Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 21 de maio de 2002 Páx. 7.415

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2002 pola que se convocan unhas Xornadas sobre nacionalidade e inmigración.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2002 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989,

do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas sobre nacionalidade e inmigración, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Un dos temas que é capaz de xuntar actualidade e interese, tanto para os que se preocupan pola emigración, coma para os estudiosos da nacionalidade española e para os xuristas en xeral, coincide co movemento de reforma da regulación da nacionalidade española, que recibiu o pulo inequívoco do Congreso a través da unánime toma en consideración, o pasado día 5 de febreiro, das tres proposicións de lei promovidas desde outros tantos grupos parlamentarios de ámbito nacional, incluído o que lle dá soporte ó Goberno.

O fío conductor das reformas impulsadas, como non podía ser doutro modo, enlaza coa preocupación da nosa emigración, interesada loxicamente en conservar, transmitir ou recupera-la nacionalidade española non obstante o seu arraigamento transitorio no estranxeiro. Ó igual que noutras ocasións, as proposicións denotan unha acentuada preocupación por dilata-lo ius sanguinis como principio transmisor do estatus nacional, esbozando unha nova hipótese de opción que se lle ofrece á descendencia dos emigrantes, sen prexuízo de que se pondere complementariamente a oportunidade de redimensiona-lo principio do ius soli, progresando na dispensa da nacionalidade española a algúns dos nacidos en España de pais estranxeiros.

Máis alá dos supostos de atribución orixinaria da nacionalidade española, imponse reflexionar sobre os requisitos e dimensións da concesión por residencia, repensando a duración da estancia requirida, xa na hipótese xeral, xa en supostos particularizados, e, o que non é menos importante para os que emigraron, faise inaprazable reaxustar novamente as condicións de conservación e perda da nacionalidade española por parte dos que adquiren ou posúen outra nacionalidade estranxeira.

Trátase a través destas xornadas de abrirmos unha reflexión e debate sobre as cuestións antes sintetizadas.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A nova opción ofrecida ós fillos de emigrantes e a reforma do sistema de perda.

-A adquisición por residencia: prazos e requisitos da permanencia no territorio español.

-A adquisición polo cónxuxe e, se é o caso, polo convivente de español ou española.

-A boa conducta cívica e o suficiente grao de integración para a concesión por residencia.

-A dobre nacionalidade como protección ós emigrantes españois e á súa descendencia.

-As novas condicións de recuperación da nacionalidade española.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Delegación Provincial da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública na Coruña (Praza de Pontevedra, s/n, da citada cidade), os días 13 e 14 de xuño de 2002.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 11 de xuño de 2002.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 12 de xuño, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA