que se vai efectuar.

4.5. No caso de deterioración das vías ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

4.6. Para a localización das instalacións de obra seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga, zona hidromorfa ou área de protección arqueolóxica, dada a súa proximidade. Reflictirase a localización prevista no plano requirido no punto desta DIA.

4.7. A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten ós terreos comprendidos na área de influencia das estradas requerirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

Sobre os residuos.

5.1. Tódolos residuos xerados, tanto na fase de obra como nas de funcionamento e abandono do parque, serán xestionados conforme a súa natureza, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. Neste senso primarase a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

5.2. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria, estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables.

5.3. Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, a zona debe quedar totalmente limpa, procedendo á retirada e xestión de tódolos residuos da obra.

5.4. Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo os criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

5.5. En tanto non se produzan as sucesivas entregas ó xestor, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra, e durante a fase de explotación disporanse na caseta anexa á subestación.

Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. Sobre a fauna.

6.1.1. Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presencia dos aeroxeradores.

6.1.2. A este respecto, levarase a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto na documentación adicional, no que se incluirá a presentación de forma explícita dos datos empregados na consecución dos resultados: zonas de mostraxe, factores de corrección, etcétera.

6.2. Sobre a vexetación.

6.2.1. A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose mediante sistemas de roza.

6.2.2. Previamente á corta de arboreado realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

6.2.3. Calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira precisará da preceptiva autorización ou informe, segundo o caso, do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, tal como se establece na Lei 7/1992, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, que desenvolve o regulamento da antedita lei.

6.2.4. Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse á súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

6.3. Sobre os hábitats naturais.

6.3.1. En relación ás rozas previstas débense esmera-las precaucións para non afectar ós valores naturais que están protexidos pola lexislación vixente. No caso de detectar algúns destes elementos procederase á súa delimitación e adopción das medidas precisas para garanti-la súa preservación.

6.3.2. Para tal fin, durante as fases de replanteo, apertura ou acondicionamento de vías, execución de cimentacións, explanacións e gabias do cableado, realizarase un seguimento continuo en campo por parte do equipo de seguimento ambiental do proxecto, co obxecto de verificar que non se producen impactos imprevistos e que se adoptan as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación, tanto as indicadas no estudio ambiental como as establecidas nesta declaración.

6.3.3. A dirección de obra disporá dos planos das áreas que hai que preservar, e será asesorada en todo momento das condicións para a súa protección. Estas zonas deberán ser balizadas previamente ó inicio das obras para evitar calquera posible afección.

6.3.4. No caso de que se detectase algún impacto non previsto na documentación presentada polo promotor ou na presente declaración, comunicaráselle ó Servicio de Medio Ambiente Natural e tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, poñendo en coñecemento desta dirección xeral a incidencia detectada, quen a avaliará e informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias.

Protección do patrimonio cultural.

7.1. Establécense as seguintes medidas correctoras para cada un dos elementos inventariados na prospección arqueolóxica:

Túmulo 1:

-Área de exclusión de 50 m desde o exterior do ben.

-Balizado e sinalización.

-Control arqueolóxico da construcción dos aeroxeradores 1, 2 e 3 e os seus elementos auxiliares.

Túmulo 2:

-Área de exclusión de 50 m desde o exterior do ben, da que se deben excluí-las canalizacións entre os aeroxeradores 6 e 7.

-Balizado e sinalización.

-Control arqueolóxico da construcción dos aeroxeradores 6 e 7 e os seus elementos auxiliares.

Túmulos 3, 4 e 5:

-Área de exclusión de 80 m desde o exterior do ben, polo que se deben recoloca-los aeroxeradores 21, 22 e 23 e as súas estructuras anexas.

-Balizado e sinalización.

-Control arqueolóxico da construcción dos aeroxeradores 20, 21, 22 e 23 e os seus elementos auxiliares.

Accesos:

-Control arqueolóxico da súa construcción.

Vial:

-Control arqueolóxico da construcción da vía de servidume nos seguintes tramos:

a) Entre os aeroxeradores 1 e 6.

b) Entre os aeroxeradores 7 e 23.

-Control arqueolóxico da construcción das vías de conexión que parten da vía de servidume ata:

a) Aeroxerador 14.

b) Aeroxerador 15.

c) Subestación eléctrica.

Aeroxeradores:

-Control arqueolóxico da construcción das zapatas e dos centros de transformación dos 23 aeroxeradores.

-A construcción das plataformas non afectarán as áreas de exclusión.

-Control arqueolóxico dos movementos de terras para a construcción destas plataformas.

Canalizacións:

-Control arqueolóxico da construcción das gabias entre os aeroxeradores 1 ó 23, das desviacións ós aeroxeradores 14 e 15 e á subestación.

Subestación:

-Control arqueolóxico da construcción da subestación.

7.2. A realización de calquera tipo de obras nas anteditas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

7.3. Levarase a cabo un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito do parque, así como a sinalización dos xacigos arqueolóxicos; polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

7.4. Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (aquelas obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

7.5. De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

7.6. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

Sobre a paisaxe.

8.1. Empregaranse cores pouco rechamantes e tons mate no acabado dos aeroxeradores e as liñas eléctricas previstas no interior do parque, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, telefónicas, etcétera, estarán soterradas, tal como se indica no estudio ambiental.

8.2. O edificio de control e a subestación terá un deseño acorde coa tipoloxía tradicional, de acordo co indicado no estudio ambiental.

8.3. O desenvolvemento do plan de revexetación, conforme avanza a obra, xunto co seguimento da súa efectividade, deberá garanti-la integración paisaxística das restantes infraestructuras do parque eólico.

Outras medidas.

9.1. Co fin de evitar posibles colisións de aeronaves cos aeroxeradores, deberanse instalar sinalizacións conforme a normativa OACI (Organización de Aviación Civil Internacional), de tal xeito que indiquen a presencia dos aeroxeradores.

9.2. Co fin de compensa-lo impacto sobre a caseta do Servicio de Defensa Contra Incendios Forestais de San Sebastián, levaranse a cabo as medidas expostas no informe deste servicio.

Restauración.

10.1. Tódolos terreos afectados ou deteriorados pola execución das obras (marxes das vías, foxos, gabias do cableado, plataformas de montaxe, con

torno da subestación e das obras de drenaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser recuperados mediante revexetación, que restitúa a vexetación autóctona presente na zona e favoreza a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal, garantindo o seu mantemento ó longo do tempo.

10.2. Para tal fin, desenvolverase o plan de restauración vexetal incluído no estudio ambiental, realizando un seguimento posterior da súa efectividade.

10.3. En función da súa natureza, a capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente á ocupación do terreo e amoreada e mantida nas condicións sinaladas no antedito plan de restauración.

10.4. Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. Minimizarase o estendido de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas.

10.5. Ó finaliza-las obras retiraranse as casetas e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

10.6. O desenvolvemento dos labores de restauración realizarase conforme avanza a obra e as distintas superficies que hai que restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de controla-los fenómenos erosivos, arrastre de materiais e lograr unha maior integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.

10.7. Así mesmo, o plan de restauración presentado debe ser completado no seu contido, incluíndo a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas na fase de desmantelamento e abandono do parque unha vez rematada a vida útil da instalación, tendo en conta os posibles usos futuros da área, de acordo co requirido no punto 11.8 desta DIA.

Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, no prazo máximo de tres (3) meses desde a notificación da presente DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do exposto no punto 13.3.

11.2. Documento no que se contemple:

-Solución alternativa para o trazado das gabias de cableado entre os aeroxeradores 6 e 7.

-Proposta de localización alternativa para os aeroxeradores 21 ó 23 e tódalas súas infraestructuras asociadas.

-Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, nunha única folla, no que se reflicta a localización final proposta de tódalas infraestructuras e instalacións previstas no parque, integrando as modificacións que se deriven dos documentos anteriores tanto nas instalacións modificadas como nas súas instalacións anexas, e reflectindo a poligonal do parque, accesos (diferenciando os existentes dos de nova construcción, dispositivos de drenaxe transversal e lonxitudinal, áreas de exclusión arqueolóxica e a localización prevista das instalacións de obra (incluíndo as coordenadas UTM da nova situación dos aeroxeradores). Deste documento presentaranse catro (4) exemplares.

11.3. Resultado das medicións de ruído preoperacional segundo o requirido no punto.

Unha vez informada favorablemente por esta dirección xeral a documentación requirida no punto anterior, presentarase:

11.4. Proposta de periodicidade para as medicións de ruído durante a construcción e a explotación.

11.5. Proposta de plan de control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe, tal e como se indica no punto da DIA.

11.6. Plan de vixilancia de restauración, detallando a periodicidade dos controis e as medidas a adoptar no caso de detectar marras, calvas ou efectos sobre a restauración imprevistos.

11.7. Addenda ó plan de vixilancia de aves na que se incluirá:

-Medidas mínimas para a detección de calquera impacto negativo imprevisto que se poida producir sobre as poboacións de aves, adoptando as medidas pertinentes, se é o caso.

-Determinación de umbrais de alerta, segundo unha metodoloxía rigorosa, explícita e cuantitativa.

11.8. Addenda ó plan de restauración presentado, que inclúa a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas para o desmantelamento e abandono do parque, composta por memoria, planos, prego de condicións e orzamento, que conteña medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

11.9. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 0 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

11.10. En relación coa liña de evacuación da enerxía, presentarase a seguinte documentación, que será informada, se é o caso, polos órganos competentes en función da materia:

11.10.1. Descrición xeral do proxecto, indicando localización, lonxitude da liña, tipo e número de

apoios, puntos de inicio e fin (conexión á rede de transporte), incluíndo unha listaxe de coordenadas UTM, obra civil que hai que desenvolver e duración prevista da obra. Xuntarase, como mínimo, un plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle, dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a traza prevista, numerando cada un dos apoios.

No caso de enlazar cunha liña da rede xeral, deberase indica-lo estado da liña (existente, en tramitación ou planificación), ademais de reflectir nun plano a escala 1:25.000, como mínimo, dotado de coordenadas UTM a traza da liña á que se conectará. Así mesmo deberán reflectirse as liñas eléctricas do contorno, tanto existentes como en estado de tramitación ou planificación.

11.10.2. Estudio sobre os elementos do patrimonio cultural presentes ó longo da traza.

11.10.3. Estudio dos posibles efectos do proxecto sobre a poboación, fauna, formacións vexetais, solo, auga e paisaxe, así como espacios naturais presentes, se é o caso, ó longo da traza.

11.10.4. Descrición das medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias que se van adoptar, con especial atención á avifauna e ós labores de restauración.

11.10.5. Programa de vixilancia ambiental, con especial atención ó seguimento da posible afección sobre as poboacións de aves e o resultado da restauración.

En ningún caso poderán comeza-las obras de instalación da liña de evacuación antes de contar co informe favorable desta dirección xeral en relación co punto 11.10, sen que isto interfira no desenvolvemento das restantes obras do parque.

Coa salvidade indicada no parágrafo anterior, unha vez avaliada a documentación solicitada nos puntos 11.1 a 11.9, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez informado por esta dirección xeral o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicaralle a esta dirección xeral a data de inicio das obras, remitindo, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, un cronograma de obras actualizado, contendo tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar,

cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Durante a execución das obras, con carácter mensual, presentarase:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras de carácter ambiental e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de avance respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización.

Con carácter trimestral, presentarase un informe de obras que inclúa:

b) Resultados das medicións do nivel de ruído, en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización da medición. As medicións serán efectuadas por entidade homologada e os informes presentaranse asinados por un técnico desa entidade.

c) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, incidencias ou imprevistos acontecidos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras (control de eficacia), labores de restauración levadas a cabo, xestión dos residuos, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia e o establecido na presente DIA e que reflicta o cumprimento das condicións impostas na declaración, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

d) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflicta a situación real das obras e porcentaxe de execución respecto ó total, referido ós distintos elementos que conforman o proxecto: vías, drenaxes, aeroxeradores, plataformas de montaxe, gabias do cableado, subestación, etcétera.

12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha da instalación e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia e o establecido na presente DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, destino dos sobrantes de terras no caso de producirse, xestión aplicada á biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta declaración.

b) Reportaxe fotográfica que amose os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, noiros e cunetas, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

c) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Documentación acreditativa de ter notificada a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, correspondente a un levantamento topográfico da obra realizada, indicando así mesmo as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

12.3. Seguimento ambiental semestral, contado desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento do parque, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e a duración desta. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento no que sexan obtidos.

b) Resultados do plan de control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe e evolución da rede hidrolóxica, conforme o indicado no punto desta DIA.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme o indicado no punto desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados do desenvolvemento do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das drenaxes, vías, noiros, foxos, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión, así como detalle dos controis ambientais efectuados e das incidencias detectadas en relación a tódolos aspectos incluídos na DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

12.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, agás indicación en contra por parte desta dirección xeral, os contidos do informe descrito no punto anterior.

12.5. Informe ambiental previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase o cronograma pre

visto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto na addenda que hai que presentar de acordo co punto desta DIA, xunto coa súa xustificación.

12.6. Informe posterior ó abandono: no prazo máximo de dous (2) meses contados desde a fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das accións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntaráselle de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

No caso de que se detecten durante o seguimento ambiental que se vai efectuar, en calquera das súas fases, impactos non previstos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicaráselle inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizaralle a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá a súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de novecentos cincuenta e catro mil catrocentos sesenta euros e corenta e un céntimos de euro (954.460,41) euros (157.311.375 pesetas). O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento completo do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto da presente DIA.

13.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente.

13.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou á solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata que estes sexan corrixidos.

13.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. Esta resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

13.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

13.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

13.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cuberto este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto.

O proxecto denominado Parque Eólico de Couto de San Sebastián. Septiembre de 2000, promovido pola empresa Fomensa Hispania, S.L. consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 23 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, que se situará nos concellos de Silleda e A Estrada (Pontevedra).

A localización do parque discorre con orientación noroeste sueste ó longo dos lugares denominados Alto da Rocha, As Golas, Couto de San Sebastián, As Rozadas, Os Chaos, As Caudas, Cruz da Portela, Couto das Quintas, Campo Grande e As Chairas, nunha aliñación localizada no interior do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVertice Y

551.0004.725.000

556.0004.725.000

556.0004.731.000

551.0004.731.000

551.0004.725.000

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

* Número de aeroxeradores: 23.

* Modelo: Bazán Bonus 1,3 MW.

* Potencia unitaria por aeroxerador: 1,3 MW.

* Potencia total instalada: 29,9 MW.

* Altura das torres: 50/68 m.

* Diámetro das pas: 62 m.

* Producción neta anual prevista: 72.824 MWh/año.

* Investimento previsto: 3.932.784.380 ptas.

A obra civil inclúe a adecuación duns 1.400 m de camiños preexistentes e a creación duns 3.500 m de vías de acceso e servicio ós aeroxeradores, cun largo de rodadura de 4,5 m e dotados de foxos de 0,40 x 0,20 m para a recollida e evacuación de pluviais, labores de cimentación dos aeroxeradores e escavación duns 3.500 m de gabias de conducción do cableado, cunha anchura máxima de 100 cm. A duración estimada da fase de obras é de sete (7) meses.

Tamén está proxectada a construcción dunha subestación transformadora de tensión 20/66 kV e o edificio de control do parque, cunha superficie de 225 m.

Medidas preventivas e correctoras.

Protección do solo e da cuberta vexetal.

Protección da cuberta vexetal.

* Delimitación das vías de acceso ós aeroxeradores, impedíndose a circulación polo resto da área. Tratarase de mante-lo trazado do camiño existente, minimizando os movementos de terras. Neste sentido, recoméndase que os camiños, a gabia de conexión e os alicerces sexan adxacentes.

* Delimitación das zonas de permanencia e mantemento da maquinaria, que se situará nunha zona de escasa pendente.

Prevención de procesos erosivos.

* Planificaranse foxos e drenaxes de gabias, de xeito que se evite a concentración de escorregas.

* A revexetación das superficies afectadas pola construcción reducirá a cuberta vexetal afectada.

Prevención de incendios.

* Adopción das medidas de seguridade para o efecto nos labores de risco.

* Dotación de equipos básicos de extinción.

* Deberase evitar prender lume sobre o terreo.

* Recoméndase o traslado dos restos de roza a vertedoiro.

* Designar un responsable en obra do mantemento da seguridade e vixilancia.

Protección da paisaxe.

* Reducción da apertura de pistas ó mínimo.

* Reutilización de terras de escavación.

* Control de sobrantes de escavación, non abandonando ningún sobrante fóra da zona de obras. Todo tipo de residuo ou refugallo será retirado a vertedoiro controlado.

* Restauración vexetal: unha vez rematadas as obras empregarase a terra vexetal e revexetarase fundamentalmente mediante pasteiro e toxal-breixeira.

* Adecuación paisaxística das instalacións: empregando materiais nos accesos que non supoñan un contraste cromático co terreo. Empregarase pintura axeitada nos aeroxeradores para reduci-la súa percepción. O deseño do edificio de control e subestación do parque será acorde coa tipoloxía tradicional, instalando un apantallamento na subestación.

Protección da fauna.

Fase de construcción.

* Evitarase toda actividade que poida derivar unha deterioración da calidade ambiental.

* É aconsellable o inicio das obras antes de que comece a nidificación da rapina cincenta.

* Para incrementa-la presencia de puntos de auga poderíase escavar algún pozo ou charca.

* Non é recomendable a realización de voaduras para a escavación.

Fase de explotación.

* Supresión ou acondicionamento da iluminación nocturna, de xeito que se evite a atracción das aves.

* Control das fontes potenciais de alimentación nun contorno próximo ás instalacións, de xeito que non existan estas fontes preto dos aeroxeradores, ben retirando os cadáveres, ben permitindo a caza.

Protección dos recursos culturais.

Propóñense medidas correctoras para cada elemento en relación a tódalas obras que poidan afectalos. Estas consisten basicamente na sinalización e balizamento dos elementos arqueolóxicos e no control arqueolóxico das obras que se realizan preto deles.

ANEXO II

Resumo dos informes.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental do Parque Eólico de Couto de San Sebastián cos seguintes condicionantes:

1. Cara a evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural cun radio, medido desde o límite exterior do ben inventariado de:

* 50 m para os xacigos arqueolóxicos: túmulo 1 e túmulo 2.

* 80 m para os xacigos arqueolóxicos: túmulo 3, túmulo 4 e túmulo 5.

2. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

3. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico, así como a sinalización dos xacigos arqueolóxicos. Para tal fin, e previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

* Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal de obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico coa localización dos elementos do patrimonio cultural, xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

4. De acordo cos base ós resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Tera

se en conta que na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

5. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite un primeiro informe sobre o estudio ambiental do proxecto, no que indica o seguinte:

O proxecto encádrase en parte na proposta de Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) denominada Brañas de Xestoso. Esta proposta atópase, na actualidade, no Rexistro Xeral de Espacios Naturais en réxime de protección xeral, establecido así na Orde do 28 de outubro de 1999, prorrogada na Orde do 7 de xuño de 2001.

Esta inclusión produciuse como consecuencia de ser unha zona onde se encadran importantes valores ambientais, así establecidos na Directiva Hábitat, 92/43/CEE e a Directiva Aves, 79/409/CEE, así como a trasposición destas á lexislación nacional.

O proxecto xerará unha afección a algunhas das formacións vexetais e dos hábitats que serviron para incluí-lo espacio no citado rexistro. En concreto, varios aeroxeradores sitúanse sobre hábitats de interese comunitario ou prioritarios, aínda que cun grao de degradación alto. De tódolos xeitos deberase estudia-la posibilidade de apoiar estas instalacións en zonas nas que non se produzan afeccións á estes hábitats. Tamén se evitará a apertura de novas vías.

Por outro lado, hai unha serie de aves de elevado valor ecolóxico que, como consecuencia da situación con proxecto, sofren unha posible afección traducible nunha mingua das súas poboacións ou mesmo na súa desaparición. Afección que pode ser debida ó efecto baleiro do parque, á colisión das aves cos aeroxeradores e á colisión ou electrocución coa liña de alta tensión (non contemplada no estudio).

Ademais destas afeccións e posibles afeccións detectáronse outros aspectos que revisten importancia, independentemente da figura de protección establecida. A continuación expoñemos estes aspectos:

1. Un dos problemas xerados polas vías é a alteración hidrolóxica das bacías colectoras. Isto debe conleva-lo cálculo das afeccións e o deseño das medidas correctoras, tendo en conta os seguintes puntos:

a) Que a auga evacuada en cada bueiro se corresponda coa mesma microbacia na cal se efectuou a captación.

b) Sempre é mellor que o numero destes sexa elevado, xa que os camiños cortan o paso da auga, de xeito que na parte baixa da ladeira atravesada polo camiño a escorrega redúcese considerablemente.

c) Non se producirán fenómenos de erosión ou deposición na saída dos bueiros.

2. Deben adoptarse as medidas precisas para evita-la vertedura de substancias contaminantes ós cursos de auga. En xeral non poderá verse afectada a calidade das augas nas súas características fisicoquímicas e bióticas, cumprindo para esto o establecido na lexislación vixente. En relación con esto terase en conta:

a) Non se acumularán nos leitos naturais nin nas zonas de servidume, terra, entullo, material sobrante da construcción ou calquera outro tipo de substancias contaminantes que poidan incorporarse ós cursos de auga por escorrega ou crecidas do actual.

b) Evitaranse os arrastres de sólidos en suspensión.

c) Prohíbese o lavado de materiais e utensilios nos cursos.

d) Vixiaranse os posibles procesos erosivos ocasionados polas drenaxes, facendo un seguimento periódico.

3. No caso de proceder á corta de arboreda deberá considerarse que:

a) Deberá realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

b) No caso de afectar á vexetación de ribeira será precisa a autorización ó Servicio Provincial de MAN.

4. Na área de afección do parque eólico localízase unha caseta de vixilancia pertencente ó Servicio de Defensa Contra Incendios Forestais. É posible a diminución da conca visual debido ós aeroxeradores, polo que se considera preciso que se consensúe co S.D.C.I.F. unha alternativa que elimine este efecto negativo.

5. A principal clase faunística afectada serán as aves, sobre as que se deberán adopta-las correspondentes medidas de seguimento e control. O plan de vixilancia presentado é demasiado sucinto, polo que se deberá presentar un novo contendo:

a) Debe determina-la variación dos censos con respecto ó tempo e estima-los índices que signifiquen a mortaldade xerada por esta instalación. Formularanse explicitamente as unidades de mostraxe, periodicidade, índices, factores de corrección de perdas na mostraxe, e tratamentos estatísticos.

b) O plan desenvolverase ó longo da vida do parque, incorporando no se momento os efectos da liña de alta tensión.

c) Se durante o plan de vixilancia se detecta unha mortandade temporal de aves, implementarase un período de parada dos aeroxeradores.

6. Así mesmo, deberase completa-lo estudio de aves presentado no estudio de impacto ambiental.

7. Outro aspecto importante, e que non se analiza no estudio é o relativo ó trazado e afección da liña de evacuación de enerxía. O efecto máis importante é sobre a avifauna, polo que no seu deseño deberase ter en conta os seguintes aspectos:

a) Previsión de impactos negativos así como as medidas correctoras, protectoras e/ou compensatorias que hai que adoptar.

b) Seguemento destas poboacións unha vez efectuadas as actuacións no correspondente plan de vixilancia.

8. O solo é un sistema no que interaccionan materiais orgánicos e inorgánicos, auga, vexetais, animais superiores e multitude de microorganismos, polo que se deberá ter en conta o seguinte:

a) Recuperación da capa superior da terra vexetal.

b) Conservación da terra vexetal, minimizando o período de amoreamento.

c) Balance de terra vexetal, calculando o custo do volume suplementario no caso de ser preciso.

d) Definición contractual e programación dos traballos, programando e orzando tódolos traballos relativos á retirada e conservación da terra vexetal.

9. Estímase necesario o desenvolvemento de varios plans que se propón no estudio.

10. Tocante ás medidas correctoras e protectoras propostas, detéctanse unha sere de carencias na súa definición:

a) Moitas aparecen como de recomendable adopción, debendo ser consideradas.

b) Non existe partida orzamentaria de tódalas medidas que se pretendan adoptar.

c) Non se establece un prego de condicións para elas.

d) Non se describe o deseño adoptado, nin se xustifica nos anexos.

e) Non se presentan planos que os localicen e detallen.

11. As medidas de integración ambiental deben coordinarse co resto da obra.

No seu segundo informe, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural indica o seguinte:

1. Coa documentación presentada polo promotor en resposta ó primeiro informe da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural dáse cumprimento o exposto no estudio ambiental e no citado informe. Nembargantes, estímase pertinente a adopción dos seguintes puntos:

a) Presentación periódica dos resultados.

b) Presentación de forma explícita dos datos empregados na consecución dos resultados: zonas de mostraxe, factores de corrección, etcétera.

c) Debido á posibilidade de ocorrencia dunha mortandade puntual debido a certas circunstancias, o plan de vixilancia debe formularse durante toda a vida do parque.

d) Implantaranse as medidas mínimas para a detección de calquera impacto negativo imprevisto que se poida producir sobre as poboacións de aves, adoptando as medidas pertinentes, se é o caso.

e) Determinación de limiares de alerta, segundo unha metodoloxía rigorosa, explícita e cuantitativa.

f) Deberíanse integrar nun único plan de vixilancia de aves as afeccións que se produzan polo parque e pola liña de alta tensión.

2. En relación ás rozas previstas débense esmerar as precaucións para non afectar ós valores naturais que están protexidos pola lexislación vixente. No caso de detectar algúns destes elementos procederase á súa delimitación e adopción das medidas precisas para garanti-la súa preservación.

3. Os restos destas rozas xestionaranse axeitadamente, recomendándose a súa valorización.

4. No caso de producirse un impacto imprevisto, comunicarase ó Servicio de Medio Ambiente Natural e tomaranse as medidas oportunas.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización deste proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten ós terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada en relación co expediente, dos informes emitidos polos distintos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental co obxecto de minora-los posibles impactos ambientais, que inclúe os seguintes puntos:

-Ámbito territorial de actuación.

-Impacto causado pola ocupación do terreo.

-Residuos.

-Flora e fauna.

-Impacto visual.

-Urbanismo.

-Programa de vixilancia ambiental (ruídos e colisións de aves).

O organismo autónomo Augas de Galicia emite informe favorable, que inclúe a descrición das unidades de coñecemento na zona do parque e un resumo do proxecto avaliado, acompañado do seguinte condicionado:

En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación deberán terse en conta as medi

das protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter refugallo neles, no caso de que estes se producisen, estando ademais prohibido o lavado de camións e formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de construcción nas proximidades dos cursos de auga.

A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito que trala construcción do parque eólico, a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.

Un condicionante básico sería que a futura autorización reflectise que a instalación se axustará ó cumprimento das directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

Se co motivo da realización dalgún acceso ou vial con gabia do cableado se cruce algún curso fluvial, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo en todo caso preceptiva a autorización do organismo autónomo Augas de Galicia, segundo se establece no R.D. 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e a Lei de augas 29/1985.

En definitiva, ese servicio considera que a instalación do citado parque eólico non produce ningunha alteración de importancia en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre e cando se cumpran as medidas preventivas e correctoras, durante a fase de construcción e período de explotación, especificadas no presente informe.

Nembargantes, faise indispensable unha correcta execución dos viais, de tal xeito que a incidencia sobre a rede hidrolóxica da zona sexa mínima, evitando sobre todo a vertedura accidental de substancias contaminantes.

No caso de que as características deste parque eólico precisasen do uso regular de auga para o seu normal funcionamento, tanto na fase de construcción como na de explotación, ou ben se producisen verteduras ou captacións á rede hidrolóxica, ou cruzamentos da rede fluvial, será necesaria a obtención por parte do explotador das preceptivas autorizacións, que se tramitarán, segundo a lexislación vixente, ante o organismo autónomo Augas de Galicia.

ANEXO III

Resumo de alegacións de caracter ambiental.

O Concello de Silleda informa do seguinte:

1. O expediente debería contar co informe de:

a) Consellería de Medio Ambiente.

b) Dirección Xeral de Urbanismo.

c) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

d) Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

e) Dirección Xeral de Obras Públicas.

f) Dirección Xeral de Industria.

g) Augas de Galicia.

2. Así mesmo, deberase achegar:

a) Proxecto dos camiños de acceso ó parque e das vías interiores.

b) Proxecto de canalizacións para cableado, cimentación de aeroxeradores e centros de transformación.

c) Proxecto de subestación e do edificio de control.

3. Falta un proxecto de revexetación, valorando as partidas de desmontaxe e retirada dos aeroxeradores, e a achega de terra vexetal.

4. Aval para o desmantelamento e abandono do parque eólico unha vez rematada a vida útil deste.

5. Plan de estudio de ruídos.

6. Plan de seguimento hidrolóxico e de calidade das augas.

7. Plan de vixilancia das aves e plan de vixilancia de quirópteros.

8. Estudio infográfico.

9. Autorización do proxecto arqueolóxico.

10. Deberase cumprir coa Orde do 28 de outubro de 1999, relativa á Rede Natura.

11. Deberase evita-la ocupación temporal das parcelas e cumprirase co preceptuado nos distintos informes que emitan os organismos correspondentes.

Margarita Porto Espinosa e 33 veciños máis alegan o seguinte:

-Mostra a súa oposición á instalación do parque eólico nas condicións que establece a empresa promotora.

-O proxecto sectorial de incidencia supramunicipal deberá cumpri-la Lei 80/2000, de ordenación do territorio.

-No estudio de ruído non se fai mención á aldea de Cabana, tamén afectada. Así mesmo, existen casas a menos de 500 m do parque, ó contrario do que se indica no estudio, non cumprindo as distancias establecidas en relación a actividades molestas.

-O proxecto provoca un efecto claramente negativo sobre os valores ambientais.

-Non se cuantifica o efecto sobre a socioeconomía e a paisaxe das infraestructuras, nin se xustifica o grao de repulsa ou aceptación social das instalacións.

-Debería poñerse en antecedentes do trazado da liña ós veciños.

-Deberán respectarse tódolos camiños existentes.

-Existen errores na relación de afectados.

María Dolores López Lorenzo alega o seguinte:

-Non se xustifica a declaración de utilidade pública debido á proximidade a Silleda, impedindo o seu desenvolvemento.

-A flora e a fauna da zona verase prexudicada pola instalación do parque, sobre todo a avifauna.

Gonzalo Cónstela Bergueiro e Carme Fidalgo Colmeiro, concelleiros do BNG no Concello da Estrada, alegan o seguinte:

-O parque preténdese instalar nunha zona con restos arqueolóxicos e preto de zonas habitadas.

-Existen zonas habitadas a menos de 500 m do parque, onde a actividade gandeira e forestal pode verse afectada.

-Debido á presencia de zonas habitadas preto do parque, haberá os seguintes impactos negativos:

-Impacto visual.

-Impacto nas actividades económicas tradicionais

-Contaminación acústica

-Á falta de regulamentación específica sobre arqueoloxía, serán de aplicación as normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

-O parque vai afectar a 5 túmulos directamente e a 10 indirectamente.

María Carmen Fernández López e Ana López Rey alegan o seguinte:

-A relación de afectados contén erros.

-Mostra a súa oposición á instalación do parque eólico nas condicións que establece a empresa promotora.

-O proxecto sectorial de incidencia supramunicipal deberá cumpri-la Lei 80/2000, de ordenación do territorio.

-Expón a súa desconformidade coa cualificación do cultivo e categoría dos predios da súa propiedade.

-No estudio de ruído non se fai mención á aldea de Cabana, tamén afectada. Así mesmo, existen casas a menos de 500 m do parque, ó contrario do que se indica no estudio, non cumprindo as distancias establecidas en relación a actividades molestas.

-Non se tiveron en conta as consecuencias da instalación do parque para as persoas e o gando que pace na zona.

-Non se recoñece a presencia da aguia na zona.

-Considera que no cálculo da superficie de expropiación non se respectan as parcelas.

-Debería poñerse en antecedentes do trazado da liña.