Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 16 de maio de 2002 Páx. 7.240

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2002 pola que se convocan unhas Xornadas sobre promoción do voluntariado.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2002, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Consellería de Asuntos Sociais, unhas Xornadas sobre promoción do voluntariado, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Informar sobre as principais liñas de actuación de voluntariado da Comunidade Autónoma de Galicia e dar a coñece-lo recentemente aprobado Plan Galego de Voluntariado, así como o rexistro de entidades de acción voluntaria e a web de voluntariado.

Que os responsables de entidades de acción voluntaria se impliquen activamente no desenvolvemento de acción voluntaria en Galicia e que os cidadáns en xeral coñezan os mecanismos de acceso ós programas de acción voluntaria.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Liñas estratéxicas e directrices do Plan Galego de Voluntariado.

-Os programas municipais de voluntariado das grandes cidades.

-Os programas municipais de concellos rurais.

-O proxecto Interreg-III de implantación do voluntariado nos concellos fronteirizos con Portugal.

-O voluntariado nas organizacións non lucrativas.

-O voluntariado no sistema educativo.

-O rexistro de entidades de voluntariado en Galicia.

-A web do voluntariado.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse os días 11 e 12 de xuño de 2002 no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, sito na praza da Estrela-Concepción Arenal nº 8 da citada cidade.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o venres, día 7 de xuño de 2002.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública; polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 10 de xuño, das 8.30 ás 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión pola Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento desta xornada pola Internet poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública