Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 21 de maio de 2002 Páx. 7.444

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN FORO PERMANENTE GALLEGO E IBEROAMERICANO DE LA SALUD

ACORDO do 15 de maio de 2002 polo que se anuncia a contratación do director da fundación.

O padroado da fundación pública Fundación Foro Permanente Gallego Iberoamericano de la Salud, na súa reunión celebrada o día 15 de maio de 2002 acordou, en uso das competencias que lle atribúe o artigo 11 dos seus estatutos, aprobados polo acordo do Consello da Xunta de Galicia, inicia-lo procedemento para o nomeamento do director da fundación, órgano superior unipersoal de xestión desta, nos termos previstos no artigo 5 da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal de contratación.

En consecuencia, anúnciase publicamente a súa contratación conforme as seguintes bases:

Primeira.-A designación do director corresponderalle ó padroado da fundación, formalizándose coa persoa designada un contrato laboral de alta dirección regulado no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, cun nivel

retributivo axeitado ó seu cometido funcional. A duración do dito contrato non poderá exeder de 4 anos, prorrogables por acordo das partes e conforme as disposicións aplicables na materia.

Segunda.-Os aspirantes deberán presentar xunto coa solicitude un currículum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos nel alegados.

As solicitudes irán dirixidas ó presidente do padroado da fundación e poderán ser remitidas por correo certificado ou presentadas no rexistro da Fundación Foro, rúa Montero Ríos, 11-4º B, 15706 Santiago de Compostela (A Coruña), en horario de 9 a 14 horas de luns a venres, no prazo de dez días naturais, contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Se resultase nomeada unha persoa que teña a condición de empregado público, tramitarase da súa Administración de orixe o pase á situación administrativa que lle corresponda.

Cuarta.-A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderase declarar deserto o órgano convocado, se así se considera oportuno.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2002.

Manuel Antonio Silva Romero

Vicepresidente do padroado