Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 15 de maio de 2002 Páx. 7.113

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 3 de maio de 2002 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, regula no artigo 72 a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 147/2002, do 11 de abril, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería entre outras competencias, as de protección civil.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, co obxecto de que as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia poidan levar adiante o seu labor, regula o réxime de concesión de subvencións a estas para o ano 2002, e para tal efecto, na Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2002 con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.231A.480.0 existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen na orde, reservándose para tal efecto un crédito de 540.911 euros.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financieiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é establece-las bases que rexerán para a concesión de axudas e subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia, segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as agrupacións de voluntarios de protección civil de

Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas ou ter solicitada a súa inscrición no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia.

b) Teñan dependencia co seu concello respectivo ou mancomunidade de concellos.

c) Aquelas que recibindo subvencións en anos anteriores, xustifiquen o seu investimento e liquidación, segundo o que dispón o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e artigo 15 e concordantes do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, de tal forma que a non xustificación do dito investimento e liquidación leva consigo non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

Artigo 3º.-Destino das axudas.

As axudas que se van outorgar de acordo co indicado nesta orde poderán ser investidas na adquisición de:

1. Material de intervención inmediata e outro que estea relacionado con protección civil (tele-comunicación, mergullo, incendios, equipamentos e material de urxencias e de primeiros auxilios).

2. Equipamento persoal, así como equipos de prevención e protección.

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil, así como os ocasionados pola conservación e mantemento da súa base.

4. Pagamento de seguros do voluntariado de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados co desenvolvemento do traballo e das tarefas da agrupación de voluntarios de protección civil.

5. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

Estes gastos non poderán acumularse con outras subvencións ou axudas, nas que se solicite este.

Os gastos que se van xustificar nos puntos 3, 4, e 5 non poderán supera-lo 75% do total da subvención concedida.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Os beneficiarios que se indican no artigo 1º que queiran acollerse a esta orde deberán presenta-la solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no seu anexo I, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A correspondente solicitude, dirixida ó delegado provincial, presentarase dentro do prazo dun mes a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, á que se lle xuntará, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

b) Declaración de non ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma e do cumprimento de obrigas tributarias e fiscais no ano 2001 se é o caso, ou ben autorizar á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, para que acceda á referida información, segundo o anexo IV.

c) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2001, integradas no sistema de Protección Civil de Galicia, segundo o anexo II.

d) Previsión de gastos e dos medios que se van adquirir cos seus custos.

e) Fotocopia do NIF ou CIF para as agrupacións de nova creación.

f) Xustificante da entidade bancaria co número de conta que teña aberta esa agrupación.

Artigo 5º.-Exame e análise da documentación.

Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederase ó seu exame e análise polos Servicios de Protección Civil da provincia correspondente e, no caso de que non se axuste ó que se establece no artigo 4º desta orde, comunicaráselle ó peticionario para que no prazo de dez días, segundo o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, repare os erros ou omisións. De non facelo así, terase por desistido da súa petición, o que se lle comunicará segundo

se establece no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Informe técnico provincial das peticións recibidas.

Cumpridos os requisitos esixidos, e unha vez examinada e analizada a solicitude correspondente, os respectivos servicios provinciais farán un informe técnico desta, remitíndoo, á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

Artigo 7º.-Comisión de Avaliación e proposta de resolución.

1. A Comisión de Avaliación estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e o subdirector xeral de Protección Civil, actuando como secretario un funcionario proposto polo director xeral de Interior e Protección Civil.

2. A referida comisión, en función do informe técnico referido no punto anterior, fará unha proposta de resolución que será elevada posteriormente ó órgano competente para resolver.

Artigo 8º.-Criterios de valoración para a elaboración do informe técnico provincial e proposta de resolución.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración do informe técnico e da proposta de resolución, así como a contía da axuda, teranse en conta os seguintes criterios:

a) Ser de nova creación.

b) Índices de risco nas zonas de actuación da agrupación, conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil de Galicia (Platerga), nos Plans Especiais e Plans Específicos ou, se é o caso, no Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

c) Accións de colaboración e de información prestadas en emerxencias ou urxencias requeridas a través da Central de Emerxencias 112 ou directamente polos Servicios Provinciais de Protección Civil da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

d) Ter servicio de 24 horas.

e) Accións formativas.

f) Participación e colaboración en plans de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Estar creada ou en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil.

h) Que o concello conte con Plan de Emerxencia Municipal (Pemu) ou o estea elaborando.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación.

2. A resolución das solicitudes de subvención notificaráselles a tódolos peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do prodecemento administrativo común.

No caso de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde non se dictase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 10º.-Publicación.

Os resultados das concesións seranlles comunicados a cada unha das agrupacións de voluntarios de protección civil, a través das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e ademais publicarase no Diario Oficial de Galicia un extracto das resolucións de concesión de acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Recibida polos beneficiarios a concesión de axudas, deberán:

a) Comunicar por escrito a súa aceptación ou renuncia no prazo de 15 días; de non facelo así entenderase que renuncia á subvención.

b) Xustifica-lo emprego da subvención no prazo de 30 días desde a resolución de concesión, mediante o envío das facturas (orixinal e copia compulsada) das casas subministradoras de material, conformadas polo presidente da agrupación, así como os gastos dos epígrafes 3, 4 e 5 do artigo 3º desta orde, debidamente conformados polo presidente da agrupación.

c) Presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, aprobadas ou concedidas pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas

competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Toda a documentación que deba ser enviada, remitirase inexorablemente no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, procedéndose no caso contrario ó arquivo das actuacións.

Artigo 12º.-Envío de xustificantes.

Unha vez percibido o importe da subvención pola devandita agrupación, esta deberá enviarlle ó Servicio de Protección Civil da provincia que corresponda, no prazo de trinta días, os xustificantes de pagamento das mencionadas casas subministradoras de acordo coas anteriores facturas, segundo o modelo do anexo III desta orde. Se os pagamentos non se aboan directamente, deberán enviar xustificantes da entidade financeira a través da que se fixo a correspondente transferencia bancaria.

O Servicio de Protección Civil da provincia correspondente, unha vez examinada e comprobada toda a documentación requirida e que cumpre co indicado nesta orde, emitirá un informe de conformidade da documentación que será remitido, xunto con toda a documentación, á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión, e en todo caso a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación de resolución de concesión.

Artigo 14º.-Reintegro das axudas.

No caso de incumprimento da obrigación de xustificación, do destino da axuda a unha finalidade distinta para a que foi concedida, así como no suposto de que resultase que a agrupación no reúne os requisitos esixidos nesta orde e demais disposicións aplicables, procederá ó reintegro a esta Comunidade Autónoma das axudas percibidas e dos xuros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais