Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 23 de maio de 2002 Páx. 7.543

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2002, da División de Recursos Humanos, pola que se modifica a do 3 de xaneiro de 2000.

Por resolución desta división do 28 de decembro de 1998 (DOG nº 10, do 18 de xaneiro de 1999) convócase concurso voluntario de traslados para a provisión de prazas de persoal facultativo especialista nas institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde, que foi resolto por Resolución do 3 de xaneiro de 2000 (DOG nº 5, do 10 de xaneiro de 2000), e por sentencia da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 26 de decembro de 2001, estímase o recurso de apelación interposto por Lorenzo de Benito Basanta, contra a sentencia do Xulgado número tres da Coruña do 23 de maio de 2001, desestimatoria do recurso contencioso-administrativo deducido polo interesado contra a resolución desta división do 3 de xaneiro de 2000 antes citada.

Xa que logo, en cumprimento desa sentencia publicouse a Resolución provisional do 27 de marzo de 2002 (DOG nº 69, do 10 de abril) coa nova adxudicación provisional, polo que transcorrido o prazo previsto, este centro directivo,

ACORDA:

Primeiro.-Resolver definitivamente o concurso voluntario de traslados para a provisión de prazas de persoal facultativo especialista de pediatría do Servicio Galego de Saúde, convocado por Resolución do 28 de decembro de 1998, adxudicando a puntuación e destino definitivos nos termos seguintes:

Arturo Ramón Fuentes Varela (35597165), 50,20 puntos: C. H. Cristal Piñor.

Lorenzo de Benito Basanta (33237172), 41,15 puntos: C. H. Xeral Cíes.

Segundo.-A publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia servirá de notificación ós interesados e a partir do primeiro día hábil seguinte a ela comezarán a contarse os prazos establecidos para que os organismos afectados efectúen as actuacións administrativas procedentes, sen prexuízo do disposto no parágrafo quinto do punto cuarto da presente resolución.

Terceiro.-As prazas adxudicadas serán irrenunciables, a menos que durante o prazo de toma de posesión se obtivese outro destino mediante convocatoria pública, caso no que o interesado poderá optar entre os postos que lle fosen adxudicados, estando obrigado a comunica-la opción realizada ós organismos convocantes dos concursos en que participara, dentro do prazo de tres días.

Cuarto.-De conformidade co previsto na base sétima da convocatoria, os concursantes que obteñan praza deberán cesar na que, se é o caso, desempeñen, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución definitiva.

Non obstante, o xerente da institución, por necesidades asistenciais, poderá ampliar este prazo ata un máximo de vinte días hábiles, comunicando tal decisión á institución na que obtivese novo destino.

A toma de posesión da nova praza deberá efectuarse no centro de xestión de destino dentro dos tres días hábiles seguintes ó do cesamento, se as prazas son da mesma localidade, no prazo de quince días hábiles, se as prazas son de distinta localidade e da mesma área de saúde, ou no dun mes, se pertencen a distinta localidade e área de saúde.

Non disporán de ningún dos prazos posesorios sinalados aqueles adxudicatarios de praza no concurso que xa viñeran ocupando praza no mesmo centro de destino, en virtude de comisión de servicios ou reingreso provisional.

Os prazos posesorios do persoal en situación de comisión de servicios entenderanse sempre referidos á praza que veñen ocupando en comisión de servicios.

Se así o permiten as necesidades do servicio e a petición do interesado, os prazos ós que se refiren

os puntos anteriores poderán ser prorrogados por tempo non superior á metade da súa duración inicial.

Quinto.-O prazo de toma de posesión iniciarase cando remate o permiso ou licencia que, se é o caso, fose concedido ó interesado, a non ser que, por causas xustificadas, se acorde suspende-lo seu desfrute.

Non sendo cando a resolución do concurso implique o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión e, se é o caso, a prórroga deste terá a consideración de servicio activo.

No caso de que a adxudicación da praza supoña o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión será dun mes, contado desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Os traslados derivados deste concurso teñen carácter voluntario, non xerando dereito ó aboamento de ningunha clase de indemnización.

Sexto.-Cando un concursante non tome posesión da súa nova praza dentro do prazo de toma de posesión ou, se é o caso, da prórroga que á súa petición motivada lle fose concedida, entenderase que renuncia a esta e causará baixa na súa categoría como persoal estatutario, a non ser que tal feito se produza por causas suficientemente xustificadas, así apreciadas, logo de audiencia do interesado, pola autoridade convocante. En tal caso, poderase deixar sen efecto a citada baixa debendo incorporarse á nova praza tan pronto como desaparezan os motivos que imposibilitaron a toma de posesión.

No suposto de que a autoridade convocante acorde a súa baixa na categoría de conformidade co establecido no parágrafo anterior, daráselle conta disto ós órganos centrais do Insalud e ós servicios de saúde das comunidades autónomas que teñan asumidas as competencias do Insalud, segundo corresponda.

Sétimo.-Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación. De non estima-la interposición deste recurso, poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2002.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos