Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 28 de maio de 2002 Páx. 7.770

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2002, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, pola que se resolven os recursos potestativos de reposición interpostos por Manuel Portela González, en representación da Xunta de Montes Veciñais en Man Común de Ermelo, pola Xunta Rectora da Mancomunidade de Xuntas de MVMC do Morrazo e polo Concello de Bueu, contra resolución deste xurado do 4 de abril de 2001.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día 3 de abril de 2002, adoptou, no punto cuarto da orde do día, o seguinte acordo:

Neste punto da orde do día dáse conta dos recursos potestativos de reposición interpostos por Manuel Portela González, en representación da Xunta de Montes Veciñais en Man Común de Ermelo, pola Xunta Rectora da Mancomunidade de Xuntas de MVMC do Morrazo e polo Concello de Bueu, contra a resolución do xurado de data do 4 de abril de

2001 pola que se acorda a clasificación co carácter indicado dos montes Chan de Paralaia, Esculca, Pereira e Monte da Serra a favor dos veciños do lugar de Ermelo do concello de Bueu, así como a non clasificación do monte Pouso das Cruces.

O xurado, unha vez examinados e debatidos os argumentos esgrimidos polos recorrentes, acorda, por unanimidade, desestima-los recursos de reposición interpostos e confirmar integramente a resolución recorrida, fundamentándose en:

1. Que os recorrentes non levan razón cando afirman que na resolución do xurado non aparece motivada a reducción da cabida dos montes clasificados, toda vez que no primeiro parágrafo do feito quinto se sinala que a dita reducción obedece a que a cabida solicitada con respecto ós montes que foron clasificados excede os límites do termo municipal, sen esquecer que a citada resolución describe os catro montes clasificados cos lindes sinalados pola entidade solicitante e segundo o informe do xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, e adoptouse reduci-la cabida destes soamente onde se excedía do límite do concello de Bueu, segundo os límites entre concellos que figuran na planimetría do Instituto Xeográfico Nacional.

2. Que se ben é certa a alegación manifestada pola Mancomunidade do Morrazo ó sinalar que hai que atende-las divisións parroquiais que puideran non coincidir coas municipais, non o é menos que o presente expediente de clasificación se promoveu por instancia de parte e que a carga da proba incumbe ó solicitante, polo que, en consecuencia, ó non terse acreditado no procedemento a suposta diferencia de límites entre a parroquia e concello, o xurado atense á cartografía oficial.

3. Que no referente ó monte Pouso das Cruces, este xurado non considera acreditado que se viñera aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade polos veciños de Ermelo, como esixe o artigo 1 da Lei 13/1989, non podendo acceder á súa clasificación.

4. Que respecto das alegacións vertidas polo Concello de Bueu non desvirtúan a resolución recorrida por canto, en cumprimento do sinalado polo artigo 23 do Decreto 260/1992, a iniciación do expediente e apertura do prazo dun mes para alegacións e exame do referido expediente comunicouse, entre outros, ó concello recorrente, que recibiu a citada notificación en data 5-7-2000 segundo resulta do xustificante de recepción que consta no procedemento, formulándose polo recorrente alegacións recibidas mediante correo certificado do 7-8-2000.

O que se publica en cumprimento do disposto no artigo 28 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, significando que contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de

Pontevedra no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, podendo interpoñer calquera outro recurso que se estime pertinente.

Pontevedra, 3 de abril de 2002.

José Antonio López Rodríguez

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común de Pontevedra