Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 27 de maio de 2002 Páx. 7.671

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de maio de 2002 pola que se regulan as probas dos alumnos que, tendo iniciadas as ensinanzas de formación profesional de segundo grao e non as tendo finalizadas, desexen obte-lo título correspondente durante os anos académicos 2002-2003 e 2003-2004.

O Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova

ordenación do sistema educativo, modificado e completado polos reais decretos 1487/1994, do 1 de xullo, 1468/1997, do 19 de setembro, en materia de ensinanzas artísticas, 173/1998, do 16 de febreiro e, finalmente, 1112/1999, do 25 de xuño, establece, no artigo 15, que nos dous anos académicos seguintes á extinción das ensinanzas de formación profesional de primeiro grao, bacharelato unificado e polivalente e formación profesional de segundo grao, respectivamente, os alumnos que tendo iniciadas estas ensinanzas non as finalizasen, poderán realizar probas de avaliación para obte-los títulos correspondentes.

Atendendo ó calendario de implantación da LOXSE referido no punto 1), este ano académico 2001/2002 extínguense as ensinanzas de formación profesional de segundo grao, polo que é preciso arbitra-los mecanismos oportunos para que os alumnos que non superen estas ensinanzas no presente curso académico poidan facelo en convocatorias sucesivas, coa finalidade de acada-lo título correspondente que lles acredite unha competencia profesional e a súa posterior inserción laboral.

Cómpre, polo tanto, que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regule a organización das citadas probas durante os cursos 2002/2003 e 2003/2004 que lles permitan ós alumnos que iniciaron esas ensinanzas e non puideron finalizalas, obte-lo título de técnico especialista establecido pola Lei 14/1970, do 4 de agosto.

En consecuencia co anteriormente exposto e en virtude das atribucións conferidas no artigo 15 do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto regular, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as probas para a obtención do título correspondente ás ensinanzas de formación profesional de segundo grao previstas no artigo 15 do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, que terán lugar durante os cursos 2002/2003 e 2003/2004.

Artigo 2º.-Acceso dos solicitantes.

Poderán inscribirse e realiza-las probas de avaliación para a obtención do título de técnico especialista establecido pola Lei 14/1970, os alumnos seguintes:

-Alumnos que no curso 2001/2002 tiveran iniciadas polo réxime de ensino libre as ensinanzas de formación profesional de segundo grao.

-Alumnos que no curso 2001/2002 estiveran matriculados polo réxime presencial en 3? curso de FPII para ensinanzas especializadas ou en 2º curso de FPII para ensinanzas de réxime xeral.

-Alumnos que reuniran as condicións para poder matricularse no curso 2001/2002 polo réxime presencial no 3 curso de FPII para ensinanzas especializadas ou no 2º curso de FPII para ensinanzas de réxime xeral.

Artigo 3º.-Centros.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinarán, no prazo máximo dun mes contado a partir da data de publicación desta orde, os centros nos que se realizarán as probas. Estes centros arbitrarán as medidas oportunas para a realización das probas e facilitaranlle ó alumnado a información necesaria.

Artigo 4º.-Características das probas.

1. A elaboración, aplicación e avaliación das probas seran realizadas polos xefes dos departamentos didácticos correspondentes ás materias obxecto de proba ou, no caso de causa xustificada, a xuízo do director, polo profesor que este designe, nos centros que, segundo o artigo 3º desta orde, a delegación provincial determine.

2. Os alumnos matriculados nestas probas non terán que examinarse das materias aprobadas anteriormente.

3. Os exercicios correspondentes ás probas quedarán arquivados no departamento correspondente ata a prescrición do prazo de reclamacións.

4. Os contidos das probas estableceranse de acordo coa programación didáctica aprobada para cada departamento didáctico o último curso que se impartiu cada materia.

5. As probas establecidas nesta orde realizaranse dúas veces cada ano académico, nos meses de xuño e setembro, e nas datas que oportunamente se determinen.

Artigo 5º.-Matrícula.

1. O período de matrícula para a realización destas probas será do 1 ó 15 de maio de cada un dos dous anos académicos nos que teñan lugar.

2. A matrícula formalizarase na secretaría dos centros designados polas delegacións provinciais, no impreso establecido no anexo I desta orde, ó que se deberá xuntar fotocopia do documento nacional de identidade, libro de cualificacións e certificación oficial das materias aprobadas anteriormente. A formalización da matrícula terá efectos para concorrer ás probas en xuño e en setembro de cada ano.

Artigo 6º.-Avaliación das probas.

1. A avaliación conxunta das probas reguladas por esta orde será realizada polos xefes dos departamentos didácticos correspondentes ás materias obxecto de proba. Para tal efecto terán lugar, presididas polo xefe de estudios, as reunións necesarias para avalia-los alumnos presentados e consignar nas actas, elaboradas pola secretaría, as cualificacións correspondentes, cubrindo unha acta por cada curso.

2. A secretaría de cada centro no que se realicen as probas publicará, no seu taboleiro de anuncios, ó día seguinte da sesión de avaliación, as cualificacións dos alumnos.

3. Así mesmo, a secretaría do centro consignará as cualificacións no expediente do alumno e arquivará as actas correspondentes. Unha copia de cada acta será remitida ós respectivos servicios provinciais de inspección educativa.

4. A secretaría cubrirá o libro de cualificacións dos alumnos matriculados e realizará, se é o caso, a proposta de expedición do título de técnico especialista establecido pola Lei 14/1970.

Artigo 7º.-Reclamacións sobre as cualificacións.

1. Os alumnos ou os seus representantes legais poderán reclamar, ante a dirección do centro no que se realizaron as probas, nun prazo de 5 días contados a partir da data de publicación das cualificacións, cando consideren que estas se outorgaron sen a obxectividade requirida.

2. Formalizada a reclamación contra as cualificacións das probas, o director do centro dará traslado dela ó xefe do departamento didáctico correspondente, quen poderá ratificarse na cualificación outorgada ou estima-la procedencia de rectifica-la cualificación reclamada. Neste caso, o director do centro ordenará formalmente a dita rectificación. En todo caso, o director deberá resolve-la reclamación presentada no prazo de cinco días naturais.

Contra esta resolución poderase reclamar, a través do director do centro, perante o delegado provincial no prazo de 5 días. Nese caso, o director remitirá, no prazo de 24 horas, o expediente ó delegado provincial que, logo do informe da inspección educativa, dictará a resolución procedente nun prazo máximo de 10 días naturais.

Contra a resolución do delegado provincial pódese presentar recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, de acordo co establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízanse a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa e a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dictar, no ámbito das súas competencias, as instruccións oportunas para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria