Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 22 de maio de 2002 Páx. 7.450

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 174/2002, do 10 de maio, polo que se modifica o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, aprobado por Decreto 406/1996, do 7 de novembro.

O presente decreto ten por obxecto a modificación de diversos artigos e a incorporación ó articulado, como norma definitiva, da disposición transitoria cuarta do Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, de acordo coa experiencia obtida desde a súa entrada en vigor; co fin de dar maior flexibilidade e facilidade de resposta á variabilidade nas condicións do cultivo.

Así, na fase inicial de cultivo, o período establecido para a captación de semente de mexillón mediante a colocación de cordas colectoras debe de admitir unha certa flexibilidade posto que, aínda que se concentra nunha determinada época, está suxeito a unha dinámica coxuntural e depende de factores variables como a climatoloxía que directamente repercutirán na maior ou menor abundancia de desovas nun período determinado do ano.

Na fase de preengorda, favorécese a homexeneidade do producto e mellora da súa calidade mediante o emprego da técnica denominada chicoteo, que con

siste en atar temporalmente ambos extremos da corda con semente ó engradado da batea; por iso incorpórase ó texto a súa definición e establécense as condicións nas que se pode levar a cabo a dita práctica.

Na fase de engorda, a presencia de fenómenos excepcionais tales como as mareas vermellas ou os temporais, que periodicamente e de modo persistente veñen afectando a diversas zonas, fan que nalgúns casos resulte difícil cumpri-las condicións recollidas na vixente lexislación sen alterar de forma seria o ciclo normal de producción, polo que é necesario dar unha resposta adecuada á dita excepcionalidade.

Finalmente, o tempo transcorrido dende a entrada en vigor do decreto e a experiencia adquirida aconsellan incorporar con carácter definitivo ó articulado a actual regulación transitoria cuarta, sen prexuízo de remitir expresamente a unha futura orde da consellería a concreción das medidas correspondentes para cada un dos polígonos existentes.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, oídas as organizacións representativas dos sector, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Incorpórase ó artigo 1º a definición de chicoteo, modifícase o artigo 35º, o punto 2 do artigo 36º e o artigo 44º e derógase a disposición transitoria cuarta do Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, aprobado por Decreto 406/1996, do 7 de novembro, que quedará coa seguinte redacción:

1. Artigo 1º.-Definicións.

Chicoteo: técnica empregada na primeira fase do cultivo de mexillón, que consiste en suxeitar temporalmente ó engranadado do artefacto o extremo libre das cordas de engorda, mediante un cabo de pequeno calibre denominado chicote.

2. Artigo 35º.-Mexillón. Cordas de engorda.

Establécese unha lonxitude máxima do total da corda de engorda para mexillón en batea de 6.000 metros. O número máximo de cordas de engorda será de 500 e a súa lonxitude máxima de 12 metros.

Segundo as diferentes condicións das zonas de cultivo, por orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, logo de consulta coas entidades representativas do sector, poderá determinarse con carácter específico para cada polígono a lonxitude máxima do total da corda de engorda de mexillón por batea, o número máximo de cordas de engorda e a súa densidade, así como a súa lonxitude, que deberá ser uniforme para tódalas bateas dun mesmo polígono e, en todo caso, respectará a lonxitude máxima do total de corda prevista no parágrafo primeiro.

Cando nun período determinado se presenten de modo persistente e continuado fenómenos medioambientais excepcionais, tales como fortes temporais ou episodios de fitoplancton tóxico, que impidan levar a cabo o ciclo normal de producción ou repercutan gravemente no de comercialización, a delegación territorial, dentro do ámbito da súa competencia, poderá autorizar por resolución motivada o incremento do número de cordas de engorda en determinados polígonos con carácter temporal, logo de petición da maioría de entidades representativas do sector e informe da correspondente unidade técnica administrativa. A autorización cesará nos seus efectos cando fundadamente se estime que desapareceron as especiais condicións determinantes da medida.

2. As cordas de engorda uniranse ó engradado da batea por medio da rabiza. A rabiza terá como máximo 5 metros de lonxitude contado desde o engradado, non poderá ter palillos e deberá diferenciarse claramente da corda de engorda.

A corda de engorda terá libre un dos seus extremos. Non obstante, a fin de favorece-la homoxenidade do producto e mellora-la súa calidade, desde o 1 de decembro ata o 31 de xullo poderá realizarse chicoteo nas seguintes condicións:

-A talla media da semente de mexillón nas cordas será inferior a 4 cm medidos no eixe maior.

-A lonxitude máxima da corda sometida a chicoteo será a establecida para as cordas de engorda. En ningún caso poderá ser superior á da altura media da columna de auga, en baixamar equinoccial, correspondente á cuadrícula onde se ubica o viveiro.

-O número máximo de cordas simultáneas con técnica de chicoteo por batea non pode sobrepasa-las duascentas.

-O chicote será de cor branca, cun máximo de 4 mm de diámetro, construído en cordón trenzado ou torcido, de PE (polietileno) ou algodón.

Cando fenómenos medioambientais excepcionais alteren o ciclo normal de reproducción da especie e en consecuencia modifiquen a época de fixación larvaria, repercutindo no período de extracción de semente; a delegación territorial, dentro do ámbito da súa competencia, mediante unha resolución motivada poderá modifica-lo prazo establecido para o chicoteo, logo de petición da maioría das entidades representativas do sector e informe da correspondente unidade técnica administrativa.

3. Artigo 36º, punto 2.

2. Independentemente do recollido no punto anterior, no período que vai desde o 1 de abril ata o 30 de setembro, autorízase a colocación de cordas colectoras de semente de mexillón en bateas de modo que o seu número non sobrepase as cen respecto ó máximo que lle corresponda á dita batea.

Cando fenómenos medioambientais excepcionais alteren o ciclo normal de reproducción da especie, modificándose a época de fixación larvaria, a delegación territorial, dentro do ámbito da súa competencia poderá varia-lo dito período, logo de petición da maioría das entidades representativas do sector e informe da correspondente unidade técnica administrativa.

En todo caso, unha vez finalizado o período, o número de cordas axustarse ó que corresponda á batea.

4. Artigo 44º

Para a determinación das características e condicións das cordas de engorda de mexillón en liña de cultivo, será de aplicación o disposto no artigo 35º do presente regulamento.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a disposición tansitoria cuarta do Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, aprobado por Decreto 406/1996, do 7 de novembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para dictar aquelas normas que sexan necesarias para o desenvolmento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de maio de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos