Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 21 de maio de 2002 Páx. 7.414

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2002 pola que se convoca un curso de dispensa de grao (grupo D ó grupo C (bacharel)).

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2002 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso de dispensa de grao para policías locais, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos: o curso ten por obxectivo dota-los policías dunha formación teórico-práctica que lles permita acadar un nivel formativo adecuado, así como complementario en materia de actualización policial, que lles sexa útil no desempeño posterior da súa profesión, e ó mesmo tempo os dispensa dun grao na titulación do grupo D ó grupo C (bacharel), segundo o disposto na disposición transitoria terceira da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación de policías locais de Galicia.

Destinatarios: o curso vai dirixido a todos aqueles policías locais de Galicia que non ingresaran no corpo de policía local a través da Academia Galega de Seguridade e poidan atoparse na situación prevista na disposición transitoria terceira da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais de Galicia, é dicir, que se atopen no emprego de cabo da policía local á entrada en vigor da Lei 3/1992, de coordinación de policías locais de Galicia.

Inscrición: a inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta antes do 30 de maio de 2002 para efectua-la correspondente reserva de praza.

Prazas: sen límite.

Solicitudes:

1. Os policías que desexen asistir a este curso deberán remitir un escrito, a través do concello, á Academia Galega de Seguridade, solicitando a participación no curso de dispensa de grao para policías locais; para efectua-la correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 30 de maio de 2002.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.

4. O curso celebrarase unicamente no caso de que o número de solicitudes sexa igual ou superior a 10.

Contido e duración: o curso consta de dúas fases: unha primeira fase presencial e unha segunda fase a distancia. A primeira fase consta de 100 horas e comprende os seguintes módulos:

-Módulo I: actualización xurídico-normativa.

-Módulo II: operativa e práctica policial.

-Módulo III: comportamento socioprofesional.

A fase a distancia consta de cinco módulos, cunha duración total de 200 horas:

-Módulo IV: cálculo e lóxica matemática.

-Módulo V: ciencias naturais.

-Módulo VI: lingua, ortografía e literatura castelá.

-Módulo VII: historia e sociedade contemporánea.

-Módulo VIII: coñecemento do idioma e literatura galega.

Na modalidade de a distancia facilitaráselle ó alumno o material necesario e test de avaliación para remitir á AGS.

Datas:

-A presentación do curso farase o 3 de xuño de 2002 ás 9 horas, neste acto os alumnos recibirán a guía do curso e o material para o alumno correspondente á fase de distancia.

-O día 29 de xullo de 2002 é a data tope para a entrega dos traballos e cuestionarios correspondentes á primeira parte dos módulos a distancia.

-O día 9 de setembro de 2002 os alumnos deberán comparecer ás 9.30 horas na AGS para a realización dun exame e entrega dos traballos e cuestionarios correspondentes á segunda fase a distancia.

-O día 13 de setembro farase pública a lista de aprobados e no caso dos suspensos terán un exame extraordinario o día 16 de setembro ás 10 horas.

-O exame da fase de presencia terá lugar ás 20 horas do día 4 de xullo de 2002.

Desenvolvemento do curso: os alumnos da Academia Galega de Seguridade durante o seu período de permanencia na academia rexeranse polo regulamento de réxime interior desta, publicado no DOG do 28-7-1995, nº 144.

Certificado: ó remate do curso entregaráselles un certificado a aquelas persoas que superen as fases de a distancia e de presencia, respectivamente.

Este certificado habilitará para a dispensa dun grao na titulación do grupo D ó grupo C (bacharel), segundo o disposto na disposición transitoria terceira da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación de policías locais de Galicia.

Modificacións: a Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 29 de abril de 2002.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade