Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 20 de maio de 2002 Páx. 7.335

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2002, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se somete a información pública o estudio ambiental da L.A.T., a 220 kV, subestación de Cartelle-subestación da Frieira, o proxecto de execución das instalacións que comprende, o proxecto sectorial, así como as solicitudes de autorización administrativa e de declaración de utilidade pública. (Expediente IN407A 01/157-3 A.T.).

1. Alcance da información pública, lexislación.

Sométese a información pública a solicitude presentada por Unión Fenosa Distribución, S.A. de: autorización administrativa e declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudio ambiental da liña eléctrica de alta tensión, a 220 kV, subestación de Cartelle-subestación da Frieira.

A lexislación que basicamente é de aplicación para os efectos anteriores é a seguinte: Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que a desenvolve; Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia;

Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia e Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia e o Real decreto 1131/1988, do 30 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de execución do Real decreto lexislativo 1302/1988, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental e as súas posteriores modificacións.

2. Características básicas do proxecto.

a) Peticionario: Unión Fenosa Distribución, S.A.

b) Domicilio: avenida de Arteixo nº 171, 15007 A Coruña.

c) Datos técnicos: liña aérea a 220 kV en circuíto simple, de 17.295 m de lonxitude, con dous conductores por fase tipo LA-455 máis cable de fibra óptica/terra, con orixe na subestación de Cartelle e remate na subestación da Frieira. A instalación afectará os termos municipais de Cartelle, Gomesende, Cortegada, Pontedeva e Padrenda, todos da provincia de Ourense.

d) Orzamento: 2.158.613,29 euros.

3. Urxente ocupación. O peticionario, ó abeiro do título IX da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, solicita, así mesmo, a declaración de utilidade pública das instalacións, o que, segundo o sinalado no artigo 54 daquela, levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados -os cales se describen na relación adxunta- e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

4. Estudio ambiental. O estudio ambiental sométese a información pública en aplicación da normativa indicada no número 1, e pode ser examinado nas dependencias seguintes: Dirección Xeral de Industria; Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental; delegacións provinciais en Ourense das consellerías de Industria e Comercio e Medio Ambiente e nos concellos afectados.

5. Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. Ten por obxecto realiza-la ordenación do territorio afectado polo paso da instalación eléctrica, ó abeiro da lexislación indicada e do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

6. Alegacións. Os interesados e os seus representantes poden examina-lo expediente nas oficinas desta delegación provincial, rúa Curros Enríquez nº 1-4º de Ourense, tamén nos organismos citados no punto 4 no que respecta ó estudio ambiental, e presentar, de se-lo caso, as alegacións que crean oportunas no prazo de trinta días, contados a partir da última publicación deste anuncio.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, con traslado ó Ministerio Fiscal das dilixencias que se produzan.

Ourense, 14 de marzo de 2002.

Ramón Fernández-Linares Bouza

Delegado provincial de Ourense