Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 16 de maio de 2002 Páx. 7.197

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 18 de marzo de 2002 pola que se convocan subvencións á producción editorial para apoia-la edición do libro en galego, a traducción ó galego, e a edición noutras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

O libro editado en galego acadou niveis de normalización comparables ós do resto do Estado, non só en presentación, deseño e tiraxes, senón tamén no que respecta ós contidos. Por outra banda, a completa normalización da nosa industria editorial precisa do esforzo das empresas do sector e da axuda da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo en razón da súa responsabilidade no desenvolvemento da cultura escrita. Pero a iniciativa privada por si soa non é capaz de abranguer temas nos que temos considerables carencias. Ó mesmo tempo, o reducido mercado, a competencia doutras linguas e os elevados prezos de producción fan difícil a publicación en galego de libros dalgunhas materias.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, consciente da capacidade da nosa lingua para ser portadora de calquera mensaxe, considera importante para os galegos ter acceso ás obras de creación escritas noutras linguas. Ademais, tendo en conta a calidade que a literatura galega ten acadado nos últimos anos, considera fundamental que as obras

escritas en galego poidan ser lidas por outros pobos con lingua de seu para dar a coñece-la nosa literatura fóra de Galicia.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

Convócanse subvencións á producción editorial para apoia-la edición en galego, a traducción ó galego, e a traducción e edición noutras linguas de obras escritas orixinariamente en galego.

As subvencións concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.352.A.770.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, por un importe de setecentos cincuenta e un mil cincocentos dezanove con sesenta e tres euros (751.519,63 A), e a cantidade de douscentos cincuenta e dous mil euros (252.000 A) para o ano 2003. Queda condicionada á existencia de crédito adecuado e abondo para o seu financiamento.

Artigo 2º

1. Poderán optar a estas subvencións todas aquelas entidades que acrediten a súa condición de editores, coas limitacións que establecen os puntos 7 e 8 do artigo 3º.

2. Non as poderán solicitar aqueles editores que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Con-

sellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento.

3. As publicacións que reciban subvención a través desta convocatoria non poderán optar a ningunha outra de calquera das administracións públicas.

Artigo 3º

Os editores que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición dentro dos prazos establecidos nas correspondentes bases específicas, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nas delegacións provinciais desta, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Presentarase unha solicitude por cada libro, á que se xuntará en orixinal ou fotocopia compulsada a documentación indicada nas bases específicas para a concesión das subvencións, así como a seguinte documentación xeral que só se presentará unha vez no caso de varias solicitudes da mesma editorial:

1. Fotocopia do NIF ou CIF compulsadas.

2. Se o solicitante é unha persoa xurídica, acreditación da personalidade e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución ou modificación, de se-lo caso, da sociedade, e do poder notarial correspondente, ámbolos dous documentos debidamente inscritos no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda, de non ser sociedade mercantil.

3. Se o solicitante é unha persoa física deberá acredita-la súa constitución como editor, así como fotocopia compulsada da cédula de identificación fiscal ou do número de identificación fiscal.

4. Fotocopia do último recibo do imposto de actividades económicas.

5. Fotocopias dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social.

6. Certificación da conta bancaria onde conste como titular a empresa solicitante.

7. Catálogo actualizado da producción realizada pola editorial, así como documentación acreditativa dunha actividade editorial ininterrompida mínima de dous anos.

8. Certificado asinado polo presidente ou director da editorial de ter publicados un mínimo de 10 títulos en galego durante os dous últimos anos. Quedan excluídos desta obriga as empresas que editan grandes obras.

A documentación relacionada nos puntos 1 a 4 poderá substituírse por certificación actualizada de figurar inscrito no rexistro xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a documentación relacionada nos puntos 1 a 3 poderá substituirse por declaración do presidente ou director da editorial na que se faga constar que esta documentación se atopa plenamente vixente con respecto á presentada para este mesmo fin en convocatorias de anos anteriores.

A Dirección Xeral de Promoción Cultural poderá pedirlles ós solicitantes que acheguen a documentación complementaria que consideren necesaria para acredita-los datos que figuran na solicitude, incluíndo albarás, facturas, certificados de tiraxe e de distribución, etc.

Os beneficiarios das subvencións terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Tódolos documentos ós que se refire este artigo presentaranse en orixinal ou mediante copias que teñan o carácter de auténticas.

Artigo 4º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas e valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Promoción Cultural segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 5º, e esta elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o sentido do silencio será negativo.

Artigo 5º

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

-Importancia do fondo editorial en galego ou relacionado con Galicia do editor solicitante.

-Calidade das obras contidas no catálogo.

-Esforzo que supón para o editor a incidencia da obra en ámbitos de especial importancia cultural pero de pouca demanda comercial.

-Importancia do investimento realizado en capital e en persoal pola empresa arredor do libro galego.

-Calidade da obra.

-Continuidade dentro dunha colección.

-Interese da obra para as bibliotecas públicas.

-Importancia da obra dentro do panorama literario.

Artigo 6º

1. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo comunicaralles a resolución do conselleiro ós beneficiarios das axudas, que deberán comunica-la súa aceptación por escrito no prazo de 15 días naturais contados a partir da recepción desta. A omisión desta comunicación dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

2. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a xustificalas segundo se indica nas bases específicas para a concesión das subvencións, así como destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos e non poderán solicitar cambios para outros proxectos. A Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá com

probar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

3. Os beneficiarios farán constar na páxina de créditos de cada un dos exemplares da tirada o seguinte texto: «Esta obra foi subvencionada pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Promoción Cultural, na convocatoria de subvencións para o ano 2002», utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

4. Recibidos os exemplares e a documentación á que se fai referencia nas bases específicas para a concesión das subvencións, a Dirección Xeral de Promoción Cultural, de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos, de acordo co calendario sinalado nas ditas bases e a normativa orzamentaria vixente.

5. O libramento do importe da subvención, mesmo nos dous prazos das plurianualidades, realizarase de acordo coa normativa orzamentaria aplicable, esixíndose certificacións expresas orixinais e actualizadas de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia, e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Artigo 7º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente de reintegro ou sancionador segundo establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º

Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición diante do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Capítulo II

Bases específicas para a concesión das subvencións

Artigo 9º.-Subvencións a obras xa editadas en lingua galega.

1. As obras deberán estar publicadas en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

2. Os editores deberán comercializar nas librerías un mínimo de 600 exemplares.

3. A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de 2.705 (dous mil setecentos cinco) euros por libro, e consistirá no equivalente ó 75% do prezo de venda ó público (sen IVE) dun máximo do 10% dos exemplares editados, ata un límite de 300 exemplares. Os libros de poesía, teatro e ensaio un máximo do 15% dos exemplares editados, ata un límite de 300 exemplares. Os libros de lectura infantil e xuvenil, un máximo do 20% dos exemplares editados, ata un límite de 400 exemplares.

4. As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

5. Ademais da documentación solicitada no artigo 3º desta orde, deberase presentar en orixinal ou fotocopia compulsada:

-Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado co autor que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar da obra editada para a que se solicita subvención.

-Certificado de tiraxe expedido polo impresor.

6. Para que un libro poida optar a estas subvencións terá que cumpri-las seguintes condicións:

-Ter como mínimo 50 (cincuenta) páxinas, agás os libros infantís.

-Posuí-lo número de ISBN e o do depósito legal definitivo, debendo estar feito o depósito de exemplares considerado no Decreto 36/1991. O depósito legal terá data posterior ó 16 de maio de 2001.

7. Non poderán acollerse ás subvencións desta orde:

-As publicacións destinadas a uso escolar, ben como libro de texto, ben como material complementario.

-As que non sexan primeiras edicións, a non ser que estas conteñan estudios que acheguen novidades substanciais.

-As publicacións de difusión gratuíta.

-As que carezan de contrato de dereitos de autor.

-As que teñan un prezo de venda ó público (incluído IVE) superior a 24,24 euros.

8. Para xustifica-las subvencións deberán entregarse, nun prazo de quince días hábiles contados a partir da comunicación da resolución, os exemplares equivalentes á subvención concedida.

Artigo 10º.-Subvencións para editar en lingua galega obras de carácter non literario, obras orixinais galegas ilustradas en cor e grandes proxectos editoriais.

1. Estas subvencións terán carácter plurianual, pagándose o 20% no ano 2002 e o 80% restante no 2003, segundo o disposto no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

2. As obras para subvencionar publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

3. As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Ademais da documentación solicitada no artigo 3º desta orde, presentarase:

-Calendario de investimentos e plan de traballo para desenvolver cada proxecto editorial.

-Características técnicas do proxecto de edición e maqueta da obra.

-Modelo de contrato que a editorial asinaría co autor ou autores da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Texto completo da obra para a que se solicita subvención.

-Previsión de tiraxe e prezo de venda ó público.

5. O importe de cada subvención establecerase, de acordo coa dispoñibilidade orzamentaria, ata un máximo de 60.101 de euros, nunha cantidade equivalente ó 75% do prezo de venda ó público para un número de exemplares que oscilará entre o 20% e o 40% da tiraxe prevista, cun máximo de 1.000 exemplares. A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se o prezo de venda ó público e a tiraxe definitiva certificada non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

6. A contía que hai que pagar para cada anualidade librarase trala xustificación previa, antes do 1 de novembro de cada exercicio, do investimento realizado. Para o cobramento da segunda anualidade presentarase tamén certificación da tiraxe realizada e a copia do contrato definitivo co autor ou autores, debidamente asinado por ámbalas dúas partes, así como o correspondente número de exemplares da obra subvencionada.

Artigo 11º.-Subvencións para a traducción de obras escritas e publicadas orixinariamente en lingua distinta do galego.

1. Estas subvencións terán carácter plurianual, pagándose o 20% da subvención no ano 2002 e o 80% restante no ano 2003, segundo o disposto no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

2. As obras publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

3. As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Ademais da documentación solicitada no artigo 3º desta orde deberá presentar en orixinal ou fotocopia compulsada:

-Calendario de investimentos e plan de traballo para desenvolver cada proxecto editorial.

-Modelo de contrato que a editorial asinaría co traductor da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar completo da obra que se vai traducir.

-Xustificante, se houber lugar, de te-los dereitos precisos para a publicación da obra.

5. A subvención consistirá no pagamento dunha porcentaxe da traducción que pode ir do 50% ó 75%, segundo as tarifas da Asociación de Traductores Galegos, ata un máximo de 6.010 euros.

6. A contía que correspondese a cada anualidade librarase trala xustificación previa do investimento realizado nesta, antes do 1 de novembro de cada exercicio. No último ano presentarase tamén o xustificante do

pagamento realizado ó traductor, se este non fora presentado xa no primeiro ano, así como 5 exemplares da traducción editada.

Artigo 12º.-Subvencións para editar noutras linguas obras publicadas orixinariamente en galego.

1. Estas subvencións terán carácter plurianual, pagándose o 20% da subvención no ano 2002 e o 80% restante no ano 2003, segundo o disposto no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

2. A contía de cada subvención será de 18 a 24 (dezaoito a vintecatro) euros por páxina para as obras que se vaian editar en linguas da península Ibérica, e de 24 a 42 (vintecatro a corenta e dous) euros por páxina para as obras que se editen nas outras linguas do mundo, ata un máximo, en tódolos casos, de 5.710 (cinco mil setecentos dez) euros por obra. Tómase como páxina tipo a de 1.800 caracteres e para a realización do cómputo utilizarase o libro editado en galego.

3. Ademais da documentación solicitada no artigo 3º desta orde, deberá presentar en orixinal ou fotocopia compulsada:

-Calendario de investimentos e plan de traballo que se vai desenvolver para cada proxecto editorial.

-Modelo dos contratos que a editorial asinaría co autor, autores ou traductor da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar da obra para a que se solicita subvención, con indicación do idioma ó que vai ser traducida.

-Unha vez concedida a subvención e antes do pagamento da primeira anualidade deberá presentar acordo de cesión dos dereitos.

4. As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. En empresas editoriais estranxeiras o prazo de presentación será de 40 días hábiles.

5. A contía que hai que pagar para cada anualidade librarase trala xustificación previa do investimento realizado nesta antes do 1 de novembro de cada exercicio. No último ano presentarase tamén o xustificante do pagamento realizado ó traductor, se este non fora presentado xa no primeiro ano, así como 15 exemplares da obra editada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2002.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo