Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 23 de maio de 2002 Páx. 7.565

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCION do 25 de abril de 2002, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da modificación dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal dos Vales do Ulla e Umia.

Visto o texto dos estatutos modificados, consistente na modificación do artigo 1 pola incorporación do concello de Portas, e que rexerán a Mancomunidade Intermumicipal dos Vales do Ulla e Umia, observándose que a súa aprobación realizouse de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites de:

Primeiro.-Que o proxecto de modificación dos estatutos foi aprobado inicialmente pola Comisión Executiva da Mancomunidade, en sesión do 10 de outubro de 2000.

Segundo.-Con data 28 de decembro de 2000, a devandita modificación foi informada favorablemente pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Terceiro.-Segundo certificación do secretario da mancomunidade, o proxecto foi exposto a información pública durante o prazo dun mes, mediante edicto publicado no BOP de Pontevedra nº 206, do 26 de outubro de 2000, sen que se producise ningunha reclamación ou alegación.

Cuarto.-Así mesmo, con data 7 de decembro de 2000, a Dirección Xeral de Administración Local emitiu informe favorable respecto da modificación.

Quinto.-O presidente da mancomunidade remitiu, con data de entrada nesta consellería do 19 de abril de 2002, copia certificada dos acordos, adoptados polos plenos dos concellos que conforman a mancomunidade, de aprobación definitiva da incorporación do Concello de Portas á mancomunidade e consecuente modificación do artigo 1 dos estatutos que rexerán a mesma, así como unha copia certificada dos estatutos modificados para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Xa que logo, a Dirección Xeral de Administración Local

ACORDA:

Dispoñe-la publicación da modificación do artigo 1 dos estatutos da Mancomunidade Intermunicipal dos

Vales do Ulla e Umia, de conformidade co establecido no artigo 143.1º.d da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia que se recolle como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2002.

Alfonso Rueda de Valenzuela

Director xeral de Administración Local

ANEXO

Artigo 1º.-Coa denominación de Mancomunidade Intermunicipal dos Vales do Ulla e Umia, integrada voluntariamente polos concellos de Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga, constitúese unha entidade supramunicipal, con personalidade e capacidade xurídicas para o exercicio das competencias establecidas no capítulo III dos presentes estatutos.