Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 14 de maio de 2002 Páx. 7.043

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

SOCIEDADE DE IMAXE E PROMOCIÓN TURÍSTICA DE GALICIA, S.A.

ANUNCIO do 15 de abril de 2002 para a convocatoria de dúas prazas de persoal laboral fixo para a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A.

A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., anuncia a convocatoria para a contratación laboral fixa das seguintes prazas:

A) Posto: xefe/a de oficina. Oficina de Turismo da Coruña Ref: XE-CO.

1. Funcións principais: responsabilizarse da organización do traballo da oficina, do control de existencias de material de información turística e apoia-lo labor de promoción levado a cabo desde Turgalicia.

2. Prazas: 1-Xornada completa.

3. Requisitos:

-TEAT, diplomado universitario ou equivalente.

-Dominio, oral e escrito, dos idiomas inglés, francés e galego.

-Coñecemento dos recursos turísticos de Galicia, así como da lexislación vixente en materia turística.

-Dominio de Word'2000, Excel'2000 e Access'2000.

4. Valorarase:

-Coñecemento doutros idiomas.

-Currículum vitae.

-Experiencia profesional no sector turístico.

5. Probas que terán que realizar:

-Exame, oral e escrito dos idiomas inglés, francés e galego.

-Proba de informática (Word'2000, Excel'2000, Access'2000).

-Exame de coñecementos dos recursos turísticos e de lexislación (anexo I).

-Entrevista persoal.

B) Posto: auxiliar de oficina. Oficina de Turismo da Coruña Ref: AUX-CO.

1. Funcións principais: atención ó visitante facilitándolle toda a información turística que se lle solicite, así como labores propios administrativos.

2. Prazas: 1-Xornada completa.

3. Requisitos:

-FPII ou equivalente.

-Dominio, falado e escrito, dos idiomas inglés e galego.

-Coñecemento dos recursos turísticos de Galicia.

-Dominio de Word'2000, Excel'2000 e Access'2000.

4. Valorarase:

-Coñecemento doutros idiomas.

-Currículum vitae.

-Experiencia profesional no sector turístico.

5. Probas que terán que realizar:

-Exame, oral e escrito, dos idiomas inglés e galego

-Proba de informática (Word'2000, Excel'2000, Access'2000).

-Exame de coñecementos dos recursos turísticos (anexo II).

-Entrevista persoal.

C) Documentación que hai que presentar:

-Currículum vitae.

-Fotografía tamaño carné.

-Documentación orixinal ou fotocopia compulsada que acredite a titulación esixida, así como a formación complementaria e/ou experiencia que se desexe xuntar para ser valorada, xunto co certificado de vida laboral.

D) Lugar e prazo de presentación de solicitudes:

-As solicitudes faranse chegar a Turgalicia -Área Económica e de Persoal. Estrada Santiago-Noia, km 3. A Barcia. 15896 Santiago de Compostela, indicando no sobre a referencia do posto ó que se opta.

-O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

E) Selección:

Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o comité de selección designado para cada unha das prazas ofertadas, publicará as listas previas de admitidos e excluídos no proceso de selección.

O mecanismo de selección de cada unha destas prazas consistirá na realización das probas especificadas no punto A.5. ou B.5, segundo corresponda,

cunha puntuación máxima do 50% sobre o total posible, valoración de méritos cunha puntuación máxima do 40% e unha entrevista persoal cunha puntuación máxima do 10%.

F) Elaboración de listas para a cobertura de prazas temporais.

A lista de cada praza convocada, ordenada pola suma das puntuacións de cada un dos exercicios superados polos candidatos, con todos aqueles que aprobasen alomenos as dúas primeiras probas do proceso de selección correspondente, utilizarase para a cobertura de prazas temporais da mesma categoría, que poidan ir xurdindo na Sociedade, conforme o establecido no artigo 7.2º da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

Para a contratación de persoal laboral da lista mencionada no parágrafo anterior, Turgalicia instará ó primeiro da lista, mediante telegrama, para que compareza nas súas dependencias, e, se é o caso, acepte a praza ofertada. No caso de non presentarse, entenderase que renuncia a ela, procedéndose por parte da Sociedade ó chamamento do seguinte da lista, decaendo, o candidato que renunciou á praza, en tódolos dereitos que puidesen derivarse da súa participación neste proceso.

Os candidatos que sexan chamados para unha contratación serán excluídos das listas durante o tempo de duración do contrato, e, unha vez finalizado este, pasarán a ocupa-lo mesmo lugar que tiñan na lista no caso de contratos de duración inferior a seis meses, e pasarán ó derradeiro lugar da lista no caso de contratos superiores a seis meses.

En tódolos contratos temporais superiores a seis meses, establecerase un período de proba.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2002.

Heriberto Verdés Vilaseca

Director xerente de Turgalicia

ANEXO I

Temario: xefe/a oficina de turismo

1. A Galicia prerromana. O megalitismo. A idade do Bronce. A cultura castrexa. A influencia céltica.

2. Arte medieval: o Prerrománico en Galicia. O esplendor románico. O Gótico.

3. A arquitectura e escultura renacentistas e barrocas en Galicia. Exemplo das súas manifestacións máis importantes.

4. Arquitectura modernista en Galicia. A Xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos. O movemento de vangarda da arte galega.

5. Arquitectura popular galega. Materiais, elementos constructivos e tipoloxías da casa vivenda. Hórreos, cruceiros, petos de ánimas, fontes e muíños.

6. Artesanía de oficios populares.

7. O folclore: música e traxes típicos. Romarías e festas populares. Feiras. Crenzas.

8. A gastronomía. Os viños. Principais aspectos da cociña e da viticultura de Galicia. Festas gastronómicas.

9. Historia de Galicia. Principais feitos históricos.

10. Áreas naturais no litoral: rías, illas e praias, zonas húmidas e areais, acantilados.

11. Áreas naturais no interior: as montañas, os vales fluviais, os bosques, as lagoas.

12. Costa norte e Rías Altas. Especial significación da Costa da Morte.

13. As Rías Baixas.

14. A Galicia interior.

15. O Camiño Francés e outros tramos galegos do Camiño de Santiago.

16. A Ribeira Sacra.

17. Diversificación e novas ofertas: termalismo, golf, turismo náutico, turismo rural, congresos, convencións, turismo activo e de natureza.

18. As catedrais. Os mosteiros.

19. Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia. Lexislación en materia de defensa do consumidor e do usuario.

20. Aspectos fundamentais da normativa reguladora dos aloxamentos turísticos, dos establecementos de restauración e das axencias de viaxes.

ANEXO II

Temario: auxiliar oficina de turismo

1. Espacios naturais. Situación e características xerais.

2. Áreas naturais no litoral: rías, illas e praias, zonas húmidas e areais, acantilados.

3. Áreas naturais de interior: as montañas, os vales fluviais, os bosques e lagoas. Xeografía costeira de Galicia. Principais accidentes xeográficos.

4. Costa norte e Rías Altas. Especial significación da Costa da Morte.

5. Arquitectura relixiosa en Galicia. As catedrais. Os mosteiros.

6. Arquitectura civil e popular. Usos e estilos.

7. Historia de Galicia. Principais feitos históricos.

8. Infraestructura turística. Turismo rural, interior e de costa.

9. Infraestructura turística. Turismo de negocios e termal.

10. Rutas turísticas. Cidades e vilas históricas de Galicia. O Camiño Francés e outros tramos galegos do Camiño de Santiago.